O Concello de Arbo vén de instalar dúas porterías novas, abatibles, no campo de Fútbol Municipal de Arbo para a práctica de fútbol 8. O feiro de que sexan elementos abatibles, favorece non só o mantemento do céspede senón tamén que facilita ao club a súa retirada cando a instalación sexa utilizada para fútbol 11.
Coa instalación destas porterías o Concello de Arbo facilita, en gran medida, “ás tarefas de adestramento dos diferentes equipo que utilizan a instalación, dando resposta as súas demandas”, sinala o goberno que preside Horacio Gil.
A instalación destas porterías forman parte do plan que desenvolve o Concello para mellorar as infraestruturas deportivas municipais. Nese sentido cómpre lembrar que en meses anteriores xa se dotou a cantina do campo de auga quente, colocáronse medidas de seguridade nas porterías e se están a realizar obras de mellora mellora nos vestiarios e no tellado do pavillón.
Axudas para o desenvolvemento de actividades deportivas
Doutra banda, o alcalde Horacio Gil, en representación do Concello de Arbo, vén de asinar o incremento dos convenios de colaboración coas distintas asociacións deportivas do municipio para o ano 2019.
Segundo os convenios asinados, ao Arbo C.F. correspóndenlle unha achega por importe de 9000 €; á Asociación Deportiva de Arbo ‘Equinos’, 1.000 € e ao Arbo Fútbol Sala 800 €. Tamén se formalizou un novo convenio coa Asociación Deportiva e Cultural Lamprebike Arbo 800 €.
O Concello, “cumpre así o seu compromiso co deporte, a través de dotacións de instalacións adecuadas a oferta de disciplinas que promoven distintas asociacións arbenses e con subvención para axudar a sufragar os gastos que estas actividades ocasionan”, conclúe o goberno local.