Mércores, 19 Marzo de 2025

A Xunta contratará 16 socorristas para o Baixo Miño, O Condado e A Paradanta

O delegado territorial, Luis López, anunciou a concesión de 51.796 € para os municipios da Guarda, Tomiño, A Cañiza, O Rosal, Covelo, As Neves e Ponteareas para garantir a seguridade en praias, zonas fluviais e piscinas

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 16 socorristas para a próxima campaña de verán en sete concellos das comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ao abeiro da orde de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, informou da concesión destas axudas, que veñen de notificarse na xornada de onte e que nestas bisbarras ascenden a 51.796 euros.

O representante autonómico desglosou estas subvencións, orientadas a garantir a seguridade en praias, zonas fluviais e piscinas, nunha visita ao areal do Bao, na Illa de Arousa, xunto ao alcalde, Carlos Iglesias. Esta praia é unha das dúas do municipio que ten bandeira azul e beneficiarase dos seis socorristas outorgados a este concello cunha achega de 18.660 euros.

Polo que respecta ao sur da provincia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aprobou seis axudas de salvamento a prol do Concello da Guarda para as súas praias por importe de 18.660 euros, dúas para a praia fluvial de Goián en Tomiño (6.220 euros), outras dúas para Ponteareas (7.200 euros), dúas para as piscinas da Cañiza (6.430 euros) e das Neves (7.066 euros) e unha para a praia fluvial de Eiras no Rosal (3.110 euros) e outra para a piscina de Covelo (3.110 euros). En todos os casos, subvenciónase a contratación por espazo de dous meses.

“A seguridade no verán, especialmente en espazos acuáticos como praias e zonas fluviais ou recintos municipais como as piscinas, é fundamental para seguir mantendo a Galicia como destino seguro e por iso dende a Xunta colaboramos moito cos concellos para que se doten de profesionais axeitados”, concluiu o representante autonómico.