7.8 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAntón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector. «Hotel Carioca», a súa última achega literaria, avalada polo Premio Álvaro Cunqueiro, é unha narración extensa e compacta que agocha múltiples lecturas, mesmo outras novelas no seu interior, e ata un enredo metaliterario sobre o que se sustenta boa parte da trama. A editorial defínea como unha «novela múltiple» e como unha «matrioska», e non lle falta razón. Mais convén explicar un pouco todo isto.

    A protagonista principal é Helena, unha nena de 13 anos que os domingos lelle á súa avoa as cartas de Leandro, un tío emigrado a Brasil. Mais cando chega a nova do seu pasamento nun accidente de tráfico, o resto da familia confabúlase para que a avoa Leonor non padeza a dor da perda do fillo e encárgalle a Helena, rapaza espelida e imaxinativa, que o manteña vivo inventando as misivas que Leandro deberá seguir enviando á casa. A partir desta encomenda, a nena comeza a desenvolver unha capacidade fabuladora que a converterá, co paso dos anos, nunha escritora de éxito. Ao tempo que Helena avanza na descuberta da súa propia sexualidade, comeza a imaxinar o periplo do seu tío polo Brasil condicionada por todo o que está a acontecer no seu corpo e mais no seu entorno, ata darlle forma á súa novela máis exitosa, un relato de ficción baseado na súa propia familia e na partida e andainas do seu tío.

    De maneira sorpresiva, andando o tempo, chega a posibilidade de contrastar algúns dos datos imaxinados por Helena cunha realidade que resulta ser bastante diferente do narrado. Desta maneira, a novela convértese nunha especie de saga familiar na que agroman algúns dos segredos máis agochados de toda a estirpe, desvelando acontecementos pasados que algúns preferirían esquecer.

    Xogando cos tempos (a historia abarca dende os primeiros anos 80 ata a actualidade), e tamén cos espazos (Galicia e Brasil), a evolución desta familia é a excusa perfecta para que Riveiro Coello desenvolva un enredo no que realidade e ficción se mesturan de maneira clara, argallando así ese xogo metaliterario que apuntabamos ao principio.

    Boa parte do amplo grupo de personaxes que forman parte da trama principal e das súas subtramas e arredores, posúen unha fonda carga emocional coa que o lector empatizará sen maiores problemas. Se a isto lle sumamos unha linguaxe aparentemente sinxela e directa, pero que podemos intuir moi traballada polo autor, atreveríame a asegurar que estamos diante dunha das obras máis relevantes da xa dilatada traxectoria de Coello. A pesar da súa extensión, a lectura faise cómoda e pracenteira dese xeito que só os escritores con moito oficio ás costas saber facer, arrastrando ao lector ao fondo do relato e da psique dos seus protagonistas.

    Antón Riveiro Coello

    «Hotel Carioca»

    596 páxinas