Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Arbo aproba as bases para a contratación de auxiliares de Axuda no Fogar

As funcións das/os auxiliares de axuda no fogar serán as recollidas na Ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no fogar do Concello de Arbo vixente.

Por resolución de Alcaldía foron aprobadas as bases e a convocatoria para a constitución dunha nova bolsa de emprego para cubrir as prazas de auxiliar de Axuda no Fogar en réxime de persoal laboral e as posibles vacantes subseguintes, ante a perda de vixencia da bolsa de emprego anteriormente constituída no ano 2018, e actualmente prorrogada tras o estado de alarma decretado pola pandemia do COVID-19.

Os aspirantes deberán reunir os requisitos establecidos nas bases, referidos á data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

No taboleiro de anuncios, na páxina web do Concello e no BOP da provincia de Pontevedra, publicaranse as bases íntegras do proceso selectivo. Os resultados do proceso de selección e demais anuncios relacionados con este proceso publicaranse no taboleiro e na páxina web.

Tamén se publicará anuncio da convocatoria no periódico Atlántico Diario e no BOP da provincia de Pontevedra.

Presentación das solicitudes

Os/as interesados/as en formar parte desta Bolsa de Emprego, presentarán a súa instancia no modelo que aparece no Anexo I das presentes bases facendo constar de que reúnen todos os requisitos sinalados nestas bases e dirixiranse ao Sr. Alcalde do Concello de Arbo. Presentaranse debidamente cubertas a través do Rexistro da Sede electrónica do Concello de Arbo (https://concellodearbo.sedelectronica.gal/registro), no Rexistro Xeral de entrada do Concello de Arbo ou na forma determinada polo artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas; durante o prazo de DEZ DÍAS, contados dende o seguinte ao da publicación do último anuncio da convocatoria.

As solicitudes que se entreguen a través da Oficina de Correos deberán presentarse en sobre aberto para ser seladas e datadas polo funcionario/a de correos antes de ser certificada.