Xoves, 23 Xaneiro de 2025

Arbo suspende a Festa da Lamprea pola crise do COVID-19

O Concello que preside Horacio Gil apraza tamén a Marcha BTT da Lamprea, a V Andaina da Lamprea, a Gala da Lamprea, o VIII Certame de Corais amais do Campamento de Semana Santa

O Concello de Arbo vén de anunciar a suspensión da Festa da Lamprea que se tiña que celebrar do 26 ao 28 de abril por mor da crise do COVID-19, unha suspensión que supón un duro golpe á economía local xa que, como apunta o alcalde Horacio Gil, febreiro, marzo, abril e maio “marcan a tempada da lamprea en Arbo e cando máis traballan os nosos restaurantes, casa de turismo rural en todos os demais sectores relacionados co turismo de Arbo, o que supón unha perda económica moi importante para este concello”.

A suspensión desta emblemática festa, engadese tamén a do Campamento de Semana Santa e o adiamento de actividades como a Marcha BTT da Lamprea, a V Andaina da Lamprea, a Gala da Lamprea e o VIII Certame de Corais.

Horacio Gil quere adiantarse aos acontecementos polo que avanza que “unha vez que saiamos desta crise sanitaria”, o Concello de Arbo reunirase con todos os sectores afectados por esta crise “e valoraremos cantas iniciativas sexan necesarias, dentro das posibilidades e competencias municipais, para axudar á dinamización da economía local e para favorecer a recuperación e reactivación económica do noso Concello”.

Gil salientou o feito de estar xa traballando “nas medidas necesarias para poder axilizar ao máximo o pago aos provedores, para colaborar coa continuidade da súa actividade empresarial, tratando de minimizar ao máximo os problemas de liquidez que esta crise lles puidera ocasionar e tratar de manter os postos de traballo.”

O Concello de Arbo xa tiña tomadas as primeiras medidas contra o COVID-19 días antesda declaración do Estado de Alarma e pechaba Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea “Arabo”, a Biblioteca Municipal e o Punto de Atención a Infancia, amais de suspender todas as actividades que desenvolvían asociacións culturais, deportivas ou colectivos nas instalacións municipais. Asi mesmo pecháronse espazos de xogo infantil, o auditorio, o pavillón, os recintos deportivos, os parques, as áreas recreativas e suspendeuse o mercado do mércores.

O alcalde, Horacio Gil, que lembra “a importancia de cumprir coa aplicación das medidas recomendadas polas autoridades sanitarias, pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España” asegurou que este “non é momento para festas ou lecer. Coa crise do coronavirus o Concello de Arbo, ten outras prioridades máis inmediatas. A atención aos maiores e aos colectivos máis vulnerables, a desinfección das rúas, marquesiñas, praza de abastos, colocación de desinfectante de máns na praza de Abastos, dar información a tódolos colectivos e informar aos veciños e veciñas de Arbo,, son algunhas das medidas que se están a adoptar dende os servizos municipais, sempre coa finalidade de protexer o benestar dos veciños e veciñas de Arbo”.

O rexedor agradece a todo o persoal dos servizos municipais do Concello de Arbo, en especial a servizos sociais e ao SAF, que están reforzando o servizo e complementando con outras medidas que adoptou o concello como facerlle a compra de alimentos ou de medicinas aos sectores maiores e máis vulnerables.

Tamén quixo Horacio Gil agradecer “aos veciños e veciñas e as empresas de todos os sectores que se puxeron en contacto para ofrecer ao Concello os seus servizos e a tódolos arbenses que están a cumprir as medidas establecidas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España”.