14.6 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelRaquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación. Agora abandona temporalmente ese espazo (xa o fixo noutras ocasións) para xogar cun proxecto no que se mesturan narrativa e poesía de maneira desenfadada. «Sobremesas sobre versos», que así se titula esta nova proposta, foi galardoado na primeira edición do premio de literatura infantil «Simbad para o Recordo e o Alzheimer».

    A protagonista desta novela é Uxía, unha nena que se ten que enfrontar ao problema que supón a perda de recordos derivada da enfermidade do Alzhéimer, que padece a súa avoa, Sica. A familia visítaa con regularidade na súa casa do Courel e, nesas visitas e a pesar da enfermidade, a nena descobre unha fiestra pola que asomarse ao mundo que garda no seu interior a avoa: as receitas de tortas, biscoitos e todo tipo de lambetadas de sobremesa, que Sica memorizara noutro tempo en verso, para lembrar con máis facilidade os ingredentes e mailo proceso de preparación. Desta maneira, avoa e neta establecen unha conexión moi particular na procura desas lembranzas esquecidas.

    Esta sería a trama principal da narración, pero hai máis. Porque, para complicar as cousas, a acción sitúase nos comezos da pandemia que nos mantivo pechados nas nosas casas durante varios meses, situación que é aproveitada pola autora para confrontar dous mundos tan afastados entre si como son o mundo rural e mailo urbanita; dúas maneiras de enfrontarse, xa non só á epidemia, senón á vida mesma. Uxía, criada na cidade, aprende a amar todo o que o Courel lle aporta: a tranquilidade da vida no campo, a laxitude do tempo, a convivencia entre os veciños, a calor da lareira…

    A todo isto súmanse esas receitas en verso coas que se abre cada capítulo e que, dun xeito ou doutro, teñen, cada unha delas, a súa relevancia no desenvolvemento da historia. Son receitas reais que, nesta novela, preparan avoa e neta, pero que do mexmo xeito poderán axudar a preparar os máis pequenos da casa, se lles presta. De maneira que, amais dunha narración entretida para os máis cativos, «Sobremesas sobre versos» convértese nun auténtico recetario de larpeiradas en toda regra.

    O premio acadado pola autora con esta narración, avalado por Agadea Alzhéimer, unha asociación de axuda a enfermos con demencias deste tipo, é, neste caso, un valor engadido. A finalidade principal do galardón é a de concienciar aos máis pequenos das implicacións das enfermidades con deterioro cognitivo e iso, neste mundo que nos tocou vivir, é unha meta que, de seguro, aportará o seu gran de area para facer a nosa sociedade un pouquiño mellor.

    Raquel Castro

    «Sobremesas sobre versos»

    168 páxinas