A piscina municipal “das Grades” da Cañiza abre as súas instalacións este sábado, día 1 de xullo, ata o vindeiro 15 de setembro (sempre que o tempo o permita), en horario de 13.30 h a 21 h de luns a domingos. Pola mañá permanecerá pechada para dar servizo exclusivo aos 50 nenos inscritos nos campamentos municipais de verán que accederán en horario de 11 h a 13 h.
Os prezos non subirán respecto a anos pasados, quedando establecida a entrada para adultos en 1,50 € e a entrada infantil e para xubilados e pensionistas en 1,00 €.
Tamén, a partires do 1 de xullo, queda aberta a Praia Fluvial na parroquia de Luneda. Un espazo natural e de lecer, acondicionado a carón da Regueira do Aceval, afluente do río Deva, cun aforo aproximado de 225 persoas. Esta zona recreativa situada no lugar de Gonda, conta tamén con merendeiro, asadores e zona de xogos para nenos.