24 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal agradece o "gran traballo" que está a facer o persoal...

    O Rosal agradece o “gran traballo” que está a facer o persoal encargado da recollida de lixo

    O Goberno local lembra á veciñanza "a importancia da correcta xestión do lixo" nestes intres para "minimizar os riscos tanto para os rosaleiros e rosaleiras como para o persoal municipal"

    O Concello do Rosal agradeceu hoxe “o gran traballo” que está a facer o persoal encargado da recollida de lixo durante estes días de crise sanitaria, “cun grande esforzo pola súa parte e cunha grande implicación profesional pero sobre todo social e humana para que o resto da veciñanza poda levar esta situación da mellor maneira posible”.

    O Goberno que preside Ánxela Fernández lembra tamén á veciñanza que nos fogares existen unha serie de residuos que polas súas características “non poden ser tirados aos colectores de recollida selectiva distribuídos ao longo do municipio, senón que teñen que ser levados e xestionados por xestores autorizados a través do Punto Limpo”.

    Durante o período do estado de alarma, –subliña o Concello do Rosal– o Punto Limpo “permanece pechado para evitar que as persoas usuarias do mesmo e as encargadas da súa xestión estean expostas ao risco de contaxio polo COVID-19” a este peche do Punto Limpo engádese o feito de que as empresas autorizadas para a recollida deste tipo de residuos, por mor do estado de alarma non están prestando os seus servizos.

    O Concello reitera á veciñanza que os residuos que antes eran levados ao punto limpo “non poden ser tirados nos colectores nin abandonados na rúa” e recorda que o incumprimento disto “implica sancións económicas asociadas que van dende os 30 € ata os 300 €”.

    O Goberno local do Rosal fixo unha listaxe dalgúns dos residuos que aparecen con máis frecuencia nos contedores e a problemática que levan asociada:

    • Entullo de obras: rompe os colectores debido ao seu peso e, por este mesmo motivo, dana o camión de recollida do lixo.
    • Televisores: conteñen no seu interior sustancias altamente contaminantes, saturan os colectores e, ao ser baleirados no camión de recollida, as pantallas estralan e saltan supoñendo un risco físico para os traballadores.
    • Pneumáticos: ao facer o cambio de pneumáticos, os talleres oficiais xa xestionan estes residuos xa que están obrigados por lei a facelo.
    • Voluminosos: tal e como indica o seu propio nome, estes residuos saturan os colectores. Na meirande parte dos casos son residuos que acaban sendo abandonados na rúa co impacto visual desagradable que iso xera. Ademais, o camión de recollida do lixo non pode recoller este tipo de residuos porque danan gravemente o vehículo.
    • Roupa, alfombras, madeira, chatarra, etc…: estes residuos polo seu gran volume colapsan os contedores e a caixa do camión do lixo. Os téxtiles atáscano ao engancharse na prensa obrigando ao camión a deter a recollida de lixo e aos operarios a meterse dentro da caixa e desenredar os residuos para así poder reanudar o servizo.

    O Concello do Rosal lembra que “dispón dun único camión para a recollida do lixo” polo que se este vehículo sofre unha avaría “impide poder realizar con normalidade o servizo”.

    “Está na responsabilidade individual de cada un dos veciños e veciñas do Rosal botar exclusivamente os residuos pertinentes nos colectores de recollida selectiva. Se todas as persoas son responsables e contribúen a elo, as rúas do noso concello estarán moito mais limpas e teremos un servizo de mellor calidade”, apunta o Concello rosaleiro que remata subliñando que “unha correcta xestión do lixo que permite minimizar os riscos tanto para toda a veciñanza como para os traballadores municipais, que están a realizar un labor esencial para manter o servizo de recollida”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.