Mércores, 11 Decembro de 2024

Xavier Queipo, «Algoritmos»

«Algoritmos» é un libro sorprendente, algo que, vindo de Xavier Queipo, xa deixou de ser unha novidade. Non estamos a falar dunha novela, nin sequera dunha colección de contos, senón de algo diferente, algo máis parecido a un caderno de notas, de apuntamentos para reflexión persoal (e agora, coa publicación, colectiva), unha sorte de diario íntimo que nos axuda a descubrir o interior deste autor, o seu proceso creativo e o seu xeito de enfrontarse ao mundo e aos tempos que nos tocou vivir. Non é casualidade que leve como subtítulo «Caderno de notas (2011-2018)».

O texto está estruturado en fragmentos breves, sen título nin anotacións temporais, mais resulta doado comprender, polas referencias que vai facendo ao longo das páxinas, que está escrito pausadamente e en distintos espazos xeográficos e temporais, intencionadamente desordeados. É coma se nos quixese dicir que non importa a orde na que nos adentremos nas súas páxinas, pois tanto as temáticas como o seu tratamento son dispares. Que nos acheguemos como nos praza a estas pequenas pílulas, a estas «intimidades intelectuais», xa que así son definidas na contracapa.

Abundan as referencias literarias, tanto dos clásicos, que é tanto como dicir las lecturas universais, coma de autores menos coñecidos, mesmo malditos, que é tanto como dicir das lecturas máis íntimas, máis persoais de Queipo. A miúdo son reflexións analíticas sobre o contido, a estrutura, as personaxes ou o estilo, outras veces son anécdotas de como chegou a tales autores ou obras e da pegada que deixaron nel. Pero sendo un dos territorios que podemos explorar neste «Algoritmos», non é, nin con moito, o único, pois adentrarse nas súas páxinas é tanto como animarnos a descubrir mundos novos para a maioría dos lectores, a compartir sensacións e puntos de vista ou, a miúdo, a reflexionar nós mesmos sobre o mundo que nos rodea e sobre como chegar a comprendelo, se é que tal cousa é posible. Din que os algoritmos gobernan a vida actual e dirixen os nosos pasos. Ou, cando menos, inténtano. Mais as pretensións de Xavier Queipo son outras e confórmase con chamar a atención do noso entendemento, da nosa capacidade de razoamento, ou con amosarnos eses outros mundos que conviven con este que nos rodea, que non é pouco.

Pero o elemento máis salientable, ao meu entender, deste texto, está na propia escrita. Queipo non só é un autor de fondo calado, senón de longo percorrido, e zumega un oficio indiscutible e incontestable en cada nova entrega. A aparente sinxeleza expresiva agocha un traballo pausado e complexo e unha galanura estilística que o distingue de maioría de autores. E iso fai da lectura un puro goce literario, á marxe do contido da peza escollida, algo que é moi de agradecer para os que desfrutamos cunha boa escrita.

Xavier Queipo

«Algoritmos»

170 páxinas