16.4 C
Pontevedra
Xoves, 9 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal recoñece a dedicación ao deporte de Manuel Armán cun premio

    O Rosal recoñece a dedicación ao deporte de Manuel Armán cun premio

    Grande acollida da primeira edición do ‘Encontro co deporte’, un acto organizado polo Concello do Rosal co que se buscaba recoñecer o gran traballo das bases deportivas rosaleiras. Ante o amplo público que se deu cita na Praza do Calvario deportistas protagonizaron unha charla coloquio dirixida polo xornalista deportivo Terio Carrera na que se puxo en valor o grande esforzo dos clubs e das e dos seus integrantes en diferentes disciplinas.

    Durante o encontro, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, agradeceu a participación e apoio de todos os rosaleiros e rosaleiras que participaron no evento, “un acto moi emotivo co que queremos visibilizar e darlle todo o valor que merece ao deporte de base que se está a realizar no Rosal, unha actividade que non para de crecer no noso municipio e que permite aos nosos nenos e nenas e á nosa mocidade achegarse a uns valores moi importantes”.

    Nesta primeira edición do ‘Encontro co deporte’ a organización quixo recoñecer o gran labor realizado por Manuel Armán co premio por toda unha vida dedicada ao deporte. “Foi un apaixonado do balonmán, xogador e adestrador do Valinox Novás, e artífice dunha das páxinas máis notables da historia deste deporte en Galicia. E soubo facelo mentres transmitía o seu amor por este deporte non só aos seus fillos e sobriños, senón a toda unha xeración de xogadores e xogadoras”, resalta a rexedora.

    Ademais, o público puido desfrutar dunha charla co atleta David Gómez, primeiro deportista rosaleiro en competir nuns xogos olímpicos; coa atleta Eva Piñel, cun amplo palmarés ás súas costas; co xogador de balonmán Javi Díaz, porteiro con máis de 600 partidos na liga Asobal; coa futbolista Sara Álvarez,  unha xoia de presente e de futuro convocada co combinado galego e estatal; e con Serafín Martínez, unha gran figura do ciclismo galego.

    O encontro completouse ademais coa entrega de agasallos aos monitores e monitoras da base da Sociedade Atlética do Trega, do Club Ciclista O Rosal, da UD Ribera e do Valinóx Novás, todos eles con escola deportiva no Rosal. Ademais, tamén se fixo unha pequena exhibición de futgolf, unha fusión de fútbol e golf que dalgún xeito tivo as súas orixes no Rosal, así como unha exhibición enriba da bicicleta a cargo do campión brasileiro de Bike Trial Lima.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.