Mércores, 11 Decembro de 2024

A Xunta supervisa as melloras realizadas nos polígonos empresariais da Cañiza

O Concello contou cunha subvención de 26.705 euros procedentes das axudas a parques empresariais da Consellería de Economía para mellorar as infraestruturas viarias do parque de Uceira

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou no día de onte as obras de mellora executadas nos dous parques empresariais da Cañiza, Uceira e Ribadil, levadas a cabo grazas á orde de axudas a polígonos empresariais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do alcalde da localidade, Luis Piña, así como por varios concelleiros da Corporación e o xefe territorial de Economía en Pontevedra, Ignacio Rial.

Os traballos executados no parque de Uceira, contaron cun orzamento total de 33.765 euros, dos cales 33.381 eran subvencionables, co que recibiron o 80% (26.705 euros) por parte da Consellería de Economía a través da orde de axudas a parques empresariais, unha liña que mobilizou para toda Galicia 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia. En concreto, a través deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará 4,05 millóns de euros para a execución dun total de 57 actuacións que permitirán impulsar as infraestruturas dos polígonos.

O obxecto da actuación foi a execución dunha beirarrúa na zona norte do polígono, na entrada principal. Tamén procedeuse ao pintado da sinalización horizontal nos viais interiores e no vial de entrada da zona este, así como instalouse a sinalización vertical. En total, actuouse sobre 524 metros de infraestrutura viaria.

Por outra banda, este concello tamén conseguiu unha axuda de 21.827 euros para a instalación de cinco hidrantes no polígono industrial de Ribadil, co fin de dotar ao polígono de instalacións de protección contra incendios. O custo total do proxecto foi de 27.284 euros.

Neste polígono xa se investiran, o pasado ano, un total de 68.085 euros, dos cales 54.500 foron aportados pola Consellería de Economía, a través desta mesma liña de axudas, de xeito que se puideron mellorar dous quilómetros e medio de pavimentado dos viais deste polígono que se atopaban cun importante nivel de deterioro.

No caso doutros polígonos beneficiados, desenvolvéronse iniciativas para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, para plantas de depuración de auga, xestión de residuos e colectores con verquido á depuradora municipal ou instalacións contraincendios e contra roubo de cable. Por provincias, dos 57 proxectos incluídos nesta resolución, 10 pertencen a Pontevedra (máis de 0,6M€).

Con estas novas axudas, nas que os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.