Xoves, 10 Xullo de 2025

Novos datos sobre a repercusión da folga de sanidade

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde respectan a decisión dos profesionais que decidiron secundar a folga. A Xunta segue apostando polo diálogo e o consenso con todos os actores implicados no fortalecemento da sanidade pública galega. O 85,8% do persoal acode a traballar na primeira xornada de folga convocada por un sindicato médico.

A folga convocada na xornada de hoxe está a ter un seguimento global do 14,2 %. Ademais, no caso dos centros de atención primaria está a ser secundada polo 5,38 % dos facultativos.

Por áreas sanitarias, o seguimento é do 11,38 % na Área Sanitaria da Coruña e Cee; do 12,90 % na Área Sanitaria de Ferrol; do 13,91 % na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; do 15,31 % na Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; do 12,86 % na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; do 6,99 % na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés; e do 23,71 % na Área Sanitaria de Vigo.

A folga motivou a suspensión de 163 cirurxías (o que supón o 26 % da actividad media diaria), máis de 3.700 consultas externas CCEE (19 %), e tiveron que posporse casi 400 probas (2,88 %).

A Administración sanitaria tamén destaca que o grao de cumprimento dos servizos mínimos durante a xornada é do 100 %.

Novos estudantes de FP da provincia completan o programa Erasmus+

Un total de 9 estudantes de FP da provincia de Pontevedra atópanse xa en Malta, Italia e Portugal no marco das primeiras mobilidades do programa Erasmus+ 2022 co obxectivo de realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, reforzando así as súas competencias, ao tempo que adquiren experiencia e melloran as súas expectativas laborais. A Deputación destina 54.077 euros ao alumnado desta primeira quenda do proxecto para contribuír a facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas en empresas e institucións estranxeiras no marco do Programa Erasmus+ da Comisión Europea.

O alumnado, que iniciou xa a súa estadía no estranxeiro o pasado 3 de abril, provén dos centros educativos vigueses IES Audiovisual, IES Ricardo Mella, Divino Maestro e CPR San Miguel, onde   están a estudar os ciclos medios de emerxencias sanitarias, vídeo DJ e son, e coidados auxiliares de enfermería. As prácticas no estranxeiro durarán entre tres e cinco meses e percibirán axudas económicas que irán dos 4.298  aos 6.718 euros, dependendo do país de destino elixido e a duración da estancia.

Esta é a primeira mobilidade do proxecto Erasmus+ 2022 que conta cun orzamento total de 796.865 euros, dos cales 599.765 euros son achegados polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) en calidade de axencia nacional española do Programa Erasmus. En total, serán 60 estudantes de FP e 5 docentes os e as que se beneficien desta iniciativa que, nestes momentos, está xa a preparar a segunda mobilidade con outros 9 participantes que comezarán a súa estadía a mediados de maio.

Continúan as Festas de San Telmo en Tui

0

Teatro e música mañá mércores na programación das Festas de San Telmo.

O grupo de teatro San Fins de Rebordáns estreará “A comisión da Valadas” no Teatro Municipal de Tui, ás 21:00 horas, na segunda xornada da XIII Semana de Teatro Amador. Nove actores e actrices, baixo a dirección de Laura Villaverde, porán en escena esta comedia na que ante a falla de comisión de festas para facer os festexos do pobo de Valadas un grupo de mulleres asume o reto non sen atrancos. As entradas están á venda en tui.gal ou poderán mercarse mañá mércores dende ás 20 h no despacho de billetes a un prezo de 2€.

Previamente ás 18 h na carpa da Corredoira actuará Brais das Hortas con ‘Concertasso na Horta’ para público familiar. A xornada abrirase ás 16.30 h no centro de día Amoralia coa actuación da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui, nunha iniciativa dentro da programación das festas que leva a música até as persoas maiores do centro de día e das residencias tudenses.

Todas as parroquias do Porriño contan con desfibriladores

O Concello do Porriño fixo entrega de dez equipos DESA a asociacións veciñais e clubs deportivos do municipio que se distribuirán en todas as parroquias.

Os equipos foron entregados ao Porriño Industrial (Campo Municipal do Lourambal), Unión Deportiva Atios (Campo de fútbol O Carballo), CD Pontellas (Campo de fútbol San Campio), CF San Salvador de Budiño (Campo de fútbol de Budiño), AD Mosende (Campo de fútbol de Mosende), Club Atletismo Porriño (Pistas de atletismo no Polígono A Granxa-Budiño), AVC As Mimosas (Centro Cultural de Carracido), ELM Chenlo (Centro Cultural de Chenlo), AV O Castelo de Cans (Centro Cultural de Cans) e ao  Multiusos de Torneiros.

A equipación inclúe un desfibrilador externo cun xogo de parches de electrodos, unha batería, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable.

O Concello dota así ás asociacións dun recurso para actuar de maneira coordinada cos profesionais do 061 para gañar tempo na atención dun paro cardíaco, intentando que o paciente aguante á chegada dos servizos profesionais. O principal factor de éxito ou fracaso nestes casos é o tempo e por iso se convirte nunha prioridade dispoñer de equipos de reanimación cardio-pulmonar distribuídos por todas as parroquias e formar a un equipo de persoas para a súa utilización.

O DESA é un aparato electrónico portátil sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da fibrilación ventricular ou unha taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctricamente. É moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que na súa maioría son debido a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos básicamente devolven o ritmo normal ao corazón.

As parroquias de Redondela contarán con iluminación LED

0

A Concellería de Servizos Públicos Básicos, que xestiona Vicente Lamas e na que se inclúen os Servizos Eléctricos, está desenvolvendo un ambicioso plan de renovación e modernización do alumeado público das parroquias de Redondela para substituír as actuais luminarias por outra dotadas de tecnoloxía LED.

Os traballos, que supoñen un investimento de 150.000 euros, serán financiados por fondos propios do Concello e realizados con persoal municipal. Evitar a externalización do servizo é, ao entender da alcaldesa Digna Rivas “un xeito de diminuír custes e ter control directo sobre os traballos que se realicen. No Concello contamos con persoal máis que cualificado no servizo eléctrico para a realización destas tarefas e que, ademais, contará co reforzamento de tres persoas contratadas a través do Plan Concellos.

“O alumeado público é un servizo básico para a cidadanía ao mellorar non só a comodidade á hora de realizar desprazamentos nas horas nocturnas, senón tamén as súas condicións de seguridade”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas que puxo en valor o feito de que “por primeira vez, un Goberno local decide reforzar o persoal destinado a este departamento, con tres operarios, para mellorar o servizo que se presta á cidadanía”.

A iniciativa xa comezou en Vilar de Infesta para continuar en Quintela ata completar todas as parroquias con 1690 luminarias. Os traballos a realizar permiten un substancial aforro ás arcas municipais e, a maiores, reduce a denominada ‘pegada de carbono’, diminuíndo as emisións de CO2.

A estas labores súmase o cambio do cableado do tendido eléctrico “naqueles lugares que as circunstancias e os informes técnicos o fagan preciso para, desa forma, optimizar o servizo que prestan”, explicou Digna Rivas.

A mellora dos servizos básicos á cidadanía, e de maneira especial o alumeado público das parroquias, é unha das prioridades do Goberno socialista dende a súa chegada ao Concello consciente de que “non pode haber veciñanza de primeira e de segunda dependendo do seu lugar de residencia”, afirma rotundamente a alcaldesa de Redondela, “a veciñanza paga os seus impostos e, polo tanto, todos teñen dereito a uns servizos públicos de calidade”, conclúe a rexedora.

‘O bosque do duque’ chega este xoves a Ponteareas

A literatura volve cobrar protagonismo esta semana en Ponteareas ao abeiro do ciclo de presentacións ‘Abril, mes do libro’. Este xoves 13 de abril o encargado de subirse ao escenario será Fran Fernández Davila, que achegará ao público a súa nova obra, O bosque do duque. O escritor vigués retorna cunha novela de aventuras e fantasía ambientada na cidade de ‘s-Hertogenbosk que nace da maxia das experiencias vividas alí polo autor, unha novela para todas as idades e cunha chiscadela ás infancias dos anos oitenta.

A historia recolle as vivencias de Sabine, unha rapaza galega dos Países Baixos que bota de menos Galicia, sobre todo ás súas avoas. Todo comeza o día do seu décimo aniversario, cando recibe un misterioso agasallo que lle abre as portas dunha grande aventura. Axudada polos seus amigos Wilko, Jeroen e Anja, a protagonista loitará non só pola súa identidade, senón tamén pola súa vida cun conxunto de fortalezas que non sabía que tiña dentro.

Fran Fernández Davila é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa, con máis de vinte anos de experiencia que lle permitiron viaxar por varios países de Europa e Oriente Medio. Dende que comezou a escribir en 2016 gañou máis de 20 premios literarios, entre os que destacan o XVII Antón Avilés de Taramancos de Relatos de Aventuras con Alana (2018), o XII Premio de Poesía Victoriano Taibo con Mover os marcos (2019) ou o XXXIII Certame de Poesía en Lingua Galega de Rosalía de Castro por O matrimonio é unha nasa (2020).

A presentación terá lugar a partir das 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e contará ademais coa participación de César Lorenzo e Sonia Melón. O acto será de balde, con entrada libre ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta nova presentación do ciclo ‘Abril, mes dos libros’, co que o Concello busca achegar ao público obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila de Ponteareas e co que se conmemora o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor que se celebra o vindeiro 23 de abril.

Última acción formativa “EspecializAcción” para negocios locais da Guarda

0

O Concello da Guarda, a través da Concellaría de Desenvolvemento Local remata neste mes de abril a oferta de accións formativas gratuítas dirixidas comercio, hostalería e empresas da vila.

As accións formativas de “Especializacción” contan cun total de 5 obradoiros, que foron os que espertaron maior interese polos diferentes profesionais do comercio, hostalería e empresas da vila nunha enquisa que se realizou entre todos eles.

Estes obradoiros están enmarcados na campaña de apoio a o comercio e hostalaría local, iniciada xa no ano 2021.

Este martes día 11 de abril terá lugar o penúltimo obradoiro de “EspecializAcción” en horario de 20:30 h a 22:30 h da man do Community manager Jorge Alonso Daldea, que tratará sobre Publicidade en Facebook e Instagram. As prazas están xa cubertas.

E para rematar as primeiras accións formativas de “EspecializAcción” desta primeira parte do ano 2023, na xornada do 18 de abril en horario de 20:30 h a 22:30 h terá lugar na Casa dos Alonso o Obradoiro de Posicionamento SEO para páxinas web e tendas online, impartido por Jorge Alonso Daldea.

Aínda quedan prazas libres para o obradoiro do 18 de abril, polo que todos os empresarios poden aínda realizar unha inscrición previa chamando ao 986610000 ou remitindo un correo electrónico a [email protected], ata dous días antes da acción formativa ou ben ata completar o aforo.

Nigrán contará con catro novas zonas accesibles en Praia América, Panxón e Patos

0

O Concello de Nigrán disporá no vindeiro verán de novas zonas de servizos accesibles nas súas principais praias urbanas: Praia América-Lourido, Panxón e Patos. Con este obxectivo o consistorio asumíu a proposta realizada polo Centro Juan María dentro do programa municipal ‘Un Nigrán para Todos’ e consignou inicialmente no pasado pleno 60.000 € para mellorar radicalmente a experiencia dos usuarios con problemas de mobilidade. Igualmente, consignáronse 15.000 € para a redacción do proxecto, que será o que estime a contía final dos cartos para realizar todos estes cambios plantexados.

“Actualmente os módulos de baño e aseo están obsoletos e dispersos en zonas onde ademais hai obstáculos nas ramplas ou no encontro de pavimentos e de entrada ás duchas. Agora se trata de replantexar desde 0 estes lugares, cun proxecto de accesibilidade específicamente elaborado para elo e que, ao mesmo tempo, pretende outorgarlles uniformidade e harmonía coa contorna”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que repercutirá, adicionalmente, “na calidade turística e na imaxe da zona”.

En concreto, o Concello intervirá nas actuais zonas de Praia América (Lourido e no aparcamento da antiga escola de vela) e en Panxón desprazando estes servizos á altura das pistas de tenis (resulta máis accesible a entrada á praia e a chegada en coche). Finalmente, en Patos o obxectivo é integrar o servizo ao posto de socorrismo.

Todos os aseos e duchas serán substituídos por módulos máis accesibles, establecéndose no punto máis próximo posible zonas de aparcamento reservado, mellorando as ramplas existentes ou eliminando calquera borde para a recollida de augas das duchas.

En todas estas novas zonas manteranse xa na area as ramplas flexibles de poliester reciclado adquiridas o ano pasado polo Concello de Nigrán cun investimento de 17.908 euros e será onde se ubique o material adaptado específico que dispón o Concello (cadeiras anfibias, muletas para a area…).

Tui ofrece unha exposición con traballo dos primeiros catro fotógrafos da vila

0

Os catro primeiro fotógrafos que tiveron estudo en Tui, Maximino Antonio, Pedro Varela, Rosendo Bugarín Menoyo e Gonzalo Gutiérrez, son os protagonistas da mostra “As orixes da fotografía en Tui”.

A mostra, organizado polo Concello de Tui, foi inaugurada o pasado sábado, na Sala de Exposicións Municipal, no marco das actividades programadas nas Festas de San Telmo. O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, o deputado provincial Carlos López Font, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, o historiador Carlos Castelao, e os comisarios da exposición Javier Álvarez Ribadulla  e Jose Font.

A mostra recolle as orixes do oficio da fotografía e a chegada dos primeiros fotógrafos e estudos á cidade de Tui. Esta selección de traballos fotográficos pon de manifesto a importante fonte de información que supoñen estes traballos para entender e coñecer o pasado e así axudar a revelar a imaxe do que somos e o que é hoxe en día Tui.

Cun percorrido que tamén fala da chegada desta arte a Galicia, cara o ano 1841, recóllense imaxes e datos de distintas personalidades tudenses coma Rosendo Bugarín, o primeiro fotógrafo tudense de nacemento, pero tamén do pioneiro neste arte da fotografía na cidade como foi o fotógrafo orixinario da Cañiza Maximino Antonio Rodríguez, que montou o seu establecemento en 1870. Tamén se recollen os retratos de Pedro Varela Burgo-da Ulla, natural de Lugo que foi o segundo fotógrafo en ter gabinete de fotografía en Tui. Forma parte tamén desta exposición Gonzalo Gutiérrez que continuou a saga iniciada polo seu pai, José Félix Gutiérrez Rodríguez.

Na exposición pódense visualizar retratos individuais e familiares, encontros de músicos e de amigos, todos eles feitos por catro destes fotógrafos ‘residentes’ en Tui Así coma dúas fotografías de María Vila Fernández, a esposa de Pedro Varela, que foi unha das poucas mulleres con estudo propio na provincia de Pontevedra.

A mostra ‘A orixe da fotografía en Tui’ pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, visitar de luns a venres en horario de 9 h a 14 h e de 16 h a 21 h, e sábados, domingos e festivos de 12 h a 14 h e de 17 h a 21 h.

A Oficina Acelera Pyme – OAP Rural AEMOS ofrece xornadas gratuítas de dixitalización

0

Imaxe de arquivo das xornadas de AEMOS no 2022

Transcorridos xa dous meses desde que a Oficina Acelera Peme Rural de AEMOS comezou a súa fase de eventos grupais, na que se proxectan xornadas especializadas, sesións informativas e talleres de dixitalización, durante este mes programáronse tres interesantes xornadas que terán lugar os xoves 13, 20 e 27 de abril.

Estas xornadas están orientadas, como vén sendo habitual, a emprendedores, autónomos e pemes interesados en coñecer e profundar nos diversos aspectos da dixitalización das súas empresas.

O programa do mes de abril tratará tres temas especializados relacionados coa dixitalización como son a Dixitalización Loxística, o Kit Dixital e A Nube: Cloud computing.

As Oficinas Acelera peme postas en marcha en toda España por Red.es, entidade pública adscrita a o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital  a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, contan cun orzamento global de 23,8 millóns de euros, dos cales Red.es achegará ata o 80 % do orzamento subvencionable e as entidades beneficiarias o resto. As actuacións están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation EU, no marco da axenda España Dixital 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025, cuxa cuarta medida do eixo de actuación “Dixitalización básica para as PEMES”, inclúe a creación dunha rede de Oficinas Acelera peme.

AEMOS como entidade beneficiaria por parte de Red.es para a creación da Rede de Oficinas Acelera Peme no territorio nacional ten, entre outros, o obxectivo de dar cobertura e asesoramento a empresas situadas en territorios rurais da provincia de Pontevedra, que estean interesadas en dixitalizar o seu negocio.

Desde que comezou en febreiro a fase de accións grupais, a Oficina Acelera Peme Rural AEMOS xa levou a cabo dez xornadas informativas e talleres prácticos gratuítos que tiveron unha moi boa aceptación entre emprendedores e micropemes da contorna. Nas devanditas xornadas púidose profundar no coñecemento de solucións tecnolóxicas, a aplicación das mesmas e como adaptalas ás empresas que desexan avanzar no seu proceso de dixitalización.

Para este mes de abril programouse un completo calendario que se inicia o xoves día 13 cunha xornada sobre Dixitalización Loxística, da man de Anxo Mourelle, xerente de i3CHE, dirixida a empresas interesadas na dixitalización da cadea loxística. Terá lugar a partir das 9 h ata as 11 h nas instalacións da OAPR AEMOS no Viveiro Pemos, Anel dá Lagoa, 1 (Mos)
O xoves 20 contaremos coa participación de R Cable da man de Alberto Díaz, quen presentará o Kit Dixital: Transformación dixital para pequenas empresas e autónomos, dirixida a aqueles interesados en coñecer o programa de bonos do Kit Dixital. Esta xornada presencial terá lugar no Viveiro PEMOS (Anel dá Lagoa, 1 – Mos) en horario de 9.30 h a 12.30 h.

Xa a última semana do mes, o 27 de abril, e da man de Rafa Villaverde, presidente de Cloud.gal profundaremos en todos os procesos e servizos aloxados na nube. A xornada A Nube: Cloud computing terá lugar nas instalacións do Viveiro PEMOS en horario de 16.30 h a 18.30 h.

Todos os talleres e xornadas son totalmente gratuítas, pero require inscrición previa que se pode realizar en liña na web: https://acelerapyme.aemos.es/eventos.

O Rosal recoñece a dedicación ao deporte de Manuel Armán cun premio

0

Grande acollida da primeira edición do ‘Encontro co deporte’, un acto organizado polo Concello do Rosal co que se buscaba recoñecer o gran traballo das bases deportivas rosaleiras. Ante o amplo público que se deu cita na Praza do Calvario deportistas protagonizaron unha charla coloquio dirixida polo xornalista deportivo Terio Carrera na que se puxo en valor o grande esforzo dos clubs e das e dos seus integrantes en diferentes disciplinas.

Durante o encontro, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, agradeceu a participación e apoio de todos os rosaleiros e rosaleiras que participaron no evento, “un acto moi emotivo co que queremos visibilizar e darlle todo o valor que merece ao deporte de base que se está a realizar no Rosal, unha actividade que non para de crecer no noso municipio e que permite aos nosos nenos e nenas e á nosa mocidade achegarse a uns valores moi importantes”.

Nesta primeira edición do ‘Encontro co deporte’ a organización quixo recoñecer o gran labor realizado por Manuel Armán co premio por toda unha vida dedicada ao deporte. “Foi un apaixonado do balonmán, xogador e adestrador do Valinox Novás, e artífice dunha das páxinas máis notables da historia deste deporte en Galicia. E soubo facelo mentres transmitía o seu amor por este deporte non só aos seus fillos e sobriños, senón a toda unha xeración de xogadores e xogadoras”, resalta a rexedora.

Ademais, o público puido desfrutar dunha charla co atleta David Gómez, primeiro deportista rosaleiro en competir nuns xogos olímpicos; coa atleta Eva Piñel, cun amplo palmarés ás súas costas; co xogador de balonmán Javi Díaz, porteiro con máis de 600 partidos na liga Asobal; coa futbolista Sara Álvarez,  unha xoia de presente e de futuro convocada co combinado galego e estatal; e con Serafín Martínez, unha gran figura do ciclismo galego.

O encontro completouse ademais coa entrega de agasallos aos monitores e monitoras da base da Sociedade Atlética do Trega, do Club Ciclista O Rosal, da UD Ribera e do Valinóx Novás, todos eles con escola deportiva no Rosal. Ademais, tamén se fixo unha pequena exhibición de futgolf, unha fusión de fútbol e golf que dalgún xeito tivo as súas orixes no Rosal, así como unha exhibición enriba da bicicleta a cargo do campión brasileiro de Bike Trial Lima.

O Concello organiza unha visita guiada sobre a historia da lingua galega en Ponteareas

Un roteiro para saber máis sobre o protagonismo de Ponteareas na historia da lingua galega. O Concello organiza o vindeiro venres 14 de abril unha visita libre e gratuíta que terá como cicerone a un dos fillos máis ilustres da vila, Fermín Bouza Brey. O profesor Carlos Callón porase na pel deste gran poeta e investigador, falecido hai 50 anos, para explicar tanto aspectos da represión contra o galego ao longo dos séculos como “os lóstregos na noite” que defenderon a lingua galega xeración tras xeración.

A visita sairá ás 19.00 horas da biblioteca municipal. Como conta o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, durante o percorrido faranse diferentes paradas para explicar “a loita pola recuperación do topónimo Ponteareas e o seu intento de castelanización, as primeiras iniciativas para converter o galego nunha lingua oficial nos tribunais, a represión do noso idioma nas escolas, as censuras aos libros por estar nesta lingua ou como e por que un dos primeiros volumes en galego que se publicaron tras o golpe de Estado de 1936 foi en Ponteareas”.

Este roteiro forma parte dunha serie que Carlos Callón está a realizar para dar a coñecer o seu traballo O libro negro da lingua galega, publicado pola editorial Xerais e que está a gozar dunha grande acollida tanto nas librarías, xa que vai pola súa cuarta edición en menos dun ano, como da crítica, que o colocou como finalista aos premio Follas Novas.

Para poder participar nesta visita é preciso inscribirse a través do correo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 64 00 00, extensión 1010.  

Arbo e Sainte Terre irmandanse

0

O pleno municipal de Arbo, na súa sesión ordinaria e presencial celebrada o 27/03/2023, adoptou por unanimidade, con cinco votos a favor, do grupo municipal do PP, e cun voto do concelleiro presente do grupo municipal de AGRELAR, aprobar a proposta da alcaldía sobre “aprobación e ratificación da declaración de intereses de Arbo e Sainte Terre asinada no mes de febreiro de 2023 para o inmandamento de ambos municipios e a aprobación de memorándum de entendemento”.

A práctica da irmandade ou irmandamento entre cidades e vilas é unha institución de longa tradición que afunde as súas raíces históricas e ofrécese como un mecanismo integrador de gran eficiencia para a mellor defensa dos intereses das comunidades hermanadas.

Unha das características que define aos irmandamentos é que non só os Concellos teñen un papel decisivo, como é a necesaria aprobación no Pleno dun irmandamento, senón tamén cabe destacar a achega dos cidadáns, cuxa contribución é vital para que un irmandamento alcance os seus obxectivos.

Convencidos desde o goberno arbense de que son moitas as características entre Arbo e Sainte Terre e unidos pola tradición da Lamprea, e polos trazos que unen a ambas as vilas: O Escudo, o Viño, O Museo da Lamprea, a festa que se celebra nas mesmas datas para degustar este manxar, A Irmandade da Lamprea e a tradición de pesca no caso de Arbo no Río Miño e en Sainte Terre, no Rio Dordoña.

Que a Arbo e Sainte Terre únelos a lamprea e rendemos homenaxe a unha forma de vida que dá sentido a un territorio e que a cooperación internacional é un dos factores que incide favorablemente o desenvolvemento e fortalecemento do marco de cooperación bilateral.
Pola alcaldesa de Ville Sainte Terre e o alcalde de Arbo, co interese de profundar os lazos de amizade, colaboración e cooperación que unen ambos os municipios asinaron en febreiro de 2023 “a declaración de intereses para formalizar a relación entre ambos os municipios” no cal se acordaba Iniciar o proceso de formalización para o irmandamento entre Arbo-Sainte Terre.

O Concello de Arbo, acaba de remitir a Subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza dá Xunta de Galicia, o acordo adoptado para ser remitido ao Goberno de España para sú conformidade.

Tomiño, unha vila chea de arte

0

En Tomiño a arte e a cultura teñen un papel e un espazo destacado. Por este motivo, o vindeiro sábado 15 de abril, o concello conmemorará o Día Mundial da Arte con varias actividades coas que dar a coñecer a importancia da arte, da innovación e da creatividade na sociedade. “A arte é unha forma de comunicación, un xeito de expresar ideas e emocións, porque cada actividade artística agocha tamén unha parte importante da nosa idiosincrasia, da nosa cultura e do noso facer como pobo”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Ao abeiro deste día, o propio sábado a artista galega Nadia Otero encherá o Mercado Municipal de Tomiño coa súa mostra ‘Do Lérez ao Tambre’, coa que exporá 14 obras realizadas ao longo da súa vida artística. Nada hai 24 anos no Grove, Otero descubrirá ao público a través das súas pezas unha peregrinación dende Pontevedra ata Santiago de Compostela paralela á que se fai no Camiño de Santiago. Unha viaxe que levará ás e aos espectadores por diferentes puntos da xeografía galega todos unidos baixo o fío conector da auga, que a artista representa a través do mar ou do río. Nesta exposición poderá verse a progresión que fai a pintora por medio das súas pinceladas, xa que nalgunhas obras son máis indecisas e noutras máis seguras e maduras.

O Concello de Tomiño e a propia artista convidan a toda a veciñanza a gozar desta viaxe a través da pintura, que poderá ser visitada nas instalacións do Mercado Municipal tomiñés ata o vindeiro 6 de maio.

Tomiño conmemorará tamén este día co espectáculo ‘Frida’, da Cova das Letras, unha peza dirixida a público familiar onde a través do corpo en movemento, monicreques e obxectos ponse en valor o poder transformador da arte. A obra representarase para o alumnado de infantil e secundaria de Tomiño o vindeiro 18 de abril, pero tamén contará cunha sesión de balde aberta a todos os públicos o domingo 23 de abril ás 17.30 horas no auditorio de Goián.

Con esta obra, o elenco reconstruirá cadros vivintes a través da danza e do movemento de obxectos no que a música xoga un papel fundamental e co que se crea un espectáculo poético colorido e con moita, moita vida. Ademais, ao coincidir co Día Internacional do Libro agasallarase a todas as familias asistentes cun libro.  

Esgotadas as prazas das saídas de abril dos “Bosques Terapéuticos”

Os “Bosques Terapéuticos” da Deputación veñen de colgar o cartel de completo para este mes. Deste xeito, as 90 prazas das seis rutas que se desenvolverán en abril en espazos naturais da provincia esgotáronse este luns 10 de abril, na mesma xornada en que se abriron as inscricións, e a Illa de Tambo foi de novo o itinerario máis solicitado. A institución provincial abriu así mesmo unha lista de agarda para o caso en que se produzan baixas.

As rutas arrancarán esta vindeira fin de semana, en concreto o sábado 15 cunha ruta polo Lago de Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e continuarán o domingo 16 pola carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade). Posteriormente, o día 22 celebrarase o itinerario polo Espazo Natural do Río Eifonso (Vigo); o 23, a sesión de baños de bosque pola Illa de Tambo (Poio); o 29 pola Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e, por último, o día 30 será a quenda da ruta pola Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro).

As inscricións para os Bosques Terapéuticos ábrense de mes en mes e, deste xeito, a partir do vindeiro día 17 de abril, ás 9 horas, as persoas que desexen participar nalgunhas das 8 rutas do mes de maio poderán inscribirse a través do formulario que atoparán na web provincial www.depo.gal. Os baños de bosque serán o día 6 de maio na Fervenza da Toxa; os días 7 e 13 no Lago de Castiñeiras; o 14 na carballeira de San Xusto; o día 20 na Illa de Tambo; o día 21 a Ruta da Pedra e da Auga; o 27 no Río Eifonso e o 28 pola contorna da Ponte Colgante do Lérez.

Posteriormente, para os baños de bosque de xuño, o prazo de inscrición iniciarase o 15 de maio, mentres que para as de xullo arrancará o 12 de xuño e para as de agosto, o 17 de xullo. En todos os casos, este prazo rematará dous días antes da ruta.

A música será a protagonista da xornada de mañá das Festas de San Telmo

0

Dentro da programación das Festas de San Telmo 2023, mañá martes día 11 a música volverá a ter protagonismo, xunto coa maxia e o teatro.

Ás 16:30 horal a Coral Ponte das Febres dará un concerto na Residencia San Telmo para os e as usuarias do centro.

Por outra banda, e pensando nos máis pequenos e pequenas da casa, o Rey Midas estará na carpa do Paseo da Corredoira coa súa actuación “Maxia cómica”, onde este mago con 20 anos de experiencia mestura humor, ilusionismo e misterio. Será a partir das 18:00 h.

Xa ás 21:00 horas inaugúrase a XIII Semana de Teatro Amador, onde catro grupos locais estrearán novas obras. Mañá será a quenda do grupo de Teatro Chirlomirlo de Randufe con “Don Quixote”. As entradas están xa á venda en tui.gal ao prezo de 2 euros. Ademais, ás 20:00 h poranse á venda 100 entradas no despacho de billetes.

O Porriño oferta un curso de monitor de tempo libre homologado

O Concello do Porriño, en colaboración coa ETL Avada Sociedade Cooperativa Galega, pon en marcha o Curso Homologado de Monitor de Tempo Libre. Os contidos do curso impartiranse seguindo unha formación mixta que combina a docencia presencial e en liña. Trátase dun curso de 200 horas cunha fase de prácticas de 150 horas a realizar unha vez rematada a parte teórica.

O prezo é de 250 euros en réxime xeral, de 225 € para as persoas que dispoñan do carné Xove e de 200 euros para as empadroadas no Porriño.

O alumnado que remate o curso obterá o título oficial de Monitor de Actividades de Tempo libre e estará formado sobre como dirixir grupos de persoas menores ou maiores e dinamizar, coidar entreter e sobre todo educar mediante as súas accións.

Este curso é requisito imprescindible para traballar en campamentos, conciliacións, granxas escola, ludotecas, parques de aventuras, obradoiros, extraescolares, centros socioculturais ou establecementos turísticos, entre outros.  

Desde hoxe ata o próximo 21 de abril poderanse realizar as inscricións a través da seguinte ligazón: www.avada.gal/etl/matl/porrino/. Darase prioridade ás persoas empadroadas no Porriño.

O laboratorio creativo Conecta Lab bota a andar na illa de San Simón

0

O laboratorio creativo de desenvolvemento de proxectos cinematográficos Conecta Lab, promovido pola Deputación de Pontevedra e CREA e que conta con financiamento europeo a través dos fondos Next Generation, abre as súas portas na Illa de San Simón. Entre mañá e o 20 de abril, Iria Sobrado, Alexandre Cancelo, Nacho Ozores, Lidia Fraga e Jacobo Díaz, Irene Pin e Dani Viqueira, os e as cineastas seleccionados, traballarán en cadanseus proxectos de maneira persoal, acompañados por titores especializadas co fin de profundar en aspectos artísticos e narrativos.

A Illa de San Simón é o elemento central deste laboratorio de ideas e a localización na que se desenvolverá a maior parte da actividade de Conecta Lab, que empapará da súa enerxía e historia a cada unha das persoas que participan. Este espazo será tamén escenario dunha serie de encontros profesionais, mesas redondas, proxeccións e instalacións artísticas co obxectivo de xerar espazos de comunicación entre creadores e creadoras, formular temas de debate ou abordar aspectos innovadores da creación audiovisual. Así, os e as participantes recibirán clases maxistrais de man de Álvaro Vega, Óliver Laxe, Carlos Marqués-Marcet, Pablo Martí ou Íciar Bollaín. Todas as sesións son abertas ao público sendo as impartidas por Álvaro Vega (martes 11 de abril, 20.00 h), Oliver Laxe (venres 14 de abril, 20.00 h), Carlos Marqués-Marcet (domingo 16 de abril, 20.00 h) e Pablo Martí (luns 17 de abril, 19.30 h) online con inscrición previa na web www.crea.gal. A sesión a cargo de Icíar Bollaín, o sábado 15 de abril ás 18.00 horas, será presencial, de acceso libre, e terá lugar no Museo MARCO de Vigo.

Tamén haberá outras actividades nas que participarán algúns dos nomes máis influentes dos últimos anos do audiovisual a nivel internacional, como Celia Rico, Laura Sarmiento, Alex Rodrigo, Álvaro Gago, Marjorie Bendeck, Enrique Lojo e Paula Cons. Ademais, tamén se estreitarán lazos con Portugal a través do encontro Cinema Arraino, no que haberá unha charla con André Guiomar, Luís Costa e Mafalda Rebelo sobre o cine no país luso e as conexións con Galicia, así como unha proxección da película “Fogo Fatuo” e un coloquio co seu director, João Pedro Rodrígues. O programa complétase cun roteiro para coñecer localizacións da ría de Vigo de man da Vigo Film Office ou unha mesa redonda sobre miradas de xénero no cinema, entre outras actividades.

Os proxectos seleccionados

En total, son 6 os proxectos que formarán parte desta primeira edición da residencia en San Simón, seleccionados por un xurado formado por expertos e expertas do sector. Iria Sobrado (Carballiño, 1979), que desenvolverá a longametraxe de ficción “Aquagym”, na que fai unha oda á sororidade na vellez, pois é a busca da identidade de seis mulleres camiño dos setenta anos, unha vez liberadas da carga dos coidados, que ven na súa monitora, máis nova e aparentemente libre, o espello no que mirarse. Alexandre Cancelo (Vigo, 1978) traballará nun proxecto de longametraxe de ficción que xoga co documental que nos lembra que “todos os camiños conducen a Grimsey”, unha pequena illa a 40 quilómetros e a parte habitada máis ao norte de Islandia.

Pola súa banda, Nacho Ozores (Lugo, 1995) desenvolverá “La idea de un hijo”, unha longametraxe de ficción na que narra a vida de Iván, un actor sen traballo que non quere ter fillos, mais a súa parella si quere ser nai. En “Normal”, de Lidia Fraga (Oleiros, 1976) e Jacobo Díaz (O Sabiñao, 1980), unha nai enfróntase á dúbida de que o seu fillo sexa un psicópata, debaténdose entre o amor que sinte cara el e o medo a que faga dano a alguén, incluída a ela mesma. “Terás que saltar”, de Irene Pin (Lugo, 1995) é unha longametraxe de ficción que conta a historia de coming of age de Eli, unha moza de 22 anos que terá que debaterse entre perseguir o seu sono e aceptar unha bolsa para ir estudar cine a Lisboa ou quedarse coa súa vida normal en Compostela. Por último, Dani Viqueira (A Coruña, 1983) desenvolverá a longametraxe de ficción “Invisibles”, que foi o proxecto seleccionado durante a súa a participación na xornada Conecta+, un thriller fantástico de terror psicolóxico no que, cando es invisible, a ninguén lle importa o que te pase.

A XXX Feira do Requeixo e o Mel, a máis visitada da historia

0

Todas as racións de requeixo e mel vendidas, milleiros de visitantes o Venres Santo e o sábado, bares, restaurantes, cafeterías, postos de pulpeiros, foodstracks, postos ambulantes, terrazas e zonas de lecer ateigadas, momentos nos que non había sitio dentro da carpa, situada na Praza Maior, mesmo intres nos que non era posible camiñar polo casco urbán. Ese é o resumo da 30ª Feira do Requeixo e do Mel que xa é histórica logo de comberterse na máis visitada.

Persoas de todos os lugares

Persoas chegadas dende todos os concellos do Condado, procedentes de Tui, A Garda, Vigo, Pontevedra, mesmo, familias da Coruña, Ourense e Lugo e das vilas portuguesas de Melgaço e Monçao, poideron gozar da gastronomía da zona, do requeixo e do mel, que superou as 3.000 racións servidas cada un dous días da feira. Familias xantando nalgúns dos parques e paraxes edas Neves, aproveitando dous días cun tempo excelente.

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, amosouse “abraiado e moi agradecido” polo “éxito” desta edición que, salientou, amosou que a Feira do Requeixo volve a estar na “vangarda”, contribuindo á cultura, a gastronomía, a economía e o turismo, “non so das Neves, senon de todo o noso territorio”.

Emocionante, Xabier Fortes

O momento álxido da celebración foi o pregón do xornalista de TVE, Xabier Fortes, quen falou da súa relación co requeixo, “sempre vencellada ao mel: da súa mixtura xurdía unha explosión de dous sabores tan opostos e, ao mesmo tempo, tan complementarios, con ducias de matices que iban do amargo  e ácido ao doce, como se fosen cores dunha paleta para pintar un arco da vella”.

Tamén adicou a súas lemebranzas ás mulleres, dende “as da miña vida”, como a avoa, que lle daba o requeixo bañado en mel, a “todas as que gobernaban familias e terras, que tiñan o mundo baixo os seus pés. A todas elas, a todas as mulleres das Neves e a todas as mulleres do mundo vai adicado este pregón”.

Cultura, lecer, diversión e paisaxe

Tamén houbo tempo estes días para a paisaxe, dentro dun programa que comezará o pasado día 2 coa ‘Andaina do Requeixo e do Mel’, na que participaron máis dun centro persoas.

Completaron a oferta o lecer e a música, con actividades na reformada Casa da Xuventude, un espazo infantil permamente, con manuelidades, pintura, mesmo elaboración do requeixo, a carón da Casa do Concello, a agardada actuación da Roda o -dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra-, deron forma a unha cita que consolida a feira como un referente en Galicia.

Ponteareas programa unha excursión á illa de Sálvora aberta a toda a veciñanza

O Concello de Ponteareas organiza unha excursión á illa de Sálvora, a menos coñecida de todas as que integran o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e un espazo cheo de natureza, cultura, historia e lendas. A saída será o vindeiro domingo 16 de abril e, aínda que está organizada ao abeiro do programa Mocidade Viva, estará aberta a toda a veciñanza.

A saída será ás 08.30 horas dende a estación de autobuses de Ponteareas e incluirá os traslados en autobús, a viaxe en barco dende O Grove, unha ruta guiada polo antigo pobo e visita ao Faro, ademais dunha degustación de mexillóns. A excursión rematará cunha nova ruta polo sendeiro de Pedras Negras, un impresionante paseo cunhas fermosas vistas ao mar. O regreso está previsto para as 20.00 horas.

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a toda a veciñanza a inscribirse nesta actividade “coa que desfrutar dunha xornada de lecer en plena natureza coñecendo a historia dunha das illas da nosa costa menos visitada, un lugar cheo de encanto e historia”.

O prezo da excursión será de 24 euros por persoa, que incluirá as rutas guiadas, o autobús, barco e degustación. Os nenos e nenas menores de 3 anos irán de balde. Para participar é imprescindíbel inscribirse a través do correo electrónico [email protected] ou no 687 764 516.

Redondela acondiciona o tramo da Senda da Auga que pasa polo municipio

0

O Concello de Redondela acondiciona os tramos da Senda da Auga que pasan polo municipio, unha actuación necesaria ao ser un lugar esquecido dende máis de 20 anos e que se atopa degradado polo paso do tempo e o seu uso. O roteiro percorre 23 km, pasando por un total de 9 parroquias redondelás, e considerase de gran importancia para o ocio da veciñanza e o turismo.

As actuacións consisten no acondicionamento con recheo de fochancas con xabre para achandar o terreo e a limpieza de cunetas. Así como  a instalación de tubaxe e sistemas que non permita a caída da auga dende o monte ao paseo de terra, sobre todo naquelas zonas que tenden a inundarse con maior frecuencia. A primeira actuación xa está en marcha no tramo que pasa por San Esteban de Negros, Vilar de Infesta, Quintela e Reboreda.

“Estamos comezando cos tramos máis danados polas choivas deste ano e continuaremos cubrindo toda a zona, para que a xente poida desfrutar desta ruta de gran valor natural durante a Semana Santa e o verán”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

En Redondela a Senda da Auga pasa polas parroquias de Chapela, Trasmañó, Cedeira, Negros, Cabeiro, Vilar de Infesta, Saxamonde, Quintela e Reboreda. Este roteiro ten un gran valor ecolóxico e natural e case non ten pendente, polo que o poden gozar todo tipo de persoas para pasear, andar en bicicleta, correr e tamén persoas con mobilidade reducida.

“Esperase que este verán aumente a afluencia de xente que escolla a senda da auga como actividade saudable e ao aire libre, polo que deixaremos todo listo para o bo tempo. Despois de Semana Santa continuarán as actuacións de acondicionamento en Cedeira, Trasmañó e Chapela para deixar todo completo”, conclúe Rivas.

Mondariz ampliará a rede de saneamento de Vilasobroso

0

O Goberno municipal de Mondariz aproveitou un remanente orzamentario do exercicio pasado correspondente ás obras da senda fluvial de Laredo, iniciadas este ano 2023, para promover a ampliación da rede municipal de saneamento na entidade local menor de Vilasobroso. Esta actuación, que está esperando a aprobación da Deputación de Pontevedra para ser licitada, no marco do Plan Concellos 2022, supón un investimento de 70.204,65 € en infraestruturas e servizos públicos básicos. 

Coa ampliación da rede municipal de saneamento, entre 25 e 30 vivendas do barrio do Cruceiro poderán conectar coa depuradora ecolóxica construída a finais de 2021 en Vilasobroso para dar servizo aos barrios da Pena e do Cruceiro. Actualmente, malia estar en funcionamento esta instalación para depurar augas residuais, son moi poucas as vivendas que teñen acceso ao servizo.

Depuradoras ecolóxicas en Vilasobroso e Mouriscados

No ano 2021, o Goberno municipal de Mondariz executou as obras correspondentes ás depuradoras ecolóxicas de Vilasobroso e Mouriscados, proxectadas durante o mandato anterior con cargo ao Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra. En ambos casos, as actuacións se atrasaron porque a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) non deu a debida autorización e esixiu realizar modificacións substanciais nos proxectos.

“No caso de Vilasobroso, a construción da depuradora deu moitísimos problemas ao Concello de Mondariz porque foi unha obra mal proxectada. Houbo que construír cinco pozos filtrantes que non estaban planificados inicialmente para cumprir coas esixencias da CHMS en materia de filtración de augas residuais e acadar a autorización pertinente para poder proceder á licitación da obra”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

As modificacións esixidas para acadar autorizacións sectoriais supuxeron atrasos na execución do proxecto. Malia que a subvención concedida para esta obra ascendía a 157.718 €, as empresas que concursaron durante o proceso de licitación rebaixaron ata 20.188 € ese importe. Executada e xustificada a obra, o Concello de Mondariz solicitou o reinvestimento desta cantidade na electrificación da instalación, mais a Deputación non o permitiu. “Isto aconteceu en moitos concellos con proxectos arrastrados desde 2018.

As depuradoras ecolóxicas que se construíron en Vilasobroso e Mouriscados funcionan con humidais artificiais, pero é necesario electrificar as instalacións e ese proceso non estaba incluído nos proxectos iniciais. No caso de Vilasobroso, o Concello de Mondariz tivo que destinan arredor de 10.000 € do orzamento municipal a esta obra adicional; e no caso de Mouriscados tamén debeu ocuparse da electrificación da instalación, aínda que foi máis doado porque coincidiu que había un transformador eléctrico ao lado.

Servizo municipal de baleirado de fosas sépticas e pozos negros

Tendo en conta que unha gran parte do Concello de Mondariz non ten acceso á rede municipal de saneamento e que a falta de conexión coa EDAR de Mondariz Balneario dificulta a depuración de augas residuais, o Goberno municipal promoveu en 2021 un novo servizo público de baleirado de fosas sépticas e pozos negros para os veciños e as veciñas de Mondariz. A ordenanza municipal reguladora establece un prezo público de 65 € por cada baleirado, que debe ser solicitado no Concello de Mondariz e é realizado polos propios operarios municipais cun camión cisterna adquirido para tal fin.

Aberto o prazo para reservar para o “Xantar da lamprea”

0

O vindeiro sábado, 29 de abril de 2023 ás 15.00 horas, volve no restaurante “Os Pirús” un dos actos centrais da próxima “LXIII Festa dA Lamprea” (28, 29 e 30 de abril), o “Xantar da  Lamprea”. Os interesados en acudir a esta cita teñen de prazo ata o 26 de abril para realizar o pago de 75 € por comensal, que poden ingresar na conta Abanca 2080-5011-88-3040013796.

O menú é igual de completo e saboroso que en edicións anteriores e inclúe:

  • Entrante: lamprea rechea con  salpicón
  • Primeiro prato: sabalo do Miño fritido en cama de cachelo e crema de  berros. E  Lamprea do Miño estilo arbense con arroz e picatostes
  • Segundo prato: cabrito de San Fins ou espaldilla de ternera galega ao forno con guarnición
  • Postre: leite frito

O menú inclúe viños brancos e tintos, viño espumoso da zona do Condado con Denominación de Orixe Rías Baixas. Tamén auga, refrescos e licores tamén con Denominación de Orixe.

Este tradicional xantar, acto central e principal do evento, supuxo no ano 1961 a orixe da Festa Gastronómica máis antiga de Galicia, cando un grupo de veciños e responsables de varios restaurantes e adegas organizaron a primeira edición co obxectivo de dar a coñecer este singular produto así como os excepcionais viños do municipio, hoxe acollidos á citada Denominación de  Orixen Rías Baixas.

Desde entón, Arbo celebra ininterrompidamente a súa festa máis importante do ano, que este ano estreamos como Festa de Interese Turístico Internacional, o que supón o máximo recoñecemento e distinción honorifica no turismo.

Tomiño transformará a Casa dos Mestres na Casa do Tempo

0

Tomiño vén de conseguir unha subvención de 560.000 euros de fondos europeos para transformar a Casa dos Mestres e as escolas unitarias de Sobrada na Casa do Tempo, un lugar dixital, interactivo e inclusivo destinado á recollida e conservación de documentos gráficos e audiovisuais sobre os usos, costumes, patrimonio e tradicións desta parroquia.

Este proxecto foi un dos 15 seleccionados en toda Galicia de as máis de mil iniciativas presentadas en toda España para recibir este fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. A proposta presentada polo Concello de Tomiño acadou unha moi boa puntuación, quedando no posto 111 de entre todos os proxectos que optaban ao financiamento.

Con este proxecto, realizado en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sobrada, rehabilitarase a antiga escola unitaria da parroquia construída en 1950 creando un espazo de participación na que a veciñanza sexa tamén a protagonista, xa que poderán contribuír á creación e enriquecemento do arquivo histórico gravando os seus propios testemuños e achegando material gráfico e audiovisual xa existente. As obras suporán un investimento de case 800.000 euros.

“Será un espazo inclusivo, pensado para todos, porque todas as historias son importantes. Un testemuño de hoxe será unha lembranza que mañá alguén quererá coñecer e que falará en primeira persoas de como era a nosa vida”, explica a alcaldesa, Sandra González.

O centro axudará a preservar a memoria da parroquia grazas ás ferramentas dixitais de doado manexo que albergará no seu interior e que converterá o espazo en punto de recollida, almacenamento e tamén creación. A Casa do Tempo contará cunha peza central a través da que os usuarios e usuarias poderán escanear e depositar imaxes da súa propiedade sen necesidade de deixalas fisicamente, ademais dun arquivo ao que se poderá acceder de forma dixital.

O futuro centro contará tamén cunha ‘cápsula do tempo’, unha sala na que as persoas interesadas poderán entrar a gravar os seus testemuños en vídeo de xeito sinxelo, axudando así a crear un banco da memoria que recolla dende nomes de lugares, receitas de cociña típicas ou festas e celebracións tradicionais ata xogos populares, artes de pesca ou a descrición de personaxes da parroquia. Haberá tamén a disposición da veciñanza unha sala de edición na que poder traballar nos seus propios vídeos, así como unha sala de xogo dixital na que poñer a proba os coñecementos sobre a cultura e o territorio da parroquia de Sobrada.

Cinco novos obradoiros chegan esta semana da man de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana do 10 de abril cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións centraranse en ciberseguridade, protección de negocios desde a perspectiva legal, posicionamento de pago en buscadores, xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos e aparencia e imaxe persoal para a emisión de eventos en liña de xeito profesional.

O luns 10 ás 10:00 horas terá lugar o obradoiro “Ciberseguridade, copias de seguridade” para dar a coñecer a importancia de ter os datos apoiados cunha copia de seguridade, non só pola posibilidade de ser vítima dun ataque informático senón tamén pola posibilidade de incidentes como roubos,  inundacións ou unha suba de tensión na rede eléctrica. O obradoiro será impartido por Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

O día seguinte, o martes 11 ás 11:00 horas, celebrarase o obradoiro “Queres protexer o teu negocio e destacar no mercado?”. Nela, as persoas participantes aprenderán a identificar os elementos clave dunha marca e como rexistrala correctamente, a coñecer os diferentes tipos de marcas e cal é a máis adecuada para o seu negocio, a entender como funciona a propiedade intelectual e como protexer as súas ideas e deseños e tamén a coñecer as mellores prácticas para protexer a súa marca e evitar conflitos legais. O obradoiro será impartido por José Manuel Sendín Rodriguez, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, avogado e socio do despacho SISTEMIUS.

O mércores 12, SmartPeme organiza dúas actividades. A primeira delas será ás 12:00 horas: “Google Ads, como entendelo e crear campañas eficaces II” (dando continuidade á primeira sesión, celebrada o 22 de marzo). Para un negocio converteuse en indispensable saír como resultado de procura en Google, e para iso non é suficiente con facer só unha estratexia de posicionamento orgánico senón crear anuncios para alcanzar o público obxectivo. O obradoiro será impartido por Laura Carrera, Graduada en Publicidade e Relacións Públicas e Postgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa.

Xa pola tarde, será a quenda do obradoiro “Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos”, enmarcado no auxe do mercado de alugueiro vacacional que pode ser unha oportunidade de negocio para persoas propietarias de vivendas e apartamentos. A xestión esixe adoptar novas estratexias de comercialización e márketing en liña para aumentar as reservas e o beneficio, polo que as persoas participantes aprenderán sobre clasificación e requisitos legais, plataformas de comercialización en liña, reservas e check-in en liña e mellora da experiencia da persoa usuaria. O obradoiro será impartido por Sonia Torres, Técnica de Empresas e Actividades Turísticas pola Universidade da Coruña con posgrao en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas pola Universidade de Santiago de Compostela.

Por último esta semana, o xoves 13 ás 11:00 horas celebrarase a quinta sesión do curso “Como emitir o teu evento en liña de maneira profesional”, centrado na aparencia e imaxe persoal e tocando aspectos como a presenza ante a cámara, o encadre, a comunicación non verbal, a preparación do material, o fondo, a roupa ou a luz, entre moitos outros. O obradoiro será impartido por Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.

Comeza a segunda fase de humanización da rúa Carabela Pinta de Baiona

0

O Concello de Baiona iniciará o vindeiro martes, 11 de abril, as obras da segunda fase da humanización da rúa Carabela Pinta, cun orzamento de adxudicación de 285.000 euros.

“Esta actuación supón un paso máis no novo modelo de vila posto en marcha neste mandato municipal, con máis espazos de preferencia peonil, mellor accesibilidade e seguridade viaria, cumprindo ademais as directrices do novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Baiona”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado.

A rúa Carabela Pinta é unha das principais arterias da vila. O ámbito da nova fase de humanización constitúe o tramo da rúa desde o seu encontro con Cidade de Vigo, ata a conexión con Marqués de Quintanar, ademais da intervención sobre o extremo Sur da rúa Cidade de Vigo.

Por iso, o presente proxecto ten por obxecto realizar as obras necesarias para impulsar a mobilidade e accesibilidade neste tramo, permitindo recuperar espazos para o peón no trazado da rúa.

“Este tramo da rúa terá unha solución de plataforma única, dando continuidade á zona xa humanizada, dispoñendo dun novo pavimento que dea prioridade ao peón, mellorando a súa accesibilidade e funcionalidade”, afirma o concelleiro de Obras, Óscar Martínez.

Coa humanización, tamén se soterrarán as instalacións urbanas aéreas existentes; así como tamén se proxecta a renovación da canalización de formigón existente de saneamento, con rede separativa de augas fecais e pluviais, a renovación da rede de iluminación, xunto coa substitución da rede de abastecemento, e a incorporación dunha instalación de rega para as zonas verdes.

Así mesmo, dotarase ao tramo de vía intervido co mobiliario urbano necesario, consistente en iluminación, zonas verdes, bancos, papeleiras e un paso de peóns con sinalización intelixente, no encontro do ámbito de actuación coa rúa Marqués de Quintanar.

Dispositivo de tráfico na segunda fase da rúa Carabela Pinta

Os obras comenzarán o martes 11 de abril e nesta primeira etapa da obra o tráfico regularase desta forma:

  • Rúa Carabela Pinta dende a rotonda de Colón: cortado ao tráfico excepto o acceso aos garaxes
  • Rúa Carabela Pinta dende a estrada autonómica: cortado ao tráfico excepto o acceso a vehículos autorizados (carga e descarga) de 7:00-14:00, prohibido aparcar e dobre sentido de circulación
  • Rúa Cidade de Vigo:
    • cortada á altura de Carabela Pinta
    • no tramo entre a estrada autonómica e rúa Laureano Salgado: cambiase o sentido de circulación (entrada dende a carretera principal)
    • no tramo entre rúa Laureano Salgado e Carabela Pinta: acceso restrinxido para residentes e autorizados, prohibido aparcar e dobre dirección

Nigrán completará o empedrado e saneamento de Chandebrito

0

O Concelllo de Nigrán completará o empedrado do núcleo histórico de Chandebrito co obxectivo de potenciar o valor etnográfico da zona e darlle continuidade aos adoquinados iniciados por vez primeira polo goberno local no ano 2019.

Nesta segunda fase, para a que a Deputación de Pontevedra ven de aprobar o investimento de 135.833 € a cargo do Plan Concellos, completarase a rúa Igrexa, Camiño da Pedreira e Camiño Chans. Igualmente, ademais de substituírse o aglomerado asfáltico por esta solución máis acorde coa contorna, dotarase de saneamento a varias vivendas que aínda non teñen. 

A actuación suporá non só unha mellora no mantemento e conservación do firme, se non unha posta en valor dos elementos patrimoniais e etnográficos deste núcleo de aldea tradicional único no municipio, repercutindo nunha gran mellora paisaxística, tal e como se puido comprobar no 2019.

Abraham Cupeiro ofrece un concerto en Arbo

0

O vindeiro sábado 22 de abril, ás 20:00 horas, terá lugar o concerto de Abraham Cupeiro no auditorio do centro multiúsos de Arbo. Este concerto está enmarcado dentro da programación para a LXIII Festa da Lamprea, que terá lugar en Arbo os días 28, 29 e 30 de abril, que este ano se estrea como “Festa de Interese Turístico Internacional”. A entrada é gratuíta.

No seu espectáculo ‘Pangea’, Abraham Cupeiro fai un percorrido ao redor do mundo a través dos diferentes estilos de música que se escoitan en cada lugar do planeta.

Abraham Cupeiro (Sarria, 1980), estudou trompeta en Madrid. Sempre curioso e emprendedor, construíu en 2006 unha trompeta barroca do século XVIII. Copiando a imaxe dunha moeda romana reconstruíu pouco despois outro tipo de trompeta chamado carnyx, instrumento celta da idade de ferro. E recuperou máis tarde a corna, dispositivo sonoro da tradición galega. E así, aos poucos, foi estudando outros tipos de instrumentos de vento e fabricándoos en boa parte ata reunir unha colección de máis de 200 de diferentes épocas.

A Banda de Música de Arbo, conta xa con 129 anos, o que significa unha gran tradición arraigada no espírito de Arbo, máis dun século de amor pola música e a cultura, animando os nosos corazóns e con ganas de continuar a súa estupenda traxectoria, medrando e superándose ano tras ano.

En 1890, baixo a dirección do Señor Boleiros, comeza a organizarse un grupo de músicos para formar unha Agrupación Musical, con xente entusiasta e apaixoada da música e variados instrumentos. A ilusión nesta Banda era grande, pero en 1953 desfaise polas circunstancias históricas e sociais que mesmo obrigan a algúns a emigrar.

Pero a implicación e devoción destes músicos e a dos veciños de Arbo e da administración pola música, levou a que en 1991 se crease a Escola de Música de Arbo e con ela o rexurdimento da Banda de Música do Municipio de Arbo. Unha banda, que amparada por mestres como Ignacio, Joaquín, Antonio, Manuel (Lito), Víctor Fernández, Cesar Pousada,  Jesús Iglesias  e o actual director Tomás Alonso, unha banda recoñecida a nivel galego e nacional, en todas partes saben que en Arbo nacen grandes músicos, cunha gran paixón pola música, conectora de almas e de culturas.

Volven as xornadas ‘Acompañando na aventura de crecer’ ao Porriño

Aproveitando a boa acollida que tiveron as xornadas `Acompañando na aventura de crecer´, impulsadas no 2022 pola Concellería de Cultura e Igualdade do Porriño a través da Biblioteca Municipal, ponse en marcha unha segunda edición deste ciclo de xornadas para familias e profesionais co obxectivo de seguir achegando información á sociedade adulta, a responsable de guiar e acompañar á nosa infancia.

Como na anterior edición, as diferentes perspectivas abordaranse desde a oportunidade e o desafío que supón entender mellor o desenvolvemento do cerebro infantil e cal é o noso papel como coidadores/as, ben sexamos as súas figuras referentes ou ben as persoas que atendemos as súas necesidades en momentos puntuais. Porque o noso modo de estar presentes, de crear oportunidades e acompañalos/as no seu camiño así como o modo no que nos comunicamos os condiciona.

Nesta ocasión, vólvese apostar por diferentes perfís profesionais para afondar no campo da comunicación, o procesamento sensorial e a aprendizaxe.

Como novidade, nesta edición desenvolverase antes de cada conferencia, un obradoiro práctico onde se darán e proporán ferramentas útiles para aplicar cada día coa conciencia e co propósito de favorecer un bo desenvolvemento infantil. Estes obradoiros levaranse a cabo en grupos reducidos e requirirán inscrición previa no seguinte correo electrónico: [email protected] .

Os relatorios son abertos a todo o público sen necesidade de inscrición.

Obradoiro de comunicación infantil e conferencia ‘Por que lle doe a tripa?’

As xornadas arrancarán o venres 14 de abril co obradoiro `Comunicación no conflito´ e a conferencia `Por que lle doe a tripa´ a cargo de Gloria González.

O obradoiro práctico desenvolverase de 16 a 18:30 h. Está dirixido a nais, pais e profesionais do ámbito educativo e da saúde e nel poderán aprender as claves emocionais e comunicativas necesarias para manexar conflitos e convertelos nunha oportunidade.

Ás 19 h comezará a conferencia `Por que lle doe a tripa?´ que terá como relatora a Gloria González, psicóloga sanitaria, formadora e psicoterapeuta experta en desenvolvemento, apego e trauma.

Dirixida tamén a nais, pais e profesionais do ámbito da saúde e da educación. Nesta charla traballaranse as claves para entender o que nos están expresando os/as nenos/as co seu comportamento e como poder abordar, dunha maneira máis adecuada as necesidades que están a manifestar.

Alumnado do Rosal achégase á figura de Domingo Fontán

0

Foi o impulsor da xeografía moderna en Galicia e a primeira persoa en elaborar un completo mapa do país, a súa Carta Xeográfica de Galicia. Foi Domingo Fontán, histórico matemático e cartógrafo galego, unha figura que agora se achega á mocidade rosaleira a través do Servizo de Patrimonio Documental de Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.

O alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier poderá coñecer a este persoeiro coa proxección do documental ‘Fontán, o primeiro rostro de Galicia’, que achega á mocidade cunha linguaxe sinxela o proceso que levou a Domingo Fontán a determinar a través da súa carta xeográfica a orografía de todo o territorio galego nunha época na que non existían as novas tecnoloxías. Foron 17 anos de traballo.

Así, o vindeiro 12 de abril ás 12.00 horas o estudantado coñecerá como foi o proceso que deu pé ao primeiro mapa moderno e rigoroso de Galicia, que sería base cartográfica de proxectos de ferrocarril e de estradas e fonde de elaboración doutros mapas. Deste xeito, O Rosal será un dos 10 concellos da provincia que poidan gozar desta peza audiovisual que inclúe entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía.

A Xunta adianta ao 10 de abril a vacinación do herpes zóster

A Xunta de Galicia incorporará a partir do vindeiro 10 de abril, a administración da vacina fronte ao herpes zóster, que será administrada de xeito sistemático ás persoas que fagan 65 e 80 anos, cada ano. Deste xeito, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade adianta en 2 meses o comezo dun proceso, cuxo inicio estaba previsto para o mes de xuño.

O pasado 15 de setembro de 2022 a Consellería de Sanidade presentou o “Calendario de vacinación ao longo de toda a vida”, do Programa Galego de Vacinación, que contempla a estratexia para a inmunización en todas as etapas da vida, reforzando o concepto de que a vacinación non remata na infancia.

O “Calendario de vacinación ao longo de toda a vida” actualizarase durante este ano 2023, con novas incorporacións:

A primeira novidade deste calendario será a inclusión da vacina fronte ao herpes zóster (Shingrix®)  como vacinación sistemática, na poboación xeral que cumpra 65 e 80 anos. É dicir, neste 2023 vacinarase ás persoas nadas nos anos 1958 e 1943, respectivamente. Así, cada ano vacinarase as persoas que vaian cumprindo 65 e 80 anos.

Ademáis, mantense a administración en persoas de 18 e máis anos pertencentes a grupos de alto risco como son: transplante autólogo de proxenitores hematopoéticos; transplante de órgano sólido, tratamento con fármacos anti-JAK, persoas estables con terapia antirretroviral, hemopatías malignas; e tumores sólidos en tratamento con quimioterapia.

A pauta desta vacina consta de dúas doses, separadas alomenos por 2 meses entre sí.

Novidades no calendario de vacinación

Posteriormente, e de forma secuencial, ao longo do ano 2023 introduciranse outras novidades que xa foron anunciadas:

En concreto, a modificación da vacina pneumocócica conxugada, coa incorporación da vacina 20 valente para as persoas de 65 anos; a inclusión da vacina fronte ao rotavirus en lactantes a partir dos dous meses de idade; e a inclusión do anticorpo monoclonal fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) en neonatos e lactantes durante a súa primeira tempada do VRS.

Previsiblemente, a mediados de ano publicarase a actualización do calendario de vacinación ao longo de toda a vida e a correspondente instrución con estes cambios.

Toda a información técnica atopase na instrución “Recomendacións de vacinación fronte ao herpes zóster”: https://www.sergas.gal/Saude-publica/Calendario-comun-vacinacion.

Charla sobre o autismo na infancia o 15 de abril na Axencia de Colocación de Mos

0

Desde a Concellería de Educación do Concello de Mos púxose en marcha, para celebrar o vindeiro sábado 15 de abril, en horario de 10 a 14 horas, unha charla para familias sobre o espectro autista.

Será impartida nas instalacións da Axencia de Colocación do Concello de Mos por Marlene Horna, psicóloga que dende fai máis de dúas décadas traballa apoiando a persoas no espectro do autismo e ás súas familias.

Horna é autora do libro “Nenos e nenas no espectro do autismo, comprensión e estratexias prácticas de apoio educativo”. Nesta obra a psicóloga abarca, cunha visión proactiva, positiva e optimista, a comprensión e/ou apoio ás persoas en todo o amplo espectro do autismo baixo un enfoque práctico.

Coa formación organizada en Mos para as familias, búscase por en marcha os apoios necesarios que promovan o desenvolvemento persoal dos menores, co fin de que desfruten do seu dereito a unha vida plena, digna e feliz, participando e contribuíndo na comunidade.

As persoas interesadas en participar nesta charla formativa deberán inscribirse previamente no teléfono 986 339 404, ou enviando un e-mail cos seus datos a [email protected].

O proxecto de construción dun novo aparcamento na Cañiza quedará redactado nas vindeiras semanas

0

O pasado 11 de decembro de 2022 o alcalde da Cañiza anunciou que se iniciaba o proxecto de expropiación e recuperación paisaxística dun novo estacionamento no lugar denominado «Chan de Lourido», unha zona arborada de máis de 9.000 m2 situada no lugar do Regueiro, na subida que conduce á Casa de Cultura.

Esta actuación nace para dar resposta ás necesidades da veciñanza e dos visitantes de dotar ao núcleo urbano dun espazo máis amplo para aparcamento, co obxectivo de mellorar o benestar dos veciños e ofrecer uns servizos obrigatorios de calidade, sen comprometer outras actuacións de desenvolvemento urbanístico como será a urbanización e humanización da Rúa do Regueiro. Zona que na actualidade acolle gran cantidade de vehículos.

Para realizar esta actuación o primeiro paso é realizar unha expropiación dos terreos necesarios, para o que o Concello xa dispón do proxecto pero que require un plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) que modifique o Plan Xeral de ordenación Municipal (PXOM) aprobado o 27/06/2003, que recolle estes terreos como “solo urbanizable non delimitado”.  Este PEID tramitarase seguindo os pasos que recolle a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

En paralelo a isto, o Concello encargou a redacción do proxecto para o novo aparcamento, que se levará a cabo no momento no que se culmine a expropiación e se obteñan os fondos necesarios.  Dispor do proxecto é fundamental para optar á financiación necesaria no momento no que se presente a oportunidade de obter subvencións doutra administración.

Este proxecto, que se atopa nas ultimas fases da súa redacción, contempla crear unha zona de aparcamento entre vexetación autóctona. O aparcamento articularase en 4 plataformas que discorren na parcela salvando os desniveles, coa circulación dos vehículos e dos peons entre as zonas verdes.

Contará con accesos dende as rúas Álvaro Cunqueiro e rúa Regueiro, con 160 prazas integradas nun espazo natural no que se estima a plantación de 200 árbores autóctonas.

Todo o conxunto de superficies serán drenantes, de fácil mantemento e durabilidade.

O deseño deste aparcamento está pensado na mesma liña que marca o plan Ágora da Deputación de Pontevedra, ao que o Concello se atopa adherido, que entende os espazos públicos mais amables co cidadán e integrados na natureza.

Os maiores do Porriño poden disfrutar dunha excursión gratuíta ao Grove e ría de Arousa

A Concellería da Terceira Idade do Porriño, que dirixe Rosario Costas, abre o luns o prazo de inscrición para unha nova excursión. Desta vez ao Grove e Ría de Arousa con paso en barco pola ría.

Será o vindeiro 29 de abril e os participantes disfrutarán dunha xornada repleta de actividades. Ás 8:45 h partirán cara Arousa onde visitarán a Illa da Toxa, o Monte Siradella e o Sendeiro de Pedras Negras ademais de visitar a vila do Grove e o paseo en barco pola ría. A hora de regreso está prevista entre as 20:30 e as 21 h.

A actividade está dirixida a persoas maiores de 65 anos ou pensionistas maiores de 55 e será preciso que estean empadroadas no Porriño. A inscrición abrirase este luns 10 de abril e ata o 24 de abril. Pode formalizarse no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. É unha actividade con prazas limitadas que se cubrirán por orde de inscrición. Máis información: 616 75 55 56.

Chega a Ponteareas a representación de ‘Leo e as cores’

Nova sesión do Programa Apego, que regresa a Ponteareas cunha nova historia coa que a cativada poderá pasar unha divertida tarde de lecer e descubrimentos en lingua galega. O vindeiro mércores 12 de abril a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá ás 18.00 horas a representación de ‘Leo e as cores’, de Trémola Teatro, un espectáculo recomendado especialmente para nenas e nenos de entre 6 meses e 4 anos.

Nesta actividade a rapazada e as persoas acompañantes descubrirán a historia de Leo, o león máis curioso de toda a selva. Un día unha chuvia de pompas quítalle ao Elefante Ante e á Tartaruga Uga as súas cores. Pero, será quen Leo de, coa axuda de nenas e nenos, devolverlle ás cores aos seus amigos e amigas? A través de diferentes elementos sensoriais, Leo axudará aos máis pequenos e pequenas da casa á gozar das cores.

A actividade será de balde, aínda que para poder asistir é necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas en asistir poden reservar a súa praza a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 640 000, extensión 1010.

Esta actividade de Trémola Teatro está encadrada dentro do programa Apego, “un proxecto colectivo pensado para fomentar e facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización da cativada de entre 0 e 6 anos no noso idioma”, como salienta o concelleiro de Lingua, Fernando Groba. O edil convida a todas as familias con nenos e nenas desta idade a asistir a esta divertida actividade.

Xa dispoñible a comunicación vía Whatsapp co Concello da Guarda

0

O Concello da Guarda continua co seu proceso de modernización e establecemento de novas canles de comunicación coa cidadanía. Nesta ocasión incorpora o servizo de mensaxería instantánea Whatsapp, a popular app que ten un uso tan estendido entre persoas de todas as idades.

Pódense consultar as normas de uso na seguinte ligazón (https://www.aguarda.es/wp-content/uploads/2023/04/Normas-uso-whatsapp-concello.pdf). Recordar que para a recepción de incidencias segue estando en funcionamento a aplicación “Concello da Guarda” e o apartado “Diríxete ao Alcalde” da web municipal www.aguarda.es.

Mos habilita amplia o espazo de estacionamento en Puxeiros

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, informaron de que xa se pode aparcar na parcela alugada polo Concello para habilitala como aparcadoiro en Puxeiros.

Os vehículos xa poden estacionar no terreo cuxo expediente de contratatación, para o devandito aluguer da parcela para estacionamento na zona de Puxeiros (Avenida do Rebullón), aprobouse en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, de data 29 de marzo.

O aluguer, de contratación directa, de parcela para estacionamento de vehículos no Rebullón, parroquia de Tameiga, conta con expediente, no que consta informe de necesidade xustificativo.

A parcela alugada ten unha superficie útil de 1.250 m2. A administración local aboará unha cantidade mensual en concepto de aluguer. Para o gasto anual do alugueiro o Concello conta co crédito do importe total contemplado e reservado no orzamento vixente de gastos de 2023.

A renda aboarase por anualidade vencida, previa presentación e tramitación da factura correspondente, mediante ingreso na conta corrente que indique a arrendadora.

Á vista da ubicación da parcela que se pretende alugar e a súa proximidade á Avenida de Puxeiros, onde se concentra o problema do estacionamento de vehículos, tendo en conta as condicións esixidas no expediente respecto da superficie necesaria para o estacionamento, acceso rodado a vía pública e orografía plana, así como a dispoñibilidade dos propietarios para alugar esta parcela por debaixo dos prezos de aluguer da zona, atendendo á valoración dos Servizos Técnicos, decídese alugar por parte do Concello para habilitala como aparcadoiro público gratuíto.

Mos “únese ao reto” da reciclaxe

0

A Xunta de Galicia e Ecoembes colaboran na cuarta edición da iniciativa Únete ao reto, que ten como obxectivo fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks en contedores amarelos en 11 concellos das catro provincias. Entre eles atópase o Concello de Mos, no que se instalaron elementos publicitarios da campaña na fachada da propia Casa Consitorial e na zona do Multiusos das Pozas (onde se colocou un contedor xigante), precisamente xunto ao parque infantil temático da reciclaxe.

O reto da campaña Únete ao reto, valla a redundancia, consiste en incrementar, polo menos, nun 10 % as cifras de recuperación deste tipo de residuos con respecto ao ano anterior. Para cumprir o obxectivo, os municipios contarán con programación especial nas súas rúas durante tres meses para concienciar á cidadanía da importancia e o beneficioso que é para o medio ambiente este pequeno xesto.  

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático explicou que as localidades que logren o reto recibirán como recompensa 1.500 euros, unha cantidade que deberán destinar á causa social local que elixan. Ademais, Sagrario Pérez, tamén anunciou que a iniciativa comezou a desenvolverse o luns 3 de abril, e que se prolongará ata o 30 de xuño nos concellos participantes. Concretamente, estes son: Arzúa, Melide, Ribadeo, Barbadás, Celanova, Xinzo de Limia, Baiona, Mos, Nigrán, Salvaterra de Miño e Silleda; que, en total, suman preto de 140.000 habitantes.

Entre as medidas que se levarán a cabo para superar o desafío, está a instalación de contedores xigantes e a realización actividades de concienciación a pé de rúa. Estas accións serán promovidas polos 16 monitores do proxecto, que estarán un mínimo de 4 días en cada un dos 11 municipios que colaboran na campaña.  

Do mesmo xeito, cómpre lembrar que nos próximos días ademais dará comezo a iniciativa O Mundo, tamén promovida pola administración autonómica, e esta vez dirixida a toda a poboación galega, co fin de seguir mellorando as taxas de reciclaxe de envases e concienciar á cidadanía dos beneficios que ten unha boa calidade do aire e o coidado do medio ambiente.

Carla Carrón, do CN Ponteareas, campioa de España nos 100 e 200 metros libres

Gran participación do Club Natación Ponteareas no Campionato de España Absoluto Open celebrado a pasada fin de semana en Mallorca. Unha cita clasificatoria para os campionatos de Europa e do Mundo junior, que se disputarán en Belgrado e en Fukuoka o vindeiro verán.

As tres deportistas do CN Ponteareas participantes, Sofía Carballo, Iria Lemos e Carla Carrón, tiveron en Baleares un papel sobresaínte, batendo varias mellores marcas persoais e clasificándose no top 10 en varias das súas probas.

Carla Carrón acadou cinco medallas e proclamouse campioa de España na categoría absoluto-moza nas probas de 100 e 200 metros libre, ademais de lograr a marca mínima clafisicatoria para o Campionato de Europa e o Mundial, aos que acudirá coa selección española para participar nas probas de 800, 200 e 400 libres. Nesta última proba acadou tamén a mínima para participar no Europeo Sub-23 de Dublín o vindeiro mes de agosto. 

Tamén foi destacado o papel de Iria Lemos, que acadou a mellor marca galega de 17 anos nos 50 bolboreta.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, felicitou ao club e ás tres nadadoras “que teñen un horizonte moi ilusionante por diante, con múltiples citas e retos deportivos”.

Pistoletazo de saída para as festas de San Telmo 2023

0

Todo preparado en Tui para o inicio este sábado das Festas de San Telmo 2023. O polifacético actor, presentador e monologuista Carlos Blanco será o encargado da lectura do pregón o sábado, ás 12.45 h na praza da Inmaculada.

Xa dende ás 12 h a charanga Cantos Somos e os Xigantes e Cabezudos estarán na praza da Inmaculada, onde a esa mesma hora comeza o II Encontro de Viños da Raia no que van participar a Adega Corisca, de Tui; Adega do Vimbio, de Tomiño; Adega Edmun do Val, de Valença; Sergio Álvarez, do Rosal; Lagar Pedregales, de Tomiño; Adega do Ricón, de Arbo; Adega Pateira, do Rosal; Márcio Lopes, de Melgaço, Adega María Bargiela, de Salvaterra de Miño e Jorge Marcote Viticultor de O Rosal. Tamén haberá distintos postos de comida que ofrecerán petiscos coma xamón, queixo, patés, empanadillas… Unha cita gastronómica que terá lugar tanto o sábado coma o domingo de 12 a 15 h e de 19 a 22 h.  No marco deste encontro o sábado ás 19 h presentaranse os viños da enóloga tudense Susana Esteban no interior do edificio da propia praza da Inmaculada, sendo preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo. No mesmo lugar ás 20.30 h terá lugar a presentación do libro “A nación dos mil viños” de  Martiño Santos, Xosé Gontá Sobrino e Toño Núñez Amigo-Rivadulla publicado por Edicións Laiovento.

Neste primeiro día das Festas ás 18.30 h no Teatro Municipal de Tui terá lugar a III Gala Premios Cidade de Tui na que se recoñecerá a nivel individual ao médico Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, e no colectivo á Radio Municipal de Tui. Unha hora despois, ás 19.30 h, na Sala de Exposicións Municipal será inaugurada a mostra “As orixes da fotografía de Tui”.  A continuación as bandas de gaitas Arume de Malvas, e Lembranzas da Terra de Guillarei desfilarán dende o edificio Francisco Sánchez até a Corredoira onde actuarán.

Ás 22 h no Espazo Feiral celebrarase o primeiro gran concerto das festas a cargo de Nena Daconte e Rafa Sánchez, que ofrecerán os seus grandes éxitos e tamén os novos temas dos seus traballos discográficos. Así no concerto poderemos escoitar ‘Lobo hombre en París’ ou ‘Maracaibo’ xunto aos novos temas que ten composto Rafa Sánchez, ex de la Unión como ‘Vístete princesa’. Mentres Nena Daconte  interpretará  ‘Tenía tanto que darte’, ‘El Aleph’ e os temas do seu novo disco ‘Casi Perfecto’ como ‘Despiértame, Madrid’ e ‘Detrás de cada luz’, entre outros.

Na parte gastronómica amais do II Encontro de Viños da Raia prosegue en Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo  Cabalo Furado e Parador de Tui a Festa do Meixón, sendo preciso reserva previa en cada establecemento.