9.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis

    Heterodoxos

    A editorial Galaxia vén de sacar do prelo unha nova colección que, baixo a denominación xenérica de «Heterodoxos», pretende darlle voz a autores ou obras que, polas súas peculiaridades, non teñen cabida dentro das coleccións habituais das editoriais. Na promoción desta nova serie fálase de «os raros, os malditos, os que ata agora non tiñan voz», e abofé que semella unha proposta dabondo interesante como para botarlle, cando menos, unha ollada. Un formato sinxelo e atípico, mesmo un chisco antolladizo, envolve os dous primeiros volumes: «Enser», de Marcos Lorenzo, e «Espíderman», de Lúa Mosquetera. Dous autores que xa sorprenderon con algunhas publicacións anteriores, o primeiro centrado no eido da filosofía e o pensamento, a segunda a través da autoedición dos seus traballos de factura irreverente e rompedora.

    Marcos Lorenzo «Enser. O que son as cousas»

    Marcos Lorenzo

    «Enser. O que son as cousas»

    Galaxia

    «Enser» é unha colección de textos breves que inclúe pensamentos, aforismos, reflexións, desafogos e, a miúdo, verdades (ou non tanto) de corte máis intimista, e preséntase a través de xogos estilísticos moi variados, ás veces achegándose á poesía, outras á narrativa tradicional, outras dándolle unha volta visual á palabra… Mais a súa premisa básica é a de remoer as nosas consciencias e o noso pensamento para abrirnos a un mundo diferente: o que o autor quere compartir connosco. Non é en van que todos os textos veñan separados entre si por un enigmático «mm», onomatopea clásica da reflexión.

    Nun preámbulo bastante clarificador, o autor sinala a orixe deste libro a comezos da crise económica de 2008, que supuxo para el a perda de confianza, a caída da autoestima e a inseguridade perante un futuro impreciso. E todo iso desembocou nun repregamento interior para cuestionarse a visión do mundo de que gozara ata ese intre e a necesidade de novos enfoques para facerlle fronte a novas situacións. E iso tradúcese en certo espírito rompedor e revolucionario que por momentos pode abeirarse á loucura, como el mesmo recoñece, pero que ten como finalidade a propia supervivencia física e, sobre todo, anímica: «Baixo o cálculo e a corrección seguimos estando nós», «A xente non queremos tanto dialogar como sermos escoitados», «A violencia non deshumaniza. O humano é violento», «Unha noticia é un fragmento de espectáculo e un antídoto contra a información»…

    Cínico, certeiro ou sorprendente, Lorenzo é un provocador do pensamento, un grafiteiro da escrita, un beliscador do subconsciente, e este «Enser. O que son as cousas», un bosque no que se perder para atopar novos camiños, unha guía á que acudir de cando en vez na procura dunha raiola de realidade coa que asfaltar o noso camiño.

    Lúa Mosquetera: «Espíderman»

    Lúa Mosquetera

    «Espíderman»

    Galaxia

    O que nos presenta Lúa Mosquetera é un libro de poesía que, coa amplitude coa que se está a interpretar este xénero na actualidade, ben podería encaixar en calquera das coleccións habituais. O que xustifica a súa inclusión nunha serie coma esta é o seu espírito rompedor e irreverente que, por momentos, poderiamos tildar de próximo ao punk. Apenas unha ducia de poemas longos (case todos) nos que debuxa un mundo interno cheo de contradicións e de rabia, mais faino con tanto tino que o equilibrio entre ambos elementos se converte no seu eixo vertebrador.

    Son textos que falan do cotián, das pequenas cousas do día a día, de obxectos que poderían pasar desapercibidos e aos que a autora lles dá protagonismo; pero que encerran unha fondura de pensamento máis intensa do que semella a simple vista. «Se vas vir, ven sen o reloxo […] E deixa que pense que mañá é só unha falacia inventada polos académicos da lingua». A linguaxe é diáfana e directa, sen grandes adobíos estilísticos nin reviravoltas estéticas que cubran de brétema a palabra, e nesa claridade é onde, ao meu entender, se encerra a verdadeira esencia deste libro. Os temas son variados e mistúranse sen remorsos realidade e ficción para ensamblar unha unidade formal en cada poema.

    O resultado é unha colección próxima na que calquera se pode ver identificado, unha poesía con aires de barrio e de cercanía. Un paseo polo gume da navalla da vida na procura da nosa propia identidade.