16.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelRamón D. Veiga, «Zoom»

    Ramón D. Veiga, «Zoom»

    En ocasións, a literatura xorde dun puro divertimento, dun simple xogo que alicerza a escrita e do que o autor ou autora se fai partícipe dende o inicio. Hai exemplos numerosos ao respecto, ás veces concibidos como simples exercicios de estilo, outras, como argalladas transgresoras coas que experimentar un xeito determinado de escribir. O que hoxe traemos a este espazo parece encaixar perfectamente nese prantexamento lúdico.

    Ramón Veiga, recoñecido autor de literatura infantil e xuvenil, dá o seu primeiro paso á escrita para adultos cun xogo alicerzado nas imaxes de dez fotógrafos e fotógrafas galegos. A idea foi pedirlles que eles mesmos seleccionasen unha fotografía da súa autoría, sen ningún tipo de condicionante e, sobre ela, construír un relato. Unha idea simple que deu como resultado este Zoom, unha colección de doce historias (hai dous fotógrafos que repiten) que non teñen outro vínculo que o propio proceso creativo.

    Son narracións, xa que logo, que nacen arredor dunha imaxe en branco e negro reproducida ao principio de cada conto. E, se queremos formar parte do xogo proposto por Veiga, poderiamos tratar de imaxinar por onde irán os tiros do relato antes de iniciar a lectura, só contemplando esas fotografías. Estou seguro de que habería moitas sorpresas co resultado, pois o autor fai gala dunha fortísima imaxinación á hora de recrear unha posible historia arredor desa imaxe. E poño como exemplos a titulada Chloe, sorprendente e amorosa; ou Vilabrétema, luminosa e tenra; ou a esperanzadora Mamadou, a desgarradora Patio de luces, mesmo a delirante Definitely maybe, a narración máis longa de todas, que semella un fragmento dunha novela aínda por escribir.

    Cando dixen que non existían elementos en común nestes relatos non dixen toda a verdade. Non os hai no espazo (aínda que podemos identificar a cidade da Coruña en varios), no tempo ou nas tramas, pero si que podemos albiscar similitudes en canto ao tratamento dos temas. Existe unha forte dose de humor nos máis deles, ás veces exhibida a través de pequenos detalles ou da retranca dialéctica das personaxes –a axilidade dos diálogos é un dos puntos fortes do libro–, ás veces proxectada na historia en si. Tamén unha enorme simpatía cara aos protagonistas, cos que case sempre resulta doado que o lector empatice sen problemas; e mesmo un punto de nostalxia reflectido, sobre todo, en mulleres de idade avanzada –nais e avoas– do que resulta difícil desapegarse ao longo das pouco máis de cen páinas do libro.

    Un percorrido realista e retranqueiro pola vida cotiá, coas súas alegrías e as súas penurias, con sorpresas, dor, intriga, drama, sexo, festas; cunha banda sonora variada e peculiar que nos acompaña ao longo do traxecto, e ese pouso de señardade tan noso. A vida en estado puro!

    Ramón D. Veiga

    Zoom

    Xerais