Luns, 21 Xullo de 2025

Toriñán será o encargado de ler o pregón nas festas de Ponteareas

O Concello de Ponteareas da o pistoletazo de saída ás festas dos Remedios coa lectura do pregón por parte de Xose Antonio Touriñán, o cómico galego coñecido como “Touri”.

Este ano celébrase a XV Feira Tradicional dos Remedios, que durante toda a fin de semana converterá a Ponteareas na vila que foi no pasado. Contará co mercadiño tradicional, con postos de artesanía e gastronómicos. Tamén se poderá desfrutar de obradoiros infantís, actuacións musicais da man das Bandas de Música do municipio ou a tradicional tirada de fogos.

Anímase a cidadanía a acudir vestidos da época e desfrutar desta feira tradicional na que a protagonista é a historia e o pasado da vila.

O programa das festas pode consultarse na páxina web do Concello. 

Baiona acolle o XXIV Festival Folclórico Baíña’23

0

O Concello  de Baiona, a través da Concellería de Festexos, informa de que a praza do Concello de Baiona acolle o XXIV Festival Folclórico Baíña’23. A Asociación Folclórica Airiños da Lagoa para conmemorar o aniversario do grupo fundado en Baíña fai xa máis de dúas décadas organiza o encontro.

Ademais dos anfitrións participarán o Rancho Folclórico das Lavradeiras de Oleiros (Ponte da Barca); as Pandereteiras Traspés (Vigo) e o Obradoiro de Cultura Tradicional  Ultreira (Santiago de Compostela).

En caso de mal tempo o festival trasladarase ao Auditorio V Centenario de Baiona. A actividade forma parte da programación Baiverán 2023.

Alberto Vilas presenta en Salvaterra de Miño o seu novo traballo

Cunha temática baseada na música popular galega Alberto Vilas presenta o seu novo traballo baixo o título “Once cancións e unha danza”. O escenario que acollerá o evento será a Praza do Castelo de Salvaterra de Miño e terá lugar o sábado 9 de setembro ás 20:00 horas.

Tal e como explicou o músico no concerto poderemos escoitar “temas moi populares como Rianxeira, Camariñas, A saia de Carolina… pero todos tratados dun xeito que nunca se tratou e mui fantaseados cunha ollada nova a música tradicional”. Este traballo consta de 12 temas a piano que buscan dar vida a nosa música dun xeito reinventado e achegar o público máis xoven a música galega.

En Salvaterra de Miño tamén acompañará ao pianista a cantante Cristina Suárez, que forma parte xunto a Alberto dun proxecto paralelo que presentarán o mesmo día neste concerto que se inclúe dentro do programa “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra. A entrada é libre ata completar a capacidade.

Nigrán ofrece unha ruta de sendeirismo polo “Camiño do Ferro en Salamanca”

0

O Concello de Nigrán ofrece unha excursión para percorrer o “Camiño do Ferro” en Salamanca de dous días (15 e 16 de setembro) dirixida á veciñanza empadroada no municipio,  cun custe de 78 €/persoa.

Trátase dun percorrido de 17 km e aproximadamente 5 horas  por un tramo de línea férrea pechada o tráfico e acondicionada, atravesando diferentes túneles e pontes, para apreciar esta obra da enxeñería do século XIX.

A inscrición será dende o luns 4 de setembro ata o mércores 6 de setembro de 09:00 a 13:30 horas na Oficina de Turismo de Panxón, repartíndose as prazas por rigorosa orde de chegada.

A saída será o día 15 ás 16:30 horas desde Nigrán (Concello), ao chegar, cea no hotel en Salamanca e o día 16 farase o percorrido de sendeirismo, finalizando sobre as 16 horas e regreso a Nigrán sobre as 21:30 horas. 

O prezo por persoa en cuarto dobre é de 78 euros e inclúe : cea menú, aloxamento en hotel 4 estrelas, almorzo, e comida tipo bocadillo con auga e frutas no segundo día, durante o percorrido. O suplemento por cuarto individual serían 40 euros a maiores.

O Porriño rematará o ano coa conta das facturas pendentes de pago a cero desde 2016

Fai pouco máis de ano e medio, cando entrou o goberno actual no Concello do Porriño existían centos de facturas sen aboar, con data de 2016 en adiante, que sumaban un importe de 5,5 millóns de euros. Logo das xestións do equipo de goberno liderado polo alcalde Alejandro Lorenzo e pendente únicamente de diversas resolucións xudiciais, que auguran serán favorables á administración local, esta cifra quedará a cero a finais deste 2023.

“A gran maioría destas facturas, como demostramos neste tempo, eran irregulares e sen ningún tipo de contrato. Fomos reducindo a cifra logo das revisións e comprobacións correspondentes”, explica o rexedor. “Devolvéronse facturas duplicadas, que xa se pagaran, ou que non se demostraba a veracidade ou os prezos de mercado por importe de case 2 millóns de euros. Ademais, o Concello gañou sentencias xudiciais que denegaron o pago reclamado por empresas de case outro millón máis”, engade.

A día de hoxe deses 5,5 millóns iniciais quedaban pendentes de pago 819.202,03 euros, correspondentes a 201 facturas. Delas, 115 que suman 231.22,27 euros aboaranse de xeito inmediato a través do expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito que foi aprobado por unanimidade esta mesma mañá en pleno.

Por outra banda, figuran 74 facturas por importe de 410.833,35 euros que quedan excluídas do recoñecemento extraxudicial. Dentro deste apartado están, por unha parte 71 facturas de dúas entidades que se atopan xudicializadas pendente de sentenza firme logo de seren recorridas polas empresas; e por outra, tres facturas sometidas a revisión de oficio e ditaminadas polo Consello Consultivo.

Por último, nun terceiro apartado atópanse 12 facturas presentadas en 2021 por servicios de limpeza viaria e lavado de colectores realizados nos ano 2019 e 2020, cuxo importes suman 177.143,41 euros, que se devolven e se dan de baixa na contabilidade municipal (conta 413) ao non demostrarse a súa veracidade. Curiosamente, o grupo municipal do Psoe apoiou na sesión plenaria de hoxe esa devolución “cando foron eles quen encargaron, recepcionaron e conformaron para o seu pago esas facturas”, puntualiza o alcalde. Tamén o BNG votou a favor da aprobación da proposta levada a pleno polo goberno municipal.

O pleno extraordinario celebrado esta semana serviu tamén para ratificar e aprobar definitivamente o orzamento do Concello do Porriño para este 2023, que ascende a 19 millóns de euros, o máis alto da historia, e tamén para iniciar os trámites dunha nova concesión para o aparcamento subterráneo da Avenida de Galicia.

Dende o ano 2014 a empresa concesionaria deste aparcamento non pagaba o seu canon anual, polo que o actual goberno procedeu a reclamar esa débeda, incautar o aval que tiñan e expulsala, quedándose o Concello ao fronte das instalacións. Agora, no pleno de hoxe aprobouse o estudo de viabilidade económico financeiro do contrato de concesión, así como tamén o regulamento de funcionamento do aparcadoiro.

O Concello de Tomiño aclara que a reposición do posto de Tesourería é responsabilidade de Xunta e Ministerio de Facenda e Administracións Públicas

0

O Concello de Tomiño ten vacante o posto de Tesourería trala xubilación da persoa no cargo este mes de agosto. En previsión desta situación, no mes de xullo o Goberno municipal solicitou un concurso público de comisión de servizos ao que non optou ningunha persoa ante a falta por parte da Xunta dunha bolsa de interinidade con persoal coas oposicións superadas para poder proveer ás administracións locais en caso de necesidade.

Ante a desinformación emitida polo grupo da oposición do PP, o Goberno local aclara ao Partido Popular que a reposición e provisión de funcionarios habilitados nacionais á administración local para os postos que quedan vacantes depende exclusivamente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, encargado de convocar as oposicións, e da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, axente intermediario responsable de dotar de persoal os postos vacantes.

O Concello soamente é responsable de crear o posto e de contar coa consignación necesaria.  Dende o Goberno municipal laméntase a falta de planificación e organización da Xunta ao non contar co persoal candidato suficiente para cubrir este e outros postos do corpo especial de funcionariado que non depende da administración local.

Cabe destacar que a cobertura do posto non depende de “convencer” a ningunha persoa, senón de seguir os pasos regulamentados establecidos pola administración pública para dotar e proveer de persoal suficiente aos concellos.

O Concello de Tomiño atópase nunha situación financeira saneada e sólida, cun recoñecido rápido pago de facturas a provedores e contratas, e lamenta que se utilicen os posibles mínimos retrasos xerados polas vacacións estivais do persoal de intervención para facer política e xerar alarmismo.

O Goberno municipal seguirá traballando para resolver este asunto en estreita colaboración con Xunta Ministerio e evitar calquera problema derivado desta situación.

O gran espectáculo de O Fiadeiro chega hoxe ao Pazo de Mos

0

O pazo de Mos acolle hoxe sábado ás 20:00 horas a actuación de O Fiadeiro Danza 3, o ciclo promovido pola Xunta de Galicia, o propio Fiadeiro, a formación Xacarandaina e Cantigas e Agarimos, que chega este ano á súa undécima edición difundindo a danza e a música tradicionais de Galicia.

Esta programación, que comezou o pasado 16 de abril coa representación de Cantigas e Agarimos en Vedra, continuará ata o mes de outubro ata chegar os 18 concellos galegos coa súa respectiva cita coa cultura popular galega, a maior parte delas en localizacións exteriores e formatos que facilitan o encontro do público.

Mos, Allariz, Arteixo, Carnota, Cerdedo-Cotobade, Dumbría, Gondomar, Lourenzá, Manzaneda, Monforte de Lemos, Muros, Narón, Rianxo, Ribeira, Salvaterra do Miño y Vilanova de Arousa completan a relación de localidades participantes este ano en Danza 3, que leva a cabo no marco dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o colectivo XOC, que aglutina as devanditas agrupacións culturais.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades renova así a súa colaboración anual co colectivo XOC, que traballa para darlle visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.

O FIADEIRO

Dende o seu nacemento no ano 1996, o obxectivo da ACF O Fiadeiro vén sendo a recuperación da cultura tradicional galega, con interese principal nos bailes, músicas e cantares dos nosos devanceiros, nun incesante traballo de investigación etnográfica e traballos de campo.

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e Sara Cebreiro, concelleira de Cultura, amosaron a súa ilusión por poder contar unha vez máis co apoio da Xunta para “facer difusión da nosa cultura e das nosas tradicións, neste caso con esta actuación” e comentaron que “un total de 50 persoas no escenario, repartidas nas diferentes seccións de baile e música, interpretarán temas variados, en canto a o que se refire a ritmos e formacións”.

“Por iso animamos a todos os veciños a acudir ao Pazo de Mos para gozar desta función, xa que O Fiadeiro creará un espectáculo único, espontáneo e persoal, polo que non haberá dous espectáculos iguais”, concluían as representantes municipais Arévalo e Cebreiro.

Covelo apraza a súa Mostra de Produtos de Covelo para o sábado día 16 de setembro

0

O Concello de Covelo informa que hoxe sábado día 2 de setembro non se poderá celebrar a Mostra de Produtos de Covelo. Ante a previsión metereolóxica de néboa e chuvia o Concello decidíu adiar esta cita que se celebra de forma estable cada primeiro sábado de mes.

Deste xeito, a Mostra de Produtos de Covelo trasládase ao sábado día 16 de 10 a 14 horas. O Concello agradece a comprensión de todas as persoas interesadas e convídaos a participar neste encontro que conecta a produtores locais coa cidadanía ofrecendo produtos de proximidade e artesás.

Cada primeiro sábado de mes o Concello de Covelo acolle a súa Mostra de Produtos de Covelo na praza Mestre Cerviño ofrecendo postos de cosmética natural, xoiaría, maquetería, téxtil, moda, cestaría, panadaría, horta eco, caracois de terra, cerámica polimérica, artesanía, madeira, tambores chamánicos, queixos, caracois de mar, xoias con cortiza e aceiro, tattoos de henna ou prantas, entre moitos produtos de proximidade, artesanía e segunda man.

Novo récord de participación nos campamentos de verán da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o novo récord de prazas e de participación que acadou a campaña de campamentos de verán da Xunta este 2023, superando as 11.200 prazas e rozando o 100 % de ocupación. “Galicia é, con moita diferenza, a comunidade autónoma que ofrece máis prazas en campamentos durante os meses do verán”, indicou Rueda durante a visita a un dos minicampamentos do programa Coñece Galicia que se celebra no concello pontevedrés de Covelo.

Durante a visita, na que estivo acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, Rueda subliñou o compromiso da Xunta con este tipo de iniciativas que “son unha oportunidade” para facilitar a conciliación familiar. O presidente lembrou que o Goberno autonómico destina “máis de 4 millóns de euros” a campamentos este ano, co obxectivo de que nenos de entre 10 e 14 anos desfruten de estadías de cinco días en doce establecementos hostaleiros da comunidade.

Trátase de iniciativas nas que os máis pequenos poden adquirir competencias e valores como o compañeirismo ou a sensibilización con medio ambiente. Ademais, Rueda resaltou que estes campamentos “son unha oportunidade para coñecer Galicia” xa que permiten que tanto os rapaces como as súas familias poidan descubrir a riqueza natural e patrimonial doutros puntos do territorio galego.

Desestacionalización do turismo

Nesta liña salientou que, logo de seguir incrementado o número de turistas durante os meses de verán, un dos obxectivos da Xunta é “desestacionalizar o turismo en Galicia” para que tanto os propios galegos como os viaxeiros doutras zonas visiten á comunidade ao longo de todo o ano.

Redondela oferta roteiros durante o mes de setembro

0

A alcaldesa Digna Rivas salienta a “transversalidade” sobre a aposta do ecoturismo e o medioambiente co nacemento deste programa que comezou en xullo “con moi boa acollida por parte da veciñanza e visitantes que se achegan a Redondela”. No programa traballan conxuntamente as Concellerías de Medio Ambiente, que dirixe Pilar Martínez, Turismo, a cargo de Rita Pérez, e a Concellería de Sostibilidade, que ostenta Roberto Villar.

A edil de Medio Ambiente, Pilar Martínez, destaca o valor destas actividades “para concienciar á cidadanía, especialmente aos máis pequenos, con roteiros que lles permiten coñecer o patrimonio natural do municipio”. A concelleira de Turismo, Rita Pérez, explica que estas saídas ambientais “promoven un turismo responsable ao tempo que dan a coñecer os recunchos e atractivos turísticos de Redondela”.

A primeira das actividades deste mes será o luns, 4 de setembro, coa visita guiada “A vila pola tardiña” que é de balde. O xoves 7 de setembro está organizada unha ruta en kaiak pola enseada, cun prezo subvencionado de 15 euros, que se repetirá o domingo día 10 de setembro. O venres día 8 a saída consistirá nun paseo nocturno por Cesantes e o sábado día 9 os roteiros ambientais desprázanse a Chapela para percorrer as beiras do río Fondón, ambas actividades de balde.

Roberto Villar, concelleiro de Sostibilidade, destaca a importancia de poñer en valor “os recursos ambientais de Redondela, tanto no seu litorial como nos cursos fluviais e o resto de patrimonio natural do municipio”.

As actividades precisan de inscrición previa na oficina de turismo, na rúa Isidoro Queimaliños, no teléfono 986 401713 ou no enderezo [email protected].

Preto de 400 participantes na Nocturna do Porriño

Un total de 372 ciclistas tomarán mañá sábado as rúas do casco urbano de Porriño na tradicional Nocturna que se celebra cada ano no mes de setembro. O Club Máster da Louriña organiza esta proba  na que teñen cabida tódalas categorías Elite Sub-23 masculino e feminino e que neste 2023 bate récord de participación.

“Celebramos un novo acontecemento deportivo na vila, un clásico que reúne a centos de persoas amantes e afeccionados do ciclismo. Dende o Concello do Porrriño, como entidade colaboradora, agradecemos o labor do Club Máster da Louriña na organización desta proba coa que se podería dicir que damos o pistoletazo de saída ao mes máis festivo do municipio”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

Restricións ao tráfico

A hora establecida para a saída dos primeiros participantes é ás 17.00 horas, prolongándose ata preto da medianoite.

Con tal motivo, dende a Policía Local informan dunha serie de restricións ao tráfico rodado. Concretamente, queda prohibido estacionar e aparcar a partir das 14.30 horas e non estará permitido o tráfico rodado dende as 16.45 ata ás 23.30 horas polas rúas Pío XII, Ramón González, Manuel Rodríguez (dende o número 1 ata rúa Xogo da Ola), Xogo da Ola, Leandro Diz (dende intersección rúa Xogo da Ola ata rúa Cando), Cando, Peña e nos estacionamentos da praza de abastos.

Baiona continuará ofrecendo visitas guiadas pola vila en setembro

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, informa da continuidade no mes de setembro das visitas guiadas gratuítas polo Casco Antigo da Vila. 

As actividades desenvolveranse durante as xornadas dos sábados día 2, 9, 16 e 23 de setembro a partir das 11:00 horas. Durante aproximadamente 90 minutos, un guía oficial de Galicia acompañará aos participantes por un interesante percorrido a través do que se descubrirán lugares emblemáticos da localidade como o monumento Atopo Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, o centro histórico ou o paseo marítimo.

As visitas son gratuítas e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona non correo electrónico: [email protected], ou por teléfono non 986 68 70 67.

Tomiño conciencia sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias panel a panel

0

Concienciar sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias. Ese é o obxectivo da exposición do proxecto ‘Protempo’, unha mostra que estará ata o vindeiro 6 de setembro no Mercado de Tomiño e que, panel a panel, amosará ao público as emerxencias derivadas do cambio climático e dos desastres naturais.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou este venres a exposición acompañada do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e do Xefe de Servizo de Emerxencias da provincia de Pontevedra, Miguel Ángel Pérez Dubois.

A parada no concello tomiñés pecha esta exposición itinerante que percorreu o río Miño transfronteirizo e que está integrada por paneis e material audiovisual sobre as situacións de risco na Eurorrexión, as causas, o impacto e os recursos para combatelas.

A mostra está enmarcada no proxecto Protección Transfronteiriza de Emerxencias dirixida á Poboación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, financiado con fondos Interreg Europa do programa Poctep 2014-2020. A iniciativa ten como obxectivo promover a concienciación sobre o cambio climático e a prevención e xestión de riscos, así como aumentar a resiliencia territorial ante os perigos naturais nas zonas de fronteira.

Con este proxecto búscase reforzar a transferencia de coñecementos aos grupos de poboación máis vulnerables, a cativada e as persoas maiores, co fin de que sexan conscientes e teñan a capacidade para actuar ante os riscos de emerxencias relacionados co cambio climático, cada vez máis frecuentes e de maior virulencia, como incendios forestais, vagas de frío ou calor, tormentas, inundacións… Trátase así de conseguir un incremento da eficacia na prevención, mediante campañas e accións de capacitación cara a un público obxectivo con menor coñecemento sobre como auto protexerse ante as distintas situacións da emerxencia climática.

Mondariz realizará diferentes actuacións na nova área de deporte urbano

0

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda de preto de 70.000 euros para que o Concello de Mondariz poida poñer a punto o recinto no que se está a construír unha nova área de deporte urbano. Desta maneira, os fondos destinaranse a arranxar a explanada, reparar o seu asfalto e modificar o seu muro perimetral.

“A aposta polo deporte é un obxectivo prioritario deste goberno provincial”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López. “E non soamente no que respecta á práctica do deporte ou a apoiar clubs e entidades deportivas, tamén queremos dirixir recursos para que os concellos da provincia conten con espazos axeitados para a súa práctica. E esta inxección de 70.000 euros en Mondariz é un exemplo”, confirmou.

A área de deporte urbano que se vai crear en Mondariz, que incluirá skatepark, pista multideporte, rocódromo e un circuíto de calistenia, conta xa con 400.000 euros de subvención da Deputación, que supoñen o 90% do orzamento total da mesma, polo que, en total, a institución provincial dirixe 470.000 euros a este novo equipamento deportivo. Situado no antigo campo de fútbol da Minada, na avenida do Grupo Escolar, abrangue unha superficie total de 4.5000 metros cadrados. Será un espazo accesible e eficiente enerxeticamente, e contará, entre outros elementos, con paseos e zonas de descanso, cun miradoiro, zonas de confort, mobiliario urbano, vexetación e sombreo natural e artificial.

Arranca ‘O Son do Pazo’ coa mellor música celta en Mos

0

A contorna do Pazo de Mos xa está preparada para acoller a oitava edición do festival ‘O Son do Pazo’. Este sábado, 2 de setembro, arrancará a programación xa pola mañá coa celebración das primeiras Olimpíadas Rurais, unha competición aberta á inscrición de todas as persoas con ganas de pasar un bo rato demostrando as súas habilidades para debullar espigas de millo, trasladar a gran velocidade pacas de palla en carretilla ou lanzar un sacho á maior distancia posible. Ás 11:30h arrancará o percorrido pola parroquia dos tractores e chimpíns engalanados que darán paso, a partir das 13:00h ás probas das distintas disciplinas. Haberá, ademais, un posto onde se servirá porco ao espeto, animación de rúa a cargo dos Treboeiros da Muimenta de Sobrada e, xa ás 20:00 horas, actuación de O Fiadeiro.

Pola noite, a música chegará ao escenario principal da man da banda de gaitas anfitrioa, Airiños do Castelo, que dará paso ao dúo da Illa de Man Elizabeth Davidson-Blythe & Daniel Quayle. Con esta actuación, a organización quere facer unha aposta firme pola internacionalización do festival, polo que pasarán tamén bandas e artistas de referencia da escena folk e ‘tradi’ de Galicia. Unha boa mostra son os outros nomes que completan o cartel do sábado: De Ninghures, Xisco Feijóo e Mondra. Sons enxebres mesturados con vangarda musical nun evento de acceso libre e gratuíto para todo o público interesado. Durante a noite farase entrega, ademais, do Premio Mestre Machiño ao mestre e divulgador da música tradicional Xurxo Jachía.
Sesión vermú
O Son do Pazo renova este ano o seu formato e estende a súa programación durante toda a xornada do sábado e tamén o domingo a mediodía. A partir das 12:00h, Brais das Hortas encherá o recinto do festival de música e humor para toda a familia; Adrao Casal convidará ao público asistente a participar nun obradoiro de baile tradicional e a banda Tanto Nos Ten porá o broche de ouro a unha sesión vermú na que haberá tamén polbo e comida a prezos populares. Como en edicións anteriores, a zona de acampada estará instalada no pavillón Patricia Martínez e o recinto do festival contará cunha carpa para garantir a celebración de todos os concertos e as actividades incluídas na programación con independencia das condicións meteorolóxicas.

O Cónsul de Uruguay visita Baiona

0

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Alumíña, recibiu no concello ao cónsul xeral de Uruguai en Galicia e a zona norte de España, Ramiro Rodríguez Bausero. Os lazos de Baiona con Uruguai son estreitos con raíces fondas na emigración.

O rexedor baionés apunta que “nesta visita institucional estivemos a analizar as relacións pasadas entre estas dúas terras, pois o Uruguai foi país de acollida de numerosas familias galegas, moitas delas de Baiona e do Val Miñor, nos séculos XIX e XX. Tamén examinamos as relacións presentes e futuras entre Baiona e a República Oriental do Uruguai: A nosa intención é manter vivos os contactos de futuras colaboracións como a que terá lugar o próximo 12 de setembro en Baiona, escenario da Xira 20 Aniversario da Banda de Gaitas ‘Irmandade’ do Centro Social Cultural e Deportivo de Birlos Val Miñor en Montevideo”.

A cita será na praza do concello ás 19:00h e os veciños e veciñas poderán gozar da música da Banda de Gaitas ‘Irmandade’ do Centro Social Cultural e Deportivo de Birlos Val Miñor en Montevideo (Uruguai) que ofrecerá unha xira de actuacións por Galicia no mes de setembro para celebrar os 20 anos da súa fundación, cando foi creada por descendentes de emigrantes galegos co obxectivo de continuar coa tradición musical dos seus pais e avós e promover a gaita tradicional galega.

Durante 20 anos, por esta formación pasaron distintas xeracións de descendentes galegos, desde nenos ata adultos. Hai que destacar que é a única banda de gaita galega que existe en Uruguai, que durante o ano participa en actividades do Centro Val Miñor e doutras asociacións da colectividade galega e española en Uruguai. Desde os seus inicios, a Banda de Gaitas ‘Irmandade’ estivo dirixida por Vicente Carlos González Siri, fillo dun inmigrante da zona de Baiona (concretamente de Media Aldea, Belesar) que foi un destacado alumno do gaiteiro Celestino Pichel e tamén imparte clases en distintos Centros galegos de Uruguai.

“En Ruta coa Depo” chega esta fin de semana a Baiona, Ponteareas, Redondela e O Rosal

0

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 19 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Agolada, Baiona, Bueu, Cangas, A Estrada, Lalín, A Lama, Marín, Moaña, Ponteareas, Redondela, O Rosal, Silleda, Soutomaior e Vigo mobilizarán un total de 967 persoas para coñecer lugares da provincia como a illa da Toxa, O Grove, a ría de Arousa, a Illa de Ons, as Illas Cíes, o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo, a Illa de San Simón ou a illa de Tambo.

O sábado 2 de setembro nove entidades da provincia participarán no programa da Deputación “En Ruta coa Depo”. Cara a Illa de Ons e Portonovo sairán a Asociación de Veciños de San Vicente e Canedo de Ponteareas, A Asociación Cultural Xeración Nós Borraxeiros de Agolada e a ANPA Covaterreña de Baiona. A Asociación Veciñal Deportiva e Cultural a Miñoteira de Redondela visitará a Illa da Toxa e o Museo da Sala do Grove. A Asociación de veciños de Alxán de Soutomaior e a ANPA os Muíños do Colexio de Educación Infantil e Primaria Alexandre Bóveda farán o percorrido polas Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo. A ruta de cultura mariñeira polo mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro será realizada pola Asociación de Veciños As Fontes de Lavadores de Vigo e a Asociación Mulleres en Igualdade do Rosal. Por último, a Asociación de Viticultores San Martín de Bueu percorrerá a Illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela.

O domingo 3 son dez as entidades que participarán no programa. A Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo, a Asociación Cultural Amigos da Vieira de Bueu e a Asociación de Mulleres de Seixido da Lama percorrerán a Ría de Arousa. Ata as Illas Cíes desprazaranse a Asociación Cultural Charaviscas de Domaio e a Asociación Cultural Museo do Mar de Marín. O Comité para a Xestión de Proxectos Europeos do Municipio de Silleda e a Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Cora visitarán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo. A Asociación de Mulleres Escola Vella do Hío de Cangas e a Asociación Mulleres de Soutolongo de Lalín visitarán a Illa de Tambo, Combarro e o mosteiro de Poio. Finalmente, a Asociación cultural San Nicolás de Prado de Ponteareas percorrerá o Museo Meirande de Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio e a Illa de San Simón. A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

A parroquia de Piñeiro, en Covelo, celebra a romaría na honra da Virxe da Guía

0

A parroquia de Piñeiro, en Covelo, celebra esta fin de semana as súas festas patronais na honra da Virxe da Guía. A festa comeza o sábado día 2 ás 20:30 horas coa espectacular procesión das Candeas dende a capela ata a igrexa, as persoas que desexen participar poderán adquirir as súas candeas na propia capela. Xa pola noite haberá actuacións musicais a cargo da orquestra Costa Blanca e Trio 3.com. O domingo día 3 a banda de música xuvenil da escola de música Unión de Guláns será a encargada do pasarrúas. Os oficios relixiosos comezan coa misa das 10 horas seguida da procesión ata a capela. Ás 13 horas será a misa solemne na carballeira da festa.

A comisión de festas da Virxe da Guía de Piñeiro convida a todas as familias a gozar do tradicional xantar popular do domingo e informa que haberá servizo de bar, “pulpeiro”, churrasco, postos de pan e rosquillas.

Noite de rock no Rosal

0

Setembro arranca ao son do rock and roll no Rosal. A banda ‘Que de que’ retoma hoxe venres, 1 de setembro, o concerto que tivo que ser adiado este mes de agosto a causa da choiva.

O experimentado grupo rosaleiro, liderado por Roberto Caco, estará a partir das 21.00 horas na praza de San Vicente de Marzán para ofrecer ao público un amplo repertorio de versións de cancións pop e rock dos anos 70 e 80.

Dende o Concello do Rosal animan a toda a veciñanza a gozar desta nova actividade da axenda cultural municipal, unha completa programación que encheu de música, animación e eventos o verán rosaleiro.

O concerto que ofrece o grupo será de balde, ás 21.00 horas na praza de San Vicente de Marzán

Finalizan en Salvaterra o campus de conciliación e os cursos de natación

Chega o momento de despedir o mes de agosto e con el as actividades e programas de conciliación que ofertou o Concello de Salvaterra de Miño durante os meses do verán. Este xoves 31 de agosto despediron aos máis de 360 nenos que participaron no campus de conciliación e nos cursos de natación. Con hinchables de auga e xogos moi divertidos fixeron unha festa de despedida no campus e nos cursos de natación remataron coa tradicional entrega de diplomas, un recoñecemento ao obxetivo cumprido coa cor correspondente que lles outorga o nivel acadado.

O campus de verán, organizado polo Concello de Salvaterra de Miño e cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, comezou o pasado 3 de xullo no CEIP Infante Felipe e súmase aos programas de conciliación para as familias. En total tivo catro quincenas nas que asistiron en total máis de 200 nenos e nas que tamén se incluía a aula madruga e comedor.

En canto aos cursos de natación, impartidos pola Asociación ADA na Piscina Municipal da Canuda, foron preto de 160 alumnos que dividos en dúas quendas (unha en xullo e outra en agosto) melloraron as súas habilidades no medio acuático mentres desfrutaban de xogos.

As vacacións do verán supoñen para moitas familias unha gran dificultade para conciliar a vida laboral e familiar. É por iso que o Concello de Salvaterra de Miño, como ven facendo durante xa varios anos, realiza este tipo de actividades dentro do seu programa de conciliación.

Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia únense en Mos para integrar aos maiores na contorna dixital

0

Os maiores mosenses puideron “enredarse” coas novas tecnoloxías da man da Cruz Vermella no Alto de Puxeiros, onde tamén recibiron a visita das concelleiras de Política Social e Participación Cidadá, Sara Cebreiro e Julia Loureiro, respectivamente.

Reducir a fenda dixital entre a poboación é o obxectivo do proxecto “Enredando”, que comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros. Baixo este proxecto, a Organización Humanitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Cruz Vermella puxeron en marcha unha nova edición de “Enredando Tour”, que está a percorrer un total de 20 localidades galegas entre os meses de xullo e setembro de 2023; e chegou hoxe a Mos, onde permaneceu en horario de 10.30 a 12.30 horas.

Esta actividade está organizada por Cruz Vermella no marco do Convenio de colaboración coa Amtega para a execución do programa formativo itinerante en competencias dixitais. Nesta ocasión, está especialmente dirixida a persoas maiores de 55 anos (aínda que aberta a calquera persoa que queira participar), ás que se apoia para que aprendan conceptos básicos do uso das tecnoloxías, así como para derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso. Talleres de capacitación dixital e menús formativos.

Mediante unha furgoneta superequipada ofrécense contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Nela transpórtanse os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. En cada unha das localidades onde recale o circuíto organízanse varios talleres relacionados cos menús existentes. Cada persoa participante pode “pedir” formarse nun ou varios contidos de cada menú.

O primordial é que a persoa decida que quere aprender e en que medida quere que Cruz Vermella a acompañe na súa capacitación dixital. Neste espazo, que se situará na Avenida de Puxeiros, as persoas que participen poderán trastear con dispositivos tecnolóxicos mentres “degustan” os catro menús formativos que Cruz Vermella e a Amtega prepararon:

  1. “Vivo non mundo analóxico, rapaza”: menú básico para comezar a “enredar” na internet.
  2. “E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona a mensaxería instantánea.
  3. “Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode acceder ao Sergas, facer a compra por Internet e, en xeral, como xestionar o máis cotián.
  4. “Menú: divírtete e aprende”: para coñecer utilidades e aplicacións prácticas na internet.

No espazo das formacións dáselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal

“Enredando Tour” fixo hoxe parada en Mos, na Avenida de Puxeiros nº 52, de 10.30 a 12.30 horas.

As persoas interesadas en participar nas actividades de “Enredando circuíto” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a [email protected].

O goberno de Ponteareas traballa no saneamento, o Centro de Saúde e a mellora do complexo deportivo pese ás trabas da oposición

Na noitiña de onte, a corporación municipal de Ponteareas reuniuse en pleno ordinario. Un dos puntos a tratar foi a proposta para a mellora das instalacións do Complexo Deportivo Álvaro Pino así como a subvención do prezo que están pagando algúns clubs por adestrar en ditas instalacións á empresa concesionaria INSDEGA.

A proposta expoñía que, a cambio de facer unha prórroga de 5 anos máis á empresa concesionaria, esta levaría a cabo a mellora e acondicionamento das instalacións deportivas como por exemplo a reparación e pintados das pistas dos dous pavillóns, o pintado das zonas comúns tamén de ambos pavillóns, a mellora do equipamento deportivo e de mantemento das instalacións. Así mesmo, tamén se contaría cun conserxe de forma continua durante o horario de uso das instalación. Para a piscina municipal, tamén se repararían de xeito provisional as filtracións de auga polo teito.

Tamén se incluían horas de piscina e ximnasio para o persoal do departamento bombeiros e policía local, coa finalidade de promocionar a boa forma física deste persoal que é tan importante para poder desenvolver con garantías o seu posto de traballo. 

Por último, o Concello subvencionaría directamente o prezo do aluguer das pistas do pavillón antigo e tamén parte da piscina municipal aos clubs deportivos que adestran nelas.

A pesares destas importantes vantaxes para o deporte ponteareá que significaba esta renovación do contrato con INSDEGA, a proposta non foi posible levala adiante, debido a falla de apoio de todos os grupos da oposición. O Concelleiro de Deportes, Francisco Represas asegura que “a mellora das instalacións deportivas e o apoio aos clubs deportivos da noso concello é unha prioridade para este goberno. Aínda que os grupos da oposición non compartan estas prioridades, nós seguiremos traballando para que o deporte de Ponteareas ocupe o lugar que se merece tanto no aspecto social, económico coma no puramente deportivo”.

Saneamento integral para toda a vila

Por outra banda, a alcaldesa Nava Castro destaca que “co fin de acometer o saneamento integral en todas as parroquias de Ponteareas, estamos traballando en tempo récord para axilizar ao máximo os trámites e poder garantir este servizo esencial para toda a cidadanía nun prazo de tempo o máis curto posible, comezando especialmente polo de Ribadetea”.

Situación sanitaria en Ponteareas

Outros dos eixos principais do pleno foi a situación sanitaria, non só en Ponteareas se non en todo o país, complicada debido á falta de facultativos.

En Ponteareas, a maiores, súmaselle a dificultade de ter un Centro de Saúde pequeno, con reducido espazo para ampliar consultas e en malas condicións. Isto fai, que os e as médicos non elixan a vila como centro de referencia.

A concelleira de Saúde, Raquel Plana asegura que “este goberno apoia as reivindicacións sanitarias para dotar ao centro de saúde de máis médicos e somos coñecedores de que o principal problema é o escaso espazo do centro actual”.

No mesmo sentido, Plana garante que “estamos traballando a reo para poder comezar canto antes a construción do novo Centro de Saúde, de maiores dimensións, máis accesible e con capacidade para toda a poboación de Ponteareas e os usuarios dos concellos limítrofes no servizo do PAC”.

“Destacar tamén que, actualmente, o centro de saúde conta con 84 traballadores. Un dato histórico grazas á lei de Estabilidade aprobada pola Xunta de Galicia no ano 2022”, advirte a concelleira.

Baiona clausura o campamento urbano gratuíto

0

A praza do Concello de Baiona acolleu esta mañá o acto de clausura da segunda quincena do campamento urbano ofertado de forma gratuíta a través da Concellería de Cultura.

A actividade e está destinada a menores de 5 a 12 anos.

A concellería organiza esta actividade para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre as persoas máis pequenas.

Para a celebración das actividades establecéronse   dúas quendas no mes de agosto: do 1 ao 14 de agosto e do 16 ao 31 de agosto. Os horarios son de luns a venres de 10.30 a 13.30 horas e  participaron 45 cativos e cativos na primeria quenda e 15 nesta segunda quincena.

Durante o campamento desenvolveuse   un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Houbo distintas clases de xogos: de presentación,   de cooperación, de integración…visitas a distintos monumentos, museos, prazas e praias da vila. Entre as actividades programáronse visitas á Carabela Pinta, á Casa da Navegación, á Virxe da Roca, ao  Parador de Turismo Conde de Gondomar, á Estatua de Martín Alonso Pinzón, ao monumento “Atopo entre dous mundos”, ao porto… Tamén  se realizou  un tramo do Camiño Portugués pola Costa, unha recollida de residuos na praia e unha festa temática para este fin de quenda.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, e o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, fixeron entrega dun diploma a cada un dos nenos e nenas participantes na actividade que intercambiaron coa concelleira as súas impresións acerca de loas actividades na que participaron estes días de campamento urbano.

O campamento levou a cabo a empresa de actividades lúdicas e educativas Matrácala.

Presentación en Redondela do Sensa Festival

0

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou en Redondela na presentación do Sensa Festival, unha cita exclusiva para emprendedores organizada este ano por vez primeira polo Círculo de Jóvenes Emprendedores (CIJE) e que terá lugar o vindeiro 9 de setembro no Pazo de Santa Teresa da localidade.

O festival, que conta coa colaboración da cervexeira Alhambra e a Asociación de Empresarios de Redondela, busca “espertar os sentidos” dos asistentes  a través “dun menú secreto” de actuacións musicais e propostas gastronómicas e culturais. Desta maneira, a vicepresidenta da Deputación explicou que concentrará “a todo o talento da provincia, pois Pontevedra é berce de grandes referentes do mundo emprendedor e da música”.

Na súa intervención Fernández-Tapias amosou o compromiso do goberno provincial con eventos como este, “que son proba irrefutable de que esta provincia ten un gran futuro”. Tamén aproveitou para poñer en valor o traballo desenvolto desde o Círculo de Jóvenes Emprendedores, destacando “as sinerxías e oportunidades que xerades cada día para que os mozos poidan realizar os seus sonos e desenvolver os seus proxectos profesionais”.

Reunión entre os alcaldes da Guarda e Caminha para tratar expedientes comúns

Os alcaldes de Caminha e A Guarda reuníronse este mércores en Caminha, para tratar os expedientes que ambos teñen entre mans e que son comúns aos dous concellos do río Minho.

Algúns dos expedientes tratados refírese á conexión fluvial entre Caminha e A Guarda que, desde 2020, está suspendida, inicialmente pola imposición de restricións de circulación como consecuencia da Covid-19 e, posteriormente, pola seguridade do peirao de embarque na Pasaxe, que se atopa actualmente en reparación.

Unha das preocupacións expresadas tamén se relaciona coa colmatación do río Miño e da canle do ferry, que pon en risco a súa navegabilidade. “Cómpre buscar financiamento dos Estados para que o río Miño poida ser dragado e garantir unha conexión fluvial máis robusta e eficaz. Non só para que o Ferry poida navegar, senón tamén para que as actividades pesqueiras e náuticas se desenvolvan dun xeito máis seguro”. Cruzar o río Miño é un punto de preocupación común. “Hai que ter unha conexión efectiva e regular entre os dous pobos, que sempre viron o río Miño como un espazo común que nos une, pero o certo é que, nos últimos tempos, converteuse nun espazo que nos separa, debido a imprevistos, alleos aos propios concellos”, sinalaron os alcaldes.

A cooperación institucional tamén foi un tema central do encontro, onde presidente e alcalde se comprometeron a manter boas relacións entre os concellos.

A creación dunha eurocidade entre Caminha e A Guarda é un dos temas que os alcaldes pretenden desenvolver a curto prazo.

Cultura e deporte serán unha ponte que pretendemos explorar entre as dúas ribeiras do río Miño.

Na xuntanza tamén se tratou un tema sobre a construción de parques eólicos na costa atlántica que limita cos dous municipios. Unha preocupación de ambos os alcaldes, e o seu compromiso, é facer todo o que estea no seu alcance, xunto coas entidades competentes, para minimizar os impactos no territorio transfronteirizo, defendendo a pesca, a poboación, o turismo e o territorio.

Tamén esta prevista unha nova reunión, para revalorizar o estado dos citados expedientes, no concello da Guarda.

Xornada de portas abertas do Club Natación Mos

0

O Club Natación Mos, como forma de celebrar os seu 20º aniversario, e co obxectivo de potenciar a natación, oferta xornadas de portas abertas, completamente gratuítas, durante todo o mes de setembro.

Poderán anotarse todos aqueles que cumpran co rango de idade e que sexan capaces de nadar sen axuda de elementos de flotación. As xornadas están destinadas a nenos de entre 6 e 13 anos de idade.

As prazas serán limitadas, polo que se atenderán as inscricións ás mesmas por rigorosa orde de chegada, sendo necesario contactar co club previamente a través da dirección de enderezo electrónico enviosmos@gmail para apuntarse.

Obradoiro infantil de vendima, este sábado, no Castelo de Soutomaior

Imaxe de arquivo de vendima no Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra organiza este sábado 2 de setembro ás 11:30 horas no Castelo de Soutomaior un obradoiro infantil que permitirá aos cativos converterse en vendimadores por un día. A actividade, que forma parte do programa “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, ten as prazas esgotadas. A proposta consistirá nun taller no que colleitarán os diferentes tipos de uvas e as pisarán para facer o mosto. Desta maneira, os rapaces terán a posibilidade de recorrer os viñedos do Castelo e coñecer a fondo cales son todos os procesos que interveñen na elaboración dos caldos.

“Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior” é unha programación de 30 actividades con visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia. Ao longo dos últimos meses, as familias puidéronse achegar á mitoloxía popular da provincia, aos xogos tradicionais, os oficios artesanais, os seres mitolóxicos ou tradicións como os maios ou as herbas de San Xoán. Agora, quedan dúas actividades máis enmarcadas neste programa: o vindeiro 28 de outubro, ás 16:30 horas, terá lugar a celebración do Samaín, na que os participantes se introducirán no máxico mundo desta festa e coñecerán as árbores e froitos máis típicos desta época, e o 4 de novembro, á mesma hora, chegará o Magosto, cunha ruta polos bosques do castelo para recoller castañas e facer un magosto tradicional.

As entradas para as actividades están dispoñibles en entradas.castelodesoutomaior.com, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €), e cada actividade conta cun total de 30 prazas.

Baiona organiza actividades para o Día Mundial da Prevención do Suicidio

0

O Concello de Baiona organizou varias actividades para o vindeiro mércores 6 de setembro con motivo do Día Mundial da Prevención do Suicidio co obxectivo de contribuír a frear esta secuela e concienciar á sociedade baionesa.

A Concellería de Política Social en colaboración coa Concellería de Deportes e Turismo estiveron traballando nun  proxecto transversal que tivo como resultado unha soa actividade na que se conxuga: exercicio físico; o coñecemento e a forma de actuar ante o problema; e a sociabilidade e o gozar do lecer de forma conxunta.

Así, a xornada comezará ás 10:00 horas cunha andaina polo Casco Vello. O punto de partida será a porta do Concello e as persoas participantes irán acompañadas por un guía. Ás 11:00 horas A Casa da Navegación acollerá un taller de prevención do suicidio baixo o título “Mitos sobre o Suicidio: Factores de Protección( habilidades sociais, autoestima…) recursos dispoñibles”.

“Debemos concienciar á cidadanía da importancia de combater esta secuela silenciosa. Todos podemos axudar se coñecemos mellor como actuar. Estamos nun momento social crítico, persoas de todas as idades con problemas de saúde mental ou enfermidades que finalmente están acompañadas de problemáticas deste tipo. Os servizos sociais están estigmatizados e as persoas que o utilizan e achéganse a estes servizos, fano como último recurso. Os obxectivos que se pretenden conseguir con este proxecto son: Traballar de forma transversal a problemática da saúde mental;  Visibilizar os servizos sociais desde a prevención; e  Mellorar a saúde mental mediante o exercicio físico, sociabilidade e o lecer. Sumado a isto, preténdese tamén achegar á cidadanía aos servizos mediante a explicación dos recursos que teñen á súa disposición”,  destacou o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña.

O día 10 de setembro é o Día Mundial de Prevención do Suicidio e desde o Concello de Baiona quíxose aproveitar esta data para dar comezo a este proxecto que achega a saúde mental aos veciños e veciñas.  Trátase da primeira acción deste proxecto que ao longo destes meses irá dando visibilidade a diferentes  doenzas mentais.

Covelo comeza o mes de setembro cunha nova edición da súa Mostra de Produtos

0

Como cada primeiro sábado de mes o Concello de Covelo acolle a súa Mostra de Produtos de Covelo na praza Mestre Cerviño do centro urbano. De 10 a 14 horas teremos unha cita cos postos de cosmética natural, xoiaría, maquetería, textil, moda, cestaría, panadaría, horta eco, caracois de terra, cerámica polimérica, artesanía, madeira, tambores chamánicos, queixos, caracois de mar, xoias con cortiza e aceiro, tattoos de henna ou prantas, entre moitos produtos de proximidade, artesanía e segunda man.

O posto de polbo non faltará e tampouco as actuacións e os obradoiros. A partir das 11:30 horas haberá cociña en directo na que aprenderemos a realizar dúas receitas. A continuación, todas as persoas presentes poderán degustar estas saborosas viandas para logo gozar da sesión vermú que virá acompañada de música tamén en directoa partir das 12:30 horas con Bailai Malditos.

Avanzan a bo ritmo as obras de humanización das rúas Bos Aires e Progreso

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo e a concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, acompañaron á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na supervisión dos traballos de humanización e mellora das rúas Bos Aires e Progreso, nas que a Xunta de Galicia inviste preto dun millón de euros.

Segundo puideron comprobar as obras “avanzan a bo ritmo” e prolongaranse algo máis do previsto debido a que se incorporan ao proxecto novos traballos a petición do propio Concello e do Consorcio de Augas do Louro “acometéndose unha necesaria renovación e ampliación das redes de saneamento e abastecemento”. Do mesmo xeito, outra das melloras que se aplicarán e confirmouse hoxe foi o emprego de pedra Rosa Porriño para a zona empedrada que transcorre entre o paso a nivel ata o cruce coa rúa  Avelino Villasuso, que será de sentido único para o tráfico rodado con amplas beirarrúas e elementos vexetais.

A previsión é que a finais deste ano este acceso ao centro do Porriño quede totalmente acondicionado e integrado co casco urbano, dando prioridade aos peóns. “Con esta actuación daremos vida a unha zona do centro urbano que precisa dinamizarse e acondicionaremos un dos principais accesos á vila que non reúne moitas das condicións de seguridade e accesibilidade, así reforzaremos a seguridade peonil, melloraremos a accesibilidade e tamén a estética de ámbalas dúas rúas, favorecendo a súa integración no centro urbano, e restrinxirase ademais o tráfico de vehículos pesados”, explica o alcalde. Na mesma liña, a conselleira puxo en valor “esta actuación transformadora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética da estrada PO-329 no Porriño”.

Os traballos, que deron comezo o pasado mes de xuño, comprenden a intervención nun treito de case 700 metros da estrada PO-329 ao seu paso pola vila da Louriña. Construiranse beirarrúas máis anchas, tendo en conta que nalgunha das zonas non podía pasar nin tan sequera un carriño de bebé ou cadeira de rodas, para o cal se reducirá a anchura dos carrís de circulación na reordenación das prazas de aparcamento; renovaranse os pavimentos; instalarase novo mobiliario urbano: dispoñeranse bancos, papeleiras e xardineira; plantaranse árbores e mellorarase a iluminación con 22 novos puntos de luz e con reforzos luminosos nos pasos de peóns para garantir unha maior seguridade.

Cinco treitos de actuación

Os traballos divídense en cinco treitos segundo as necesidades detectadas nos diferentes ámbitos. Así, comezouse pola zona da rúa Bos Aires, no treito final da actuación. Aquí, que comprende dende a glorieta coa PO-511 e a PO-331 ata o cruce co río Louro, pasando baixo a autovía A-55, os traballos están practicamente finalizados. 

Na zona máis próxima ao río, a prioridade era mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándonos á normativa de accesibilidade. 

Nas proximidades da glorieta, acométese unha actuación máis ampla, coa reordenación da calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contedores e aparcadoiros, renovando e ampliando tamén as beirarrúas, a iluminación e a sinalización e dispoñendo mobiliario urbano.

A conselleira concretou que unha vez se rematen as obras neste treito nas vindeiras semanas, intensificaranse os traballos xa en execución na rúa Progreso, entre o límite con Mos e o paso a nivel coa vía férrea, onde se acometerán a reordenación da calzada a e a humanización da vía. 

Finalmente intervirase no treito máis complexo, entre o paso a nivel e o acceso á empresa Frigolouro, onde os técnicos se comprometen a actuar coa maior axilidade e coidado para minorar a afección e as molestias. 

Conto en obras con Brais das Hortas este xoves 31 en Tomiño

0

Brais das Hortas chega cos seus monicreques e a súa retranca a Tomiño para ofrecer ao público unha posta en escena divertida e participativa. Este xoves 31 de agosto a Praza da Mina volverá converterse no escenario dunha actividade dirixida a público familiar, ‘Zona en obras’, no que o narrador sorprenderá ás e aos espectadores cunha mestura de xéneros coma os contos, a música ou os monicreques dun xeito único.

Ás 19.00 horas, os tomiñeses poderán desfrutar de balde dun espectáculo que comeza cun conto sen rematar. Coa inestimable axuda do público e dun andamio, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica con looper ou unha batería cun capacho e un caldeiro, Brais das Hortas irá dando forma a unha historia chea de ritmo.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a participar neste espectáculo que pon o broche de ouro a todo un verán de actividades para público familiar na Praza da Mina. Unha programación repleta de música, imaxinación e contos “cunha gran participación de nenas, nenos e familias nun espazo renovado que, dende a instalación do novo parque, converteuse nun lugar recollido e propicio para desfrutar de actividades de lecer no verán ao tempo que se favorece o comercio da zona”.

Salvaterra pon a punto os centros educativos para o vindeiro curso

O Concello de Salvaterra de Miño realizou unha inversión de case 20.000 euros para preparar os centros educativos de cara o regreso ás aulas. Unha inversión que conleva diferentes tarefas de mellora como pintado, reparación de ventás, colocación de lousas e baldas, reparación de luminarias, colocación de tarima, melloras de fontanería e limpeza.

Estos traballos e obras leváronse a cabo durante os meses do verán para que todo esté listo cando en menos de dúas semanas os preto de 800 nenos que estudan no centro rural agrupado A Lagoa, CEP Carlos Casares, CEIP de Leirado e CEIP Infante Felipe regresen ás aulas.

Baiona organiza mañá xoves “Peregrinarte”, o primeiro festival peregrino

0

O Concello de Baiona organiza o primeiro “Festival Peregrino: Peregrinarte” pensado para potenciar o Camiño Portugués da Costa entre a veciñanza, os peregrinos e os visitantes.

A novidosa actividade celebrarase este xoves 31 a longo de todo o día. O evento inclúe “PereginArte”, un espazo no que participar toda a familia e creado para interactuar entre os nenos e nenas coas súas familias e os peregrinos que transcurren polo Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola vila.

Así, os diferentes obradoiros para todos os públicos estárán organizados en distintos lugares polos que transcurre o camiño en horario de 12:00 a 14:00 h e outro de 19:30 a 21:30 horas. Un total de 6 obradoiros de temática variada, nunha quenda de mañá e outra de tarde, en 4 localizacións: xardíns da Biblioteca, praza do Concello, xardíns da Casa da Navegación e Fonte de Ceta. Non é necesaria a inscrición previa.

Xa pola noite, a partir das 22.00 horas, dará comezo o espectáculo “Camiñantes e cantantes. 30 anos de Camiño con La Ocaband” contando tamén coa participación de Pepo Suevos, Manuel Manquiña e Pili Pampín. Será no Parque da Palma, onde a medianoite pechará o festival o Bruxo Queimán co seu espectáculo “Queiman Folk!”.

As bibliotecas de Redondela abren o prazo de inscrición nos clubs de lectura

0

As persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición na Biblioteca P. M. Valle-Inclán de Redondela e na Biblioteca P. M. Xela Arias de Chapela (Redondela).

Nos clubs de lectura das bibliotecas municipais de Redondela as reunións son mensuais, e lese un libro diferente de cada vez, procurando que as propostas lectoras sexan diversas e variadas.

Os participantes teñen que ter cumpridos os 18 anos, ter o carné de socios das Bibliotecas Municipais de Redondela, ou ben de calquera outra biblioteca da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, e inscribirse previamente nun dos clubs.

Participar é de balde, e as bibliotecas, ademais, proporcionan os libros para cada sesión.

As reunións dos Clubs de Lectura desenvolveranse entre outubro de 2023 e xuño de 2024, en horario de 20:15 h.

Así mesmo, as persoas inscritas poderán participar na actividade de Lettering “Debuxar Letras” impartida por Alba Farto dentro do programa “Ler conta Moito” da Xunta de Galicia. A actividade, dirixida exclusivamente aos membros dos Clubs de Lectura, desenvolverase o venres 22 de setembro ás 20:00 horas, é de balde, con prazas limitadas e inscrición previa.

Instalada a pasarela da senda que une Oleiros con Leirado

Xa está rematada a instalación dunha pasarela na estrada PO-402 na senda entre Oleiros e Leirado. A senda, unha obra da Xunta de Galicia que unificará as parroquias de Oleiros, Fiolledo, Corzáns e Leirado; ten un itinerario fundamentalmente de uso para os peóns que supón unha mellora de seguridade e accesibilidade.

Actualmente, xa hai tramos rematados e coa pasarela colocada avanzase na obra que dotará aos veciños de mobilidade entre parroquias e conectará co centro urbán de Salvaterra de Miño.

Redondela continúa co Programa de Visitas Culturais e de Lecer para as persoas maiores

0

Tralo éxito dos anteriores programas de visitas culturais para as persoas maiores, o Concello de Redondela pon en marcha unha nova edición, esta vez, ao norte de Portugal.

A partir deste venres 1 de setembro, as persoas maiores de 55 anos, poderán inscribirse nas oficinas de Turismo (de 11:00 a 19:00h) para a excursión organizada para visitar Valença, Monçao, Melgaço e Vilanova de Cerveira. Esta saída desenvolverase a partir do mércores 14 de setembro, dando a posibilidade de máis datas para dar cabida a todas as inscricións, sendo a  data límite para anotarse o venres 8 de setembro.

O prezo desta primeira visita será de 19 € e como novidade, o pago poderá realizarse con tarxeta directamente nas oficinas de Turismo sitas na rúa Isidoro Queimaliños.

A concelleira de Persoas Maiores do Concello de Redondela, Pilar Martínez, retoma esta iniciativa tralo éxito das anteriores edicións nas que se chegaron a superar as 600 inscricións. Viaxes como a Ribeira Sacra gozaron do beneplácito das persoas maiores do noso municipio na que, a calidade do xantar e as incríbles panorámicas da contorna, animaron ás persoas participantes a seguir demandando máis saídas, abaladas polo reducido prezo xa que o transporte está financiado polo concello.

Tal e como mantén a rexidora local, Digna Rivas, “a intención é que as persoas maiores poidan socializar e facer actividades ao aire libre a un prezo adsequible para todos e todas, e coñecer lugares de interés cultural, histórico ou patrimonial.”.

Volve o mercadiño ambulante dos domingos ao Porriño

Logo do parón no mes de agosto debido ás altas temperaturas e á baixa participación, detectada xa en xullo, as feiras do primeiro domingo de cada mes volven ao Porriño. Deste xeito, o vindeiro domingo 3 de setembro haberá mercado ambulante na vila do Louro.

Os postos instalaranse, como de costume, na rúa Leandro Diz en horario de tarde, dende ás 16.00 ata as 21.00 horas. Xa no mes de outubro, e ata maio, rematará unha hora antes, ás 20.00.

Esta cita mensual súmase á semanal de tódolos martes.

Éxito da sexaxésimo cuarta edición da Festa do Viño do Condado do Tea

Os días 25, 26 e 27 de agosto Salvaterra de Miño celebrou a LXIV Festa do Viño do Condado do Tea coa visita de público que proviña non só da nosa provincia senón doutros puntos da comunidade e tamén da península.

Dende a inauguración da festa o venres 25 sucedéronse actividades diversas nas que non podía faltar a música cos grupos folclóricos e de baile de Salvaterra de Miño, charangas e coas actuacións de Lucky Duckies, A Roda, SondeSeu, Fanfarria Taquikardia, O Fiadeiro, La Sombra de Justine e La Patrulla. Previamente á inauguración foron moitos curiosos do viño e afeccionados os que puideron degustar os caldos nas catas comentadas que ofreceron as adegas e tamén no Túnel do Viño que nesta terceira edición duplicou a súa participación.

O domingo no acto de nomeamento de novos cofrades descubrimos tamén os viños deliciosos do ano que foron os seguintes: na categoría de Rías Baixas Tintos Terras do Sur, na categoría Albariños Aravo, Eido da Fonte e La Val e na categoría Rías Baixas Condado Señorío de Rubiós, Piñeiral Señorío de Rubiós e Arbastrum.

A continuación, o pregoeiro e novo cofrade o humorista, presentador e actor Roberto Vilar fixo lectura do pregón co recinto amurallado cheo de xente que continuo a festa durante o resto da xornada.

Ó peche da Festa do Viño do Condado do Tea supón o final do Verán Cultural que un ano máis aumentou as actividades para tódolos públicos e que sigue sendo referente na nosa comarca.

Baiona, capital da vela galega co Trofeo Príncipe de Asturias

0

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do 38º Trofeo Príncipe de Asturias que tamén porá en liza a 27ª Gestilar Ladies Cup, o Trofeo Presidente Xunta e o  Trofeo Conde de Barcelona cunha totalidade de 80 barcos competindo de oito clases diferentes do 1 ao 3 de setembro. O Trofeo Príncipe de Asturias conta co apoio da Xunta de Galicia e destacará polos trinta J80 de diferentes partes de España no que será un preámbulo para o Mundial de J80 que terá lugar en setembro en Baiona.

O impulsor destas tres prestixiosas citas náuticas, que traerán á comunidade galega a miles de regatistas de diferentes puntos do mundo, é o Monte Real Club de Iates de Baiona, que con este triplete de eventos, apenas un ano despois de albergar as 52 SUPER SERIES, volve demostrar unha vez máis o seu gran potencial organizativo.

Nas súas verbas, o mandatario galego destacou a grande importancia de Baiona na vela galega e internacional, primeiro, coa chegada da Pinta coa noticia do descubrimento de América en 1492; más tarde coa importancia concedida por Felipe II pola súa fortaleza naval e marítima; e por último, por ser berce de grandes deportistas como Jorge Maciel, que foi o primeiro regatista galego en estar presente en dúas citas olímpicas: Atlanta 96 e Sidney 00.

Lete Lasa destacou a importancia dunha proba que xa vai pola súa trixésimo oitava edición dende 1986 e que, organizada polo Monte Real Club de Yates de Baiona e a Escola Naval de Marín, tomou este nome pola estadía naquel ano do herdeiro á coroa Felipe de Borbón na Escola Naval e que participou na regata nos anos 19886, 1987, 1988, 1991, 1998 e 2005, gañando o trofeo na edición de 1998.

O presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, destacaba na presentación do evento a amálgama que supón esta cita, “que se caracteriza por fusionar con mestría diferentes ámbitos da actividade humana”, dixo. “O deporte, a natureza, o turismo, a economía, o feminismo ou a inclusión social converxen nun evento que é, tamén, unha oportunidade única para o lecer e a diversión nunha contorna única como son as Rías Baixas”.

O secretario xeral para o Deporte gabou o nivel da vela galega que conta con once deportistas que competiron nuns Xogos Olímpicos e destacou a importancia nestes éxitos de eventos como o Trofeo Príncipe de Asturias que se conciben como competicións para todos e para todas. Deste xeito destacou a vixésimo sétima edición da Gestilar Ladies Cup, na que participarán seis embarcacións femininas de distintos puntos de España ou a participación dunha embarcación da Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares, co obxectivo de abrir á competición á navegación adaptada como leva facendo o MRCYB mediante actividades para persoas con diversas discapacidades físicas, cognitivas e sensoriais, así como para nenos con dificultades conductuais ou mulleres que sufriron violencia de xénero, grazas a un convenio coa Xunta de Galicia.

O CEIP de Guillarei estreará este curso comedor escolar

0

O CEIP de Guillarei estreará no curso 2023/24 o servizo de comedor escolar tras as obras realizadas no centro cun investimento de 15 mil euros por parte do Concello de Tui con fondos propio.

Deste xeito todos os centros escolares públicos do municipio de Primaria contarán este servizo tan importante para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.  Esta é unha das obras de mantemento e mellora que o Concello de Tui está a realizar aproveitando as vacacións escolares do verán nos distintos colexios con fondos propio, pondo a punto ás instalacións para o inicio do novo curso.

A construción do comedor escolar no CEIP de Guillarei supuxo un investimento de 15 mil euros. Consistiu na instalación de tarima vinílica e zócalo no chan, e falso teito con nova luminaria, e mosquiteiras nas ventás. Amais colocáronse módulos de cociña con fregadeiro de 2 senos, billas de pedal  con regulación de temperatura, e encimeira.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, indica que o investimento que o Concello de Tui está realizando nos últimos anos para que os centros educativos conten con comedor escolar “da resposta á demanda das comunidades educativas das nosas parroquias, e que ano a ano imos cumprindo”. Salienta así que “nestes momentos todos os centros educativos do municipio contan con comedor escolar” de tal xeito que os colexios do rural contan cos mesmos servizos que os do centro urbano.

Sonsoles Vicente explica que a  súa concellería “seguirá investindo nos centros educativos do municipio, aínda que non sexa da súa competencia, para cubrir as necesidades da comunidade educativa do noso municipio, e seguiremos apostando pola equidade entre o rural e a zona urbana”.