11.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalA primavera trae ao Rosal unha intensa programación cultural

    A primavera trae ao Rosal unha intensa programación cultural

    A primavera chega con forza ao Rosal e cunha morea de actividades baixo o brazo. Durante os meses de marzo e abril, rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dunha intensa programación cultural e unha axenda de lecer na que probas deportivas, concertos, actividades reivindicativas, formación e literatura serán as grandes protagonistas.

    “Seguimos apostando por encher o noso concello cunha oferta cultural diversa e para todos os gustos, cun abano amplo e variado de opcións coas que continuar poñendo en valor os espazos de lecer cos que contamos no Rosal”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

    Tras o éxito da última edición do Trail Adventure Muíños do Folón, que o pasado domingo reuniu a máis de 600 deportistas que desfrutaron da actividade física e da natureza nun percorrido de gran valor patrimonial, a programación cultural continúa esta semana cos actos do 8M, Día Internacional da Muller. Durante a xornada celebrarase ás 12.00 horas unha concentración na Praza do Calvario que contará coa lectura do manifesto a cargo do alumnado de 4º da ESO do CEIP Manuel Suárez Marquier. Ese mesmo día inaugurarase no salón de exposicións do Concello a mostra ‘Non sexas cómplice’.

    Xa a vindeira semana, o sábado 16 de marzo teremos dobrete. Pola mañá, ás 10.30 horas, a Asociación Anabam organiza un interesante obradoiro de balde e para todos os públicos de construción de hotel de insectos na Aula de Natureza do Muíños das Aceñas. Pola tarde será a quenda da música co concerto solidario a favor da Asociación Galega de Fibrose Quística ás 19.30 horas no auditorio do Rosal.

    Para quentar motores de cara a Semana Santa, o sábado 23 de marzo o Valinox Novás organiza en colaboración co Concello o ‘Orballo Fest’, unha xornada con entrada libre de música en directo con DJs, gastronomía e moitas sorpresas na Praza do Calvario.

    Abril converterase un ano máis no mes do libro con varias actividades centradas na literatura. Así, o domingo 7, Biophila organiza en colaboración co Concello ‘A lingua das aves’, un roteiro pola natureza con saída ás 10.00 horas no Parque do Tamuxe. As persoas interesadas poden xa inscribirse ata cubrir prazas no 693 56 26 74.

    O domingo 21 de abril a Praza do Calvario converterase no escenario ideal para acoller a Feira do Libro de Segunda Man, que estará aberta ao público de 11.00 a 20.00 horas. A programación de primavera rematará o mércores 24 de abril coa presentación do libro ‘Entre viñas e viños no val do Rosal’ do ilustrador rosaleiro Xosé Tomás ás 20.00 horas no auditorio municipal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.