O programa ‘A Veciñanza Conta’ chega ao seu final. O vindeiro luns 18 de outubro alcaldesa e equipo de Goberno estarán no Calvario, na Escola do Couso a partir das 20.30 horas na derradeira reunión desta iniciativa de participación cidadá que busca percorrer os barrios para presentar aos rosaleiros os proxectos xa en marcha e coñecer de primeira man as súas necesidades como veciños e veciñas.
Con este programa o Concello percorreu unha decena de barrios do Rosal para “escoitar cales son as cuestións e necesidades a proirizar na xestión dos recursos e darlle voz aos rosaleiros e rosaleiras para que sumen no crecemento paulatino do noso pobo. Porque temos o convencemento de que xuntas e xuntos podemos construír un Rosal mellor”, salienta a rexedora, Ánxela Fernández Callís. Dende o Concello fan un balance moi positivo da rolda de reunións mantidas nesta nova edición do programa, xa que contou co respaldo e participación de boa parte da veciñanza de cada un dos barrios visitados.