15.8 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAlberte Momán, «11»

    Alberte Momán, «1[14]1»

    Alberte Momán presentou meses atrás o seu novo proxecto, un poemario que responde ao enigmático título de «1[14]1». Trátase dun texto de ambientación distópica e contido case filosófico, que podería ter o desarraigamento do individuo como telón de fondo.

    Máis ca poemario deberiamos cualificalo como prosa poética, tanto pola súa disposición como polo contido narrativo que se aprecia na súa lectura. Conta ademais cun prólogo a cargo de Henrique Dacosta que aporta algunhas claves máis ca interesantes para comprender mellor este libro, así como toda a poética de Momán.  

    O texto está dividido en tres partes ou capítulos, sendo a primeira, «Exilio», a máis longa. Neste fragmento, o autor fálanos das vivencias e reflexións dun eu poético, protagonista de todo o relato, que vive afastado do grupo social ao que pertence e ao que critica con dureza por provocar ese afastamento. Non debemos entender estas palabras nun sentido puramente físico, pois o exilio do que falamos ten máis de aillamento psicolóxico, de falla dun sentimento de pertenza á colectividade e dunha relativa resignación fronte a tal situación, malia que ten relevancia no relato a carencia dun espazo fíxico ao que aferrarse e a habitabilidade imposta nun “non lugar” no que o protagonista se atopa. Falamos, entón, dun exilio non voluntario, senón provocado por ese grupo social ao considerar ao noso protagonista como algo alleo a eles. As razóns poden ser interpretadas de diversas maneiras durante a lectura, polo que o alicerce narrativo que domina todo o texto é tan diverso como se queira, o que lle dá a «1[14]1» unha profundidade moito maior. Unha longa viaxe introspectiva ao pasado do protagonista, tan habitual na poesía de Momán, complementa este capítulo.  

    A segunda parte é a que dá título a todo o libro, «1[14]1», e está integrada só por catro poemas. Neste caso, o eu poético muda e a protagonista será unha muller que responde a ese nome en clave e que, dende o alto dun dos muros virtuais sobre os que se nos presentou o exilio do protagonista (que 1[14]1 comparte), reclama a integración no grupo de todos os membros que se sintan aillados ou, por explicalo mellor, arenga sobre a irmandade dos individuos e a necesidade de evitar que se produzan os exilios dos que se falou na primeira parte. Para iso, reivindica o amor como a ferramenta máis axeitada.  

    O texto remata cunha terceira parte titulada «Poesía [Ficción]», na que os dous protagonistas dos fragmentos anteriores se atopan nunha sorte de viaxe interdimensional. Carentes ambos dun arraigamento físico, dun lugar ao que sentir que pertencen, procuran xuntos ese espazo que lles faga percibir un mínimo apego. E farano renunciando para sempre a calquera tipo de sometemento e de estigmatización, rebelándose contra un entorno inhóspito e exhibindo o seu propio exilio como ferramenta para reconstruirense nun novo eu poético.  

    Un texto, como vemos, de contido que roza o metafísico, interpretado nunha prosa (poética) de grata lectura e de fácil absorción. E iso sempre é de agradecer neste tipo de textos nos que o autor se ispe completamente coa intención de exhibir para nós o máis fondo do seu ser.

    Alberte Momán

    1[14]1

    Belagua

    104 páxinas