13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelArantza Portabales, «O home que matou a Antía Morgade»

    Arantza Portabales, «O home que matou a Antía Morgade»

    Abad e Barroso chegaron un día para quedar, para alternar con Leo Caldas, Frank Soutelo e algúns dos outros detectives de referencia da literatura galega dos últimos anos. As súas andainas contan cada vez con máis seguidores e as súas complicadas relacións afectivas (marca da casa) enchoupan as páxinas das novelas nas que aparecen, converténdose, xunto coa investigación dos crimes de rigor, no epicentro dos relatos de Arantza Portabales. Tal cousa acontece na nova entrega da saga, «O home que matou a Antía Morgade».

    O argumento céntrase no reencontro de seis vellos amigos, logo de máis de 20 anos de distanciamento e de faceren vidas diverxentes con éxito dispar. Quedan para cear un 24 de xullo en Compostela nunha xuntanza que promete rabuñar nostalxias mais, entre brindes e fogos artificiais da véspera de Santiago, un disparo remata coa vida dun dos membros do grupo, o primeiro dunha serie de asasinatos centrados na manda de amigos. Abad e Barroso, que se reencontran na cidade logo dun par de anos de separación, inician unha investigación que non tarda en apuntar ao pasado común do grupo. Sendo aínda adolescentes, compartían un piso de menores tutelado na rúa Algalia. Naquel escenario, todos eles foron testemuñas máis ou menos implicadas no pasamento de Antía Morgade, unha traxedia que envolve as súas vidas dende entón e que semella non estar todo o pechada que, de primeiras, parece.

    Adentrámonos desta maneira nunha historia na que se entrecruzan mentiras e segredos, sospeitas e desconfianza, vinganzas e temores, cun convidado especial: un dos titores do piso, que acaba de saír da cadea logo dunha condena por abusos, ao que o grupo responsabiliza claramente da morte de Antía. Pero non todo é tan evidente neste enredo e os detectives protagonistas deberán desenlear a trama para tratar de evitar que todos os membros do grupo acaben por se converter en vítimas. Mais se apuntabamos máis arriba que as relacións entre Abad e Barroso son marca da casa e que ocupan un espazo importante nas novelas protagonizadas polos detectives, nesta ocasión, esa relación afectiva verase ampliada polas existentes entre os membros do grupo, ás veces cheas de mentiras e tramas paralelas. Asistimos, deste xeito, e como vén sendo habitual en Portabales, a unha «novela policial» que pretende ir máis aló da simple historia de crimes que o lector deberá resolver, para adentrarnos no que entendemos como «novela negra», que é aquela que pescuda no fondo máis escuro da alma humana.

    É, ademais, un relato de plena actualidade ao inserir elementos que ao lector lle parecerán próximos, como as referencias á pandemia e a certas personaxes moi vinculadas a ela, o mundo das drogas, ou o dos «influencers». Estas cuestións, xunto aos xiros de guión, a concienzuda dosificación da trama, mesmo o estilo directo da narración e a fluidez dos abundantes diálogos, arrastrarán ao lector polas páxinas da novela implicándoo na resolución do caso. Un relato que non deixará a ninguén indiferente.

    Arantza Portabales

    «O home que matou a Antía Morgade»

    456 páxinas