O vindeiro sábado 22 de abril, ás 20:00 horas, terá lugar o concerto de Abraham Cupeiro no auditorio do centro multiúsos de Arbo. Este concerto está enmarcado dentro da programación para a LXIII Festa da Lamprea, que terá lugar en Arbo os días 28, 29 e 30 de abril, que este ano se estrea como “Festa de Interese Turístico Internacional”. A entrada é gratuíta.
No seu espectáculo ‘Pangea’, Abraham Cupeiro fai un percorrido ao redor do mundo a través dos diferentes estilos de música que se escoitan en cada lugar do planeta.
Abraham Cupeiro (Sarria, 1980), estudou trompeta en Madrid. Sempre curioso e emprendedor, construíu en 2006 unha trompeta barroca do século XVIII. Copiando a imaxe dunha moeda romana reconstruíu pouco despois outro tipo de trompeta chamado carnyx, instrumento celta da idade de ferro. E recuperou máis tarde a corna, dispositivo sonoro da tradición galega. E así, aos poucos, foi estudando outros tipos de instrumentos de vento e fabricándoos en boa parte ata reunir unha colección de máis de 200 de diferentes épocas.
A Banda de Música de Arbo, conta xa con 129 anos, o que significa unha gran tradición arraigada no espírito de Arbo, máis dun século de amor pola música e a cultura, animando os nosos corazóns e con ganas de continuar a súa estupenda traxectoria, medrando e superándose ano tras ano.
En 1890, baixo a dirección do Señor Boleiros, comeza a organizarse un grupo de músicos para formar unha Agrupación Musical, con xente entusiasta e apaixoada da música e variados instrumentos. A ilusión nesta Banda era grande, pero en 1953 desfaise polas circunstancias históricas e sociais que mesmo obrigan a algúns a emigrar.
Pero a implicación e devoción destes músicos e a dos veciños de Arbo e da administración pola música, levou a que en 1991 se crease a Escola de Música de Arbo e con ela o rexurdimento da Banda de Música do Municipio de Arbo. Unha banda, que amparada por mestres como Ignacio, Joaquín, Antonio, Manuel (Lito), Víctor Fernández, Cesar Pousada, Jesús Iglesias e o actual director Tomás Alonso, unha banda recoñecida a nivel galego e nacional, en todas partes saben que en Arbo nacen grandes músicos, cunha gran paixón pola música, conectora de almas e de culturas.