17.6 C
Pontevedra
Mércores, 27 de Outubro de 2021
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelTeresa Ríos Noya, «Non estamos preparados para medrar»

    Teresa Ríos Noya, «Non estamos preparados para medrar»

    Que a poesía de base é unha marmita na que se van aliñando os nomes que mañá serán referente da nosa escrita, é algo que moi poucos poñen en dúbida a estas alturas da vida. E o caso que nos ocupa vén ser un exemplo máis de tal afirmación. Teresa Ríos deuse a coñecer ao abeiro do grupo poético e literario Versos de Areas, xurdido en Ponteareas un par de anos atrás, e curtíu o seu estilo en recitais e andainas colectivas abeirada a esa agrupación e á magnífica iniciativa que é a Nova Poesía Guitirica que, xa fai tempo, espallou a súa área de influenza alén dos límites da Terra Cha. Gañou algúns certames e participou en algunhas obras colectivas e agora, por fin, toma a decisión de dar o paso definitivo e publicar o seu primeiro poemario individual.

    «Non estamos preparados para medrar» é a súa presentación pública. E todos sabemos o que ten de desgarro íntimo o primeiro libro de calquera autor ou autora, de exposición ao mundo do seu pensamento máis profundo e das inquedanzas de cadaquén. Neste caso esa idea configúrase en torno a un eu poético que resulta doado identificar coa propia Teresa, que exhibe as súas inseguridades fronte a un mundo que funciona dun xeito que non acaba de comprender, algo polo que, antes ou despois, pasamos todos. Dende unha perspectiva que ten algo de contemplativa pero que, no fondo, agocha un tinte contestatario, a autora rememora a quietude e pracidez da infancia enfrontándoa ás inseguridades dun presente que racha coas ensoñacións e as visións idealizadas do futuro que tivemos de nenos. Porque, no fondo, as súas palabras, aínda que falen dun eu poético moi persoal, engloban ao común da sociedade polo que, a pesar da súa aparente carga intimista, case podemos chegar a falar de poesía social. Que tire a primeira pedra aquel que non se sentiu defraudado polo presente que lle tocou vivir. E que conste que non estamos a falar de nostalxia, senón de aprendizaxe.

    Eis o espiñazo do poemario. Ademais dese retorno á pracidez da infancia, chaman a atención as reiteradas referencias a elementos propios da natureza, do entorno rural no que a autora desenvolve a súa vida diaria. Así, a lúa convértese nunha confidente á que acudir nos momentos de incerteza, os paxaros –en ampla variedade– aloumiñan coa súa presenza as súas –nosas– ansias de voar, e os soños toman forma de follas de árbores ou de regatos nos que contemplar o transcorrer da vida. E, nese sentido, empúrranos a concibir a poesía e máis a propia natureza como elementos analxésicos cos que sanear as feridas da alma; unha especie de ferramentas liberadoras ás que aferrarnos para vivir e manter a nosa cordura nun mundo inestable e antolladizo.

    Todo é moi diáfano, pois Teresa emprega unha linguaxe sinxela e directa, non por iso exenta de figuras literarias de gran variedade. A claridade expositiva é un dos grandes valores deste poemario que nos presenta unha voz desgarrada na dor, contristada na visión do mundo, potente no berro, latexante no contacto e sempre acariñadora para o lector, ao que é quen de envolver nos seus brazos coma unha nai protectora. E, sobre todo, unha voz esperanzadora para o futuro da nosa poesía.

    Teresa Ríos Noya

    Non estamos preparados para medrar

    Urutau

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    13 POSTS0 COMMENTS
    Ángel Covelo
    6 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    5 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    47 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    35 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    2 POSTS0 COMMENTS