Sábado, 18 Xaneiro de 2025

A OMIX da Guarda abre a inscrición para dúas actividades a desenvolver en abril

A OMIX do Concello da Guarda abre a inscrición para as dúas actividades programadas para este mes de abril. As actividades van dirixidas principalmente a mocidade pero naturalmente pode solicitar praza toda persoa que esté interesada. 

As accións propostas son, por unha banda, unha Máster Class de oratoria: Como ser influente a través da palabra, na que a través dunha conferencia  moi dinámica e divertida da man de Santiago Martínez da escola de oratoria Elocuencia, obteremos ferramentas e técnicas que nos axudarán tanto no ámbito persoal como profesional, para grandes e pequenas reunións, coas que proxectaremos seguridade, elaboraremos mensaxes eficaces e dominaremos o espazo tanto dixital como presencial.  A xornada será o día 11 de abril dende as 17 ás 20  horas para a que será necesario inscribirse previamente na OMIX. 

A segunda das accións ofertadas é Cociña de supervivencia, un obradoiro de cociña para aquelas persoas que están pensando en emanciparse ou xa o están e non queren sobrevivir a base de bocadillos, nin procurar ingredientes imposibles. Neste caso serán dúas xornadas, os días 19 e 26 de abril, dende as 18 ata as 20 horas nas que elaboraremos e degustaremos receitas ricas e sinxelas. 

Para os dous obradoiros haberá que inscribirse na OMIX da Guarda a través do mail [email protected] ou no teléfono 986610000 ext 7