10.4 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCoveloPlan para unha fin de semana completa no concello de Covelo

    Plan para unha fin de semana completa no concello de Covelo

    O sábado celebrarase a cita mensual coa Mostra de Produtos de Covelo e o domingo terá lugar unha nova xornada de portas abertas no Serradoiro dos Carranos

    Ás portas da fin de semana o concello de Covelo ofrece plans para un sábado e un domingo de lecer no que non faltarán a boa gastronomía, produtos da terra, música, moita natureza, rutas de sendeirismo, visitas guiadas, museos e unha longa listaxe de atractivos na súa frondosa contorna.

    Como cada primeira fin de semana de mes chega unha nova edición da “Mostra de Produtos de Covelo”. De 10 a 14 horas poderemos mercar produtos locais e comarcais, compartir conversas e gozar da música. As persoas que se acheguen ao centro de Covelo atoparás postos de alimentación ecolóxica e produtos de proximidade, artesanía, cestaría, cosmética natural, decoración, horta ecolóxica, macramé, maquetería, panadaría, textil, voluntariado social ou xoiaría entre outros moitos postos. Tamén poderemos adquirir libros e obxectos de segunda man e, como non, probar unha boa tapa de polbo.

    A música chegará á feira a partir das 12 horas da man de Breocáns Folk e a sesión vermú ás 13 horas na praza Mestre Cerviño e contorna.

    A concelleira de Cultura e Turismo, Lourdes Enes, lembra que, por mor das obras de humanización da praza Mestre Cerviño, a feira celebrarase na travesía de Vigo na contorna do lavadoiro. “A Mostra de Produtos de Covelo medra e incorporamos novos postos de produtores e veciñanza da zona que acude para intercambiar e vender todo tipo de obxectos e produtos”.

    Quédate en Covelo

    A concelleira explica que cada vez son máis os que optan por visitar a feira e quedar a pasar a fin de semana gozando dalgunha das rutas de sendeirismo, visitando o Pazo Museo Casa da Cruz, xantando nos bares e restaurantes locais e pasando a noite en calquera das nosas casas reitoriais ou aloxamentos rurais.

    Ademais da proposta estable de rutas de sendeirismo e visitas ao lagar da cera de Paraños ou á Casa Museo Etnografico Pazo da Cruz. , este domingo haberá unha nova xornada de portas abertas no Serradoiro dos Carranos. A inscrición segue aberta no número de teléfono 654 500 652. Ao longo da mañá haberá catro pases: de 10 a 11:30, de 12 a 13:30, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. O número máximo de persoas por grupo será de 20 e é obrigatorio o uso de medidas de hixiene COVID-19 e o emprego de mascariña.

    As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos)  para o ano 2022. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.