9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCrecenteCrecente é un exemplo do apoio da Xunta aos pequenos concellos na...

    Crecente é un exemplo do apoio da Xunta aos pequenos concellos na prestación dos servizos de auga

    Vázquez Mourelle explica que as subvencións permitiron dotar de saneamento os núcleos da Xesta e Xestal, levando este servizo a un total de 10 vivendas

    A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo hoxe o Concello de Crecente, que recibiu unha axuda autonómica de máis de 91.000 euros para a mellora do saneamento e do abastecemento, como exemplo do apoio da Xunta aos municipios máis pequenos na prestación dos servizos da auga.

    Vázquez Mourelle, na súa visita hoxe a este concello pontevedrés, explicou que as axudas concedidas polo Goberno galego permitiron dotar de saneamento os núcleos da Xesta e Xestal. As obras levadas a cabo polo Concello permiten agora recoller as augas residuais e dotar de sistema de saneamento a 10 vivendas.

    As subvencións da Xunta tamén posibilitaron ampliar e mellorar a rede de abastecemento nos núcleos das Cavadas, O Cazapal e Crecente. Neste caso, executáronse novos tramos de conducións, mellorando a rede de abastecemento, antiga e con pouca capacidade.

    Grazas á axuda da Xunta, o Concello tamén realizou tarefas de roza e limpeza do terreo onde se asentan dous mananciais, eliminando raíces e árbores que podían entorpecer as actuacións que se levaron a cabo, de ampliación destas dúas captacións de auga, para garantir auga en cantidade e calidade a estes núcleos.

    Ethel Vázquez subliñou que o Executivo autonómico impulsa estas iniciativas, consciente das dificultades técnicas e financeiras que os municipios máis pequenos teñen para acometer este tipo de infraestruturas hidráulicas.

    Neste sentido lembrou que estas actuacións se enmarcan na orde de incentivos dirixida aos municipios de poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, á que destinou un orzamento global de case 9,6 M€ e coa que se están a financiar máis de 200 actuacións en máis de 150 municipios galegos.

    Fixo fincapé no obxectivo de optimizar os sistemas de abastecemento municipal e aumentar a eficacia das instalacións, sendo tamén financiables a execución de novas infraestruturas hidráulicas. Ambas as liñas de actuación, dirixidas á mellora do saneamento e do abastecemento, eran compatibles entre si, polo que foron moitos os concellos que recibiron incentivos para estes dous conceptos. 

    A conselleira avanzou que, ademais destas intervencións en Crecente, a Xunta ten en supervisión o proxecto de saneamento de Rebordechán, co que analizar as alternativas e as fases para a súa execución, ao tratarse dunha actuación que supera o millón de euros.

    Lembrou que a Xunta tamén rematou en novembro as obras hidráulicas de mellora dos servizos da auga nas parroquias de Sendelle e da Ameixeira, que supuxeron un investimento autonómico de preto de 400.000 €.

    Por último, a conselleira puxo o acento na liña de colaboración da Xunta e no acompañamento que vén ofrecendo aos municipios máis pequenos e do rural, coma este de Crecente, que teñen máis limitadas as súas capacidades, para axudalos na prestación de mellores servizos da auga aos seus veciños. Salientou que este apoio se vai redobrar coa nova Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que neste primeiro trimestre se elevará ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posterior remisión ao Parlamento. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.