Mércores, 2 Xullo de 2025

A Alameda Castelao, escenario dun acto de recoñecemento público ao traballo realizado por servizos e colectivos durante o estado de alarma

0

A Alameda Castelao de Redondela acollerá este vindeiro venres, 17 de xullo, a partir das 21 horas, un acto público de recoñecemento aos distintos servizos que, durante a pandemia e o confinamento obrigatorio establecido polo estado de alarma, traballaron arreo tanto para garantir á seguridade da veciñanza, coma para atender as súas necesidades.

O acto, aínda que gratuíto e de libre asistencia, é aconsellable a inscrición previa que se pode realizar, totalmente de balde, no enderezo de correo electrónico [email protected].

Policía Local, Protección Civil, Policía Nacional, Servizo de Emerxencias (SEIS), así como distintas asociacións que contribuíron a facer máis doada a complicada situación do confinamento, recibirán a homenaxe “non do Concello de Redondela como institución, senón de toda a veciñanza do municipio”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, non dubidou en cualificar esta homenaxe pública como “un dos actos máis importantes do ano”, pola carga social que ten e polo servizo que estes homes e mulleres, tanto dos corpos de seguridade, emerxencias e organizacións de axuda social, prestaron á cidadanía “antepoñendo o benestar das veciñas e veciños á súa propia seguridade e saúde persoal nunha situación tan descoñecida como perigosa”.

Amais deste recoñecemento, o Concello de Redondela presentará un vídeo no que leva tempo traballando, que recolle a testemuña de veciñas e veciños que padeceron a COVID-19 e no que falan da súa durísima experiencia e a quen a alcaldesa “en nome de toda a Corporación Muncipal” lles quixo agradecer a súa colaboración “á hora de trasladar aos veciños e veciñas os perigos reais do coronavirus”.

Digna Rivas agradeceulles “a valentía de ter que revivir momentos horribles para poder transmitir á cidadanía que o coronavirus está aí, que isto aínda está moi lonxe de rematar e que temos que adoptar todas as medidas de prevención posibles”. A responsabilidade persoal de cada un e cada unha de nós, engadiu a rexedora local, “é nestes momentos a mellor arma, pode que a única arma, para poder combater esta pandemia”.

O vídeo é unha das iniciativas incluídas na campaña de concienciación sobre a COVID-19 que puxo en marcha o Goberno local e no que se inclúen tamén iniciativas como “Maiores Contaxiando Responsabilidade”, que empezou a funcionar de xeito experimental na parroquia de Cedeira, con excelentes resultados, e na que un grupo de veciños e veciñas reciben información exhaustiva sobra a COVID-19 de profesionais sanitarios,

Unha vez recibida esa información dende os aspectos sanitario, social, preventivo e de seguridade  en clases curtas de entre 15 e 20 minutos cadansúa de xeito que sexan o máis amenas posible, este grupo de maiores terá a labor de explicarlles o aprendido ás súas amizades, veciñanza e familiares. “Trátase –apunta a alcaldesa de Redondela– de crear un ‘efecto dominó’ e que a concienciación sobre a necesidade de non baixar a garda e manter as medidas preventivas, cale entre toda a cidadanía”.

Finalmente Digna Rivas insiste en que “o perigo está aí. Sería un erro pensar que todo pasou. Manter as medidas preventivas, cumprir as normas de seguridade e actuar con responsabilidade pode marcar, nestes momentos, a diferencia entre seguir avanzando ou ter que volver atrás con consecuencias sociais e económicas impredecibles”.

O Barbeira Season Fest de Baiona volve o 19 setembro rebaixando o aforo e mantendo parte do cartel previsto

0

Se o ano pasado o Barbeira Season Fest de Baiona creceuse ante o temporal que fixo perigar a súa celebración, este ano convértese nun deses festivais que se celebrarán “contra todo prognóstico” a pesar da pandemia do coronavirus. O próximo 19 de setembro, un dos festivais de verán máis aplaudidos o pasado ano en Galicia, volverá celebrar cumprindo estritamente coas regras de seguridade sanitaria establecidas para esta nova normalidade.

Volve o Barbeira Season Fest, baixo o subtítulo de “Un festival contra todo prognóstico”, cun formato modificado debido ás circunstancias. Este ano non se celebrará na horta do Parador por cuestións de espazo. Nestes momentos, aínda se está buscando en Baiona un lugar que se adapte ás directrices marcadas polas autoridades sanitarias para celebrar un evento destas características. Nos próximos días confirmarase o novo espazo.

Tamén se reduce o aforo a 500 persoas. “É algo que non nos preocupa demasiado”, comenta Isaac González, director do certame. “Este festival xa naceu para ser un evento dirixido a un número reducido de público, case exclusivo. O ano pasado metemos na horta do parador a 700 persoas”, sinala.

Cartel pechado, aberto a sorpresas

O cartel do Barbeira Season Fest está xa case pechado, “aínda que aínda pode haber sitio para algunha sorpresa. La la love you, Ortiga, Ginebras ou Lisasinson son, agora mesmo, os grupos confirmados. “Mantemos gran parte do cartel que tiñamos previsto -comenta Isaac González- e movemos a outros artistas para o festival de 2021, no combinaranse artistas galegos e de ámbito nacional”.

Coidado do ambiente, ecoloxía, filosofía de Plástico 0, eses son, ademais da música e outro tipo de contidos culturais, os principais eixos do singular Barbeira Season Fest que se celebrará o próximo 19 de setembro, “contra todo prognóstico”, en Baiona. “Prometemos unha experiencia única, segura e reconfortante. A pandemia segue aí pero conseguiremos que non moleste”, finaliza o director do festival.

Tomiño estuda a súa superficie de faixas secundarias a incluir no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais

0

Técnicos de Urbanismo e de Medio Rural do concello reuníronse o pasado 30 de Xuño con técnicos de SEAGA (Empresa pública de servizos agrarios galegos) para delimitar o alcance das faixas secundarias que aparecerán no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Tomiño.

Este plan terá un período de exposición pública, no cal as persoas responsables da xestión (titulares das parcelas) terán acceso á información relativa ao Plan Municipal e ás parcelas afectadas polas faixas secundarias. A aprobación será froito da adhesión do Concello de Tomiño, en maio de 2019, ao convenio de colaboración, subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais e do que se ven de firmar unha terceira addenda.

Cabe destacar que éste ano, debido ó seu risco de incendio, a Comisión de Seguimento do Convenio seleccionou como parroquias priorizadas en Tomiño: Santa María de Tomiño e San Pedro de Forcadela. E, en base a esa priorización, os titulares de parcelas afectadas por faixas secundarias destas parroquias, poden firmar a adhesión ao contrato de xestión da biomasa no marco do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias. Para elo, recibirán unha carta explicándolles o procedemento, e se están interesados, tramitalo no concello.

Coa adhesión a este convenio o Concello contará coa colaboración de SEAGA para levar a cabo as execucións subsidiarias naquelas parcelas que queden sen xestionar en faixas secundarias en parroquias priorizadas, isto é, manter limpa de biomasa e libre de eucaliptos, piñeiros ou acacias una faixa de 50 metros en solo rústico dende:

·  Solo urbano, núcleo rural e solo urbanizable.

·  Edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras       parques e instalación industriais.

·  Edificacións illadas en solo rústico.

A este respecto, no mes de maio, mediante Bando da Alcaldía, anunciouse a obrigatoriedade das persoas responsables dos terreos situados nesas faixas, de acometer os criterios de xestión da biomasa (roza, poda ou corta, segundo proceda) e o prazo, polo Estado de Alarma, estendeuse ata o día 16 de xullo de 2020. Do mesmo xeito, vense de publicar un novo bando co nome das parroquias priorizadas.

Acción contra os incendios

O Concello vén actuando en prevención dende hai tempo, tendo en conta, sobre todo, a Lei 3/2007, do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a Ordenanza municipal da xestión da biomasa e distancias de plantacións do Concello de Tomiño (BOP Nº 58 de 26 de marzo de 2015, modificada no BOP Nº 239, do 13 de decembro de 2018).

Deste xeito, no Concello de Tomiño tramitáronse no ano 2019 un total de 421 expedientes por incumprimento da limpeza de fincas e tala de especies prohibidas, labores de obrigado cumprimento segundo a Lei de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais de Galicia e/ou da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa. Destes, foron tramitados 347 expedientes (un 82%); desestimados 42 expedientes (un 10%), e os restantes 20 expedientes quedaron pendestes para este ano.

Dos 347 expedientes tramitados, 320 foron motivadas polo Art.7 da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa, o que supón un 66,28 % do total; 90 expedientes foron tramitados por Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia, un 25,94 % do total, e os restantes 27 foron polo Art. 10.4 sobre Camiños Públicos da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa, un 7,78 % do total dos expedientes notificados. 

A Xunta realizaralle tests serolóxicos a todo o persoal dos centros educativos antes do inicio de curso

A Xunta realizaralle test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos sostidos con fondos públicos antes do inicio de curso. Así o acordaron as consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e a de Sanidade na xuntanza mantida esta mañá para abordar o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020/2021, elaborado por ambos departamentos e que será analizado na mesa sectorial do ensino non universitario este xoves. O documento estrutúrase en catro tipos de medidas: de prevención básicas, que afectan ás condicións laborais, de carácter organizativo e de carácter formativo e pedagóxico. Nelas establécense como principais accións para a contención da pandemia nos centros de ensino o establecemento de Grupos de Convivencia Estable, manter a distancia interpersoal, o uso de máscaras e a hixiene.

O documento diríxese ao alumnado, ao persoal docente e non docente e ás familias, dado que manter a seguridade nos centros depende de toda a comunidade educativa. Trátase dun protocolo avalado polas autoridades sanitarias autonómicas e que será obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais.

Ademais, en vindeiros días a Consellería porá á disposición da comunidade educativa unhas instrucións para organizar o inicio do curso desde o punto de vista académico. Estase a elaborar tamén un protocolo específico para os Centros de Educación Especial, que atenda as peculiaridades deste alumnado.

Principios sanitarios básicos e distancia interpersoal

No que atinxe aos principios sanitarios básicos, incluídos nas Medidas de prevención básicas, cada centro deberá contar cun equipo formado na Covid-19 cunha persoa coordinadora de referencia, e terá un centro de saúde de atención primaria de referencia para contacto en caso de dúbidas.

Todo o persoal (docente e non docente) e o alumnado deberá realizar cada día unha auto diagnose (para a que se achega un modelo no propio documento), e contactar co centro de saúde se se presentan síntomas. Ademais, cada centro contará cun espazo de uso individual para illar ao alumnado que presente síntomas, mentres se xestiona o seu traslado.

A distancia interpersoal recomendada pola Organización Mundial da Saúde para os centros educativos é de 1 metro, para que o alumnado estea sen máscara, sempre e cando permaneza sentado na aula en pupitres e coa mesma orientación. No caso de que estas distancias non se puidesen cumprir polo tamaño da aulas, retirarase o mobiliario que non sexa indispensable ou empregaranse aulas de maior dimensión e, como última medida, será necesario o uso da máscara en todo o horario lectivo.

Todos os membros da comunidade educativa terán que usar a máscara fóra das aulas, onde a distancia que se deberá manter será de 1,5 metros. Isto é, será obrigatorio o uso da máscara para circular polos corredores (agás alumnado de Infantil), nas entradas e saídas ao centro, nos recreos, nas entradas e saída do comedor escolar e na biblioteca e, cando non se poidan manter os 1,5 metros, na clase de educación física.

No caso de Educación Infantil e Primaria poderase optar pola alternativa de establecer grupos estables de aula, ata un máximo de 25 alumnos, que xunto á persoa titora poderán conformar Grupos de Convivencia Estable. Nestes grupos poderase socializar e xogar sen ter que manter a distancia interpersoal de forma estrita, aínda que deberán evitar a interacción con outros grupos do centro educativo.

Polo demais, as medidas serán as habituais para a contención da pandemia, como a  hixiene de mans, especialmente á entrada e saída do centro; instalación de portapanos desbotables; ou a desinfección dos postos de traballo, entre outras. De feito o propio documento inclúe tamén medidas xerais de limpeza, como a de limpar polo menos 3 veces os aseos na xornada. Cada centro deberá ter, en calquera caso, un protocolo de limpeza e desinfección que responda ás súas características particulares.

En canto á subministración de material de protección, a Consellería realizará un aprovisionamento inicial de elementos de sinalización e máscaras de protección destinadas ao persoal docente e non docente. O resto do material (xel hidro alcohólico, panos desbotables, materiais de limpeza e desinfección, papeleiras de pedal e máscaras, cando sexan insuficientes) comprarano os centros con cargo aos gastos de funcionamento.

Xestión dos abrochos

Neste epígrafe de Medidas de prevención básicas tamén se inclúe un apartado específico para a xestión dos abrochos. Neste sentido, as persoas que teñan síntomas ou estean en illamento ou corentena pola Covid-19 non deberán asistir ao centro. Diante da sospeita dun caso, illarase á persoa nun espazo separado de uso individual, con máscara, e contactarase coas autoridades sanitarias e coa familia (se se trata de alumnado).

No caso de que se produzan varios contaxios nunha mesma aula, etapa ou centro, as autoridades sanitarias poderán ordenar o peche das mesmas, tendo en conta os supostos que se indican no documento (polo menos 3 infectados nos últimos 7 días). Así mesmo, se hai un positivo, a autoridade sanitaria obrigaralle á entrada en illamento de polo menos 10 días e as persoas que teñan consideración de contacto próximo estarán en corentena 14 días. No caso de producirse o peche, o documento inclúe un proceso de reactivación por fases, que en todo caso se adaptaría a cada situación particular.

No que atinxe ás medidas que afectan ás condicións laborais, con carácter xeral todas as persoas realizarán o seu traballo, sempre que a súa condición clínica estea controlada e o permita, e mantendo as medidas de protección de forma rigorosa. O texto inclúe o proceso que seguirá o traballador para a solicitude de inspección médica que determine que é persoa especialmente vulnerable.

Plan de adaptación

Na epígrafe de Medidas de carácter organizativo establécese que cada centro deberá elaborar un Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2020/2021, de conformidade co modelo que se xunta como Anexo V do documento, e cos planos que se indican tamén nos anexos. Este plan deberá ser coñecido por toda a comunidade educativa, para fomentar a súa aplicación e cumprimento.

Ademais, cada centro elaborará un Plan de continxencia, de conformidade co modelo do Anexo VI do documento. Nel estableceranse as medidas en caso de suspensión da actividade lectiva, as medidas para facer efectivo o ensino a distancia e os supostos de reactivación da actividade lectiva presencial. O documento inclúe, así mesmo, indicacións para a entrada e saída do centro, circulación polos corredores, cambios de clase, etc, o que inclúe a posibilidade de flexibilizar horarios.

Comedor e transporte escolar

O uso de comedor, tanto de xestión directa como indirecta e con independencia de quen preste o servizo, quedará limitado á capacidade suficiente para ter ao alumnado separado por 1,5 metros, ou 1 metro se non están uns fronte a outros. Para aumentar a capacidade do servizo poderán facerse varias quendas, en función da capacidade horaria do transporte e do persoal dispoñible para atender aos comensais. En calquera caso, procurarase que o alumnado sente no comedor agrupado por aulas, para manter a continuidade do grupo.

No caso do transporte escolar, o aforo dos vehículos será o determinado en cada caso polo órgano autonómico ou estatal competente. Inicialmente poderán ser empregadas todas as prazas do transporte escolar, sempre con uso de máscara por parte dos transportados e da persoa condutora.

Biblioteca e espazos compartidos

En xeral a biblioteca escolar poderá ser usada ata o 50% do seu aforo e haberá un protocolo de acceso á mesma. Nela aplicaranse as normas de uso e funcionamento aplicables ás aulas ordinarias e manterase o préstamo de libros, se ben deberán deixarse en corentena polo menos 24 horas cando se devolvan.

No caso de materiais e aulas de uso compartido (por exemplo material deportivo, xogos, aula de música) evitarase na medida do posible o uso colectivo. En calquera caso todo o material deberá ser desinfectado.

Canto ás clases de educación física, tamén se fomentarán as actividades individuais, e será obrigatorio o uso de máscara cando non se poida manter a distancia de 1,5 metros. Nos aseos, o aforo estará limitado a un terzo.

O documento establece o uso obrigatorio de máscara nos recreos. De ser posible, estableceranse ademais quendas e grupos, co obxectivo de evitar unha grande afluencia de alumnado ás mesmas horas e nos mesmos espazos. Na medida do posible, limitaranse espazos para que un grupo de 50 alumnos poida estar a unha distancia de polo menos 1,5 metros entre si. Se non se desen estas condicións, os centros poderán optar, por exemplo, por facer recreos na aula.

Medidas de carácter formativo e pedagóxico

O equipo Covid de cada centro asegurará que chega a toda a comunidade educativa a información sobre os protocolos de actuación e as medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde implantadas no centro. Ademais, desenvolveranse actividades de educación para a saúde sobre a Covid-19, co fin de que o alumnado sexa axente activo na mellora da saúde da comunidade educativa.

A Consellería de Sanidade e o SERGAS impartirán, a través da presenza de profesionais no centro ou por teleformación a formación necesaria sobre as medidas xerais de prevención e protección, que tamén se incluirá no Plan de formación do profesorado para o curso 2020/2021.

Aulas virtuais e ensino a distancia

Pechando a epígrafe de Medidas de carácter formativo e pedagóxico, o documento indica que se empregará a Aula Virtual da que dispoñen todos os centros, de ser o caso e nos supostos de educación a distancia, polo menos co alumnado de 3º de Primaria en diante. Cada alumno terá a súa inscrición á aula virtual, que deberá estar en uso ao remate do mes de setembro.

Así mesmo, cada centro deberá ter rexistrado ao remate do mes de setembro unha listaxe do alumnado que presente dificultades para o acceso a equipos tecnolóxicos ou conexión de internet, para o hipotético caso de ter que impartir o ensino a distancia.

En 1º e 2º de Primaria será o centro o que decida se se usa ou non a aula Virtual e nos cursos inferiores habilitaranse fórmulas de comunicación como foros ou videochamadas para manter o contacto coas familias e, de ser posible, fornecer contidos educativos. Os modos alternativos que se arbitren de educación a distancia para Infantil e 1 e 2º de Primaria quedarán recollidos na programación didáctica de cada centro.

As programacións didácticas deberán incluír tamén a metodoloxía de traballo que se seguiría no caso de ensino a distancia, así como a maneira de garantir o dereito á educación do alumnado que non poida seguir a ensinanzas telemáticas.

O Concello de Nigrán abre hoxe xoves e mañá venres o prazo de inscrición para participar o domingo 26 na festa dos avós en Camos

0

O Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición os días 16 e 17 de xullo de 10:00 a 13:00 horas no teléfono de contacto 986365000 para participar na primeira festa con motivo do Día do Avós o domingo 26 de xullo en Camos.

O programa do Concello, organizado no xogo de bolos de Os Barreiros, baixo as medidas protocolarias de seguridade Covid-19. A actividade comezará ás 12:00 horas cun Photocall de recordo de agasallo, seguido dun almorzo campestre ás 14:00 h (cada persoa deberá levar o seu).

Logo do almorzo haberá unha exposición de vehículos clásicos, actuación do grupo musical D´Lider e primeiro concurso de baile con premio á mellor parella. O aforo estará limitado a 50 persoas e se cubrirá por rigorosa orde de inscrición.

Duascentas cidades de 23 países, xa forman parte da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago

Coa intención de impulsar o Xacobeo do 2021, o 16 de xullo de 2019 creouse a Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, formada inicialmente por alfombristas de Bueu, Gondomar, Tui, Redondela , Ponteareas e os asturianos de Castropol. Hoxe en día, xa participan alfombristas de duascentas cidades repartidas por veintitres países pertencentes a Alemaña, Arxentina, Brasil , Colombia,Chile, Costa Rica, Estados Unidos, #Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, India, Italia ,Lituania, Mexico ,Nicaragua, Polonia, Panama, Peru, Polonia, Portugal , Tunez, Venezuela e España .E aínda espéranse máis.

A Comisión Xestora , ten como obxectivo principal todas aquelas actividades dirixidas á difusión, divulgación e promoción do Camiño de Santiago e do patrimonio material e inmaterial vinculado a el. Destacando a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago.

Esta comisión encargarase de incluír arte efémera na celebración do Xacobeo 2021, concretamente nos seus días grandes, 24 e 25 de xullo. Quedan trece meses por diante pero moito traballo previo de coordinación ao estar implicados neste proxecto colectivo, multicultural e multilingüe, artistas de todo o mundo.

Os alfombristas preparan dous grandes proxectos para o próximo Ano Santo.

O primeiro denominado “Alfombras para o Camiño”, que consistirá na realización, desde xaneiro ata xuño de 2021, de distintas alfombras, en cada un dos camiños que conflúen en Santiago de Compostela.

O segundo proxecto para o Xacobeo 2021 unha “Alfombra Mundial” na que poderán participar todos os alfombristas rexistrados, elaborando en lugar emblemático, de cada unha das súas localidades, unha alfombra propia, entre os días 24 e 25 de xullo do 2021, dedicada ao Camiño de Santiago. O deseño será común en cada unha desas localidades, con todo, cada colectivo alfombrista realizará ese deseño seguindo a súa propia técnica e estilo, utilizando os materiais que prefiran e creando ese tapiz efémero do tamaño que prefiran. E serán dous os motivos que a diferencien, unha o nome da localidade que a realiza e outra , tras unha frecha amarela, a distancia en quilómetros a Santiago. Sendo leste o maior proxecto Mundial de alfombrismo.

O obxectivo é “Facer todo o mesmo día, a mesma alfombra en cada un dos nosos pobos ou cidades, pero de forma conxunta a escala mundial”.Será unha especie de flashmob a escala mundial de arte efémera, no día grande do Apóstolo Santiago ou na súa véspera.

Concedida a subvención autonómica para mellorar o Camiño da Quiringosta en Mos

0

Fai uns días anunciábase que o Concello de Mos investiría preto de medio millón de euros en asfaltados a acometer próximamente. Trátanse de obras en 6 viais entre o que se atopa o Camiño da Quiringosta, sobre o que se anunciaba que a administración local acababa de tramitar a solicitude de axuda autonómica para o asfaltado e mellora da seguridade viaria no devandito camiño.

Pois ben, hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que ven de ser concedida ao Concello de Mos unha subvención do Plan Marco –Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2020/2021 da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.

A devandita axuda permitirá acometer o proxecto de mellora da seguridade viaria no Camiño de Quiringosta, Zapateira, parroquia de Mos, tendo en conta que ten un orzamento total de 42.769,87 euros, sendo o importe da subvención autonómica concedida de 35.347 euros e a aportación do Concello de 7.422,87 euros.

Deste xeito o Concello de Mos e o equipo de goberno local continúan dando pasos na súa folla de ruta e manteñen o seu obxectivo de realizar unha batería de asfaltados ao ano, que forman parte do Plan Anual de Mellora de Viais Municipais

Preténdese asíque o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria. É por e para elo o Concello pon en marcha periódicamente o seu Plan Anual de Mellora de Viais Municipais, acometendo unha batería de asfaltados de estradas e camiños.

A mellora da seguridade viaria a través de reposición do firme faise necesaria neste vial que será optimizado próximamente.

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para os concertos e actividades culturais de “Música no ar” e“Re-acción nos Castelos”

A Deputación de Pontevedra abriu hoxe o prazo para inscribirse nas actividades que espallarán cultura, música e patrimonio por toda a provincia durante este verán. A inscrición, que se fai enviando un correo a [email protected], será necesaria en todas as actuacións de “Re-acción nos Castelos”, así como nos concertos do programa “Música no Ar” que se celebran nos propios recintos de Soutomaior e Sobroso. Nos demais, as actividades estarán abertas ao público ata completar aforo. Todas as accións contarán coas medidas de seguridade pertinentes e protocolos Covid e o uso da mascarilla será obrigatorio para as persoas asistentes.

“Re-acción nos Castelos” arranca en Sobroso o xoves 23 de xullo ás 22 horas con “Noite no Castelo” e a acción multidisciplinar de música, danza, videoproxeción e instalación artística “Zona de límites”. O venres 24 de xullo, tamén ás 22 horas, terá lugar outra nova actividade de “Noite no Castelo”, neste caso en Soutomaior, con “As Hurdes” de Vertixe Sonora, unha acción multidisciplinar música clásico-electrónica, poesía e cinema. O 30 de xullo entre as 17 e 19 horas o Castelo de Soutomaior acollerá o obradoiro “Creando no xardín”, dirixido á rapazada, que consiste nunha instalación artística colaborativa. Ese mesmo día, tamén en Soutomaior pero ás 19:30 horas, terá lugar un concerto dirixido ao público infantil denominado “A banda das apertas”. Para pechar o mes de xullo, o venres 31 entre as 17:00 e as 19:00 horas o castelo de Sobroso acollerá unha actividade artística de arquitectura dirixida a nenas e nenos enmarcada en “Creando no xardín”.

Xa no mes de agosto, as actividades comezan o xoves 6 ás 18:00 horas en Soutomaior co contacontos “Nin príncipes nin princesas” a cargo de Bea Campos. Ese mesmo día, tamén en Soutomaior pero ás 19:30 horas, terá lugar a acción de danza contemporánea “Conmoveres da Memoria” da man de “Perdomus”, enmarcada en “Danza no Castelo”. O 7 de agosto ás 19:30 horas chega a Sobroso “Música no Castelo” cun concerto de “Falúa” e, tamén en Sobroso pero o mércores 12 ás 17:30 horas terá lugar o contacontos “Nin príncipes nin princesas” con Cristina Collazo. A última actividade do mes de agosto celébrase en Soutomaior o xoves 13 ás 19:30 horas e será a acción escénica “Té con Kant”, enmarcada en “O teatro ven de visita”. Xa en setembro haberá dúas accións, o venres 11 ás 19 horas “Os Quinquilláns” farán unha acción escénica no Castelo de Sobroso e o xoves 17 ás 19 horas terá lugar en Soutomaior o concerto de “Vero Rilo & Sonsoles Penadique”.

En canto a “Música no Ar”, os concertos para os que é necesaria a inscrición serán o martes 28 de xullo ás 19:30 horas no Castelo de Soutomaior, coa Orquestra Clásica de Vigo, e o martes 11 de agosto ás 19 horas no Castelo de Sobroso, coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra. Amais, ata o mes de setembro “Música no Ar” desenvolverá outros 12 concertos abertos ao público ata completar aforo, o primeiro será o xoves 30 de xullo ás 21 horas no Estaleiro de Bueu da man de “Son Trío”.

En agosto, a programación continúa o mércores 5 ás 20 horas na Praza do Reló da Guarda coa Orquestra 430 de Vigo; o xoves 6 ás 20 horas no Pazo de Liñares de Lalín con Alejo Amoedo & Iria Cuevas; o venres 7 ás 21 horas estará na Fábrica de Salga do Grove a Orquestra Clásica de Vigo; o domingo 9 ás 20 horas a Orquestra Filharmónica de Pontevedra chega ao Aserradeiro dos Carranos en Covelo; no Mosteiro de Poio o concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra será o venres 14 ás 19:30 horas; e, para pechar o mes de agosto, a Carballeira de Caldas de Reis acolle o domingo 16 ás 20 horas á Orquestra Clásica de Vigo.

Xa en setembro, terán lugar dous concertos da  Orquestra 430 de Vigo, un no Mosteiro de Aciveiro en Forcarei o sábado 12 de setembro ás 19 horas e outro nos Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública de Baiona o venres 18 tamén ás 19 horas; a Orquestra Clásica de Vigo chega o sábado 19 ás 19 horas ao Castelo Dona Urraca de Salvaterra; o domingo 20 ás 18 horas actuarán Brais González & Beatriz Arenas no Mosteiro de Carboeiro de Silleda; e, por último, o sábado 26 ás 18 horas terá lugar o concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra na Praza do Concello de Agolada.

O Grupo Filatélico e Nusmismático Val do Rosal presenta a súa exposición sobre os cuños turísticos na Feira do Viño

0

O Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal colabora na XXVIII Feira do Viño cunha das súas tradicionais exposicións, unha mostra que nesta ocasión é totalmente virtual coa que se busca non perder o fío e manter a continuidade das actividades que o grupo realiza cada edición, tan representativas no mundo filatélico e vinícola. A mostra pode verse na web da feira.

Nesta ocasión o grupo trae da man de Alfonso Dorado e Marta Verde un percorrido polos cuños turísticos de Galicia, creados para difundir diferentes cidades polo mundo. Entre os cuños turísticos atópase o do Rosal, deseñado por Ángel Pérez e solicitado a Correos polo Grupo Filatélico no que se aprecian varias imaxes da vila rosaleira como os Muíños do Folón e do Picón, a ponte do Tamuxe os as uvas dos viños con D.O. da vila.

A mostra compleméntase con coleccións invitadas de Madrid, Ourense e A Guarda. O Grupo Filatélico xa adiantou que a exposición do vindeiro ano estará dedicada ao Ano Santo Compostelano.

Concurso virtual

Continúa aberto o concurso ‘Viño-Experiencia’, un certame que busca recoller fotos e imaxes dos veciños e veciñas vivindo a experiencia de degustar un bo viño do Rosal. As persoas participantes deberán facer unha fotografía dun momento de desfrute destes viños e entrar na plataforma https://bit.ly/2ZbVTXz para subila. Tamén pode votar entre as fotos participantes e compartir o enlace para que outras persoas participen na votación.

As fotos tamén poderán enviarse a través de correo electrónico a info@feiradoviño.gal poñendo no Asunto: Concurso ‘Viño-Experiencia’ e enviando nome e apelidos, teléfono de contacto e cidade. As imaxes gañadoras elixiranse por votación popular a través da mesma plataforma. A votación pecharase unha hora antes de anunciar as imaxes gañadoras.

Entregarase un primeiro premio consistente nun pack cunha selección de 9 botellas de viño do Rosal e unha experiencia de enoturismo para dúas persoas a elixir entre adegas sinaladas e dous segundos premios consistentes un pack con 9 botellas de viño para cada un, unha de cada unha das adegas participantes na Feira do Rosal.

Tenda online

Mercar os viños do Rosal é algo tradicional dentro da Feira do Viño, unha experiencia que quixo manterse nesta edición tan especial coa posta en marcha dunha tenda online na que o público poderá comprar aos mellores prezos os viños con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal das adegas Aforado, Aldea de Abaixo, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Terras Gauda e Valmiñor.

Tan sinxelo como entrar en feiradovino.gal/tenda, escoller os viños preferidos e mercalos para recibilos na casa nos vindeiros días. Os gastos de envío serán de balde.

O Concello de Redondela desinfecta o exterior dos Centros de Día que retoman a súa actividade hoxe

0

O Concello de Redondela desenvolveu onte traballos de desinfección exterior nos catro centros de día que funcionan no municipio ante o inminente inicio da súa actividade. O Goberno redondelán ofreceuse a realizar estas tarefas para “garantir, en todo momento, a seguridade sanitaria dos veciños e veciñas que utilizan estes servizos”.

Os catro centros de día do municipio –Arela, Cesantes. Cortizos e Galeón– reinician hoxe mércores a súa actividade logo de estar suspendida dende o inicio do estado de alarma.

A alcaldesa Digna Rivas, asegurou que “salvagardar a saúde dos nosos veciños e veciñas é prioritaria” motivo polo que o Goberno local ofreceuse a realizar dita desinfección da contorna destas instalacións para garantir un acceso seguro.

Doutra banda, a alcaldesa de Redondela dende a súa faceta de concelleira da Terceira Idade, considera “incomprensible” o atraso na reapertura destes centros cos “prexuízos en deterioro cognitivo e social que iso supuxo para os usuarios e usuarias e os prexuízos que isto supuxo para as súas familias”.

Asemella que o goberno galego “tiña posta a mirada noutros temas para eles máis interesantes que o benestar emocional das persoas usuarias destas instalacións”, asegura Digna Rivas.

As Neves rematará esta semana os traballos de roza e limpeza en toda a vila

0

O Concello das Neves segue adiante coa roza e limpeza de vías, beiravías, estradas e rúas en toda a vila de cara a reducir ao mínimo o risco de lume durante os meses de verán. Os traballos están rematados ao 70% e a Concellería de Servizos Públicos ten previsto chegar ao cen por cen ao longo desta mesma semana.

Para adiantar o labor, que está atrasada en relación cos anos anteriores pola paralización de certos traballos a causa da pandemia da Covid-19, ao final do mes pasado incorporáronse máis persoas que, indica o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Servizos Públicos, Óscar González, “non puideron ser empregadas antes ao non estar resoltas as subvencións correspondentes da Xunta de Galicia”.

Aínda así, sinala o tenente de alcalde, “para que poder ir recuperando o tempo de atraso procedeuse a contratación externa dalgúns traballos en areas recreativas e sendas e empregados municipais están redobrando esforzos nas súas xornadas e incluso alongando o seu horario de traballo”.

Dende o Goberno municipal pídese, de novo as veciñas e veciños e colectivos locais que, na medida do posíbel, manteñan limpas as frontes das súas propiedades para poder avanzar e prestar mellor estes servizos.

O Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para o roteiro circular do xoves polo río Muínos e do sábado por os Matos – río Táboas

0

O Concello de Nigrán ten aberto o prazo de inscrición no mail [email protected] para participar no seus roteiros guiados desta semana dentro da súa programación #NigránEquilibrioNatural. O primeiro terá lugar este xoves día 16 polo río Muíños, con saída ás 10:00 horas da mañá desde a oficina de Turismo de Gaifar (Panxón). O segundo terá lugar o sábado 18, tamén con saída ás 10:00 horas, desde o Cemiterio de Camos e discorrerá polo sendeiro dos Matos, ao carón do río Táboas (zona do futuro parque forestal entre Camos e Chandebrito). En ambos casos as prazas están limitadas por indicacións sanitarias e se cubrirán por rigoroso orde de solicitude.

O mercado ambulante de Tomiño retoma a súa actividade co 100 % dos postos

0

O mercado ambulante retomará o vindeiro venres a súa actividade co 100% dos postos que o compoñen. Na Praza do Seixo continuarán estando os postos de alimentación e produtos agrícolas, mentres que os de roupa e outras seccións, se situarán na rúa Daniel Calzado, igual que antes da pandemia. Iso si, haberá que ampliar a superficie para que poidan instalarse gardando as medidas hixiénico-sanitarias establecidas polo “Plan para a transición cara a unha nova normalidade” da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a boa disposición do equipo de goberno para permitir a todos os postos asistir ao mercadiño dos días mércores, e pide a colaboración de comerciantes e consumidores para facer posible o cumprimento de todas as medidas de seguridade encamiñadas a evitar posibles contaxios.

Esta reubicación de postos ten carácter provisional, mentres dure esta situación de crise sanitaria, ou se transmitan novas instrucións.

Entre as medidas de seguridade que deberán cumprirse obrigatoriamente, figuran as de usar máscara, tanto os vendedores coma os clientes, e gardar a distancia de seguridade interpersoal.

Durante todo o proceso de atención aos consumidores, deberá manterse a distancia de seguridade entre vendedor e cliente, que poderá ser de un metro, cando se conte con elementos de protección ou barreira; en caso contrario, metro e medio. O uso de máscaras e luvas para manipular os produtos en venda será obrigatorio para os vendedores, e os consumidores non poderán tocalos, polo que terán que estar colocados fora do alcance do público.

Cada posto deberá ter a disposición dos clientes dispensadores de xel hidroalcohólico e o tempo de permanencia no mercado será o estritamente necesario para a adquisición dos produtos.

Os refugallos terán que ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados para ese uso, observando as ordenanzas ou bandos municipais ao respecto.

Os posibles incumprimentos poderán ser sancionados polas autoridades competentes.

Salvaterra de Miño abre o prazo de solicitude das axudas destinadas á adquisición de libros e material escolar de Infantil

Salvaterra de Miño é un dos poucos e dos primeiros Concellos de Galicia en habilitar, dende o Departamento de Servizos Sociais, unha liña de axudas valoradas en 75,00 € que están destinadas á adquisición de libros e material escolar de infantil para o curso 2020-2021.

O obxecto destas axudas é promover o principio de igualdade no exercicio da educación e compensar ás familias con escasos recursos para facer fronte aos gastos derivados da escolarización dos seus fillos, entendendo por tales a adquisición de libros e material escolar, dirixido a alumnos/as dos cursos de Educación Infantil matriculados nos centros escolares do noso municipio.

O prazo de presentación de solicitudes fíxase do 12 de xullo ao 28 de agosto de 2020, ambos inclusive. Os interesados deberán presentar as solicitudes acompañadas da documentación en Servicios Sociais, martes, mércores e xoves de 09.00h a 13.00h, previa cita telefónica no 697 911 050. Mais información, bases e modelo de solicitude en www.concellodesalvaterra.com.

O Concello do Porriño amplía o prazo para participar na Batalla de Debuxantes “Improvisdado”

A Concellería de Cultura e Festas e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) informan da ampliación do prazo para participar na “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, convocada polo Concello do Porriño.

O prazo de presentación de propostas que comezou o 1 de maio, amplíase ata o 31 de agosto.

Lembramos que esta convocatoria está dirixida a debuxantes con idades comprendidas entre os 12 e os 45 anos, de nacionalidade española ou estranxeira. Terán que desenvolver de xeito profesional ou aficionado algunha das seguintes disciplinas artísticas relacionadas coa pintura: ilustración, graffiti, tatuaxe, banda deseñada ou outras técnicas de debuxo de man alzada.

A convocatoria lanzouse o 30 de marzo dende a Concellería de Cultura e a través da Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX), durante o pasado estado de alarma “como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento”. 

Para facilitar a participación, pódense facer os debuxos na casa e ser enviados por vía telemática e ademais, a inscrición é de balde. Os debuxos deberán presentarse por vía electrónica en formato JPG ou PDF cunha resolución igual ou superior a 1.200 px por 1.200 px. Deberán enviarse escaneados ao correo [email protected] indicando como asunto: “InscriciónConcurso ImprovisDado”.

De entre todos os debuxos presentados serán seleccionados os artistas que concorrerán á final que sí será presencial, que está prevista para celebrarse o 19 de setembro. Terá unhas regras específicas e unha dotación económica en premios que se detallan nas bases da convocatoria que pódese consultar na web do Concello e na web do departamento de Cultura.

O alumnado traballador do Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil recupera o mobiliario urbano do paseo de Pexegueiro

0

Tralo parón provocado pola crise sanitaria da COVID-19 e a declaración do estado de alarma, as/os alumnas/os traballadoras/es do Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil do Concello de Redondela, volveron a retomar as súas actividades e traballan xa a pleno rendemento.

A labores centráronse na restauración do mobiliario urbano do paseo de Pexegueiro, arranxando e pintando bancos, colocando novas papeleiras e restaurando treitos de varanda que estaban estragados.

Deste xeito, ao mesmo tempo que adquiren habilidades laborais que lles darán maiores posibilidades de inserción no mercado laboral, alumnos e alumnas desenvolven traballos de utilidade para a veciñanza como, neste caso, na reparación de elementos dun paseo moi utilizado pola cidadanía.

A Xunta apoia as denominacións de orixe vitivinícolas galegas cun préstamo para que as adegas podan mercar a uva desta vendima

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e do Medio Rural, José González, reuníronse esta mañá por videoconferencia cos presidentes e xerentes dos consellos reguladores vitivinícolas de Galicia co obxectivo de explicarlles o funcionamento do préstamo vendima que aprobou onte o Consello da Xunta e que permitirá mobilizar ata 60 millóns de euros.

Así, o conselleiro do Medio Rural sinalou que estes empréstitos perseguen que todas as adegas galegas poidan mercar a totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado. Nesta liña, a iniciativa busca garantir o futuro do sector do viño da nosa comunidade, unha vez se constatou que apenas recibiu fondos das medidas extraordinarias habilitadas polo Goberno central.

Deste xeito, José González destacou que o préstamo vendima forma parte dunha nova liña de financiamento impulsada pola Xunta para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola emerxencia sanitaria. O instrumento financieiro deseñase de xeito coordinado entre as consellerías de Economía e do Medio Rural e terá unhas condicións moi vantaxosas no que se refire ao custo financeiro e ao prazo de devolución coa posibilidade de ter un período de carencia de 1 ano e unha amortización de ata 4 anos.

A maiores, José González aproveitou para lembrar aos consellos reguladores que el mesmo solicitou hai case un mes ao Goberno central que habilitase unha liña específica de préstamos avalados polo Estado a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) para o sector do viño de cara a asegurar a vendima e garantir a compra de uvas aos viticultores en condicións normais de mercado. Así mesmo, recordou que tamén lle plantexou ao Ministro Luis Planas a posibilidade de poñer en marcha unha campaña de promoción específica para o viño que poidan lanzar directamente os propios consellos reguladores.

Este novo instrumento específico para o sector vitivinícola amosa a clara aposta da Xunta por un sector tan importante na comunidade e que se veu claramente prexudicado polas axudas específicas convocadas polo Goberno estatal para este sector, ao non apostar pola realidade galega e seren unhas axudas para medidas contrarias ao impulso do viño de calidade.

Cabe lembrar que das achegas anunciadas polo Goberno do Estado por importe de 90 millóns de euros, Galicia tan só recibe arredor de 236000 € por 17 solicitudes de axudas, cando na nosa comunidade hai case 13.500 viticultores e 480 bodegas. É dicir, os viticultores e bodegas galegos só se benefician do 0,26% das achegas estatais.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria explicou que Galicia contará con tres novas liñas que veñen completar as medidas que xa están en marcha e que mobilizarán 120 M€ entre autónomos, micropemes e pemes. Ademais do préstamo vendima, tamén se activan microcréditos de entre 3000 e 20000 € para autónomos e microempresas e préstamos directos de entre 3000 e 200000 € ás pemes dos sectores máis afectados pola actual situación económica como o cultural e artístico -fundamentalmente orquestras- e a economía social.

Luís Bará, asegura que o 12X situa ao BNG e a Ana Pontón “na plataforma de lanzamento” para acadar o Goberno da Xunta dentro de catro anos

Coa convicción de que comeza un novo ciclo político cun cambio social e unha nova Galiza representada polo BNG de Ana Pontón, o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que o Bloque Nacionalista Galego comeza desde hoxe a súa andaina cara o 2024. Na súa valoración dos resultados electorais, Bará subliñou que “o mellor está por vir para o BNG e para Galiza” xa que o 12X vén de situar á formación nacionalista e á súa líder, Ana Pontón, “na plataforma de lanzamento para asaltar a presidencia da Xunta nos próximos catro anos” como única alternativa ao Partido Popular.

Bará prometeu un incremento de traballo e dedicación por parte do BNG no Parlamento galego. “Asumo este resultado para traballar máis e mellor e conseguir o apoio da maioría social deste país e coa responsabilidade de dar resposta aos problemas que ten a sociedade galega neste momento, de estar á altura, e ter unha oposición esixente e crítica pero tamén con propostas e con alternativas. Nese sentido Ana Pontón xa ofreceu ao BNG para un grande acordo de país e sacar a Galiza da crise”, destacou, recoñecendo a vitoria do Partido Popular, pero amosando tamén a súa satisfacción polo mellor resultado da historia do BNG, incluso superando ao do 1997 con 18 deputados.

Segundo apuntou, o nacionalismo e o BNG como organización están mellor situados hoxe que naquel entón en canto a experiencia de goberno, implantación territorial e a un factor determinante como é o liderado político. “Non hai un liderado político no panorama galego que lle poida disputar ao Partido Popular a hexemonía como Ana Pontón. Ten 42 anos, unha grandísima experiencia e un magnetismo e capacidade de chegar á xente. Isto sitúa ao BNG e a Ana Pontón na plataforma de lanzamento para asaltar a presidencia nos próximos catro anos. Falta bastante pero pasa rápido”, abondou.

Na súa valoración dos resultados electorais, Bará agradeceu ás persoas que apoiaron ao BNG, máis de 310.000 en toda Galiza cun incremento de máis de 190.000 votos con respecto a hai catro anos, algo que cualificou como “absolutamente asombroso e extraordinario, nunca visto polo BNG”. En Pontevedra destacou os máis de 111.000 votos recibidos e subliñou que foi nesta provincia onde o Partido Popular tivo os peores resultados tanto en porcentaxe como en votos, cunha media do 47,98% dos votos en toda Galiza, e unha media na provincia do 42,38%.

Segundo dixo, nese resultado foi clave o incremento en xeral do BNG sobre todo nas zonas da área de Vigo, O Morrazo, o Baixo Miño, tamén a comarca de Pontevedra. Subliñou a diferenza do comportamento electoral do Partido Popular na provincia de Pontevedra con respecto ás provincias do norte, A Coruña e Lugo, onde destacou que o factor determinante foi o Partido Socialista, que mentres en Pontevedra aguantou e incluso subiu, nesas provincias tivo unha perda importante de votos que foron ao Partido Popular, algo que ao seu entender relacionado coa crise industrial e tamén co papel do Goberno do Estado.

“En canto ao BNG, na provincia de Pontevedra tivo un resultado excelente, do 24,7% dos votos, moi bo en Vigo e Pontevedra, e xa non digo en concellos nos que gañamos, como Soutomaior ou O Grove, nos que tivemos case posición de primeira forza, como nalgúns concellos do Morrazo ou o Baixo Miño, con bo resultado tamén en Catoira e en moitos sitios”, insistiu.

Segundo dixo o cabeza de cartel, o 12X houbo unha mudanza importante no panorama político galego co BNG confirmado e consolidado como alternativa de goberno e de futuro ao PP, xunto coa clarificación e a concentración do panorama político e a redución de grupos políticos a tres coa desaparición das Mareas e de Podemos. Outro factor, sinalou Bará, é a proxección que o resultado lle dá ao BNG no panorama estatal “convertendo a Galiza nun actor político de primeiro nivel”.

Bará explicou os bos resultados do BNG con varias claves. A primeira foi o traballo dos últimos catro anos, que definiu como de moita seriedade e rigor, e sobre todo en equipo; en segundo lugar destacou a implantación no territorio, cousa que non teñen outras forzas políticas que foron competidoras e que perderon pé, a grande implantación institucional con gobernos que son exemplo e referencia que dan o aval de credibilidade e de recoñecemento, e tamén a implantación social e organización en moitos sitios onde por exemplo O Morrazo ou o Baixo Miño.

Por suposto, insistiu no proxecto ilusionante encabezado por Ana Pontón, e tamén na campaña extraordinaria, moi intensa, prolongada no tempo do BNG. “Fomos a máis e conseguimos mobilizar e concentrar arredor do BNG o voto da xente que quería un cambio galego, cun efecto de arrastre que incluíu o voto que noutras ocasións foi para outras forzas políticas que agora desapareceron do panorama”, subliñou, engadindo que unha das claves foi que moita xente votou con ilusión e esperanza.

“Ana Pontón foi quen de atraer ese voto con ese liderado atractivo e magnético que fai que chegue a públicos moi amplos, tanto a nacionalistas como persoas que non se declaran nacionalistas. Isto confirma se non estaba xa claro, que Ana Pontón é a líder do futuro deste país e que vai ser presidenta do goberno galego . Non teño dúbida . O resultado confirma claramente esta idea. Hai sectores da dereita que ven tamén esta situación”, finalizou.

Gonzalo Caballero chama a “extraer leccións dos momentos difíciles” para “revitalizar a alternativa”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, dixo hoxe que “estou a disposición de cumprir con Galicia”. Así o dixo nunha primeira valoración do resultado das eleccións autonómicas do 12X, nas que os socialistas aumentaron o seu apoio electoral do 17 ao 19 por cento, que se traduciu nun escano máis, pero que resulta “insatisfactorio” por canto o PP mantén a súa maioría absoluta.

Gonzalo Caballero apuntou á necesidade de “aprender da mensaxe da urnas e continuar abrindo o partido á cidadadía”. Así o dixo ao anunciar a inminente convocatoria da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE, o próximo xoves, na que a dirección analizará pormenorizadamente os resultados para preparar a nova etapa co obxectivo de “aspirar a un crecemento maior para que en Galicia haxa cambio”.

O líder dos socialistas galegos anunciou unha oposición “leal e responsable” dirixida a “dar toda a nosa capacidade e todo o noso esforzo e traballo nunha oposición digna que lle garanta a Galicia a alternativa necesaria para un futuro de progreso e prosperidade”. Comezou por dirixirse, onte mesmo, ao candidato do PP, a quen parabenizou polos resultados electorais.

Caballero apuntou a “extraer leccións tamén dos momentos difíciles” e amosouse disposto a ofrecer “unha mensaxe para revitalizar e abrir as portas do partido á sociedade”, para ofrecer un “proxecto máis compartido con maior penetración na sociedade galega”, como lle corresponde a un PSdeG que é “un instrumento ao servizo da cidadanía”.

Comprometeuse a “manter o temón en momento de tempestade” e tomar as leccións dun resultado electoral insuficiente mirando cara ao electorado moderado, coa convicción de que o PSdeG debe conectar coa maioría, tanto no electorado de esquerdas como no moderado, para erixirse na “alternativa necesaria” ao goberno do PP.

Sinalou as particularidades desta convocatoria electoral en plena crise do coronavirus, que alteraron e condicionaron os marcos desta cita, ata o punto de que, lembrou, os socialistas galegos se viron obrigados a manter á cabeza de lista por Lugo confinada durante unha semana enteira en plena campaña electoral.

A Guarda abre as inscricións para a obra de teatro infantil ‘Lázaro de Tormes’

0

O vindeiro sábado día 18 de xullo o Auditorio de San Benito será o escenario da representación teatral de ‘Lázaro de Tormes’, unha actividade destinada principalmente para nenos e nenas e que terá lugar ás 20:00 h.

Concello fai fincapé na realización de actividades seguras, mantendo as medidas de hixiene e seguridade vixentes en cada momento, establecendo as citas e inscricións previas para evitar aglomeracións, para a obra de teatro ‘Lázaro de Tormes’ é preciso inscribirse no Centro Cultural da Guarda (986 611 850 – [email protected]), haberá un protocolo COVID para garantir a seguridade e a hixiene no recinto, con asentos numerados e separados entre si.

A representación teatral de ‘Lázaro de Tormes‘ corre a cargo da Compañía Pedras de Cartón, que aterran na Guarda este sábado despois de participar no Festival de Teatro Clásico de Almagro.

Pedras de Cartón presenta a historia do Lazarillo de Tormes contada por primeira vez con máscaras e sen palabras. A compañía conta para esta tarefa con profesionáis cunha ampla traxectoria no teatro infantil e xuvenil, da man de Juan Rodríguez, socio fundador de Caramuxo Teatro. Así, Xosé Manuel Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez abordan dende o escenario e baixo a dirección de Pablo Sánchez e Laura Sarasola, esta coñecida peza da literatura que ademáis forma parte do currículo educativo nas escolas.

O PP mantén a maioría absoluta, o BNG confirma un espectacular ascenso e o PSOE sube un escano en tempo de desconto

A xornada das eleccións autonómicas do 12X péchase sen sorpresas para deixar un parlamento tricolor. O PP reafirma a súa maioría absoluta quedando nos 41 escanos que xa tiña; o BNG, auténtico protagonista da xornada, sube 13 escanos para situarse nos 19, catro por enriba dun PSOE case que estancado que sube ata os 15 postos (1 máis dos que xa tiña) nun resultado agridoce, pode que máis ‘agri’ que doce.

Ao PP nada parece afectarlle, nin a situación da sanidade, nin o ensino nin un rural cada día máis abandonado. Boa mostra diso, son uns resultados nos que os populares manteñen a maioría absoluta da que xa gozaban durante o pasado mandato.

O BNG, auténtico protagonista destas eleccións, provoca un auténtico ¿sorpasso? ao pasar dos 6 escanos aos 19 nun ascenso, espectacular sen dúbida, pero que a ninguén sorprende nunha formación que ten unha cabeza visible, Ana Pontón, con capacidade, tesón e carisma –esa cualidade de atraer que os que non a posúen sempre poñen en dúbida–.

Pola súa banda, o PsdeG-PSOE, conseguía en tempo de desconto subir un escano a costa do PP. Remata a xornada electoral con 15 escanos e coa sensación de ter perdido unha oportunidade de ouro e de terse equivocado en algo –posiblemente en ter a mirada máis posta en Madrid que en Galicia–. Se se equivocaron ou non e se o fixeron en pouco o en moito, será algo que teñan que valorar os órganos de dirección.

Enfronte estará agora o BNG que ten unha oportunidade de ouro para amosar a súa capacidade de converterse nunha alternativa real ao PP e dar a talla de aquí a catro anos. Como en moitas outras cousas, o camiño cara ao Goberno –calquera Goberno– non é un sprint, senón unha carreira de fondo e de paciencia, dúas cousas que Pontón sabe aplicar a dosificar ás mil marabillas. Será, en todo caso, unha lexislatura interesante, moi interesante,

A Cañiza

A Guarda

Arbo

As Neves

Baiona

Covelo

Crecente

Gondomar

Mondariz

Mondariz-Balneario

Mos

Nigrán

O Porriño

O Rosal

Oia

Ponteareas

Redondela

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Tomiño

Tui

Os ‘riders’ internacionais, protagonistas da primeira xornada do ‘KiteFest Cesantes’

0

Arrincou onte sábado, en Cesantes, a terceira edición do KiteFest, cita que organiza o TMKiteClub e o Concello de Redondela co patrocinio da Xunta de Galicia. Aínda que o escaso vento que soprou hoxe en Cesantes obrigou á organización para aprazar as probas a mañá, os participantes puideron gozar de dous Master Class de luxo con algúns dos riders máis importantes a nivel nacional e internacional: o campión de España de Strapless David Marín; o portugués Nuno ‘Stru’ Figueiredo, primeiro rider en surfear unha onda xigante de ata 19 metros en Nazaré; Rubén Cano, un dos habituais no podio da Spain Kiteboarding League, e Dani Jiménez, xefe de xuíces na liga internacional de kitesurf ( GKA).

Á primeira hora da mañá os participantes comezaban a chegar á praia de Cesantes para recoller os seus dorsais e preparar o material para a primeira xornada de regata. O vento, que non terminaba de entrar na enseada de San Simón, obrigaba aos participantes para esperar en terra ata que finalmente, pasadas as 17:00 horas, a organización tomaba a decisión de aprazar as probas a mañá domingo.

A falta de probas, con todo, non impediu que participantes e público en xeral puidesen gozar ao máximo do ambiente en terra.

Dúas charlas con riders de nivel internacional


Os riders de primeiro nivel convidados polas marcas colaboradoras no evento foron os grandes protagonistas nesta primeira xornada do KiteFest. Aínda que as condicións non permitiron que a frota se estrease na auga, os participantes contaron con dous Master Class de luxo con algúns dos riders máis destacados a nivel nacional e internacional.

Tal e como estaba programado, ás 11:00 horas David Marín –campión de España de strapless– e Nuno ‘Stru’ Fiegueiredo –Récord Guiness por ser o primeiro en surfear unha onda xigante de ata 19 metros en Nazaré– ofrecían unha charla para un grupo de 25 participantes na que os riders patrocinados por Eleveight compartiron as súas experiencias en competición ou surfeando algunhas das ondas máis grandes e espectaculares do planeta.

Xa pola tarde, pasadas as 17:00 horas e cando a organización informaba os participantes de que todas as probas quedaban aprazadas, o village do evento acollía unha nova charla de novo con Marín e ‘Stru’ e acompañados nesta ocasión por Rubén Cano de North Kiteboarding e Dani Jiménez, xefe de xuíces do circuíto internacional de Kitesurf ( GKA).

[su_image_carousel source=”media: 17128,17127,17126″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Domingo, segunda xornada do KiteFest

Aínda que o vento non soprou onte coa suficiente forza para que a frota puidese estrearse no campo de regatas, todo apunta a que as condicións si permitirán hoxe domingo que o Comité de Regatas dea o bocinazo de saída para polo menos dúas probas en formato regata antes da esperada exhibición de freestyle.

Tras as charlas programadas para as 10:00 e 11:00 horas con Felipe Moure ( Airush) e Tiago Rocha e unha vez finalice o briefing cos participantes, a frota comezará a saír á auga tan pronto como o vento estableceuse e as condicións sexan as idóneas para gozar do espectáculo do kitesurf. A primeira proba está programada para as 13:00 horas.

“O parte que temos para mañá (hoxe domingo) é perfecto para Cesantes. Esperamos que entre o vento térmico e a intención é completar toda a serie de regatas, ademais da exhibición de freestyle con todos os riders internacionais que están presentes no KiteFest”, explicaba Blai Viladrich, membro do comité organizador.

Manifesto Miñor leva ante o Banco de España “as elevadas e inxustificables” comisións que está a aplicar Abanca

0

Manifesto Miñor vén de presentar ante o Servizo de Reclamacións do Banco de España e tamén perante o servizo de Atención al Cliente de Abanca, senllos escritos nos que se reclama a “adopción de medidas” para que a entidade bancaria devolva “as comisións elevadas e inxustificables” que está a cobrar. Manifesto Miñor considera “abusivas” unhas comisións de preto de 100 euros anuais por libreta que recaen sobre as coñecidas como contas á vista ou contas correntes “polo que afectan á maioría das persoas que teñen os seus aforros en Abanca”.

No seu escrito, o portavoz de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, sinala que “con independencia da legalidade ou non desta práctica bancaria/comercial, dende o grupo municipal que represento consideramos que é unha práctica abusiva” e engade o portavoz de Manifesto Miñor-En Marea, que dita práctica exércese “dende unha posición dominante do bando sobre a súa clientela” nunha situación na que a economía de moitas persoas “está agravada pola crise da COVID-19 e máxime se temos en conta que Abanca é o resultado da compra dun grupo de caixas de aforros galegas rescatadas con diñeiro público”.

A todo isto engádese, sinala Manifesto Miñor, a dificultade que teñen determinados colectivos “como as persoas maiores para recorrer, por exemplo, á Banca Online”.

Esixe polo tanto Manifesto Miñor “a inmediata devolución destas comisión aos nosos veciños e veciñas” que a formación asamblearia considera “abusivas e faltas de ética

O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño reuniuse cunha vintena de novos integrantes

0

O Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, de Tomiño, celebrou onte a primeira reunión despois da pandemia do Coronavirus. A xuntanza, que tivo lugar ao aire libre, na zona do Lago da Pedra, foi tamén a primeira para os novos integrantes, unha vintena, a razón de catro por colexio de Primaria e outro tanto do IES Antón Alonso Ríos.

Logo dunha rolda de presentación, con xogos e actividades participativas, elixiuse á representante do Consello que actuará coma membro do xurado do Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, na sección infantil-xuvenil.

Asemade, acompañadas pola concelleira de Infancia e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinadas por Karina Bouzada, as novas e novos compoñentes, relataron a súa experiencia do confinamento, salientando as dificultades de cobertura de internet e telefónicas que sufriron en moitos casos, e que lles dificultaron sensiblemente a elaboración das tarefas requiridas polos docentes.

Falaron tamén de como será o vindeiro curso, do moito que botaron de menos aos amigos e familiares, e da data da vindeira reunión. Neste sentido, decidiuse que cada xuntanza será nun punto diferente da vila, e concretamente a próxima, será no lugar de Grixó (entre as parroquias de Barrantes e Tebra), a mediados de agosto.

Na orde do día desa reunión estará o da forma de traballo para o resto do ano, xa que en principio, pensaban traballar dende os coles, elaborando propostas de traballo, pero agora este tema depende da evolución das circunstancias orixinadas pola crise sanitaria. A xestión do Instagram e revisión dos estatutos por se fora necesario modificalos, serán outros dous importantes temas a tratar.

XV convocatoria Premios Educación Curso 2019/2020

Uns premios que nacen co espírito de fomentar o esforzo e o traballo diario entre os alumnos e alumnas dos nosos centros educativos, premiando a excelencia académica, e que este ano se adaptaron as novas circunstancias xeradas pola aparición do COVID-19.

Fíxose entrega de 14 lotes informáticos compostos por unha tablet, funda, powerbank portátil e tarxeta de memoria, valorados en mais de 300 € cada premio. Ademais de tres premios  formados por un lote de  equipos informáticos compostos por un ordenador portatil, tablet, impresora e un curso de ingles online de conversación, valorados cada un en mais de 1.700 €.

Laura Ojea Domínguez, Gema Baz Bernárdez, Xabier Rodríguez Rodríguez, Xurxo Rodríguez Rodríguez, Ivana Garcia Gómez, Antía Pino García, Marcela Lorenzo Bernárdez, James Pinnock Abreu e Laura Millán Domínguez.

O acto realizouse en dúas quendas, na primeira fíxose entrega dos premios aos alumnos e alumnas de primaria do CEP Carlos Casares de Alxen, do CEIP de Leirado e do CEIP Infante Felipe de Borbón. Os premiados foron Laura Ojea Domínguez, Gema Baz Bernárdez, Xabier Rodríguez Rodríguez, Xurxo Rodríguez Rodríguez, Ivana Garcia Gómez, Antía Pino García, Marcela Lorenzo Bernárdez, James Pinnock Abreu e Laura Millán Domínguez.

Aroa Domínguez  Perez, Xerome Silva Hervella, Icía Domínguez Rodríguez, Jesús Domínguez Pérez, Diego Domínguez Barbosa, Laura María Cadilla Alves, Alex Rodríguez Rodríguez e Alba Presa Lorenzo.

Na segunda quenda tocoulle o turno aos alumnos e alumnas do IES Salvaterra, os premios repartíronse entre cuarto da ESO, Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería, FP Básica de Carpintería e Moble e segundo de Bacharelato.
Os premiados foron Aroa Domínguez  Perez, Xerome Silva Hervella, Icía Domínguez Rodríguez, Jesús Domínguez Pérez, Diego Domínguez Barbosa, Laura María Cadilla Alves, Alex Rodríguez Rodríguez e Alba Presa Lorenzo.

ACiP denuncia a existencia de restos de poda e lixo nunha leira municipal situada nun parque forestal

O portavoz de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, Juan Carlos González Carrera vén de denunciar a existencia un depósito de lixo e restos de roza en Chan da Picaraña, situada no Parque Forestal da Picaña, feito que, ao entender do portavoz independente, “supón un risco” ao estar o municipio incluído no “mapa de máximo risco” de incendios forestais establecido pola Xunta de Galicia.

Segundo González Carrera o Concello esixe aos veciños e veciñas a limpeza das súas propiedades “cando o propio concello as incumpre poñendo en grave risco os nosos montes”.

O portavoz de ACIP pregunta onde quedaron as intencións do Goberno de cambiar a política de eliminación de restos de poda e roza “non volvendo a queimar e pasando ao uso do triturador para a compostaxe”.

Gonzalo Caballero sinala a importancia de ir a votar “para decidir o benestar e futuro de Galicia”

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, chamou hoxe a “unha participación masiva” este domingo, posto que así “afrontaremos do xeito máis adecuado o futuro da Galicia que queremos”. Logo dunha campaña “en positivo”, o líder dos socialistas galegos acudiu hoxe, na xornada de reflexión, á súa Ponteareas natal para estar con seus pais. Mañá acudirá a votar a Vigo, a súa cidade, ás 10 da mañá.

Ao respecto das eleccións, Gonzalo Caballero sinalou que “este domingo xogámonos o futuro da Galicia que queremos” e por iso animou a toda a cidadanía a “votar en liberdade” e “cumprindo con todos os mecanismos de seguridade sanitaria”.

“O dereito ao voto é fundamental para construír unha Galicia mellor e para saír desta crise sen que ninguén quede atrás”, indicou, consciente do “poder do voto para decidir o futuro do país”.

Deste xeito apelou a que “ninguén quede na casa” este domingo. “Ademais de falar ou de queixarnos cando algo non nos gusta, o voto é o mecanismo para decidir que queremos”, concluíu Gonzalo Caballero.

Primeiras sancións do Concello de Salceda por non recoller os excrementos das mascotas

O Concello de Salceda de Caselas ven de facer efectivas as primeiras sancións por non recoller os excrementos das mascotas nas vías públicas. As sancións, por un importe de 300 € que se verá incrementado en caso de reincidencia, veñen a intentar solucionar un problema de ornato público que en determinados momentos resulta demasiado reiterado no casco urbano da vila, coas consecuentes molestias ao tráfico peonil.

Logo dun época de advertencias por parte da policía local, veñen de facerse efectivas as primeiras sancións, tentando deste xeito poñer fin a esta situación, da cal se teñen derivado multitude de queixas veciñais. Ademais dende o Concello incidirase tamén na obrigatoriedade de levar as mascotas atadas naqueles parques e espazos públicos nos que estea permirido acceder con mascotas, lembrando que existe unha zona habilitada para o esparcemento das mascotas na rúa Mártires de Sobredo, fronte ao novo centro de saúde.

Máis alá de ter que cumprir con sancións económicas, o mal hábito de non recoller os excrementos dos cans pode contribuír á proliferación de microorganismos patóxenos e a que xurdan problemas de saúde pública, pois os excrementos fíltranse no terreo coas choivas, coas consecuencias que elo conleva.

Miguel González concelleiro de servizo municipais: “A maioría das persoas están concienciadas e actúan correctamente, pero dende o Concello, coa colaboración da policía local, sancionarase á minoría que non cumpre as normas e que actúa sen ter en conta ao resto da poboación que circula polos espazos públicos”. Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda: “O feito de recoller os excrementos das nosas mascotas é un acto de respecto cara aos nosos vecinos e veciñas, o cal resulta fundamental para a vida en sociedade. Só coa implicación de todos e todas podemos conseguir a vila limpa e fermosa que queremos”.

O Concello de Nigrán ofrece este domingo o concerto da Banda de Música do Val Miñor

0

O Concello de Nigrán ofrece dentro da súa programación especial de verán o concerto este domingo ás 12:00 horas na Alameda de A Ramallosa da Banda de Música do Val Miñor. O concerto encádrase nas actuacións habituais de verán neste espazo, repetíndose outro durante o mes de agosto. Paralelamente, o Concello ofrece o programa ‘Música nas parroquias’ mediante o cal unha banda actúa en sesión vermú no respectivo día do patrón/a de cada lugar.

Redondela inicia esta vindeira semana os traballos de roza e limpeza en todo o municipio

0

O Concello de Redondela comezará, esta vindeira semana, os traballos de rozado e limpeza en todo o municipio. Así quedou decidido trala reunión mantida polo concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, cos responsables da empresa realizada de desenvolver ditas actuacións.

O responsable de Vías e Obras e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientaron que o inicio destas actividades de rozado e limpeza “estaban previstas para moito antes” pero, como aconteceu con todo, os prazos iniciais foron trastocados pola crise sanitaria da COVID-19 e o conseguinte estado de alarma.

En todo caso, explica a alcaldesa, “pese a situación que se viviu naqueles momentos e a decisión deste Goberno de destinar case que todos os recursos do Concello, tanto materiais coma humano, ás labores de prevención e contención da pandemia”, estes traballos de roza e limpeza “inícianse antes de o que o fixeron, en anos pasados, os anteriores gobernos conservadores”.

Este ano, as labores de roza e limpeza contan cunha importante novidade sobre a que chamou a atención a alcaldesa de Redondela. Aos catro lotes habituais que se encargan da limpeza das parroquias asignadas a cada un deles, “consideramos necesario engadir un quinto lote de reforzo”.

Este quinto lote permitirá que, unha vez terminado os traballos en todas as parroquias, “poida actuar naqueles puntos que, por diferentes razóns, se faga preciso realizar unha nova roza ou limpeza”.

Con este novo sistema conséguese, segundo a rexedora local, “non só unha limpeza de todo o municipio senón tamén o mantemento de dita limpeza ao longo do tempo”.

O Concello aposta polas actividades ao aire libre na súa programación de verán

0

A nova realidade mudou tamén a forma de vivir o verán no Rosal. Seguindo as recomendacións sanitarias para previr posibles riscos de contaxio, o Concello aposta este ano por ofrecer unha programación de verán ao aire libre para toda a familia na que os veciños e veciñas poderán desfrutar durante os meses de xullo e agosto de visitas guiadas, concertos, cine e espectáculos de rúa polos barrios. Todas as actividades terán aforo limitado e naquelas que se celebren nun recinto o público permanecerá sentado en cadeiras distribuídas de xeito que se manteña a distancia interpersoal e tomando todas as medidas de seguridade indicadas polas autoridades sanitarias. O Concello aposta este ano por ofrecer unha programación de verán ao aire libre e en pequeno formato para toda a familia na que os veciños e veciñas poderán desfrutar.

A axenda de verán, con arredor de 30 actividades, arrancará os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo coa XXVIII Feira do Viño do Rosal, unha feira virtual moi especial cunha ampla programación para que a veciñanza desfrute na súa casa dos caldos da comarca. Tras a feira as protagonistas serán as visitas guiadas polos petróglifos do Rosal, tres saídas (22 de xullo e 5 e 26 de agosto) totalmente gratuítas para a que as persoas interesadas en participar deberán inscribirse chamando ao Concello (986 62 50 00). Estas visitas terán un aforo limitado a 10 persoas. A primeira saída será aos petróglifos do Novello (encontro ás 21.30 h na casa do monte de Novás) e a segunda aos petróglifos da Portela.

Entre as visitas guiadas homologadas atópanse tamén as rutas polos Muíños do Folón e do Picón e polo Sendeiro dos Pescadores que organiza cada semana o Concello durante os luns e martes dos meses de xullo e agosto. Para esta actividade é necesaria inscrición previa a través da web municipal (http://visitasguiadas.concellodorosal.es).

Actividades nos barrios

Cine, espectáculos musicais e teatro de rúa tamén estarán moi presentes este verán no Rosal. O Concello levará estas actividades polos distintos barrios pensando en achegar a oferta cultural a toda a veciñanza sen ter que desprazarse. Filmes como ‘Vilamor’, ‘O que arde’ ou ‘Do revés’; espectáculos de Tanxarina Teatro, Circo Chosco ou Ce Orquestra Pantasma; música como O Sonoro Maxín, Blues do País, Dextrum Ensemble, Os Folieiros ou Xacobe Martínez Antelo Trío… serán algunhas das citas previstas para este verán.

Todas estas actividades complementaranse co Cámara Fest, dez concertos de grupos de cámara organizados pola Agrupación Musical do Rosal. Estas actuacións concentraranse na segunda e terceira semana de agosto, coincidindo coas datas na que se celebraba o tradicional Festival de Músicos Xoves que leva organizando dende hai xa 30 anos a Agrupación Musical e que este verán non poderá celebrarse debido a todas as medidas de prevención que se deben tomar tras a pandemia, xa que a Agrupación conta con máis de 70 músicos e non hai espazos para que poidan actuar garantindo a seguridade e saúde de todos e todas. Deste xeito, Concello e Agrupación Musical coordinaron as súas actividades de verán para ofertar unha ampla programación polos barrios de todo o municipio.

En todas as actividades o Concello manterá o aforo limitado, establecerá unha entrada e saída diferenciadas do recinto no que se celebre, colocará cadeiras para o público separadas pola distancia de seguridade establecida polas autoridades sanitarias, desinfectará as cadeiras antes de cada evento e colocará xel hidroalcohólico na entrada.

Actividades familiares

Atendendo a todas as recomendacións e medidas de prevención marcadas polas autoridades, o Concello do Rosal decidiu este ano apostar por ofertar actividades familiares ao aire libre e non organizar campamentos de verán, que por normativa sanitaria teñen que facerse ao aire libre, durante espazos de tempo curtos, centrado en actividades de realización autónoma, evitando a proximidade física e cun máximo de 25 persoas, incluíndo ao monitor/a ou guía. Ademais, todas as actividade físicas conlevan un maior risco de contaxio, requiren unha maior distancia de seguridade e son incómodas de realizar coa máscara posta.

O programa completo pódese descargar nesta ligazón.

Cambio de Colexios Electorais en Redondela para as elección ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020

0

A Xunta de Galicia aprobou un Protocolo que establece unhas medidas preventivas en materia de saúde pública fronte á Covid-19. Para poder afrontar estas normas, cambiarase a ubicación de dous colexios electorais en Redondela para así, poder ter un desenvolvemento seguro da xornada electoral.

A información respecto ao cambio recóllese no DOG Núm. 104 do 30.05.2020, que pódese consultar nesta ligazón. Estes son os colexios electorais que cambiaron:

Antigo Colexio

  • LOCAL MUNICIPAL
  • RUA MANUEL RODRIGUEZ CASAL NUM: 1, CHAPELA, 36320

NOVO COLEXIO:

  • CEIP DE LAREDO
  • RÚA DO PEIRAO, NÚM. 3, LAREDO, CHAPELA, 36320
  • (XUNTO AO PASEO DE CARDONA)

Antigo Colexio:

  • NOVOS LOCAIS ANEXOS Á RECTORÍA
  • CMÑO ADRO DE S. PEDRO (DO) NUM: 20, CESANTES 36693

NOVO COLEXIO:

  • ESCOLA DE EDUCACIÓN INFANTIL (EEI) SAN PEDRO DE CESANTES
  • CMÑO DA VELLA NUM. 2, SAN PEDRO, CESANTES 36693
  • (XUNTO Á ESTRADA PRAIA DE CESANTES)

O Concello de Baiona vixiará o cumprimento das normas de seguridade sanitaria sobre a COVID-19

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, anunciou que o Concello establecerá medidas de vixilancia “rigorosas” sobre o cumprimento das normas de seguridade sanitaria sobre a COVID-19 e, no caso concreto das reunións de mozos e mozas na fin de semana para realizar ‘botellón’, “a policía local será estrita e procederá a sancionar a aqueles e aquelas que non cumpran normas elementais como o mantemento da distancia interpersoal”.

O alcalde de Baiona subliñou o feito de que as persoas, nestes momentos en que estamos inmersos en plena pandemia “aínda que algúns de xeito irresponsable pensen que xa é unha cousa do pasado”, as persoas non só buscan lugares turísticos fermosos, con servizos, boa gastronomías, paisaxes e historia “algo que en Baiona temos dabondo”, senón tamén buscan “destinos turísticos seguros”.

Baiona explica o rexedor local, “debe dar un paso adiante e seguir sendo un exemplo en excelencia turística, pero ten que poñer todas as medidas ao seu alcance para que sexa un turismo seguro”. Esa seguridade, afirma Carlos Gómez, “será a que permita a recuperación e dinamización do noso comercio e a nosa hostalería”.

Nese sentido, o alcalde baionés, subliñou “a colaboración do sector hostaleiro e comercial no cumprimento das medidas de seguridade” e na mesma liña “a responsabilidade que amosaron a gran maioría das veciñas e veciños durante o confinamento, en circunstancias que non foron doadas e que, porén, constituíron un exemplo de comportamento cívico, responsable e solidario”.

Precisamente por iso,”o Concello de Baiona non pode consentir que unha minoría irresponsable, que ‘pasa’ das normas e das mínimas medidas de prevención, poña en risco a saúde da inmensa maioría que busca adaptarse, o máis rápido posible e da forma máis segura, a esta nova normalidade”.

Remata o proceso selectivo de persoal para o servizo de conservación, limpeza e mantemento dos espazos públicos

0

Ante un atraso sen precedentes provocado pola pandemia da COVID-19 remata a primeira fase de selección con 13 persoas seleccionadas para o servizo de praias. O persoal irase incorporando gradualmente o servizo durante os vindeiros días, e para a próxima semana se reforzará nunha segunda fase coa selección de 6 persoas máis procedentes do proceso selectivo de Servizos Sociais.

Atraso no proceso selectivo pola COVID-19

No mes de Marzo estaba previsto o estudo económico e xurídico da modificación das bases selectivas proposta pola Concellería de Medio Ambiente para mellorar a contratación con máis postos de responsabilidade no servizo, e así evitar que como en anos anteriores algúns peóns contratados realizaran tarefas dunha categoría superior. A previsión do comezo dos trámites administrativos dos procesos selectivos para o servizo de praias estaba previsto  para o mes de Abril, pois resulta un proceso moi longo debido a gran demanda de participantes. Estando en pleno estado de alarma pola Covid-19 e co persoal do Concello en servizos mínimos varias semanas, houbo procedementos administrativos que non se puideron realizar con normalidade. A todo isto tamén se debe engadir que os protocolos sanitarios sobre o uso das praias non quedaron claros ata primeiros de xuño, polo que ata esas datas non se iniciou este procedemento de contratación, que debido a alta demanda de participantes ten un longo proceso para resolver as listas de admitidos e a baremación do proceso selectivo. Ante todo o exposto e debido a este estado de excepcionalidade o servizo de conservación e limpeza de praias non estará totalmente operativo ata mediados de xullo.

Retén de limpeza polas tardes

Para reforzar a limpeza pola COVID-19 dos baños públicos e espazos de lecer da contorna, hai dende principios de mes, un retén de limpeza polas tardes que terá continuidade ata a fin da tempada.

Tui presenta unha programación “segura” e comprometida coa cultura este verán

0

“Volvemos á rúa!” é o lema da programación cultural que este verán se vai desenvolver en Tui. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, foron esta mañá os responsables da presentación desta oferta cultural que se vai desenvolver dende  o mércores 15 de xullo.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, explicaba que “nin a COVID-19 puido coa programación cultural de Tui” e indicaba que a axenda cultural presentada hoxe reflicte “o compromiso coa cultura, que é fundamental, e o compromiso con todos aqueles axentes e actores culturais do  noso concello que están pasando por un momento complicado e dende a administración temos o deber e a responsabilidade de prestarlles canto apoio necesiten, como fixemos xa con outros sectores”. Nese senso lembraba que a “cultura tamén é un elemento de dinamización sociocultural e económico”. Facía fincapé en que esta axenda cultural manifesta “o noso compromiso coa cultura, será un axente importante para a reactivación económica e será un incentivo para aqueles que nos visitan estes días”. Facía amais o rexedor un chamamento á responsabilidade individual e colectiva cumprindo as normas establecidas en cada evento, que suporán tamén un esforzo importante para a organización desta programación.

Precisamente a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicou as medidas con limitación de aforos, reserva previa de entrada,… que se porán en marcha para desenvolver esta programación con toda seguridade.  Incidía Sonsoles Vicente en que  “volvemos á rúa con sentidiño” engadindo que  “pretendemos que a nosa cidadanía e as persoas dos arredores se acheguen a Tui, e sempre cumprindo coa normativa, poidamos disfrutar da nosa cultura na Praza de San Fernando, no Paseo da Corredoira, no Paseo Fluvial, na rúa Compostela e no aparcadoiro municipal”.

A  Axenda Corredoira Cultural recolle a véntena de eventos previstos este verán xunto a un avance da programación de outono.

Semanalmente están programados espectáculos os mércores, xoves e venres, actuacións de rúa os sábados e domingos, e concertos os domingos 26 de xullo e 16 de agosto.

A Banda de Música Popular de Tui ofrecerá catro concertos este verán na praza de San Fernando cun capacidade limitada a 100 espectadores. Será os mércores 15 e 22 de xullo e o 12 e 19 de agosto. Amais no eido musical actuarán as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo o mércores 29 de xullo e o mércores 5 de agosto, respectivamente.

No Paseo da Corredoira os xoves haberá espectáculos de rúa con música e teatro con Píscore con “Concerto Singular” (16 de xullo), maxia con Dani García con “Don Gelati” (23 de xullo), teatro de monicreques con Fantoches Baj  con “Os romeiros do caracol” (30 de xullo), novo circo con Sempre Arriba con “C´est pas possible” (6 de agosto), teatro con Ghazafelhos con “Acuario” (13 de agosto), e danza con Pistacatro con “Baila un vestido verde” (20 de agosto). A capacidade está limitada a 100 espectadores.

[su_image_carousel source=”media: 17033,17034,17044,17043,17042,17041,17040,17039,17038,17037,17036,17035″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O cinema estará tamén presente nesta programación con dúas propostas. No Paseo Fluvial, con capacidade para 300 espectadores proxectarase “Súpez López” (17 de xullo), “E.T.” (31 de xullo), “Peter Rabbit” (7 de agosto) e “Mascotas” (21 de agosto). Coma novidade haberá autocine no aparcamento municipal na traseira da Área Panorámica con capacidade para 100 coches poderá visionarse “Grease” e “Jocker” os venres 24 de xullo e 14 de agosto, respectivamente. Será nunha pantalla de 150 m2 con sistema de son a través da sintonización da frecuencia FM que se indicará en cada proxección.

Para os domingo 26 de xullo e 16 de agosto están programados dous concertos a cargo de Leilía e Roi Casal con capacidade para 300 persoas e 150 de pé na rúa Compostela.  Leilía celebra os seus 30 anos no mundo da música con “CantarElas” no que repasan os seus temas máis emblemáticos xunto a outros menos coñecidos. Mentres Roi Casal presentara “Son Galego, son Cubano”.

Do 1 ao 7 de agosto celebrarase o XIV Música no Claustro, Festival de Música, Patrimonio e Creación no claustro gótico da Catedral de Tui, cunha programación que se dará a coñecer proximamente.

A música estará moi presente os sábados e domingos ás 21 h, entre o 18 de xullo e o 20 de setembro, con pasarrúas a cargo de grupos de gaitas, folclóricos, pandereteiras… nunha aposta pola nosa cultura tradicional e os nosos grupos.

Reserva previa de entradas gratuitas en www.enterticket.es

Para acudir a cada un destes espectáculo do verán será preciso realizar reserva previa de entrada, de xeito gratuíto, cun máximo de tres por persoa, en www.enterticket.es dende ás 12 h do luns da semana do espectáculo, até o mesmo día ás 12h.

Os accesos a cada espectáculo abriranse 30 minutos antes do comezo salvo para o cinema que será 60 minutos antes, e para os concerto de Leilía e Roi Casal nos que o acceso será dende 90 minutos antes. Cómpre destacar que as entradas non validadas 10 minutos antes do inicio do espectáculo poderán reasignarse a outra persoa.

En caso de choiva ás 13 h do día do evento comunicarase o seu traslado ao Teatro Municipal ou a súa suspensión. No caso de celebrarse no Teatro Municipal será obrigatorio o uso da máscara durante todo o espectáculo.

Protocolo COVID-19

Establécese amais un protocolo COVID-19 que se debe seguir en cada espectáculo. No mesmo recóllese a desinfección de mans con xel hidroalcohólico no acceso, e o uso obrigatorio de máscara, que só se poderá quitar unha vez sentado, salvo no Teatro Municipal onde se deberá permanecer coa máscara posta todo o espectáculo.  O percorrido de entrada e saída estará debidamente sinalizado, e débese ocupar a cadeira asignada, non podendo cambiar o seu  emprazamento  nin a cadeira. Débese permanecer sentado até o remate do espectáculo.

Avance da programación de outono

A Axenda Corredoira Cultural presentada hoxe recolle tamén un avance a programación do outono.

Do 23 ao 27 de setembro poderemos gozar dunha edición especial de Play Doc, con propostas orixinais para todos os públicos, do 23 ao 27 de setembro.  E en outubro o IKFEM celebrará a súa oitava edición para reactivar a cultura transfronteiriza.

Amais en outubro e novembro no Teatro Municipal está programados oito espectáculos. Parte dos mesmos foron reprogramados xa que estaban previstos para a primavera e tiveron que ser adiados debido ao confinamento.  Así Samuel Diz presentará o 16 de outubro o seu novo traballo “Memoria da melancolía”. Redrum representará o 23 de outubro “Idiota” e o 24 de outubro Galeatro Producións Escénicas “Carabela”. Xampatito Pato porá en escena o 30 de outubro “Só”, o 6 de novembro Teatro do Atlántico “Dúas donas que bailan” e o 7 de novembro Perez&Fernández “Aguratrat. Por último Teatro Avento Produccións achegará “Ummm! Unha comedia para chupar os dedos” e  La Macana “Pink unicorns” o 20 e 21 de novembro, respectivamente.

A programación completa pódese descargar nesta ligazón.

Gustavo Almeida actuará hoxe no espazo Dunas de Gaifar, Nigrán

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de verán, ofrece este sábado 11 de xullo ás 22:30 no espazo deportivo Dunas de Gaifar (Panxón) o concerto do artista e ex-futbolista Gustavo Almeida presentando o seu último disco ‘Vértice’. A entrada será de balde pero con aforo limitado atendendo ás medidas de seguridade sanitarias actuais. O día anterior, venres 10, terá lugar nesta mesma localización a primeira edición de Sona Gaifar coma un novo evento que propón unha selección de artistas destacados de toda Galicia, entre nomes emerxentes e outros máis consagrados: DJ’s, actuacións en vivo e, como non, tamén con foco en artistas locais de Nigrán.

Despois de virar en 2019 coa súa banda por teatros e auditorios de toda Galicia e outras cidades de España, Gustavo Almeida presenta o seu cuarto traballo de estudo en formato cuarteto, acompañado, ademáis de pola súa guitarra, por Julio González na batería, Ricardo Ferreira no baixo e José Churruca na guitarra. Como todos os eventos dos Concello de Nigrán, será un concerto inclusivo onde as persoas xordas poderán sentir a música coas súas mochilas  vibratorias (solicitude con 48 horas de antelación en [email protected]).

Gustavo Almeida é un artista de orixe brasileira con quince anos de estrada, unha calidade impecable no seu traballo, como se pode comprobar nolos seus catro discos lanzados (este último producido por un dos mellores produtores deste país, o valenciano Nacho  Mañó) e cun directo potente, próximo e versátil en xénero e lingua onde se atopan o pop máis sofisticado, o funk e a música de autor de Brasil. O cantante ten compartido escenario con Vanesa Martin, Efecto Pasillo, Bombai o India Martínez.

[su_image_carousel source=”media: 16836,16838,16837″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Posta en valor do Castro de Torroso cunha nova sinalización que favorece o súa historia e divulgación

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo mosense, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que xa se atopa instalada a nova sinalización do Castro de Torroso que o Concello de Mos instalou nas proximidades do xacemento. Instalación que foi proxectada, supervisada e dirixida polo arqueólogo Alberte Reboreda xunto co arquitecto municipal.

Trátase de paneis interpretativos nas inmediacións do Castro a fin de poñelo en valor e favorecer o seu coñecemento e divulgación entre a poboación en xeral e, en particular, entre os estudantes do IES de Mos, situado nas proximidades do xacemento.

Dita actuación foi realizada a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra, destinada á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico – cultural dirixida aos concellos de Pontevedra.

Na primavera do ano 1983 descubriuse fortuitamente un xacemento en Torroso, moi preto do límite con Petelos, logo de que os temporais do inverno deixasen ao descuberto fragmentos cerámicos. As características morfolóxicas e técnicas destes vestixios motivaron o inicio dunha serie de escavacións, levadas a cabo entre 1984 e 1990 por Antonio de la Peña Santos2, nas que se puido comprobar que se trataba dun xacemento castrexo.

Os paneis interpretativos instalados para sinalizar o Castro de Torroso explican que é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural. Conta cunha extensión dunhas 2,8 ha e unha altura máxima de 137 metros que lle permiten dominar uns terreos moi aptos para o aproveitamento agrícola e forestal.

Ao nordeste desta aldea fortificada prehistórica corre un regato que lle proporcionaba auga e pesca, ao igual que o río Louro, que flúe a 1,7 km do xacemento polo leste. Este río discorre ao longo dunha parte da Depresión Meridiana, unha grande fractura xeolóxica natural que une Tui con Padrón e que constitúe un lugar de paso natural privilexiado para o tránsito de persoas e mercadorías.

Nestes paneis tamén se expón información específica sobre cronoloxía, defensas, vexetación, gravados rupestres, cerámicas, obxectos líticos e pezas de metal no Castro de Torroso.

As accións materializadas polo Concello de Mos nesta actuación son a instalación dunha información interpretativa existente no acceso ao xacemento. E un total de 2 atrís interpretativos utilizando materiais resistentes á beira do camiño público que dá acceso ao xacemento.

Esta iniciativa está destinada a dinamizar o medio rural, favorecendo a aproximación cognitiva da xente natural de Mos e a súa bisbarra, así como da que nos visita a un dos principais recursos patrimoniais de carácter natural e cultural do concello e da comarca da Louriña, o que lles permitirá gañar en sensibilización respecto do coidado e preservación dos recursos e do medio natural e cultural e favorecer a difusión e coñecemento dos recursos patrimoniais propios, a súa localización precisa, e unha caracterización rigorosa.

Ponteareas celebrará unha Xincana Medioambiental de Orientación

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, convida a toda a cidadanía a participar na Xincana Medioambiental de Orientación que terá lugar o vindeiro domingo 19 de xullo.

A Xincana Medioambiental de Orientación levará aos participantes pola contorna do Parque Forestal da Picaraña, para desenvolver unha actividade cun tempo máximo de duración de 2 horas, e que contará con tres categorías distintas, en función das características das persoas ou grupos inscritos. Coa axuda dun mapa, deberán visitar unha serie de puntos de control, onde ademais deberán superar algunhas probas de coñecementos, memoria, lóxica, etc, para lograr o maior número de puntos no tempo establecido. Estas probas na  xincana teñen unha base medioambiental e contribuirá ao coñecemento do patrimonio natural, histórico e arquitectónico pero tamén permitirá descubrir recunchos singulares.

A inscrición débese facer online na web  (xestanatureza.com) ata o vindeiro xoves 16 de xullo ás 22:00 h, e poderase facer de xeito individual ou en grupo (equipos). Existirán 3 categorías diferentes:  iniciación para nenas/os, se son menores de 9 anos deberán ir acompañados de un adulto, cunha distancia máxima en torno aos 4km, adultos ou nenas/os con maior dificultade física e técnica, e cunha distancia máxima en torno aos 8km, e por último a categoría só pensada para persoas con altos coñecementos en orientación, cunha distancia máxima en torno aos 10 km.

A proba dará comezo ás 10:00 h, no parque do monte da Picaraña, e para cumprir os protocolos de seguridade fronte ao COVID-19 facilitarase toda a información previa á carreira a calquera persoa que o desexe, así como a copia que toda persoa inscrita recibirá. Estableceranse saídas graduais por categorías (entre 3 e 5 minutos por grupo), distancia social obrigatoria, obrigatoriedade no uso da máscara antes e despois da actividade, uso de xeles hidroalcohólicos, non impresión de tempos en papel e avituallamentos líquidos individuais e hixienizados, entre outras medidas.

Rosa Covelo adianta que se trata dunha actividade apta para todas as idades e fai extensivo o convite ás familias que poden participar como equipo.

Baiona recorrerá ante o Contencioso a resolución da Xunta que deixa a Sabarís sen a segunda fase da humanización

0

A pesar de ter vixencia ata o 31 de Decembro de 2020, o pasado 1 de xullo a Xunta de Galicia desestimou o recurso potestativo interposto polo Concello de Baiona ante a resolución do Convenio de colaboración para a denominada Fase 2 de humanización de Sabarís, resolución adoptada unilateralmente pola Xunta alegando incumprimento das obrigacións por parte do Concello, cando a realidade é diametralmente oposta.

O proxecto que vén desenvolvéndose desde o ano 2016, sufriu diversas modificacións resultando que a súa última revisión (denominada Rev-4), non foi presentada pola Xunta ante o Concello para a súa oportuna tramitación municipal.

En diversas ocasiones a Xunta de Galicia requiriu ao Concello achegar a certificación de dispoñibilidade dos terreos para promover a licitación da obra, xestión inviable e irresoluble ao non contar o Concello nin coa última revisión do proxecto nin coas preceptivas autorizacións sectoriais.

O rexedor do Concello, Carlos Gómez sinala que “a Xunta de Galicia púxonos entre o eixo e a roda, no que parece unha deliberada acción política sen fundamento xurídico”. “Non pode pretender a Xunta que é a que incumpre –subliña Gómez–, resolver o convenio achacando ao Concello a existencia dun incumprimento. Non esquezamos que é a propia Xunta de Galicia a que promove a obra, polo que se realmente tivese vontade de levala a cabo, non buscaría escusas peregrinas para bloquear o proceso.”

Esgotadas as vías administrativas, o Goberno Local ha adoptado a decisión de recorrer perante o xulgado do Contencioso a resolución do convenio ante o que supón unha clara vulneración dos principios de confianza lexítima e lealdade institucional.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, lamenta a postura do portavoz do partido popular local, Ángel Rodal, quen “novamente, demostra máis interese en defender posturas partidistas que as necesidades dos veciños de Baiona”. Finalmente, o rexedor local convida a quen estea interesado, a consultar o expediente no Concello.

Bota a andar o gabinete psicolóxico de Salceda da man de Avelaíña

Dende comezos do mes de xullo funciona xa o gabinete de atención psicolóxica de Salceda de Caselas, que xorde ante a necesidade de proporcionar apoio e asesoramento psicolóxico individual e familiar a todas as persoas que o precisen, sendo previamente derivadas dende os Servizos Sociais. O gabinete supón un investimento anual de 10.925 €, financiado dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e contará con unha traballadora social e unha psicóloga, ambas veciñas de Salceda e polo tanto moi coñecedoras da realidade do municipio. A xestión do gabinete correrá a cargo da Asociación Avelaíña, que ven traballando con persoas con problemas de saúde mental, e que xa viñan atendendo a cinco persoas de Salceda de Caselas, que agora pasan a integrarse no gabinete.

Con este servizo preténdese dar resposta á necesidade de atención psicolóxica identificada polo Concello de Salceda de Caselas para a súa veciñanza, e está pensado para público de tódalas idades, tanto maiores como menores de idade. O gabinete servirá tamén para traballar de xeito grupal e coas familias interesadas diferentes aspectos relacionados coa educación de crianzas e adolescentes, e para sensibilizar e previr en saúde mental a través de charlas informativas dirixidas ao alumnado ou á poboación en xeral.  Cabe destacar que este gabinete actuará en coordinación con outros servizos e programas que ofrece o Concello como os Servizos de logopedia e Atención Temperá, o Programa “Cultiva a Mente” ou o II Plan Municipal para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, entre outros.

Trátase dunha necesidade que o Concello de Salceda viña detectando nos últimos tempos pero que se ve acentuada en momentos de crise como o que estamos a vivir na actualidade, polo que dende o equipo de goberno se decidiu reservar unha partida do Plan Concellos para a posta en marcha do servizo.

Gela Ledo, Concelleira de benestar Social: “Un servizo demandado durante anos e moi necesario nestes momentos tralo confinamento. Inténtase que as persoas con problemas psicolóxicos non sufran ao longo da súa vida problemas máis complexos. A traballadora social fará sesións co entorno familiar para así ofrecer un servicio máis completo.”

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda: “O noso Concello segue a ser exemplo en dotación de servizos á cidadanía que en moitas ocasións nin sequera son competencia municipal pero que contribúen a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza. Estamos cerca da xente e atendemos as súas necesidades, e non escatimaremos esforzos nas iniciativas que sirvan para axudar ás persoas e colectivos máis vulnerables, máis que nunca en momentos de crise como o que estamos a vivir”.