A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma. Observamos nos últimos anos un evidente esforzo por ofrecer ao público lector perspectivas orixinais e pouco transitadas do fenómeno migratorio, cada vez máis alonxadas da idealización, case romántica, doutros tempos. Este podería ser un dos elementos principais da nova novela de Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver», galardoada co premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega do ano pasado. Pero este traballo, partindo de tal premisa e xirando de maneira permanente arredor deste tema, agocha moito máis do que parece a simple vista.
A novela recolle a historia de Rosario de Chiquinquirá, «Chiqui», unha rapaza mestiza, neta de galegos, que sobrevive nun barrio conflitivo nos arrabaldes de Caracas polo que a morte e a delincuencia pasean sen remorsos. Unha liorta acaba coa vida do seu avó e coidador e unha bala perdida trónzalle a vida ao seu irmán postrándoo nunha cama. A partir dese intre e como parte dun considerable esforzo por fuxir dese entorno, Chiqui inicia unha andaina como asasina a soldo que a levará á Galicia dos seus devanceiros por mor dunha encarga. Mais esta encarga rematará por se converter na pescuda do seu propio pasado e o de tantos emigrantes con desigual fortuna, ás veces enganados por xentes sen escrúpulos. Velaí a historia de Castor Varela, a vítima á que Chiqui ten a misión de eliminar. A súa identidade fora roubada pola persoa que contratara os seus servizos que, desta maneira, pretende atar os cabos soltos.
A narración é, na súa practica totalidade, unha especie de extensa carta que Chiqui dirixe ao seu irmán dándolle conta da súa evolución así como das razóns que a levaron a tomar a decisión de dedicarse ao que se dedica. Carta que só se ve interrompida pola transcrición dunhas vellas gravacións nas que se desenvolve a historia paralela de Castor. O relato adquire un certo aire catártico para a protagonista, no que o tema da emigración, como avanzamos máis arriba –e a pesar de estar no centro mesmo da novela–, adquire unha dimensión diferente pasando a un segundo plano. Nas últimas páxinas é onde comprendemos as razóns e esa vinculación que nos veu acompañando dende as primeiras liñas pero da que non nos decatamos en toda a súa plenitude. (Interpretade esta afirmación como un esforzo por non estragar a lectura cun «espoiler» en toda regra).
Con todas estas premisas, Amador Castro argalla unha historia dura, arroutada e de múltiples lecturas. Que a protagonista sexa muller e mestiza, que acuda á sutileza do veleno en vez de á violencia das armas, que os seus «traballos» se vexan arroupados por unha peculiar moralidade coa que xustificarse, que ela mesma busque a maneira de resarcir o seu pasado, ou que colabore na resolución dun dilema que se estende dende varias décadas atrás, son só algunhas das pistas que poden conducir a lectura por distintas vías. En calquera caso, o pulso narrativo permanece firme para arrastrar ao lector polas páxinas deste novo traballo e conducilo a unha resolución que, na súa lóxica simpleza, resulta abrumadoramente sorprendente. E ata gratificante!
Amador Castro Moure
«Pronto hei de volver»
Xerais
176 páxinas