Sábado, 17 Maio de 2025

Mos presenta o 7º Canto Conto coa visita do ‘Digochiño’ da TVG

0

O vindeiro domingo Mos celebra, como cada ano no mes de maio, o festival infantil Canto Conto. Neste 2023 lévase a cabo xa a sétima edición que se presentou nos colexios mosenses CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos e Pena de Francia.

Con motivo da devandita presentación do Festival, a mascota televisiva do ‘Digochoeu’, o ‘Digochiño’, do programa educativo infantil da TVG, visitou ambos centros educativos. O ‘Digochiño’ presentou, xunto co grupo de cativos “Xeración M”, a canción da banda sonora do programa que se estreará na Gala de Entrega de Premios ‘Digochoeu’ 2023, o vindeiro 16 de maio en Santiago de Compostela.

O Canto Canto chega á VII edición dun festival cargado de concertos, entretemento, familia, xogos, natureza, hinchables, obradoiros, e moito máis!

Este encontro para as familias terá lugar no Parque da Pesqueira, na parroquia de Mos, durante toda a xornada do domingo 14 de maio, en horario de 11 a 20 horas.

A primeira actuación dará comezo ás 12 horas co concerto ‘Ollo ao piollo’. Ás 13 horas chegará o turno das Maimiñas & Choque Big Band e ás 14 horas haberá unha visita dos Bolechas.

Ás 15:30 horas, pasarrúas a cargo de Troula Animación, ás 16 horas concerto de ‘El Legado de Tibu’ e, de novo, ás 17:30 horas, visita dos Bolechas.

Troula fará outro pasarrúas ás 18 horas, que irá seguido do último concerto do día: ‘Titiriteros de Binéfar’.

Durante todo o día haberá talleres e actividades de entretemento como obradoiros de arxila, xogos hinchables, obradoiros de chapas e xogos a cargo de Animarte.

As familias participantes poderán repoñer forzas nos foodtrucks de comida que contarán ademáis con opcións sen glute, sobremesas, e bebidas.

Ramón Amado doa ao Concello de Tui uns mapas cartográficos

0

O Concello de Tui recibiu na mañá do venres unha doazón moi especial de mans do veciño Ramón Amado. Trátase duns mapas de cartografía militar de gran detalle e valor histórico que foron adquiridos, no seu momento, nunha tenda de Madrid especializada e que comercializa diversas pezas e mapas do Servizo Xeográfico do Exército español.

Deste xeito, o mapa doado de Tui recolle de modo exhaustivo todo o territorio municipal, con especial detalle de todas as parroquias tudenses. Deste xeito, nesta doazón pódese estudar todos os accidentes xeográficos e as distintas zonas que conforman o territorio da cidade e os concellos limítrofes a unha escala de 1:50.

Ramón Amado fixo entrega ao Concello xunto ao mapa de Tui outros da Guarda, Salceda ou Salceda adquiridos no mesmo establecemento. Todo este material, de gran valor histórico e educativo, pasa a pertencer a toda a veciñanza, e incorpórase ao Arquivo Municipal de Tui.

En nome do concello o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu esta doazón de mans de Ramón Amado, e fíxolle entrega a este veciño dun agasallo, un libro da Eurocidade, en sinal de agradecemento. Precisamente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu esta doazón que “engrandece o gran legado patrimonial da cidade de Tui” e porque é un xeito de facer cidade. 

Ramón Amado, nado en Tui, viviu por cuestións laborais e durante moitos anos da súa vida en Madrid, onde atopou estes mapas da súa terra. Xa xubilado, afincouse de novo no Baixo Miño. Decidiu facer esta doazón, declarou, para que “toda a veciñanza poida consultar e coñecer en profundidade todo o territorio tudense e as súas parroquias”.

Festival de música e baile para festexar o Día das Letras Galegas na Guarda

0

O mércores 17 de maio ás 19 horas, no auditorio de San Benito, celebrarase na Guarda o tradicional Festival de música e baile, no que as diferentes asociacións da Guarda renderán tributo ao autor homenaxeado este ano.

Contará coa presenza da Agrupación Cultural Guardesa, quen abrirá o acto lembrando a figura de Francisco Fernández del Riego a través dunha reseña sobre a súa vida adicada a difusión das nosas letras e a nosa lingua. A Continuación intervirán os diferentes grupos de música e baile tradicional como o Grupo de gaitas da Terceira Idade, o Grupo de Baile Xamaraina, Grupo de Pandereteiras Vento Mareiro, A Boalleira, Trebón dos Xidos e os grupos de baile Na ribeira do Miño (CEIP A Sangriña), Anduriñas (CEIP As Solanas) e Churumbela.  Todos eles terán tamén ocasión de lembrar a memoria do autor homenaxeado a través de pequenas lecturas da súa obra.

Ademais da realización do Festival, a celebración das Letras Galegas complementarase co Contacontos a cargo de Polo correo do vento “Un día para as Letras. Pequena biografía de Francisco Fernández del Riego”, organizado polo Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra nunha data de realización pendente de confirmar.

Homenaxe ao idioma, ás letras e á música galega nunha nova edición da Gala da Lingua de Ponteareas

Ponteareas quenta motores para celebrar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha nova edición da Gala da Lingua, un evento co que se homenaxeará a Francisco Fernández del Riego, á lingua e á música tradicional galega e ás e aos emprendedores que fan do galego o idioma de uso das súas empresas. A cita será ás 19.00 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo con entrada de balde ata completar aforo.

O actor Avelino González será o encargado de conducir a gala cos seus monólogos. González exercerá de presentador, co que o público terá sobre o escenario a unha cara coñecida por actuar en series como Serramoura, Pazo de Emilia ou Padre Casares para a TVG ou en Hospital Central, Cuéntame ou Seis hermanas na TVE1. Ademais de diferente traballos para cines ou series web, en teatro actúa, dirixe e traduce, tendo varios premios por obras como Bicos con Lingua ou Comedia.

O evento contará coa actuación musical de Malvela, un dos grupos de música tradicional galega máis populares, prestixiosos e emblemáticos de Galicia, que traerá a Ponteareas novas composición, coplas populares e pezas tradicionais adaptadas á realidade cotiá. Muiñeiras, malhao, rumba, xotas e pasodobres para non deixar que o corpo pare quieto e unhas letras onde reivindican ser mulleres e voces libres. Sobre o escenario cantarán pezas do seu disco O Benquerer, un canto de amor á nosa terra.

Por outro lado, durante a Gala da Lingua entregaranse tamén os galardóns da cuarta edición dos Premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2022, que recoñecen o labor de persoas e empresas que, día a día, achegan a lingua aos consumidores e consumidoras e contribúen coa súa actitude ao uso normal da lingua galega en todos os eidos da sociedade dende o sector empresarial. Os premios concédense nas categorías de longa traxectoria no uso da lingua galega, uso continuado e recente incorporación. O premio consistirá nunha escultura creada para estes premios polo escultor ponteareán Silverio Rivas.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a achegarse ao auditorio municipal e “gozar dunha gala que resalta a importancia da nosa lingua e cultura e que nos brinda a oportunidade de fortalecela e promovela”.

Esta fin de semana os xubilados e pensionistas de Salceda celebran a súa festa

Maña sábado a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda celebrarán a súa tradicional Festa do Socio e da Socia nunha multitudinaria comida que se celebrará na localidade coruñesa de Padrón.

Despois destes últimos anos nos que a festa non se puido desenvolver con normalidade, debido as restricións provocadas pola pandemia, nesta ocasión se retoma con total normalidade e moita afluencia de persoas socias que se inscribiron para o evento.

Ás 10:00 horas partirán 9 autobuses dende Salceda de Caselas que trasladarán ata Padrón a todas as persoas asistentes que previamente á comida, realizarán unha visita polos lugares máis emblemáticos da vila padronesa.

As dúas da tarde dará comezo o xantar que se continuará cunha sobremesa amenizada musicalmente.

Oia celebra este domingo o curro da Valga

0

A tempada de curros galegos comeza esta fin de semana en Oia co da Valga (Loureza), que se celebra este domingo 14 de maio. A actividade comezará desde primeira hora da mañá e prolongarase ao longo da xornada, sendo o momento central da xornada (tarefas de rapa e marcado) arredor das 17:00 horas.

En total, estímase que no curro deste ano haberá uns 350 cabalos.

Segundo marca a tradición, a xornada transcurrirá con actividade desde a primeira hora da mañá e ata a tarde. A partir das 9.00 horas os gandeiros comezarán a xuntar as bestas e estímase que a chegada dos cabalos ao recinto da Valga se producirá arredor as 13.00 horas. Xa pola tarde, sobre as 17.00 horas, terán lugar as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.

O curro da Valga transcorrerá no seu habitual ambiente festivo, de forma que as persoas que se acheguen ata o lugar poderán gozar dunha xornada que combina celebración e tradición arredor do cabalo da Groba.

Despois do da Valga, que abre a tempada, en Oia desenvolveranse os curros de Torroña (4 de xuño) e Mougás (11 de xuño).

Avisos sobre medio ambiente e acampadas

En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.

Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.

O recoñecido violonchelista Guillermo Pastrana actuará mañá en Covelo

0

O violonchelista Guillermo Pastrana ofrecerá mañá un concerto dentro do Ciclo de Música de Barcia de Mera. Guillermo Pastrana é considerado como un dos artistas españois máis influíntes da actualidade.

Posuidor dun son belo e poderoso Pastrana desprega orixinalidade nas súas interpretacións sen abandonar a esencia e pureza da música, converténdose nun intérprete versátil e auténtico que chega ao público dunha maneira sincera e directa. Por todo isto, recibiu diferentes premios e recoñecementos tales como o Premio Intercentros Melómano, Primeiro Palau da Música de Cataluña, Khachaturian International Cello Competition de Armenia e o Premio Nacional da Música ‘O Ollo Crítico‘ outorgado por RTVE.

Con motivo do seu decimoquinto aniversario o Ciclo de Música de Barcia de Mera ofrecerá novidosos concertos e estreas a nivel nacional. O pasado 29 de abril tivo lugar o concerto inaugural cos madrileños Trío Domaní que interpretaron un programa clásico con pezas de Mozart e Brahms.

O programa atraerá, un ano máis, a centos de apaixoados da música clásica ao Concello de Covelo. Este sábado posibilitará que gocemos con Johann Sebastian Bach da man do violoncellista Guillermo Pastrana.

Ao longo deste meses, non faltarán sorpresas e novidades como o concerto espectáculo do 3 de xuño cun dúo de piano e chelo acompañado dunha interpretación poética, “La música en otros cuerpos”.

Estrea

A famosa actríz Vicky Peña elixíu o Ciclo de Música de Barcia de Mera para estrear “Desarraigo”. O 15 de xullo a igrexa de San Martiño de Barcia de Mera convertirase no escenario dunha obra de denuncia social na que tomaremos consciencia da situación dos refuxados e dos exiliados. A actríz catalá, preocupada “polo mundo que deixamos” elixe a nosa vila para estrear unha obra cargada de denuncia e de sensibilidade xunto a Orestes Gás.

Agosto acollerá dous concertos, o de Locus Músicus que traerá sons medievais galaico portugueses e o da Orquestra Sinfónica de Galicia o día 26. A programación desta decimoquinta edición péchase o 16 de setembro con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren vinte anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, explica Nieves García Sotos que xunto ao Pai Rafael decidiron facer do conxunto abacial de Barcia de Mera o epicentro das persoas amantes da música clásica posibilitando escoitar a voces e músicos de primeiro nivel nesta fermosa contorna.

Guillermo Pastrana

Discípulo de Ivan Monighetti e Gustav Rivinius, Guillermo Pastrana foi influenciado por outros grandes mestres e intérpretes como Thomas Demenga, Wolfgang Boettcher, Maria Kliegel, Raimund Korup, Rafael Rosenfeld, Vladimir Ashkenazy, ou Eduard Brunner entre outros.

Cunha visión universal, Pastrana profunda tanto no campo da interpretación histórica como no campo da música de nova creación. Colaborou con compositores da talla de Tomás Marco, David do Porto, Jesús Navarro, Josep Marí Guix Aguilar, María Eugenia Luc, que lle dedicaron moitas das súas obras e colaborou con ensembles como Grupo Enigma ou Ensemble Kuraia (País Vasco). Ademais contribúe á recuperación do patrimonio histórico musical español, exemplo diso é o seu último CD onde realizou a primeira gravación e recuperación da sonata para violoncello de Joan Manén, compositor e violinista español de comezos do século XX.

Guillermo Pastrana é solicitado como profesor, impartindo masterclasses de violonchelo e música de cámara, en diferentes países. Na actualidade é profesor nos ‘Musical Arts Madrid’ e desde 2017 é docente e profesor asistente na Hochschule für Musik FHNW, Musik Akademie Basel en Suíza.

O Rosal homenaxea á lingua no Día das Letras Galegas 2023

0

O Rosal prepárase para homenaxear á lingua no Día das Letras Galegas. O vindeiro mércores 17 de maio, a Praza do Calvario acollerá un amplo programa de actividades de balde durante a tarde co que conmemorar esta data, que este ano busca recuperar a memoria e render tributo ao escritor Francisco Fernández del Riego. “Queremos que a veciñanza goce con nós da nosa lingua a través de actividades de lecer nun espazo tan propicio para a convivencia como a Praza do Calvario”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O programa de actividades comezará ás 17.00 horas cun espectáculo de teatro e danza para público infantil. As Armadanzas serán as encargadas de que o público remate ‘Bailando coa lingua’, unha proposta na que a cantante de Leilía, Montse Rivera, emprega como fío condutor un diálogo entre un mozo e unha moza nun tempo pasado, unha conversa en lingua galega que exemplifica como servía de base das relacións humanas xunto á música e ao baile. Con explicación sinxelas, As Armadanzas van introducindo danzas galegas e bailes-xogo de carácter tradicional que farán mover os pés a toda a familia.

Tras esta actuación chegará a quenda dos grupos de música locais Novo Orballo e Airiños de San Miguel, que ocuparán o escenario ás 19.00 horas. O grupo de pandeireteiras Novo Orballo achegará un amplo repertorio de canción populares galegas, sons tradicionais que recompilan una mostra do folclore galego, acompasado e arroupado polos aires da gaita, os toques de táboa e a pandeireta. Pola súa banda, Airiños de San Miguel traerá ao público os ritmos desta agrupación formada polos veciños e veciñas desta parroquia rosaleira. 

A festa rematará ás 19.30 horas coa presentación do novo disco de Xistra de Coruxo, ‘Choven flores no Rosal’, un traballo homenaxe aos irmáns Flores cheo de muiñeiras, rumbas, pasodrobres, polcas… no que ten colaborado o Concello do Rosal.

XV edición do Mercado de Arte de Sabarís

0

A partir de hoxe Sabarís completa a súa gran exposición nas rúas coa exposición no Multiúsos Mercado de Sabarís onde estarán o resto dos artistas mostrando as súas obras.

Sabarís transfouse dendeo o pasado 29 de abril nunha gran galería de arte. Máis de 500 obras de 50 artistas enchen de cor e maestría as rúas desta singular zona baionesa. Dos 50 artistas participantes na XV edición do Mercado de Arte de Sabarís, dez expoñerán unha mostra da súa obra nos escaparates dos negocios.

Un plano mostra o roteiro da arte en Sabarís que se poderá visitar a calquera hora do día.

Así mesmo, tras o éxito da posta en marcha por primeira vez do I Certame de Pintura Rápida ao aire libre en Sabarís “Chicho Solveira”, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) e  a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) volven convocar este certame,  co que lembran a figura deste  veciño de Sabarís,”Chico Solveira”,  gran amante da pintura. O certame, que se celebrará o vindeiro domingo 14 de maio nas rúas deste lugar, tamén ten como obxectivo fomentar e espertar a creatividade artística a través da pintura.

A temática versará sobre Sabarís en toda a súa extensión, deixando liberdade aos autores en canto a técnica e estilo. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural. Non se permitirá o uso de fotografías, computadores, cámaras medios ou materiais gráficos.

Cada artista só poderá presentar unha obra e non poderá asinala ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado.

Estos días tamén están programadas varias actividades entre as que se atopan:

  • Exposición: A MOVIDA VIGUESA, Explosión e creatividade con obras de Pedro Sardiña, Victor das Heras e textos de Emilio Alonso.
  • Conferencia BOTTO: NFs, Intelixencia artificial e comunidade, por Agustín Jamardo URBAN SKETCHERS, convocatoria a debuxantes.

Premios II Certame de Pintura Rápida ao aire libre en Sabarís “Chicho Solveira”

Establecéronse dous premios de 800 € e 400 € para o primeiro e o segundo  clasificados, respectivamente. Ademais, hai un Premio Especial categoría de 11 a 16 anos, para o mellor artista xuvenil, e outro premio á categoría infantil de 4 a 10 anos, consistentes nun diploma e en materiais de pintura, libros, didáctico.

Presentación obras  II Certame de Pintura Rápida ao aire libre en Sabarís “Chicho Solveira”

Cada participante levará o material que considere necesario para desenvolver o seu traballo, incluído o caballate onde se expoñerá a súa obra.

O soporte presentarase o día do certame 14 de maio de 9:00 h a 10:30 h no Mercado de Arte de Sabarís (Multiúsos Mercado de Sabarís, Praza Vitoria Cadaval, s/n), para ser selado. As medidas deste non poderán superar os 120 cm no seu lado maior e non poderán ser inferiores a 50 cm no máis pequeno. As medidas da categoría infantil son libres.

O tempo para presentar as obras será ata as 18:00 h e realizarase nas oficinas do Mercado de Arte de Sabarís.

O ditame do xurado coñecerase o mesmo día ás 20:00 h. As obras non premiadas estarán ao dispor dos autores para partir do ditame dos especialistas. O xurado que avalía as obras estará composto por profesionais das artes plásticas. As obras premiadas pasarán a ser propiedade de COEMSA, así como os dereitos de reprodución.

Esta actividade encádrase dentro da programación do XV Mercado de Arte que se celebrará os próximos 12,13,14 de maio no Multiúsos Mercado de Sabarís en horario de 11:00 a 21:00 horas.

Os Mini Can Parade engalanan a rúa peonil do Porriño

Como cada ano, a Concellería de Educación do Concello do Porriño colabora co Festival de Cans para achegalo á comunidade educativa da vila e facela partícipe do certame. Nesta nova edición desenvolveranse os Cans do Futuro e tamén a o Debuxa Cans e Mini Can Parade, que tanto éxito ten entre o alumnado e que se presentou aos pes do Concello.

Os máis cativos traballan xuntos para na decoración dun Can Parade, unha silueta do emblema oficial do Festival que organización lles facilitou aos colexios. Dende esta mañá as súas creacións xa se poden ver penduradas nas farolas da rúa peonil e estarán expostas ata que finalice o certame.

Miguel Indurain e Álvaro Pino darán o pistoletazo de saída á Marcha Cicloturista Sestelo Clásica Álvaro Pino

Como en pasadas edicións, o sábado 13 de maio, día previo á marcha, a partir das 17 horas, terá lugar a Feira do Corredor na Praza de Bugallal de Ponteareas, que este ano promete ser a máis espectacular das realizadas ata a data. Unha vez alí, os participantes poderán disfutar de grandes momentos de diversión, ademais de contar coa presenza e firma de autógrafos de Miguel Indurain e Álvaro Pino.

Contarase tamén coa presenza dos trofeos dos tres gañadores pontareáns da Volta a España, Delio e Emilio Rodríguez, e Álvaro Pino, e a velada estará amenizada polo Rock in Río Tea na rúa a partir das 21 horas.

A partir das 17:30 horas, tamén na Praza de Bugallal, levarase a cabo unha xincana infantil para nenos, da man do Club Ciclista Ponteareas.

A saída e meta levarán a cabo en Ponteareas, na Praza de Bugallal, e percorrerá un total de nove concellos: Ponteareas, Salceda, Tui, Salvaterra, As Neves, A Cañiza, Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario.

Inaugurada na biblioteca de Nigrán a exposición sobre del Riego

0

Francisco Fernández del Riego, veraneante ilustre de Nigrán por elección propia durante 30 anos e que xace en San Pedro da Ramallosa, será o gran protagonista do mes de maio no Concello de Nigrán ao ser o autor a quen se lle adican este ano as Letras Galegas. Con este obxectivo, o Concello de Nigrán inaugurou onte a exposición ‘Francisco Fernández del Riego: unha idea de Galicia e da liberdade’, unha mostra elaborada xunto á Fundación Penzol e a Editorial Galaxia e que estará na entrada da Biblioteca Municipal durante todo o mes e que, a través de 8 paneis, plasma toda a súa biografía dun xeito ameno. No acto intervíu precisamente Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol; Carlos Meixome, fundador do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e promotor de Del Riego como o primeiro fillo adoptivo de Nigrán no 2002; e Juan González, alcalde de Nigrán e tamén fundador do IEM. Como sucedeu nas Letras Galegas do 2017 con Carlos Casares (veciño de Vilariño e enterrado en San Fiz) o Concello de Nigrán realizará unha serie de actos durante maio para recordar a figura do seu primeiro e único fillo predilecto.

“Francisco Fernández del Riego foi un embaixador de Nigrán na república universal das Letras, con múltiples referencias a estas terras nas súas obras, un amante de Praia América que contribuíu ao bo nome do noso concello”, explicou o alcalde, Juan González, quen no 2002 promoveu como membro fundador do IEM e como concelleiro de Cultura, a súa distinción como fillo adoptivo. “A Del Riego debémoslle tamén a doazón a Nigrán de mil libros da súa colección persoal de Lourido”, recordou o rexedor, quen avanzou que unha sala da Biblioteca será bautizada co seu nome e que a propia exposición será emprestada a toda aquela entidade que, a posteriori, quera acollela. Pola súa banda, Carlos Meixome definíu a Del Riego como “un militante e un traballador cun proxecto claro para Galicia” e Soutullo sintetizou a biografía.

“Non podo esquecer nunca esas mañás (…) paseando pola praia de Lourido, dúas voltas, dúas veces de ida e de volta, ata xunta do Regueiro, mollando os pés na auga ou pisando as areas douradas e falando cos amigos que decote me acompañaban”, é un dos extractos do propio Del Riego que figuran na exposición nun panel específico sobre a súa vinculación con Nigrán.

Máis actos

O Concello de Nigrán, ademais de nomear unha sala da Biblioteca como ‘Francisco Fernández del Riego’, ofrecerá o martes 16 de maio unha serie de actos na súa honra. Así, pola mañá o alcalde depositará un ramo de flores en nome da veciñanza na súa tomba no cemiterio de San Pedro e ás 20:00 horas, xunto á placa adicada a el no areal de Lourido, a nigranesa Lucía Doval ofrecerá un concerto e Teatro do Ar unha pequena obra de teatro, ambas actuacións preparadas ex-profeso para esta homenaxe.

Tomiño oferta este verán 600 horas de actividades deportivas

0

Infancia e mocidade de Tomiño contará este verán cunha amplísima oferta de campus, campamentos e cursos cos que desfrutar dunhas vacacións estivais cargadas de deporte e lecer. O Concello xa abriu o prazo de inscrición nas 14 propostas preparadas para este ano, deseñadas para abarcar todas as idades, dende os 3 anos ata máis mozos e mozas de máis de 18, e coas que se prometen 600 horas de diversión sen igual. 

Trátase dunha gran variedade de propostas de educación non formal de carácter lúdico, educativo e deportivo coa que o Concello busca contribuír á conciliación da vida familiar e laboral é a inclusión social, fomentando ademais a interacción e a convivencia entre todas e todos os participantes.

“Os campamentos de verán son unha oportunidade excepcional para que a nosa rapazada e mocidade aproveiten ao máximo o tempo de lecer. Con estas propostas poderán desfrutar dun amplo abano de actividades adaptadas a diferentes idades e intereses, polo que poderán escoller aquilo que máis os e as apaixona e para seguir desenvolvendo as súas habilidades e talentos”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

As diferentes propostas que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas e horarios durante os meses de xullo e agosto. As familias interesadas en inscribir a rapaces e rapazas poderán facelo xa a través da páxina web do Concello, nun apartado no que atoparán toda a información sobre as propostas, datas, horarios, condicións e prezos. Para información adicional pódese enviar un correo electrónico a [email protected] ou chamar ao 604 06 23 69.

Entre as propostas, en xullo e agosto haberá un campus de tenis e de pádel,  con diferentes quendas e horarios para nenos e nenas de 5 a 17 anos. O 3 de xullo arrancarán as dúas semanas do campus de baloncesto, dirixido a rapazada de 10 a 15 anos, aínda que o rango de idade podería ampliarse ou reducirse en función da demanda. Tamén haberá en xullo un curso de introdución ao tai chi chuan, co que mozos e mozas a partir de 12 anos poderán coñecer un deporte moi completo que axuda a tonificar ombros, mobilizar cintura e cadeira, aumentar o movemento articular e fortalecer mans e pernas.

As e os amantes do fútbol poderán participar en xullo nos campus de fútbol feminino e fútbol mixto. Por outra banda, na segunda quincena de xullo tamén se desenvolverá un campus de skate dirixido a rapazada a partir de 6 anos que queira iniciarse ou perfeccionar a súa técnica de skateboarding.

O campamento urbano de Tomiño chega durante todo o mes de xullo ás instalacións do CEP Pedro Caselles Beltrán con actividades para nenos e nenas de 3 a 12 anos centradas no medio ambiente, na igualdade, na alimentacións consciente, nos deportes e no mundo dixital.

En agosto será a quenda dos campus de bádminton e atletismo, así como da actividade de ioga da risa, unha actividade que combina posturas de ioga, xogos, exercicios de risa e resporación coas que desenvolver habilidades físicas e emocionais. A Agrupación Musical de Goián impartirá ademais un campamento musical, no que a través de actividades lúdicas, a infancia participante achegarase ao mundo da música con obradoiros de instrumentos con materiais de refugallo, actividades manipulativas, mini concertos de solistas…

Por outra banda, este ano haberá tamén dous cursos destinados a rapazas e rapaces a partir de 18 anos, como un curso de promoción do piragüismo e do paddle surf con diferentes quendas durante os meses de xullo e agosto. Para ambas actividades é imprescindible saber nadar.

SmartPeme organiza unha xornada para promover a responsabilidade social das empresas

A sede de Vigo da Deputación vén de acoller unha xornada con motivo da terceira edición do programa de Desenvolvemento de Solucións Innovadoras promovido no marco de SmartPeme. O principal obxectivo do evento, ao que asistiu a deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, é o de involucrar o tecido empresarial da provincia no compromiso social para fomentar o emprendemento no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Para iso, a Deputación programou unha serie de conferencias a cargo de dúas persoas emprendedoras de relevancia no panorama galego e estatal, Carlota Corzo e Guillermo Martínez, así como dúas accións formativas sobre fabricación 3D e NFT e un almorzo networking para crear sinerxías entre as persoas participantes e seguir impulsando a innovación e mais o talento na provincia de Pontevedra.

A coruñesa Carlota Corzo foi a encargada de arrancar a xornada cun relatorio titulado “Reformulando as doazóns”. Esta licenciada en Belas Artes fixo do emprendemento a súa bandeira ao fundar a firma Lázzaro, unha plataforma que dá seguridade ás doazóns a ONG. Gañadora do premio social Jóvenes da Fundación Máshumano, Corzo tamén foi incluída en 2022 na lista dos 30 talentos españois de menos de 30 anos da revista Forbes. Durante o relatorio, sinalou a situación que viven actualmente as ONG en canto á súa fenda tecnolóxica e comentou as vantaxes de servizos como os que a súa firma ofrece, xa que permiten centralizar as doazóns con tecnoloxías ‘blockchain’ coas que as e os doantes poden facer un seguimento total ata o seu destino final. A emprendedora sinalou tamén o uso dos NFT (non-fungible token) para as persoas que queren colaborar con ONG, por exemplo a través da súa implementación con persoas influentes en redes sociais. Nos dous casos, con absoluta transparencia.

A continuación o enxeñeiro de Organización Industrial e diplomado en Tecnoloxía biónica Guillermo Martínez centrou o seu relatorio en “Deseñando axudas, imprimindo cambios sociais”, en sintonía co proxecto do que é fundador e director: Ayúdame 3D, unha organización sen ánimo de lucro que crea e entrega brazos impresos en 3D, nomeados “trésdeses” (próteses 3D), de maneira gratuíta a persoas con diversidade funcional de todo o mundo. A súa iniciativa empresarial levouno a facerse un nome dentro do mundo do emprendemento social e recibiu por el o premio Princesa de Girona 2020 na categoría Social.  Martínez fixo un emotivo relatorio no que explicou o proceso que o levou a poñer en marcha este proxecto a raíz dunha viaxe a África colaborando cunha entidade sen ánimo de lucro. A partir de aí, abandonou o seu traballo nunha empresa de xoguetes para dedicarse a esta finalidade (os seus ingresos proceden das conferencias e da súa empresa de impresión 3D de trofeos). No transcurso da súa intervención tamén amosou vídeos de casos reais de persoas que, grazas ás “trésdeses”, mudaron as súas vidas.

O enxeñeiro foi tamén o encargado de impartir ás 12.00 horas un taller sobre a construción das próteses que elabora no seu proxecto empresarial. As persoas participantes coñeceron o funcionamento e as vantaxes da impresión 3D como ferramenta para construír próteses que axudan a mellorar a calidade de vida da poboación de países con poucos recursos e puideron colaborar na construción destas pezas, que serán posteriormente doadas a Ayúdame3D.

O encontro pechouse a primeira hora da tarde co obradoiro “Que é un NFT e como mercalo”, no que Carlota Corzo e o seu compañeiro de Lázzaro Iván Saiz explicaron e familiarizaron ás persoas asistentes cos NFT, ensinando, entre outras cuestións, como adquirilos.

Abertas as inscricións do MUMI 2023 para artistas e profesionais de Galicia e Portugal

Onte presentouse en Tui a IV edición do MUMI que celebrarase do 21 ao 24 de setembro. Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; o presidente e responsable de Cultura da Cámara Municipal de Valença, Jose Manuel Carpinteira; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura e Igualdade, Victoria Alonso; a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; por parte da organización do MUMI, Diana Martins e Ánxela Vila, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño. Ánxela Vila presentou os detalles da convocatoria desta edición na que o obxectivo principal é “involucrar aínda máis o sector, facendo que o MUMI sexa un punto de encontro de referencia para marcar a axenda anual do traballo das empresas musicais galegas e portuguesas”. Neste sentido, a organización quere sumar máis profesionais das administracións públicas (Concellos, Deputacións, teatros…) e facelos partícipes da construción do sector.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “o MUMI é o máximo exponente das relacións en Galicia e Portugal, tanto no ámbito empresarial, como o comercial e por suposto o cultural”. Cabaleiro engadiu que o evento está plenamente consolidado na Eurocidade, e que agora entra nunha fase de crecemento para a que ofreceu o seu “compromiso de continuar traballando a prol da cultura no territorio transfronteirizo”.

Pola súa banda, Jose Manuel Carpinteira, presidente da Câmara Municipal de Valença, reiterouse neste apoio e manifestou o seu convencemento de que “esta edición do MUMI vai ser de novo un exemplo de cooperación transfronteiriza, non só no ámbito musical, senón polo espazo de múltiples intercambios económicos, culturais e sociais que é capaz de xerar a feira”.

Inscricións

Xa está aberto o prazo para inscribirse na vindeira edición do MUMI, o único mercado de música que existe en España, e que supón unha oportunidade de internacionalización para a música galega. A convocatoria para candidatar propostas de artistas e bandas galegas e portuguesas pecharase o vindeiro 2 de xuño, mentres que as inscricións para profesionais permanecerán abertas ata as datas de celebración da feira.

En ámbolos dous casos, a participación é gratuíta e a inscrición pode realizarase a través da web mumimusicas.eu. A organización seleccionará as propostas recibidas para configurar unha programación que voltará incluír showcases, palestras e sesións de traballo conxunto, co obxectivo de converter a Eurocidade Tui-Valença durante catro días no mercado musical de referencia no oeste peninsular.

Presentación do programa

A programación do encontro será presentada a finais de xuño e incluirá showcases e actividades profesionais, tanto formativas como rondas de negocio, e contará tamén con concertos abertos ao público xeral nos que participarán artistas de ambos territorios.

Mos contratará un censo para detectar posibles instalacións municipais con amianto e proceder á súa retirada

0

O Concello de Mos está a traballar na realización dun censo de todas as instalacións e emprazamentos municipais que poidan contar con amianto.

Ata a súa prohibición en xuño de 2002, o amianto foi incorporado a moitos e diversos materiais empregados en construción, industria, medios de transporte etc., polas súas excelentes propiedades e baixo custo.

Os materiais con amianto poden supoñer un risco para a saúde se soltan as súas fibras ao ambiente, ao ser inhaladas e alcanzar os pulmóns.

A identificación da existencia de amianto en edificios e instalacións é, por tanto, unha necesidade para preservar a saúde dos seus usuarios.

A Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular establece que os concellos deberán elaborar un censo de instalacións e emprazamentos con amianto, incluíndo un calendario que planifique a súa retirada.

As instalacións ou emprazamentos de carácter público con maior risco deberán estar xestionadas antes de 2028.

O Concello de Mos vai contratar, por tanto, a realización do devandito censo tomando así a iniciativa para cumprir a lei, protexer a saúde dos usuarios e dos seus propios traballadores. Establecendo así, as medidas necesarias para eliminar a presenza destes materiais nas súas instalacións antes de 2028.

Covelo converterá o baixo do pavillón municipal nun ximnasio e salas de usos polivalentes

0

O Concello de Covelo presenta, aos fondos PON2030 da Deputación de Pontevedra, o acondicionamento da planta baixa do recinto polideportivo do pavillón municipal para convertelo nun ximnasio e crear, ademais, salas de usos múltiples.

O alcalde, Pablo Castillo, quere dar resposta á alta demanda de espazos cubertos para a práctica deportiva e a realización de encontros e actividades ao quedarse pequenas as salas das casas e centros culturais.

Na actualidade esta zona do andar baixo do complexo deportivo non conta con acceso directo desde a rúa nin con abastecemento nin saneameno, para solventalo o proxecto contempla dous novos accesos nos dous laterais e a conexión ás redes municipais de subministros. O baixo conta con paredes de bloques de formigón sen revestir, sen soleira e a luz natural entra por varios ocos protexidos con placas translúcidas de polietileno, motivo polo que é imprescindible acometer unha obra integral de reforma e illamento.

A rehabilitación terá como obxectivo a creación dun recinto para uso deportivo e de lecer, dedicado  tanto a nenos, xente nova, adultos e persoas de idade avanzada para que dispoñan dun lugar axeitado para a realización de actividades deportivas moi demandadas nos últimos anos e que debido á falta de instalacións non se poden realizar coas condicións de confortabilidade adecuadas.

Co obxectivo de promover as actividades físicas e o deporte, o Concello de Covelo actuará en 283 m². Proponse unha sala polivalente para usos variados, baile, relaxación, lecer, realización de xuntanzas culturais, dinamización social, etc de superficie 85,58 m²; outra sala de 97 m2 para un ximnasio con máquinas e diverso material para a o exercizo físico e 3 aseos, un para homes, outro para mulleres e outro para persoas con mobilidade reducida.

“Na actualidade hai unha tendencia cada vez maior a organizar e participar en todo tipo de actividades, o actual pavillón ten todos os horarios cubertos e existe unha importante necesidade de ter un espazo pechado no que realizar exercizo físico con dispoñibilidade de máquinas e accesorios deportivos que posibiliten, non só o uso, tamén recibir clases atendidas por profesionais”, explica o alcalde.

A Deputación avanza na mellora EP-2106 A Ramallosa-Parada

0

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar na actuación de mellora da seguridade peonil na EP2106 A Ramallosa-Parada, no concello de Nigrán, que permitirá habilitar neste viario unha senda ao longo de case un quilómetro, así como a creación dunha plataforma única nun treito de douscentos metros. O proxecto ten un orzamento de 973.023 euros e son oito as empresas que optan a levar a cabo estas obras tras concluír o prazo de presentación de ofertas. A actuación financiarase a través dun convenio a través do cal a institución provincial aporta o 70% do investimento e o Concello o 30% restante, con fondos propios.

Os traballos desenvolveranse ao longo dun quilómetros desta estrada provincial que ten un total de 4,1 e cunha elevada intensidade media de tráfico, e busca facilitar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas nesta zona próxima á Igrexa de Santiago de Parada e na que están situados varios equipamentos públicos, de xeito que é moi transitada. Para iso, crearase unha senda peonil de 2,5 metros de ancho pola marxe dereita en case todo o ámbito da actuación, e unha plataforma única nun treito de 200 metros de lonxitude, tendo en conta as condicións da contorna, na cal se prevé a instalación de mobiliario urbano e a reubicación da marquesiña de autobús.

A maiores, o proxecto contempla a execución dunha nova rede de pluviais, así como melloras en diversos servizos urbanos, como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións existentes na actualidade en aéreo e tamén o cambio do alumeado.

Ponteareas opta a fondos europeos para a posta en valor do xacemento arqueolóxico de Troña

O Concello de Ponteareas postulouse para obter fondos europeos cos que levar adiante un novo proxecto para a creación dun espazo multifuncional aberto á veciñanza que albergará un Centro de Interpretación e de recepción de visitantes do Castro de Troña. Para levar a cabo este proxecto, que suporá un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, o Concello presentou a súa candidatura ao programa de mellora da competitividade e dinamización do patrimonio con uso turístico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

“Este proxecto permitirá impulsar o noso patrimonio cultural e atraer visitantes interesados en descubrir a nosa riqueza histórica. Será un reclamo importante co que seguir promovendo un turismo sostíbel, poñendo en valor o noso patrimonio e ofrecendo experiencias enriquecedoras ao público”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández.

As novas instalacións estarás situadas nunha parcela no barrio do Outeiro, en Pías, que na actualidade conta cunha vivenda de planta baixa e baixo cuberta, unha edificación auxiliar e un almacén. Ademais a intervención inclúe a actuación na edificación auxiliar existente na propia contorna do castro, creando un centro de interpretación integral que dea apoio á persoa visitante e complete a súa experiencia.

Entre as actuacións que se realizarán ao abeiro deste proxecto, están a recuperación e rehabilitación do castro a través do control da vexetación para evitar a proliferación de especies arbóreas invasoras e procederase á reexcavación de zonas xa escavadas en campañas anteriores e de novos puntos de interese para completar a interpretación de zonas xa intervidas. Tamén se restaurarán e recuperarán elementos xa escavados e aqueles novos que se descubran nunha nova actuación, así como os elementos etnográficos de interese que se atopan na contorna do xacemento. Ademais, crearase un itinerario para fomentar e garantir un bo uso turístico e cultural do espazo.

Como sinala a concelleira de Turismo, Eva Gil, “o proxecto abórdase dende a perspectiva de centralizar e potenciar a relación do visitante co Castro de Troña e coa contorna social dos veciños e veciñas, apoiándonos espazo propicio e xerando un espazo público aberto a visitantes e veciñanza”.

O proxecto contempla a creación dunhas instalacións altamente eficientes cun baixo consumo e cunha reducida pegada de carbono tanto na edificación que actualmente é vivenda como na situada na contorna do castro. O obxectivo “é potenciar a actividade cultural, social e turística da parroquia, devolvendo ao mesmo tempo o prestixio ao Castro de Troña, garantindo a conservación, mantemento e posta en valor do xacemento para conseguir un modelo turístico competitivo e sostible”.

As instalacións estarán situadas a escasos 200 metros do xacemento arqueolóxico cun aparcamento tanto para vehículos como para autobuses moi próximos. Contarán cun auditorio que acollerá diversas actividades, así como dunha sala para obradoiros e outra de exposicións, que contará cunha innovadora exposición permanente formada por paneis, audiovisuais e pezas documentadas a través das que se contará a historia do Castro de Troña. Por outro lado, a pequena edificación situada na cima do xacemento empregarase como espazo complementario do Centro de Interpretación e albergará unha innovadora exposición sobre os aspectos máis relevantes e enigmáticos da cultura castrexa.

“Bosques Terapéuticos” este domingo na contorna da Carballeira de San Xusto

A contorna da Carballeira de San Xusto, lugar de encontro e referente de lendas e contos no concello de Cerdedo-Cotobade, será este domingo 14 de maio escenario da nova ruta do programa da Deputación de Pontevedra “Bosques Terapéuticos”. As e os participantes neste percorrido, para o que as prazas están esgotadas, poderán desfrutar nesa xornada dos baños de bosque diante dos carballos centenarios, dos castiñeiros e carballos americanos desta singular contorna, que neste 2023 vén de incorporarse á lista de sete espazos naturais da provincia a visitar cos “Bosques Terapéuticos”.

Sempre coas pautas da camiñada en silencio, a desconexión dos móbiles e a respiración profunda para desfrutar do momento e sentirse parte da experiencia, o guía Sergio Portela conducirá desde as 10 horas o percorrido por este espazo natural, cun itinerario que arrancará nos baños de San Xusto e finalizará na ponte nova sobre o Lérez. Amais das explicacións sobre a vexetación existente na zona, nestes percorridos as persoas asistentes tamén coñecerán diversos aspectos históricos e etnográficos deste espazo do concello de Cerdedo-Cotobade.

As persoas que desexen desfrutar dos baños de bosque nesta contorna de San Xusto aínda poderán facelo nas catro rutas previstas para os vindeiros meses. Así, en xuño están previstos dous percorridos os días 3 e 18, mentres que en xullo haberá unha ruta o día 9 e en agosto, outra o día 13. Ao igual que para o resto dos percorridos dos “Bosques Terapéuticos”, o prazo de inscrición comezará un mes antes (o 22 de maio para os de xuño, o 12 de xuño para os de xullo e o 17 de xullo para os de agosto) e as persoas interesadas poderán anotarse no formulario que atoparán na web provincial (www.depo.gal).

As panadarías de Ponteareas repartirán bolsas para conmemorar o Día das Letras Galegas

Ponteareas levará o Día das Letras Galegas a todos os fogares. O Concello, como vén facendo dende hai varios anos, divulgará a figura do escritor homenaxeado este ano o 17 de maio, Francisco Fernández del Riego, a travéa de bolsas de pan conmemorativas que embolsarán e repartirán as panadarías locais.

As bolsas levan impresas por unha cara a imaxe de Francisco Fernández del Riego xunto cunha reseña da súa vida e obra e un relato extraído dunha das súas obras, O cego de Pumardedón, escrita polo autor en 1992. Pola outra cara da bolsa, a homenaxe será ao trobador galego-portugués Johan Garcia de Guilhade  e incorporará varias cantigas.

En total serán 9.000 bolsas de papel ecolóxicas, procedentes de fontes sostíbeis, fabricadas en Galicia e reciclábeis que difundirán a figura destes persoeiros da literatura galega, levando a súa obra a milleiros de fogares ponteareáns.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, agradece a todas as panadarías locais a súa colaboración un ano máis para seguir difundindo figuras literarias de relevo e anima á veciñanza a achegarse aos seus establecementos habituais para conseguir este orixinal elemento decorativo.

Feira, música, deporte e moita solidariedade esta fin de semana no Rosal

0

Fin de semana de grande actividade no Rosal, no que a música, o deporte e o comercio mesturaranse coa solidariedade na Praza do Calvario. O sábado 13 de maio a Asociación de Comerciantes do Rosal celebrará o seu Festival ACOR, unha xornada de lecer, convivencia e desfrute no que rosaleiros e rosaleiras poderán achegar o seu gran de area a favor da Asociación Española contra o Cancro.

A xornada comezará para as e os máis deportistas ás 09.00 horas co torneo de petanca no Tamuxe, que se disputará ao longo de todo o día e rematará ás 18.00 horas. Ás 11.00 horas a festa comezará na Praza do Calvario coa Feira de Oportunidades para dar paso ás 13.00 horas á sesión vermú con música en directo con Terapia de grupo. Ao mediodía haberá almorzo solidario, xa que se doará parte do prezo do menú á Asociación Española contra o Cancro. As prazas son limitadas, polo que é preciso anotarse de forma anticipada. 

Xa pola tarde, a veciñanza poderá divertirse co toro mecánico e os inchables dende as 15.30 h e cun novo concerto de Terapia de grupo ás 16.30 horas. Xa ás 17.00 h chega un dos pratos fortes, o II Concurso de Tortilla e o I Concurso de Tarta de Mazá, con importantes premios para as e os gañadores. Para participar será necesaria inscrición previa ata o día 12 de maio en Milar Teleson e no Estanco O Rosal.

Ás 20.45 horas a encargada de saltar ao escenario será a Agrupación Musical do Rosal, que conmemorará o seu 37 aniversario cun gran concerto cun espectacular repertorio que sorprenderá e agradará ao público. En caso de choiva, esta actuación musical trasladarase ao auditorio municipal.

O fin de festa do Festival ACOR será a ritmo de DJ Kola a partir das 21.30 horas. Ademais, ao abeiro deste Festival, de todo o recadado nos locais colaboradores durante a xornada destinarase unha porcentaxe a beneficio da AECC. Un gran lazo verde preside a Praza do Calvario xa nestes días en conmemoración da gran festa solidaria organizada por ACOR.

A Cañiza, Ponteareas e O Porriño reciben axudas para o mantemento do Servizo de Normalización Lingüística municipal

O servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra vén de conceder cinco subvencións para apoiar o mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos da provincia por un total de 124.853,34 euros neste exercicio de 2023. A Xunta de Goberno do Pasado venres aprobou os importes máximos permitidos a cada un dos municipios-unha contía de 25.000 euros ou o 80% do importe solicitado-, para facer fronte ao custe de persoal dos departamentos municipais que xa están en funcionamento.

A Deputación de Pontevedra recibiu peticións e entregou subvención para mantemento por parte dos concellos de Valga (ao que se concederon 25.000 euros, o 74,46% do custe real do departamento), Ponteareas (25.000 euros, o 68,32% do custe), Moaña (25.000 euros, o 44,29% do custe), A Cañiza (25.000 euros, o 75,39% do custe), e O Porriño, (con novo departamento dende 2020 e 24.853 euros, o 80% do custe solicitado).

A principal novidade deste exercicio 2023 é o aumento das contías nun 75% con respecto ao pasado exercicio, que pasaron dos 20.000 aos 35.000 euros para os municipios que impulsasen novas áreas de Lingua, e dos 16.000 aos 25.000 para as entidades que potenciaron os xa existentes.

Esta nova inxección de fondos provinciais para potenciar a lingua galega debeuse, segundo a deputada responsable da área de Lingua, María Ortega, á aposta para que as administracións locais consoliden o uso do galego como principal lingua de traballo e de comunicación coa veciñanza tendo un departamento consolidado ao efecto, así como para incrementar o uso e o prestixio da lingua en todos os ámbitos e sectores do termo municipal e non só no seo da propia Administración.

As funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollen a esta convocatoria, tal como se recolle nas bases, son asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; ou mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, entre outras.

Ademais das axudas desta liña os concellos solicitantes poden optar tamén á liña de axudas da Deputación para o fomento de actividades ou programas de dinamización, algo incompatible no anterior mandato.

Bustamante actuará en Mos con motivo da Festa da Rosa

0

A Festa da Rosa cumpre, este ano, 50 anos trascorridos xa desde a primeira edición celebrada en 1973. E faino por todo o alto con David Bustamante como cabeza de cartel da programación.

Na presentación da L Edición da Festa da Rosa, que tivo lugar onte pola mañá no Pazo de Mos, estiveron presentes a directora Turismo de Galicia, Nava Castro, a alcaldesa, Nidia Arévalo, representantes da productora Esmerarte, das asociacións culturais mosenses, Asociación de Hostaleiros, Mulleres Rurais, clubes deportivos implicados na programación, o gaiteiro Xulio Lorenzo, membros da directiva da Fundación Pazo de Mos, a concelleira de Cultura, Turismo e Participación Cidadá, Sara Cebreiro e demais membros do Goberno local.

Venres 9 de xuño

  • Concerto de David Bustamante ás 22:00 horas
  • Campo de fútbol das baloutas (prezo entradas 15 € á venda en Ataquilla.com)

Domingo 11 de xuño

  • Festival Abrente Folk ás 18:00 horas
  • Auditorio de Torroso

Domingo 13 de xuño

  • Celebración do día grande da rosa na Praza do Concello
  • A partir das 10:00 e ata ás 11:00 h, exposición e apertura do concurso de rosais
  • 11:00 h misa solemne cantada pola coral Ventos do Val
  • 12:00 h pregón e homenaxes
  • 12:30 h veredicto do Concurso de Rosas e Concurso de Empanadas de Pan de Millo
  • 13:00 h actuación musical
  • Himno de Mos
  • Venda de empanada de pan de millo organizada por Mulleres Rurais

Sábado 17 de xuño

  • Xuntanza de palilleiras de mos e festa da hostalería con concertos, artesanía e gastronomía (ao longo de todo o día)
  • Exteriores do multiúsos das Pozas

Domingo 18 de xuño

  • Festival de corais ás 19:00 horas (C.P.ASOMAMOS, C.P.FROL NOVA de Redondela e C.P. A Cañiza)
  • Auditorio de Torroso

As nosas rosas nas parroquias

Desde o 23 de maio ao 13 de xuño as rosas de Mos serán as protagonistas do noso municipio.

14 asociacións culturais e veciñais acollerán por segundo ano consecutivo os cursos de Secado de Rosas, Xabóns de Rosas e Estampación de Rosas pintadas en tea.

Ademáis todos os alumnos participaran de estes cursos presentando rosas das súas parroquias na asociación. Encheremos as redes de rosas potenciando o símbolo do noso escudo.

Teremos moita rivalidade entre as rosas das 10 parroquias, que competirán tamén o propio dia 13 xa que nas bases desta  edición, recollen novamente un premio á mellor Rosa de cada unha das 10 parroquias mosenses.

Nigrán forma a 35 comerciantes da Ramallosa no emprego das redes sociais

0

O Concello de Nigrán está a formar a 35 comerciantes de A Ramallosa no manexo das redes sociais para beneficio de cadanseu negocio. O obxectivo deste curso semipresencial de 20 horas e impartido pola community manager Bárbara Calvo é outorgarlles as ferramentas necesarias para ampliar a súa visibilización, fidelizar aos clientes e acadar novos. Con este obxectivo, os comerciantes están a aprender o uso de WhatsApp Business, Google Mybusiness, Instagram, deseño con Canva, copywriting, automatizacións Meta Business Suite, reels…

“Existe bastante descoñecemento pero, a cambio, hai unha gran motivación e ilusión por aprender, así que se está avanzando moitísimo en pouco tempo”, explica a profesora.

“Foi un curso que os propios comerciantes nos pediron e non dubidamos en organizalo porque desde o Concello apoiamos calquera iniciativa que poida beneficiar ao pequeno comercio; o manexo de redes é fundamental hoxe en día se tes un negocio”, considera o alcalde, Juan González, quen encadra esta formación na campaña municipal #VivoEnNigránComproEnNigrán e #EuSonDeMercarEnNigrán. “Organizaremos todos os cursos que sexan precisos porque o investimento é pequeno e, en cambio, o rédito é moi alto”, explica.

Neste sentido, e enfocado a un sector concreto, compre destacar que o Concello de Nigrán, na súa aposta por posicionarse como destino de calidade internacional mellorarando a atención ao peregrino e ao turismo estranxeiro, ofreceu o ano pasado un curso similiar dirixido á hostalaría. Neste caso foi un curso gratuíto de inglés de 53 horas en colaboración con Ovalmi para que as persoas que traballan en establecementos de restauración adquirisen unhas competencias mínimas e, adicionalmente, aumentasen a visibilidade do negocio en redes elaborando un vídeo e dous post, ademais de traducir a carta. 

Tui celebra esta fin de semana a XXV Feira de Artesanía

0

A rúa Ordóñez e a praza de San Fernando albergarán esta fin de semana a Feira de Artesanía de Tui que acada a súa vixésimo quinta edición. Nestes dous espazos do conxunto histórico situaranse os postos de artesanía e de gastronomía que abrirán tanto o sábado coma o domingo de 12 a 21 h. Contará con actuacións musicais e este ano dende o Concello de Tui realízase unha forte aposta polas obradoiros artesáns para o público en xeral que terán lugar nas dúas xornadas.

Os postos de artesáns e artesás con carta de Artesanía de Galicia estarán ubicados na rúa Ordóñez. Alí poderanse atopar pezas de marroquinería, téxtil, cerámica, instrumentos musicais, complementos e decoración, xoiería, bixutería, encaixe de bolillos, xoguetería ou calzado. Nesta mesma rúa estará a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño realizando encaixes durante a fin de semana e amosando as súas creacións. Mentres na Oficina de Turismo, no Paseo da Corredoira, haberá unha exposición de traxes tradicionais a cargo da Asociación do Traxe Tradicional de Tui.

Na praza de San Fernando amais de coa artesanía a cita será tamén coa gastronomía a través dos postos de produtos de alimentación de proximidade e quilómetro cero.  Alí poderase degustar e mercar produtos como castañas, aceites, galletas, ou cogomelos.

O público poderá participar tanto o sábado coma o domingo nos obradoiros artesanais previstos previa inscrición na Oficina de Turismo, no Whatsapp 677 41 84 05 ou no correo electrónico [email protected].

Así o obradoiro Cucapuntoes impartirá, na rúa Ordóñez, tres talleres con 10 prazas cada un para maiores de 12 anos. Un deles será para confeccionar unha bolsa de labores a crochet que se celebrará o sábado 12 a 14h. O outro será para elaborar un corazón de gancho o sábado de 17 h a 20 h, e outro para realizar un bote de cristal o domingo de 12 h a 14 h.

O obradoiro de olería tradicional con torno de pé Alén das olas ofrecerá un curso para maiores de 8 anos, o sábado de 12 a 14 h e de 17 a 20 h na praza de San Fernando. Ofértanse 15 prazas por quenda.

Por outra banda, Miudiño impartirá nesta Feira de Artesanía de Tui dous obradoiros de bolas de lá natural de ovella e de decoración de bolas de lá natural. Serán o domingo de 11.30 h a 14.30 h e de 17 h a 20 h, na praza de San Fernando. Contan con 15 prazas cada quenda e van dirixidos a persoas maiores de 10 anos.

Tamén o domingo, pero pola tarde haberá dous obradoiros de marroquinería a cargo de Lucía Casado. De 17 a 18.30 h será para elaborar unha pulseira de coiro, e de 18.30 a 20 h para realizar un marcapáxinas. Hai dez prazas por obradoiro para persoas maiores de 10 anos.

Nesta XXV Feira de Artesanía non faltará a música. Así o sábado ás 12h na apertura contarase coa actuación da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns. O sábado ás 18 h actuará a Asociación Sociocultural e Xuvenil O Mosteiro de Pexegueiro. O domingo ás 13 h haberá outra actuación musical e ás 18 h tocará a Asociación Cultural Seixos Albos de Areas.

Ponteareas pon en marcha a recuperación do torreiro de Guláns cun proceso participativo

Representantes de colectivos sociais, ANPA e dirección do CEIP Feliciano Barrera e veciñanza participaron este martes nun encontro participativo na biblioteca do centro educativo na que se deron as primeiras pinceladas do proxecto de recuperación do torreiro de Guláns, na contorna do conxunto parroquial de San Xulián, eliminando o tráfico de vehículos da praza e recuperando a totalidade do espazo para o uso das persoas, dando continuidade así á actuación xa realizada en colaboración coa Deputación de Pontevedra para a humanización da zona e a creación dunha senda peonil.

O obxectivo deste proxecto é converter o torreiro nun espazo de estancia e encontro social, mellorando a calidade ambiental coa incorporación de arborado e fomentando os hábitos saudábeis entre a veciñanza. Búscase así darlle unha nova vida a unha zona que actualmente se emprega como aparcamento, cun chan en estado deficiente e cunhas bancadas carentes de uso, ademais de prolongar a pista de acceso ao torreiro ata a entrada do aparcamento para dotar de maior seguridade a zona e dotando a estancia dunha maior amplitude para a celebración das festas patronais.

Durante o encontro, o público amosouse moi participativo e achegaron diferentes ideas que o equipo técnico estudará para incluír no proxecto. Unha delas é a posibilidade de incluír na acción a obra de remodelación dun oco existente baixo a plataforma do torreiro para poder dispoñer neste espazo dunha sala de reunión, un almacén e un aseo. “Trátase dunha posibilidade moi interesante, polo que se traballará coa Oficina técnica para integrala no proxecto e se buscarán liñas de financiamento europeo que poidan axustarse”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Proxectos como o de recuperación do torreiro de Guláns busca, como recalca a rexedora, “aumentar a calidade de vida en Ponteareas, creando unha vila viva e dinámica, xusta, igualitaria e tamén sostíbel, achegando o noso gran de area na loita contra o cambio climático, xerando zonas máis verdes e arboradas”.

Redondela e Soutomaior únense para poñer en valor A Peneda

0

Silvia Cernadas, candidata á alcaldía de Soutomaior, e Digna Rivas, candidata á alcaldía de Redondela, únense para poñer en valor ó Monte da Peneda. Un lugar de situación privilexiada que no máis alto fai a división dos dous concellos e comparte chan con ambos. Para as candidatas socialistas “o Monte da Peneda ten un enorme potencial que non só está sen explotar, senón que ademais atópase en situación de deterioro polo paso do tempo”.

Debido a ese carácter central e privilexiado, A Peneda foi o lugar elexido por numerosos pobos para asentarse ou construír as súas fortificacións. O propio monte ten un reseñable capítulo na historia da Coroa de Castela e do propio Reino de Galicia. Fronte ao monte da Peneda atópase, en liña recta e a menos de dous quilómetros, o Castelo de Soutomaior, centro de poder da Galicia medieval.  “Toda a infraestructura creada en torno á Peneda ao longo da historia teñen o seu propio valor cultural que pode ser de enorme atractivo turístico e que aínda está por explotar, sempre de forma respetuosa co patrimonio”, explica Rivas.

Silvia Cernadas sinala que “hai dous mil anos este monte foi un asentamento castrexo; no século XV erixiuse aquí o castelo de Castrizán para controlar os dominios de Pedro Madruga e, desde o século XVIII, existe unha ermida consagrada á Virxe das Neves. A Peneda sempre foi un lugar dunha especial significación para a veciñanza da contorna”.

A Peneda ten unha vista panorámica de 360 graos de todas as vías de acceso por mar e terra que a converten nun dos accidentes xeográficos máis versátiles da comarca e de ambos municipios. Digna Rivas engade que “ Redondela e Soutomairo comparten historia a través da Peneda e ambos Concellos deben unirse para unha posta en valor común”.

Desde o alto tamén nos atopamos nunha posición única para comprender o funcionamento do mundo romano xa que, baixo os nosos pés estendíase a vía XIX de Antonino. Esta calzada romana era unha vía principal que comunicaba Asturica Augusta (Astorga) con Lucus Augusti (Lugo) e Bracara Augusta (Braga).

Íñigo Segurola, fan da Feira de Cultivos do Baixo Miño

0

A Feira de Cultivos do Baixo Miño quenta motores para ofrecer ao público do 12 ao 14 de maio tres xornadas de pleno contacto co sector agro da comarca, pero tamén de concertos, conferencias, obradoiros e moito máis nun completo programa polo que pasarán moitas caras coñecidas. Entre elas, a do paisaxista Íñigo Segurola, un dos rostros visibles durante case dúas décadas dos programas Bricomanía e Decogarden, que estará en Goián con sesión dobre para achegar ao público ao mundo da xardinería dende diferentes perspectivas.

Segurola subirase o domingo 14 de maio (12 h) ao escenario para dar unha interesante charla sobre o seu proxecto máis persoal, ‘Lur Garden, o xardín de xardíns en Oiartzun’, un paraíso natural de 20.000 m2 agochado nun pequeno val de Euskadi. Segurola debullará os segredos deste verxel no que plasmou a máxima expresividade nos 16 xardíns temáticos que compoñen o conxunto e que agora está aberto ao público.

Enxeñeiro técnico Agrícola pola Universidade Pública de Navarra e cun grao superior en Arquitectura da Paisaxe pola Universidade Heriot-Watt de Edimburgo, Íñigo Segurola exerceu como docente durante máis dunha década en escolas de arquitectura e deseño e conta co seu propio estudo, LUR Paisajistak, co que ten participado en grandes proxectos públicos e privados de parques e xardíns.

Non será a única intervención de Segurola na Feira de Cultivos do Baixo Miño. O sábado 13 o paisaxista ofrecerá un obradoiro básico de deseño de xardíns aberto a todo o público. Será un taller de balde ás 17.30 horas con prazas limitadas, polo que será necesaria a inscrición previa no expositor de acuBam durante a feira con anterioridade á celebración do obradoiro.

Máis obradoiros

Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a XVIII Feira de Cultivos do Baixo Miño conta cun amplo programa de actividades entre as que se atopan numerosos obradoiros e demostracións de balde abertas a todos os públicos. Así, o domingo 14 pola mañá haberá ás 11.00 horas un obradoiro para aprender a separar para compostar e para reciclar a cargo do programa Revitaliza do Concello de Tomiño e ás 12.00 horas un de conservas vexetais creativas con Amparo Grandío, de Conservas Petiscos.

Xa pola tarde, será a quenda dos obradoiros de balde dirixidos a público infantil, cun taller ás 17.00 horas sobre construcións para aprender máis alá de LEGO e outro de xoiaría no que descubrir como facer un anel de cobre ás 18.00 horas.

Para participar en todos os obradoiros e talleres será necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas poden reservar praza no expositor de acuBam durante a feira con anterioridade á celebración do curso.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González anima a toda a veciñanza a participar nunha feira cunha ampla programación “coa que queremos brindar unha experiencia enriquecedora a todas e todos os visitantes. E fixémolo cunha ampla variedade de actividades e creando espazos de interacción e aprendizaxe mutuo entre a veciñanza e o sector agro da nosa comarca”.

Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, salientou que se trata “dunha oportunidade única de celebrar e promover a riqueza do noso agro e de fomentar o produto local. Será unha feira que promete diversión, aprendizaxe e unha oportunidade única para desfrutar dun sector tan importante para todas e todos nós”.

Javier Gómez Noya será o padriño do tríatlon do Porriño

O Concello do Porriño quenta motores xa para acoller a oitava edición do Tríatlon Concello do Porriño, que volve este ano con máis forza se cabe.

O evento deportivo, organizado polo Concello do Porriño coa colaboración do de Tui, disputarase o sábado 27 de maio  e contará cun padriño de excepción: o cinco veces campión mundial Javier Gómez Noya, campión ademais dúas veces en Ironman, cunha plata olímpica e innumerables medallas en eventos de todos os niveis.

A proba este ano renderá homenaxe á loita contra o cancro e contempla novidades destacables, como a dotación de premios económicos para os gañadores. E é que ademais dos tradicionais trofeos para os vencedores de cada categoría e locais, os primeiros deportistas. tanto masculino coma feminino, recibirán un premio de 500 euros, o segundo 200 euros, o terceiro 150 euros, o cuarto 100 euros e o quinto 50 euros.

Como cada edición, o tramo de natación sprint é de 750 m, desenvolverase no río Miño fronte á sede da Comandancia Naval de Tui. O tramo de bici é de 20 km entre Tui e O Porriño e finalmente a carreira pedestre cun percorrido de 5 km que se disputa no casco urbano do Porriño.  

Os máis pequenos tamén terán a súa proba: o Triatlón Mini,  no que terán que completar 25 m na piscina municipal, 700 m en bicicleta dende a piscina ata a igrexa e alí farán a transición para encarar os 300 m de carreira a pé dende ata o Concello.

A inscrición está aberta ata o 23 de maio e pode formalizarse a través do seguinte enlace: https://fegatri.org/evento/viii-triatlon-popular-porrino-tui-proba-aberta/

A Guarda programa a terceira edición do Ciclo Medioambiental “Sostendo o futuro”

0

O Concello da Guarda arranca no mes de xuño a segunda edición do ciclo “Sostendo o Futuro”, actividades coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da nosa contorna. Para este fin escolléronse 4 actividades de diferente natureza que nos axuden a preguntarnos, dende diferentes posicións, sobre o noso día a día e a consecuencia de accións cotiás e insignificantes aparentemente.

As actividades arrancan o 5 de xuño co Plogging, coincidindo co día do Medo Ambiente, que terá lugar con diferentes centro educativos da vila e no cal o alumnado participará na recollida de lixo, ben correndo ou andando, por diferentes espazos da nosa contorna.

O 23 de xuño realizaranse os Obradoiros “As abellas e as aromáticas”, especialmente dedicados a crianzas de entre 3 e 12 anos, que cunha duración aproximada de dúas horas realizaranse no Castelo de Santa Cruz ás 19:30 h.

Xa no mes de xullo, o  día 9, terán lugar os “Baños en natureza”, unha actividade para adultos e crianzas cunha duración aproximada de hora e media que terán lugar no Monte Santa Trega ás 18:30 h.

Tamén en xullo, o día 21, realizarase na Xunqueira de Salcidos a actividade “Bolboretas nocturnas”, unha actividade cunha duración aproximada de entre tres e catro horas que arrancará ás 21:15 h.

Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nestas actividades programadas baixo a segunda edición de “Sostendo o futuro”.

Baiona mellora a iluminación da vila e as parroquias con LED

0

O Concello de Baiona levará a cabo o cambio de luminarias tradicionais na vía pública por lámpadas LED. Procederase á substitución de 468 puntos de luz de diferentes viais da vila por tecnoloxía LED. As obras da iluminación supoñen unha inversión de 123,180 euros e levaranse a cabo nestes días con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do Concello de Baiona

A Concellería de Electricidade do consistorio municipal, que dirixe o edil Óscar Martínez Álvarez, está a cambiar as luminarias de varias zonas da localidade a tecnoloxía Led para así reducir o consumo de enerxía eléctrica na iluminación pública.

“Este proxecto vai supoñer un importante aforro de enerxía e un aforro económico ao ano. Ademais, a substitución destas luminarias «fai máis sostibles a contorna, melloran a calidade da iluminación e reducen os custos de mantemento da instalación», xa que as luminarias de tecnoloxía Led teñen unha vida útil máis longa, son máis eficientes energéticamente e permiten unha regulación instantánea do fluxo lumínico”, explica o concelleiro

Por outra banda, cabe destacar que este aforro supoñerá unha “diminución das emisións de gases” de efecto invernadoiro á atmosfera e unha diminución da contaminación lumínica.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado,  destaca que  “o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio e dar continuidade á instalación de tecnoloxía led. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente. Esta actuación busca unha mellora para as persoas usuarias diarias destes viais e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade máis dun 80% e reducir o gasto da luz que soporta o concello mensualmente”.

Esta nova substitución de luminarias por tecnoloxía Led súmase ás numerosas actuacións realizadas en diferentes zonas da localidade dentro deste plan de mellora da iluminación pública da localidade coa actualización de luminarias por tecnoloxía LED.

Rúas con LED

As rúas e camiños onde se levarán a cabo os cambios, son: rúa Celavella, Camiño das Revoltas, Cabreiro e Camiño O Sinal en Baredo. En Fontes-Baíña, no Camiño das Chans, Camiño da Costa e no vial principal de acceso ao barrio. No Camiño da Granxa e no Camiño do Sobreiro en Belesar. En Santa Cristina da Ramallosa no  Camiño As Fontiñas, na Rúa Sabarís Xuncal, no Camiño Dúas Canas, no Camiño Alborada e no Outeiro. En Baiona no Camiño do Pino Manso, no Camiño Rolán, no barrio da Anunciada e no Camiño Barxiela.

Ioga na rúa para un lecer saudable en Ponteareas

Ponteareas prepárase para unha fin de semana de lecer saudable. O Concello organiza este sábado 13 de maio unha sesión de ioga na rúa, unha clase aberta a todas as idades e a todos os públicos que terá lugar ás 19.30 horas na Praza da Música, na praza situada enriba do auditorio municipal. O obxectivo é que as e os participantes poidan gozar dunha experiencia moi enriquecedora, sa e divertida.

A actividade será de balde e as persoas participantes deberán acudir con roupa axeitada e levar esteira. Todas e todos os interesados en asistir poden solicitar máis información ou inscribirse no teléfono 687 76 45 16 ou escribindo un correo electrónico a [email protected].

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, convida a todos os ponteareáns e ponteareás a coller a esteira e participar nunha actividade ao aire libre con importantes beneficios para a saúde física e mental.

Homenaxe a Francisco Fernández del Riego na biblioteca de Nigrán

0

O Concello de Nigrán inaugura este xoves 11 de maio ás 11:00 horas na Biblioteca Municipal a exposición ‘Francisco Fernández del Riego: unha idea de Galicia e da liberdade’. A mostra, elaborada xunto á Fundación Penzol e a Editorial Galaxia, supón o punto de partida aos actos do Concello de Nigrán en homenaxe a quen foi un dos seus veciños máis ilustres e protagonista este ano do Días das Letras Galegas. No acto intervirá Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol; Carlos Meixome, fundador do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e promotor de Del Riego como fillo predilecto de Nigrán; e Juan González, alcalde de Nigrán e tamén fundador do IEM.

Francisco Fernández del Riego (1913-2010) está enterrado no Cemiterio de San Pedro da Ramallosa (Nigrán) e elixiu o municipio como lugar da súa segunda residencia, sendo nomeado fillo predilecto de Nigrán no ano 2002 e sendo un dos nosos grandes benefactores culturais ao doar 1.000 exemplares da súa biblioteca da casa de Lourido ao Concello, libros que forman parte do fondo bibliográfico do municipio. 

Tomiño recoñece os logros do ciclista Diego Álvarez Alonso

0

Subiuse a unha bicicleta por primeira vez pasada a pandemia, para seguir facendo deporte e despexarse tras o confinamento nun momento no que os ximnasios estaban pechados. Dende entón, Diego Álvarez Alonso non deixa de colleitar éxito tras éxito. O Concello organizou unha recepción ao ciclista afincado en Tomiño, un encontro no que felicitar ao deportista pola súa carreira curta pero meteórica.

“É un orgullo ver o gran talento que teñen os nosos veciños e como con paixón, dedicación e esforzo conseguen grandes logros”, destacou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora remarcou a importancia do deporte para a vida, porque “é saúde, compañeirismo, amizade… e valores importantísimos que queremos seguir transmitindo ás novas xeracións”.

Dende que puxo un pé enriba da bicicleta, Diego Álvarez demostrou os seus grandes dotes de corredor todoterreo e polivalente. Deportista do Team Oiense, na súa curta carreira xa se proclamou campión da Copa Galicia 2022 e campión da Trasatlántica MTB Series 2023 cun récord de pleno de vitorias, cinco de cinco, tras 17 anos de historia da competición.

Durante a recepción, a alcaldesa, concelleiros e concelleiras deron os parabéns a Diego Álvarez e animárono a continuar progresando e recollendo triunfos como ten feito ata agora.

O Porriño retoma o mercadiño ambulante dos domingos

O Porriño retoma o mercado ambulante do primeiro domingo de cada mes tras publicarse onte no BOP a modificación da ordenanza municipal que respalda a súa celebración.

Así, a petición dos ambulantes, súmase unha nova data mensual de celebración do mercadiño que se instalará, como o resto dos días, na rúa Leandro Diz. Cabe destacar, que este domingo 14 de maio instalarase tamén o mercado ambulante.

A feira desenvolverase en horario de tarde de 16 a 20 h e nos meses de xuño a setembro de 16 a 21 h.

A Casa Cultural de Couso, aberta xa a toda a veciñanza

A Casa Cultural de Couso xa está aberta para o goce da veciñanza. O Concello vén de rematar as obras de recuperación deste edificio de grande importancia para o barrio de Guláns, un inmoble construído en 1950 que se atopaba en moi mal estado. Con estes traballos ademais de arranxar os problemas estruturais, leváronse a cabo tamén actuacións para a mellora da eficiencia enerxética da edificación, reducindo o consumo e a súa pegada de carbono.

Con esta rehabilitación do inmoble púxose fin ao mal estado de conservación dos elementos estruturais de forxados e cuberta, que obrigaba a manter o edificio apuntalado e pechado ao público ante o risco de derrubo. “Agora as entidades culturais xa poden desfrutar dun novo lugar accesíbel, cómodo e moderno co que seguir levando a actividade e a cultura a este barrio”, sinala a alcaldesa, Cristina Fernández. 

Ao longo dos últimos meses, dotouse tamén ao espazo dunha nova cuberta, dunha nova escaleira interior entre a planta baixa e o primeiro andar e de dous aseos, un accesíbel e adaptado a persoas con mobilidade reducida, ademais de colocar novas instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade, iluminación e calefacción, mellorando a eficiencia enerxética deste edificio. En toda a intervención tívose en conta a preservación do valor patrimonial do inmoble, con elementos característicos da arquitectura rexionalista do suroeste galego.

Os traballos de recuperación deste espazo supuxo un investimento de preto de 150.000 euros, cofinanciados con fondos propios do Concello e con fondos europeos FEDER xestionados a través do IDAE do Ministerio para a Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico. 

A muralla medieval da Guarda será o tema central da segunda Barferencia do 2023

0

Este xoves día 11 de maio, terá lugar no Restaurante Os Remos ás 20:00 h a  barferencia Cal é a orixe da antiga muralla da Guarda? a cargo dos investigadores Rebeca Blanco-Rotea e Francisco Alonso Toucido, que recentemente tiveron ocasión de datala e estudiala.

Rebeca Blanco é investigadora principal da Universidade do Minho, e unha dos maiores referentes en arqueoloxía da arquitectura e da paisaxe, tendo estudado en profundidade, a través da súa tese doutoral e traballos posteriores a paisaxe fortificada na fronteira galego-portuguesa no contexto da Guerra de Restauraçao (1640-1668).  Francisco Alonso, pola súa parte é investigador da Universidade de Santiago de Compostela, no departamento de Historia I, especialista en cerámica medieval e arqueoloxía medieval.

O ciclo de Barferencias 2023, que comezou o pasado 14 de abril cunha barferencia sobre o concheiro do Trega, continuará así mesmo no mes de xuño coa última barferencia adicada á muralla do Castro Santa Trega e o seu sistema defensivo:  “As murallas dos castros: modelos, reconstruccións e interpretacións” por Luis F. López González, 2 de xuño na Casa de la Abuela.

Con este ciclo de charlas divulgativas, nun ambiente distendido e próximo búscase a divulgación da nosa historia e patrimonio.

Os nenos do Porriño surfean a súa primeira ola

222 alumnos participan estes días na actividade RE-COÑECÉNDONOS: Bautismo de Surf, organizada polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Sanidade e a OMIX co obxectivo de promover entre a mocidade hábitos de vida saudable.

A educación para a saúde, ademais de ser un dereito, é unha finalidade educativa en si mesma. Por iso, a través desta actividade, preténdese que o alumnado reflexione sobre a forma que ten de ocupar o seu tempo libre, valore a importancia que ten o lecer para o seu Desenvolvemento persoal e social e sexa consciente das alternativas das que dispón, en definitiva, que reflexione sobre a estreita vinculación entre o consumo xuvenil de drogas e o lecer. Ademais, traballarase a tolerancia e a cooperación, abordando de forma implícita o entendemento, o apoio, o respecto mutuo, a coordinación e a cooperación.

Esta actividade desenvolvese na praia de Patos e está financiada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.  

Baiona convertirá a praza Victoria Cadaval nun gran espazo de lecer

0

O Concello de Baiona convertirá a praza Victoria Cadaval de Sabarís no gran espazo de lecer da parroquia.

O proxecto cumpre varios obxectivos, recuperando o protagonismo para as persoas e, sobre todo, mellorando a mobilidade e a accesibilidade da praza.

A praza terá amplios espazos de descanso e paseo, zonas verdes, renovarase o alumeado con tecnoloxía LED e todos os servizos da zona.

O investimento nesta actuación será de 500.000 euros. A actuación presentouse á convocatoria 2023 do PON (antiguo Reacpon) da Deputación de Pontevedra e xa superou a puntuación técnica requerida, polo que o concello está á espera da aprobación definitiva das obras do PON 2023.

“O proxecto cambiará por completo a praza, que necesita esta renovación integral para mellorar a súa accesibilidade”, explica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.

Esta actuación supón un paso máis no novo modelo de vila posto en marcha neste mandato municipal, con máis espazos de preferencia peonil, mellor accesibilidade e seguridade viaria, cumprindo as directrices do novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Baiona.