Luns, 10 Febreiro de 2025

O Rosal celebra a súa Festa de Outono do Pilar con música, teatro e unha homenaxe aos irmáns Flores

O Rosal celebra a súa Festa de Outono do Pilar con música, teatro e unha homenaxe aos irmáns Flores

O Rosal continúa este mes de outubro cunha programación moi especial, a tradicional Festa de Outono, que chegará ao Calvario os días 10, 11 e 12 de outubro cunha morea de actividades para todos os públicos. Os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar durante estes tres días de música, teatro e incluso unha homenaxe aos irmáns Flores.

Precisamente é con esa homenaxe coa que arranca a programación das tamén coñecidas como Festas do Pilar. O domingo 10 ás 20.00 horas Xistra e convidados interpretarán as creacións musicais de José e Emilio Flores Costas, dúas persoas que interviñeron moi activamente na formación persoal e musical de moitos veciños e veciñas. Será unha sentida actuación na honra de dous rosaleiros que participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega e que cunha soa gaita foron quen de ensinar e divertir a todo un pobo.

O luns 11 de outubro (21.00 h) será a quenda de The Tetas Van, a revolución musical en feminino. A banda encherá a Praza do Calvario coa súa música de ton rockeiro e letras en galego, versións coas que divertir ao público ao tempo que transmiten, reivindican e loitan contra as inxustizas as que teñen que enfrontarse as mulleres.

A Festa de Outono rematará o 12 de outubro cunha morea de actividades. Ás 11.00 horas haberá pasarrúas co grupo de percusión e música tradicional Trebón dos Xidos. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, Teatro O Cubo traerá ao Calvario ‘Ghop!’, un berro cheo de enerxía e ímpeto para un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrías as prazas dos pobos. Malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia nun espectáculo de variedades que busca a un público desexoso de participar.

O programa rematará ás 19.00 horas co concerto Con Fusión con Píscore e a Banda da Agrupación, unha mestura de música, teatro, humor, comedia xestual, clown e, por suposto, participación do público.