A contorna da Carballeira de San Xusto, lugar de encontro e referente de lendas e contos no concello de Cerdedo-Cotobade, será este domingo 14 de maio escenario da nova ruta do programa da Deputación de Pontevedra “Bosques Terapéuticos”. As e os participantes neste percorrido, para o que as prazas están esgotadas, poderán desfrutar nesa xornada dos baños de bosque diante dos carballos centenarios, dos castiñeiros e carballos americanos desta singular contorna, que neste 2023 vén de incorporarse á lista de sete espazos naturais da provincia a visitar cos “Bosques Terapéuticos”.
Sempre coas pautas da camiñada en silencio, a desconexión dos móbiles e a respiración profunda para desfrutar do momento e sentirse parte da experiencia, o guía Sergio Portela conducirá desde as 10 horas o percorrido por este espazo natural, cun itinerario que arrancará nos baños de San Xusto e finalizará na ponte nova sobre o Lérez. Amais das explicacións sobre a vexetación existente na zona, nestes percorridos as persoas asistentes tamén coñecerán diversos aspectos históricos e etnográficos deste espazo do concello de Cerdedo-Cotobade.
As persoas que desexen desfrutar dos baños de bosque nesta contorna de San Xusto aínda poderán facelo nas catro rutas previstas para os vindeiros meses. Así, en xuño están previstos dous percorridos os días 3 e 18, mentres que en xullo haberá unha ruta o día 9 e en agosto, outra o día 13. Ao igual que para o resto dos percorridos dos “Bosques Terapéuticos”, o prazo de inscrición comezará un mes antes (o 22 de maio para os de xuño, o 12 de xuño para os de xullo e o 17 de xullo para os de agosto) e as persoas interesadas poderán anotarse no formulario que atoparán na web provincial (www.depo.gal).