Xoves, 10 Xullo de 2025

Salvaterra destina máis de 100.000 euros á pavimentación de viais no Polígono Industrial ‘Chan da Ponte’ cunha subvención da Xunta

O Concello de Salvaterra de Miño ven de adxudicar por un importe de máis de 100.000 € a pavimentación de viais no Polígono Industrial Chan da Ponte, adxudicación que conta cunha subvención  concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para melloras de parques industriais.

Con esta acción o Grupo de Goberno  local quere realizar melloras no seu polígono que, a día de hoxe, da traballo a máis de 500 persoas e que necesita unha obra de mellora nos seus viais. Por ese motivo o Concello acolleuse a orde da Xunta para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia  que financiará a obra por un importe de 80.255,85 euros mentres que os restantes 20.063,96 € cofinanciaranse a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O Polígono Industrial de Chan da Ponte, que entrou en funcionamento no ano 1999,  conta con 275.000 metros cadrados de superficie e unha superficie neta industrial de 156.111 m2.  Os viais interiores teñen un nivel de deterioro severo provocado polo intenso tráfico que circula por eles e o paso do tempo.

O proxecto recolle  a pavimentación de varios viais dentro do polígono cunha renovación na rodadura. A actuación principal de pavimentación executarase mediante estendido e compactado dunha capa de rodadura de 5 cm de espesor de mestura bituminosa en quente tipo AC16 Surf 50/70D, ademais fresaranse zonas concretas nas que non se pode subir a cota actual do vial,  1860 m2 de fresado firme e máis de 8.600 m2 de capa de rodadura.

Repintado da sinalización horizontal no casco urbano de Redondela

0

O Concello de Redondela procede, nestes días, ao repintado de toda a sinalización horizontal no casco urbano, traballos que abranguen non só os pasos de peóns –coa conseguinte mellora da seguridade viaria– senón tamén as prazas para estacionamento de persoas con mobilidade reducida e mesmo os vaos de carga e descarga.

Doutra banda, tamén se procederá a delimitar as prazas de estacionamento naqueles lugares, como o Salgueiral, onde non estaban marcadas, o que redundará nun mellor aproveitamento da zona de aparcamento. Os traballos serán complementados co reforzamento da correspondente sinalización vertical.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a importancia duns traballos que “melloran a mobilidade dos peóns garantindo a súa seguridade e, ao mesmo tempo, como no caso da delimitación de prazas de estacionamento ou repintado de vaos de carga e descarga, melloran notablemente a ordenación da circulación rodada”.

O Concello de Ponteareas adxudica 8.000 euros en axudas ás entidades sociais

O Concello de Ponteareas ven de conceder as axudas a entidades sociais que desenvolven actividades no municipio. Así o anunciou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, que destacou o labor que realizan os diferentes colectivos que desenvolven programas para promover o benestar social da cidadanía.

“Con esta nova concesión, que continúa a liña marcada polo actual goberno municipal desde 2015 de colaboración e apoio ás entiades sociais, 7 entidades poderán dar continuidade a diferentes programas que realizarán co apoio do Concello”, manifestou a concelleira nacionalista. Neste ano 2020 reciben apoio: Adapta, Cogami, Dar Máis, Familias Azuis, Asociación de Maiores, Pontesolidario e Asociación Española contra o cancro.

Estas subvencións permitirán realizar accións ou actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá ou igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Un labor que acada aínda maior importantancia nesta situación sanitaria que estamos vivindo pola COVID-19.

Verónica Carrera explicou que “as axudas outórganse cos fondos propios do Concello e concédense de forma transparente e en concurrencia libre para as entidades sociais. O Concello ten a obriga de apoiar o traballo destas entidades pola labor social que realizan”.

O Rosal arranca a súa axenda cultural para este outono cunha programación diversa

0

O outono chega ao Rosal cunha axenda cargada dunha morea de actividades de lecer para todos os públicos. O Concello presentou este mércores a programación cultural para os vindeiros meses de outubro e novembro, case unha vintena de propostas moi diversas entre as que haberá contacontos, circo, música, exposicións, charlas e visitas guiadas abertas a todos os públicos. Dende o Concello quérese agradecer “a colaboración da Deputación de Pontevedra e da Agrupación Musical do Rosal e a asociación A Jalleira, que participan nesta completa axenda de outono. Unha oferta cultural diversa e para todos os gustos que esperamos que teña unha grande acollida por parte da veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Os contacontos serán os encargados de inaugurar a programación outonal esta mesma fin de semana. O sábado 3 de outubro as historias tradicionais, os contos populares e inventados, a música en directo e o humor encherán a biblioteca municipal. Será con ‘Filipa cos contos’, unha sesión de narración oral entre Fran e a súa amiga Filipa que fará as delicias de cativos e cativas a partir de 4 anos. Será ás 11.00 horas.

Xa o 10 de outubro (11 h) a música fará saltar ao público. Será co espectáculo ‘Brinca vai! De aquí a acolá’, que chegará coas cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos para percorrer un camiño no que a música soa con forma de sorriso.

O venres 16 de outubro os máis pequenos e pequenas da casa poderán combater o frío cos ‘Contos de inverno’ (11 h) e o venres 23 de outubro Magín Blanco trae o espectáculo musical ‘O que levamos nas maletas’ (11 h), unha proposta na que o público terá que participar na interpretación das cancións e na resolución das cuestións que plantexan os camiños. Aínda que a celebración de todos os contacontos está prevista na biblioteca municipal, poderá haber variación dos espazos que se comunicarán con antelación en función das condicións sanitarias.

A música será outra das protagonistas da axenda cultural. O sábado 10 de outubro Sés subirase ao escenario na Praza do Calvario para facer desfrutar da música a todos os rosaleiros e rosaleiras. Será a partir das 21.00 horas, con aforo limitado a 300 prazas e con inscrición previa a través da web do Concello nesta ligazón ata completar aforo. Para inscribirse será preciso facilitar nome, DNI, teléfono e email e estará restrinxido a un máximo de 4 persoas por inscrición. Aínda que a vía electrónica será a principal para a recollida de inscricións, aquelas persoas que teñan dificultades para acceder a través deste medio poden chamar ao 986 62 50 00 ext. 4.

Ese mesmo 10 de outubro de 16 a 22 horas habilitarase na Praza do Calvario un espazo lúdico de prevención das violencias.

O teatro chegará en forma de carreira o domingo 11 de outubro. Será con ‘Running polo Camiño’, unha suorenta comedia para todos os públicos que se poderá ver na Praza do Calvario a partir das 18.00 h. Aforo limitado a 100 prazas, polo que será necesaria inscrición previa. O sábado 17 de outubro poderase desfrutar de ‘Literaria’ no Auditorio Municipal a partir das 20.00 horas e o domingo 8 de novembro o público infantil descubrirá os ‘Monstros no camiño’, ás 18.00 h no auditorio municipal.

O circo tomará a Praza do Calvario o domingo 12 de outubro con ‘Bambolina’ (17.00 h), unha actuación dirixida a público infantil. Tras esta actividade as persoas poderán desfrutar na mesma Praza do Calvario (18.00 h) da actuación da Banda da Agrupación Musical.

‘Auga. O sangue da Terra’ é o título da mostra que acollerá o salón de exposicións do Rosal do 13 ao 31 de outubro, ambos os dous incluídos. Unha exposición para todos os públicos que poderá visitarse de balde de martes a xoves de 18 a 20 h e venres e sábado de 11 a 13 h.

A primeira edición das Xornadas do Patrimonio será o colofón final da programación cultural de outono, tres días “para poñer en valor o patrimonio que temos na nosa contorna” dun xeito diferente. Será para grupos reducidos e con inscrición previa. Arrancarán o venres 23 de outubro cunha charla sobre arqueoastronomía a cargo de Benito Vila ás 19.30 h no Centro Social Polivalente que se completará cunha saída para a observación de estrelas ás 21.00 h. Xa o venres 30 de outubro, Alia Vázquez descubrirá ao público os petróglifos do Baixo Miño (19.30 h, Centro Social Polivalente) para despois facer unha ruta guiada a algún dos petróglifos do Rosal (21.00 h). A última charla será o venres 6 de novembro, na que Brais Currás falará sobre minería romana no Baixo Miño (Centro Social Polivalente, 20.00 h). Ao día seguinte, sábado 7 de novembro, haberá unha visita guiada ao Montefurado de Covas, en Vila Nova de Cerveira.

As xornadas micolóxicas porán o punto final á programación. Celebraranse o sábado 14 de novembro no Centro Social Polivalente grazas á colaboración da asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira.

Programación completa

  • Sábado 3 de outubro
    • CONTACONTOS ‘Filipa cos contos’
      • Hora: 11:00 h
      • Lugar: biblioteca municipal
      • Idades: a partir de 4 anos
      • Duración: 50 minutos
  • Sábado 10 de outubro
    • CONTACONTOS ‘Brinca vai! De aquí a acolá’
      • Hora: 11:00 h
      • Lugar: biblioteca municipal
      • Idades: de 4 a 11 anos
      • Duración: 60 minutos
    • AGRESIÓNS OFF
      • Espazo lúdico de prevención das violencias
      • Hora: De 16.00 a 22.00 horas
    • CONCERTO de Sés
      • Hora: 21:00 h
      • Lugar: Praza do Calvario
      • Idades: todos os públicos
      • Duración: 120 minutos
      • Aforo: 300 prazas – inscrición previa
  • Domingo 11 de outubro
    • TEATRO ‘Running polo Camiño’
      • Hora: 18:00 h
      • Lugar: Praza do Calvario
      • Idades: todos os públicos
      • Duración: 60 minutos
      • Aforo: 100 prazas – inscrición previa
  • Luns 12 de outubro
    • CIRCO ‘Bambolina’
      • Hora: 17:00 h
      • Lugar: Praza do Calvario
      • Idades: público infantil
      • Duración: 60 minutos
    • MÚSICA Banda da Agrupación Musical do Rosal
      • Hora: 18:00 h
      • Lugar: Praza do Calvario
      • Idades: todos os públicos
      • Duración: 50 minutos
  • Martes 13 de outubro
    • EXPOSICIÓN ‘Auga. O sangue da Terra’
      • Inauguración, martes 13 ás 18:00 h. Ata o 31 de outubro, ambos incluídos.
      • Lugar: Salón de exposicións
      • Idades: todos os públicos
      • Horarios de apertura ao público: martes e xoves de 18:00 a 20:00 h, venres e sábado de 11:00 a 13:00 h
  • Venres 16 de outubro
    • CONTACONTOS ‘Contos de inverno
      • Hora: 11:00 h
      • Lugar: biblioteca municipal
      • Idades: a partires dos 4 anos
      • Duración: 45 minutos
  • Sábado 17 de outubro
    • TEATRO ‘Literaria
      • Hora: 20:00 h
      • Lugar: Auditorio Municipal
      • Idades: público adulto
      • Duración: 60 minutos
  • Venres 23 de outubro
    • CONTACONTOS: ‘O que levamos nas maletas
      • Hora: 11:00 h
      • Lugar: biblioteca municipal
      • Idades: de 4 a 10 anos
      • Duración: 50 minutos
    • CHARLA sobre Arqueoastronomía. Por Benito
      • Hora: 19:30 h
      • Lugar: Centro Social Polivalente
      • Idades: público adulto
      • Duración: 60 minutos
    • SAÍDA para a observación de estrelas
      • Hora: 21:00 h
      • Idades: público adulto
      • Duración: 60 minutos
  • Venres 30 de outubro
    • CHARLA Petróglifos do Baixo Miño. Por Alia Vázquez
      • Hora: 19:30 h
      • Lugar: Centro Social Polivalente
      • Idades: público adulto
      • Duración: 60 minutos
    • VISITA GUIADA a petróglifos do concello
      • Hora: 21:00 h
      • Idades: público adulto
      • Duración: 60 minutos
  • Venres 6 de novembro:
    • CHARLA sobre minería romana no Baixo Miño. Por Brais Currás
      • Hora: 20:00 h
      • Lugar: Centro Social Polivalente
      • Idades: público adulto
      • Duración: 60 minutos
  • Sábado 7 de novembro:
    • VISITA GUIADA ao Montefurado de Covas, en Vila Nova de Cerveira con Brais Currás.
  • Domingo 8 de novembro
    • TEATRO: ‘Monstros no camiño’
      • Hora: 18:00 h
      • Lugar: Auditorio Municipal
      • Idades: público infantil
      • Duración: 60 minutos
  • Sábado 14 de novembro
    • XORNADAS MICOLÓXICAS
      • Lugar: Centro Social Polivalente

Nigrán estrea a primeira ‘electroliñeira’ de cara rápida de Galicia situada nun espazo público

0

O Concello de Nigrán ven de estrear esta mañá unha electroliñeira de Iberdrola ao carón do Centro de Negocios do parque empresarial Porto do Molle e contará nos vindeiros días con outra igual en Panxón, o que sitúa novamente ao municipio na vangarda das políticas medioambientais de España. Así, a localidade ostenta o récord de electroliñeiras en Galicia (dispón desde 2018 dunha semi-rápida municipal e gratuíta pegada á Casa do Concello) e é a única da comunidade que, ademais, ten todas situadas en espazos públicos. A vantaxe e singularidade desta nova instalación operativa as 24 horas do día é que é de carga rápida (50 Kw/hora), o que permite completar o 80% da batería do coche en só media hora, sendo o segundo dispositivo da provincia en ofrecer esta alta capacidade de subministro (recentemente abriuse unha nun espazo privado en Vigo).

“É un orgullo para Nigrán ser o municipio de Galicia con máis electroliñeiras de uso público. Desde 2018 fomos pioneiros ao ofrecer unha municipal e gratuíta ao carón do consistorio con dúas tomas, agora sumamos esta con capacidade para 4 e proximamente teremos outra exactamente igual en Panxón, polo que 10 coches poderán esta a cargar simultáneamente en Nigrán”, explica o alcalde, Juan González, quen xunto ao edil de Mobilidade Diego García estreou esta mañá a electroliñeira cargando unha furgoneta e un turismo eléctricos propiedade do Concello.

Nigrán é o municipio de Galicia con máis electroliñeiras e unha referencia en todo o país, xa que dispón desde 2018 dunha semi-rápida municipal e gratuíta

A instalación das mesmas (Porto do Molle e Panxón) correu a cargo da empresa nigranesa ACEUVE e Iberdrola a explota xa cun prezo de mercado de 30 céntimos kw/hora (supón unha media de 10 € por batería cargada ao 80 %, para o que se precisa menos de 30 minutos). Todo o ciclo (posibilidade de reserva do conector, pago, información de prezos e ubicación …) se xestiona de forma sinxela a través da aplicación de Iberdrola para Android e IOS. “Obviamente son prezos moi asequibles que supoñen un desembolso para o consumidor de entre 1,5-2 € por 100 qm, polo que estes vehículos ademais de ser ecolóxicos resultan moi rendibles económicamente”, destacaron na presentación os representantes de Iberdrola e Aceuve.

“Non só somos unha referencia en termos de incentivar a sostibilidade medioambiental entre a veciñanza, é que isto fará que moitos viaxeiros se despracen ex-profeso a Nigrán para cargar o seu turismo en menos de media hora”, sinala o alcalde, quen incide en que o goberno local aprobou no 2018 unha bonificación do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75 % aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como ‘0 emisións’.

“Porto do Molle é un parque empresarial tecnolóxico no que, lóxicamente, se demandaba este servizo porque moitas empresas dispoñen deste tipo de vehículos, e Panxón é un punto céntrico que facilita moito a loxística ao usuario”, sinala o rexedor, quen incide en que “se trata de promover entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións, é unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas mediante este tipo de iniciativas”, conclúe.

As Palilleiras de Mos volcadas na saída de “La Vuelta” ciclista desde Mos

0

A Asociación de Palilleiras de Mos, unha das asociacións culturais referente do municipio mosense e integrante ademais da mesa de traballo “Mos con La Vuelta” traballa activamente nun proxecto que formará parte do atrezo na etapa número 15 de La Vuelta a España 2020, que sairá desde Mos en dirección á Pobra de Sanabria o xoves 5 de novembro ás 10 h.

Según as propias palilleiras o obxectivo deste traballo artesanal en encaixe de bolillos é o reto de elaborar unha artesanía en gran formato e fomentar e impulsar o patrimonio cultural cun sentimento de orgullo e pertenza polo noso, e amosar esta técnica que se leva a cabo en moitos puntos de Galicia.

Tal e como hoxe informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, será un gran deseño que xunto co entorno do Pazo enriquecerá ao espazo elixido para a saída. É un orgullo contar con esta asociación, formada por mulleres de cada unha das dez parroquias de Mos, que durante todo o ano organizan diversas actividades ao redor de diferentes técnicas e labores.

Palilleiras de Mos

Actualmente traballan tamén no “I Encontro de Labores no Camiño 2021”, que inclúe varias actividades concretas como son: a tradicional “Xuntanza de Palilleiras e Labores de Mos”, unha Exposición co título “Camiño do Encaixe”, os obradoiros “Os camiños do Encaixe” e un bus turístico. Este proxecto levarase a cabo maioritariamente nas parroquias de Tameiga-Costoias, e Santa Eulalia de Mos, tramo do Camiño Portugués.

O proxecto executarase ao longo do ano que ven, con motivo do Xacobeo 2021 que transcorre polo Camiño Portugués (Pazo dos Marqueses de Mos) situado no Concello de Mos para promocionar a imaxe cultural, turística, natural e humana das áreas rurais do Camiño de Santiago. Irá dirixido ao público en xeral, entre o que potenciar a importancia do patrimonio cultural galego en xeral e mosense en particular, aos peregrinos ou turistas que visiten ou realicen o Camiño Portugués e á veciñanza do Concello de Mos e concellos limítrofes.

Deste xeito, traballando da man Concello e Palilleiras;  Mos continúa apostando polo seu tecido asociativo e pola súa principal baza turística e cultural: o Camiño de Santiago.

“O Camiño do humor” con viñetas de Davila dáse cita na Sala Municipal de Exposicións de Tui

0

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle desde este venres día 2 ata o 24 de outubro unha exposición de viñetas do ilustrador e deseñador gráfico galego Luís Davila (Bueu, 1972). Baixo a denominación de “O Camiño do humor” mostra una escolma das viñetas que Davila publica cada día no xornal “Faro de Vigo”. Esta mostra está organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia.

“O camiño do humor” é unha exposición que presenta unha recompilación das mellores viñetas do artista galego Luís Davila. Unha peregrinación polas súas mellores ilustracións, con personaxes tan entrañables como “Doura a rozadora” e “Tucho”, entre outros. Na mesma amosarase parte da extensa traxectoria e valía do debuxante. Davila é xa un mestre en facernos rir e pensar cos seus debuxos, herdeiro de grandes artistas como Siro ou Xaquín Marín.

A mostra está organizada de maneira temática baixo epígrafes como Xente de aquí, Na leira, O bicherío, Tecnoloxía, O tempo, O turismo ou O Camiño de Santiago, etc. En conxunto, ofrece un completo percorrido pola obra de Davila a través dunha antoloxía das súas viñetas máis destacables.

Con esta nova mostra a concellería de Cultura tudense, que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente, continúa apostando por ofrecer á veciñanza unha programación diversificada e de calidade nesta Sala Municipal de Exposicións. Para a concelleira esta nova exposición é unha oportunidade de achegarse a esta mostra dun humor que tamén nos fai reflexionar sobre a actualidade con moita retranca. A mostra forma parte do programa de actividades do 50 aniversario da Biblioteca Municipal de Tui.

Festexo do 15 aniversario da Biblioteca Xela Arias co artista Xoán Curiel

0

Este xoves haberá unha actividade moi especial na Biblioteca de Chapela. Será o festexo do 15º aniversario do centro coa actuación do músico Xoán Curiel.

Conto-concerto “Como montar a túa banda”, con Xoán Curiel

Xoves 1 de outubro, ás 18:30 h.

Xoán Curiel ofrecerá un espectáculo participativo onde se mesturan música de diversos estilos (funk, rock, pop, reagge) con elementos teatrais ou “clown”, conducido a través da narración dunha historia moi divertida que orixina o nacemento dunha banda musical.

É un espectáculo infantil e familiar, recomendado para nenos/as entre 5 e 10 anos.
É preciso inscribirse na biblioteca.

Dadas as previsións metereolóxicas a actividade non se poderá desenvolverse no exterior, así que  trasladarémola ao auditorio do Piñeiral do Crego. Dese xeito hai máis espazo, e abrimos novas prazas para asistir. Podédevos anotar:

A actividade desenvolveranse con todas as medidas de seguridade e hixiene frente á Covid-19, e terá lugar dentro do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura e Turismo para a Rede de Bibliotecas de Galicia.

Podes atopar máis información na ligazón: https://bibliotecasredondela.blogspot.com/2020/09/conto-concerto-con-xoan-curiel-este.html

O Pazo Provincial da Deputación tínguese de verde polo Día Nacional da Artrite, que se conmemora este xoves

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo Provincial desde a tarde deste xoves 1 de outubro ata a mañá do venres 2 ao abeiro do Día Nacional da Artrite. Deste xeito a institución provincial únese á campaña “Outubro mes da artrite e espondiloartrite” que desde 2009 organiza a Coordinadora Nacional da Artrite da man de entidades de todo o Estado como a Asociación de enfermos de artrite de Pontevedra (ASEARPO).

A través desta iniciativa preténdese visibilizar a artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil, espondiliti anquilosante e espondiloartrite, así como ás persoas enfermas, concienciando á sociedade sobre as dificultades coas que se atopan no día a día e dando a coñecer estas patoloxías, descoñecidas pola maior parte da poboación.

En España hai máis de 200.000 persoas con artrite e aparecen máis de 20.000 novos casos cada ano. Na nosa comunidade, en Galicia, aproximadamente preto de 20.000 persoas conviven coa artrite reumatoide. Segundo o estudo “RA Matters” máis do 25% das persoas coa enfermidade en España víronse na obriga de deixar o seu traballo e sete de cada dez persoas séntense incomprendidos na súa contorna máis próxima.

Carmela Silva subliña “a capacidade de superación” das persoas inmigrantes que participaron nos cursos de español da Deputación

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou hoxe na sede provincial en Vigo “a capacidade de superación” e ”a loita por ter a posibilidade de integración no noso país” das persoas inmigrantes que veñen de finalizar os cursos de español que organiza a institución provincial en Vigo e Pontevedra. Esta é a cuarta edición desta actividade formativa, coa que a Deputación de Pontevedra axuda á poboación non hispanofalante a preparar e superar a proba DELE A2 que realiza o Instituto Cervantes, indispensable para que poida logo solicitar a nacionalidade española.

Carmela Silva clausurou esta mañá un dous cursos celebrados na cidade olívica que, xunto ao terceiro celebrado en Pontevedra, sumaron este ano un total de 55 persoas, procedentes na súa maioría de Marrocos, Brasil e Senegal, amais doutros países como Ghana, Mauritania, Quenia, Alxeria ou Nixeria. A presidenta da Deputación quixo facer deste xeito un recoñecemento ás persoas participantes nesta formación, impartida por persoal do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, “porque sodes xente que non se detén ante as dificultades”.

Carmela Silva: “o máis importante son as persoas, os seres humanos teñen que ter todos os dereitos, e vos loitades por ter a posibilidade de integrarvos no noso país”

“O máis importante son as persoas, os seres humanos teñen que ter todos os dereitos, e vos loitades por ter a posibilidade de integrarvos no noso país” –destacou–. Silva declarou sentirse moi orgullosa do esforzo persoal “porque para acadar aquelo que soñamos que sexa a nosa vida temos que formarnos e temos que ir escalando montañas. Isto, dixo, é un paso nesa escalada para formar parte total, activa e absoluta nesta sociedade. Sei que todo e mais complicado para todos e todas vós, por iso me parece que sodes xente exemplar, xente para poñer como exemplo”.

A presidenta animou ás persoas do curso a acadar este ano “o 100 % de aprobados, xa que o ano pasado o conseguiron preto do 90 %”. No acto estivo presente a directora da Fundación da Universidade de Vigo, Fina Casal, e unha das profesoras dos cursos, Diana Durán, ás que a presidenta lles agradeceu tamén o seu compromiso. Neste senso, Fina Casal apuntou tamén que nestes cursos “os docentes tentan dalo todo para que todos cheguedes a conseguir ese dereito de continuar a vosa vida aquí”.

Nesta edición, o inicio dos cursos adiouse debido á pandemia da Covid-19 e as clases retomáronse neste mes de setembro cun estrito protocolo, que incluíu o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade.

Con esta actividade, a Deputación de Pontevedra tenta facilitar ás persoas de países non hispanofalantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Trátase dunha proba que require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. Con esta iniciativa, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Nas tres edicións anteriores, estas actividades tiveron un total de 180 participantes.

A Xunta destina 120.000 euros a axudas para que as persoas desempregadas cursen másters oficiais

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2020/2021. O obxectivo é apoiar aos titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo.

A contía de cada axuda individual cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario, segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 102/2020, do 9 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do SUG. En función do tipo de máster que curse o beneficiario, o importe máximo de axuda a conceder será de 835,80 € e o mínimo de 591 €.

Para solicitar a axuda as persoas candidatas deberán estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude, ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e estar matriculadas no curso académico 2020/21 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do SUG, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados. Cómpre destacar que no curso 2019/20 recibiron esta axuda 73 estudantes e desde o inicio desta convocatoria, no curso 2013/14, concedéronse 511 destas axudas.

Criterios de selección

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

A selección das solicitudes que cumpren os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora atendendo á orde de prelación indicada na convocatoria. Deste xeito, en primeiro lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que leven máis días inscritas ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego de Galicia sempre e cando acaden os 180 días e non teñan outra titulación de máster oficial; e, en segundo lugar, as que leven más días inscritas e xa teñan outra titulación de máster oficial.

En terceiro lugar, contemplaranse as solicitudes daquelas persoas que dispoñan de máis días de inscrición ininterrompida no Servizo Público de Emprego de Galicia non acadando os 180 e non teñan outra titulación de máster oficial; en cuarto lugar as que xa posúan un título de máster.

En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate atendendo á maior antigüidade na data de obtención do título que lle dá acceso aos estudos de máster universitario, para o que se terá en conta o mes e ano no que superou os estudos conducentes ao mencionado título.

Desta forma búscase dar oportunidades ás persoas que realizan por primeira vez este tipo de estudos, á par que se prioriza a aquelas que levan máis tempo en situación de desemprego.

Unha viaxe teatral pola vida de María Casares inaugura a axenda cultural de outono do Concello de Tomiño

0

“Despois das ondas. Unha viaxe teatral pola vida de María Casares” abre o vindeiro sábado, tras o parón do Covid-19, a Axenda Cultural de Outono do Concello de Tomiño.

Nesta peza, mesturando cinema en directo, teatro e música, percorreranse os lugares e momentos da vida de María Casares, actriz coruñesa de talla internacional considerada musa do existencialismo francés, na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.

O espectáculo é unha produción da Deputación da Coruña e Butaca Zero sobre o texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O elenco, encabezado por Belén Constenla e Nerea Brey, dando vida a María Casares, conta tamén coa actriz, bailarina e coreógrafa goianesa Sonsoles Cordón, que interpreta unha ampla gama de personaxes que acompañaron á diva coruñesa na súa traxectoria vital, por exemplo, Albert Camus, o seu grande amor.

Completan a axenda outras cinco citas para público infantil e adulto a partes iguais, ofrecéndose as obras para público adulto en días sábado e horario nocturno, e as infantís, en domingo, en horario de tarde.

Todos os espectáculos están programados no Auditorio de Goián, aínda que o aforo verase reducido por mor do protocolo Covid-19, seguindo todas as medidas de seguridade para garantir unha cultura segura.

A segunda das citas culturais deste outono será o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 17.30 horas. O grupo Viravai, chegará coa súa obra “As viaxes de Paio e Aurelio”; unha proposta para público infantil e familiar.

As viaxes de Paio e Aurelio relatan as andanzas dun teixugo molón e un oso polar, que visitarán o Polo Norte, nun espectáculo no que se abordan temas coma a diversidade, as linguas, as culturas, a amizade, a boa alimentación, nun contexto de respecto aos valores fundamentais.

Esta actividade está destinada a familias con nenos e nenas.

A axenda continuará o sábado 17 de outubro, cun Monólogo de Federico Pérez, seguido da obra “A casa do terror”, de Xoán Curiel e A Banda do verán, o domingo 18.

Ademais, é preciso reservar previamente as prazas, chamando ao teléfono 986622001 ou ben enviando un correo electrónico a [email protected].

A venda e recollida de entradas será na taquilla do propio auditorio dende unha hora antes do inicio do espectáculo. Podes descargar todo o programa nesta ligazón.

Chega este xoves a segunda webinar do I Ciclo de Conferencias Científicas “Aida Fernández Ríos” da man da Deputación

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este xoves, 1 de outubro, a segunda webinar sobre sanidade no marco do primeiro Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que a institución provincial organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias. Na sesión, que estará formada por dúas webinars de 20 minutos cada unha, a catedrática en Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso Fernández explicará “Como os nanomedicamentos poden cambiar as nosas vidas” e a presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, África González Fernández, falará da “Inmunidade fronte a Covid-19”.

Este ciclo de conferencias busca achegar a ciencia ao conxunto da sociedade ao mesmo tempo que lle dá visibilidade ás mulleres deste eido como Aida Fernández Ríos. A charla de Alonso Fernández e González Fernández, como o resto das previstas, está aberta a todos os públicos e as persoas interesadas en participar poden apuntarse na web da Deputación (www.depo.gal). María José Alonso Fernández é catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela e, tamén, académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Doutra banda, África González é catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía.

Tras esta sesión, o ciclo Aida Fernández Ríos continuará ata o mes de decembro con outras cinco webinars. O 22 de outubro chega “Cambio estacional de hora e fuso horario en España” da man do catedrático de Electromagnetismo Jorge Mira Pérez. Xa en novembro, o día 5 será a quenda dunha conferencia formada por dúas charlas baixo a temática intelixencia artificial: Senén Barro, catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, impartirá “Os paradoxos da intelixencia artificial”; e Ulises Cortés, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, encargarase de “Humanismo, ética e intelixencia artificial”.

O 19 de novembro terá lugar a webinar “A tecnoloxía das cadeas de bloques: máis alá do bitcoin e contra o coronavirus”, a cargo de Martín López Nores, membro do departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. Pola súa banda, o catedrático de Economía Aplicada Luis Caramés será o encargado de impartir a conferencia “Incerteza e ciclo económico” que se celebrará o 26 de novembro. Por último, o 3 de decembro será a quenda dunha sesión formada por dúas charlas que versarán sobre pesca, acuicultura e biotecnoloxía: a catedrática de Bioloxía Concepción Ferreiro impartirá “Microalgas: Microfactorías verdes” e a coordinadora nacional da Área de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos do CSIC Isabel Medina falará sobre “O mar, fonte de saúde: beneficios do consumo dos produtos da pesca e da acuicultura”.

Disminúen en Galicia os casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.251, deles 975 son da área da Coruña, 537 da de Lugo, 765 da de Ourense, 786 da de Pontevedra, 503 da área de Vigo, 537 da de Santiago, e 148 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 27 están en UCI, 210 en unidades de hospitalización e 4.014 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 18.949 persoas curadas, rexistrándose 740 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 479.922.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

O Concello de Nigrán consigna 4.000 euros anuais á Fundación Menela para proxectos de apoio ás persoas con autismo e ás súas familias

0

O Concello de Nigrán dá un paso máis no seu proxecto ‘Un Nigrán para todos’ consignando por vez primeira na súa Historia unha axuda directa de 4.000 € anuais ata o ano 2023 ao centro Castro Navás da Fundación Menela, situado na parroquia de Priegue. O obxectivo desta nova liña estratéxica aprobada no Pleno de onte é constribuír á axuda ás persoas con trastorno do espectro autismo e as súas familias a través do plan que a dirección da entidade considere oportuno deseñar. 

“O ano pasado colaboramos con eles mediante ‘Un Camiño de todos’, destinado a facer o Camiño de Santiago accesible tamén desde o punto de vista sensorial, pero sabemos o Covid-19 limita as posibilidades de repetilo, polo que a axuda está aí para esta ou calquera outra iniciativa”, comunicou o alcalde, Juan González, nunha visita ao centro xunto a edil de Servizos Sociais, Bibiana Peixoto. “O proxecto será o que o Centro Castro Navás decida cada ano, o único requirimento é que contribúa a axudar ás persoas con trastornos do espectro autista e as súas familias, polo que pódese adaptar a moitísimas iniciativas que poidan xurdir”, indicou. Pola súa banda, a dirección acolleu esta nova con especial ledicia ao ser flexible e non cinguirse a algo concreto, polo que acordou presentar nas vindeiras semanas o proxecto deste ano 2020.

Centro Castro Navás

O Centro Castro Navás acolle a persoas maiores de 16 anos con Trastorno do Espectro do Autismo en réxime de Media Pensión e distintos tipos de estancias de residencia, con e sen fin de semana. O Centro presta aos seus usuarios servizos de terapia ocupacional e axuste persoal e social. Tamén desenvolve actividades de ocio dirixidas a reforzar as habilidades de inclusión social e desenvolvemento autónomo do participantes.

Actividades para celebrar o día da biblioteca na Guarda

0

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda prepara diversas actividades no mes de outubro para celebrar o mes da Biblioteca, e o Día da Biblioteca o 24 de outubro.

Cantacontos, con Migallas Teatro

Sábado 10 de outubro ás 12:00 horas no Salón de Actos do Centro Cultural.

En “Cantacontos” os contos tradicionais ou de creación propia son arrequentados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos tratan cuestións próximas ao público infantil, e convídanos a participar no seu desenlace. As cancións complementan os seus contidos.

Público: Nenos e nenas de 4 a 11 anos e familias.

Obradoiro de Cómic e Banda Deseñada, con Santy Gutiérrez

Sábado 17 de outubro. Dúas sesións: ás 11:30 horas e ás 12:30 horas na Sala de Exposicións do Centro Cultural.

Obradoiro de banda deseñada: os rapaces aprenderán recursos da linguaxe do cómic facendo a súa propia páxina de BD. No cómic atoparán unha ferramenta afín á súa vida que lles axudará a comunicarse, contando as súas propias historias nas que verter as súas propias inquedanzas e intereses.

Público: Nenos e nenas: De 8 a 9 e Mocidade.

Trémola Teatro. Que animaliño é?

Venres 23 de outubro ás 18:00 horas. Na Sala de Exposicións do Centro Cultural.

Paula co seu xilófono e a través de diferentes elementos sensoriais fará que os máis pequenos da casa podan coñecer os distintos animais. 3 “que animaliño é?”,  é unha obra para bebés que lles fará gozar, coñecer e recoñecer as cousas que ven ao seu redor.

Público: Bebés de 0 a 3 anos e familias.

Todas as actividades precisan inscrición previa na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 649 327 525. Protocolo Covid-19. Bibliotecas seguras.

O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro desde o ano 1997. Este día naceu por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos bibliotecarios e bibliotecarias.

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

Máis de medio cento de persoas participaron o domingo na limpeza do río Maceiras en Redondela

0

Máis de medio cento de persoas participaron, este pasado domingo, na actividade de Limpeza do río Maceiras organizada polo colectivo Artelixo e coordinada a nivel Galicia desde a Asociación ecoloxista ADEGA. Veciños e veciñas de todas as idades –contando cun bo número de nenos e nenas– limparon o río e aprenderon o dano que o ser humano pode chegar a facer nos ecosistemas que nos rodean. A bióloga Belén Fervenza deu unha charla sobre a vexetación de ribeira e a súa presenza ou ausencia no tramo a limpar. Esta charla repetirase proximamente cunha andaina didáctica polo río.

[su_image_carousel source=”media: 22118,22117,22116,22115,22114,22113,22112,22111″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Nas dúas horas de traballo que durou a limpeza retiráronse tres sacos de obra de entullo, un saco de ferranchos varios e tubaxes de plástico e PVC, un capacho de envases de vidro e 7 pilas de todos os tamaños. Os residuos foron devidamente separados e dispostos para a súa retirada.

Durante a evolución da limpeza, coordinada desde Artelixo, os voluntarios e voluntarias recibiron ánimos e parabéns da veciñanza, da alcaldesa e de varios concelleiros que se achegaron ao río. Desde Artelixo animan ao Concello a que estas limpezas non se fagan un día ao ano de maneira simbólica, “senón que se inclúan dentro dun plan de coidado da natureza que nos rodea e nun plantexamento de educación medioambiental que inclúa os centros de ensino e cimente un futuro mellor”.

Arbo recupera os lavadoiros de Ferral e Vieiro

0

O Concello de Arbo deu por rematadas as obras de mellora dos lavadoiros de Ferral na parroquia de Arbo e Vieiro na parroquia de Mourentán con medios e fondos propios. Estas melloras, moi demandadas polos veciños e veciñas, forman parte do Plan de restauración do patrimonio cultural e etnográfico establecido polo goberno municipal.

A finalidade das melloras dos lavadoiros arbenses, e favorecer a tipoloxía dos elementos típicos da cultura galega, potenciando o seu valor etnográfico así como a integración no entorno rural.

No marco das actuacións que o Concello de Arbo executará ao longo dos próximos meses con cargo aos fondos provinciais, o goberno de Horacio Gil inclúe varias actuacións para as parroquias do rural. Dous delas son as correspondentes ao plan de recuperación de dous lavadoiros, un situado na parroquia de Sela e outro na parroquia de Mourentán.

[su_image_carousel source=”media: 22101,22100″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O goberno local está a desenvolver unha serie de traballos dirixidos a rehabilitación do patrimonio histórico e cultural de Arbo, entre os que cabe destacar as labores de recuperación dos lavadoiros, sumándose máis de unha veintena de lavadoiros rehabilitados nos últimos anos.

Os lavadoiros son parte da cultura e tradición de Galicia así como a da arbense, “un patrimonio que se debe coidar e recuperar”, sinala o Concello de Arbo. “Nos últimos anos lévanse recuperado lavadoiros tan importantes como o de Turbela, San Xoan, Valiñas, o Urzal, Couto, Coutada, Pedreira…. e se seguiran recuperando”, Horacio Gil.

Doutra banda cabe salientar que sestes momentos tamén se están acometendo melloras no Centro Multiúsos, Pavillón de Deportes e Museo Arabo e “se acaban de adxudicar as obras para colocación de mobiliario no casco urbano”, apuntou o alcalde de Arbo.

Este xoves preséntase en Tui o libro ‘Memorias dun pobo, Santiago de Malvas e as súas xentes (1159-2020)’ de Raimundo Martínez

0

Este xoves, 1 de outubro, ás 20 h terá lugar no edificio Francisco Sánchez (Área Panorámica) a presentación do libro, recentemente editado, de Raimundo Martínez dedicado a súa parroquia de Santiago Malvas. O acto forma parte do programa conmemorativo dos 50 da Biblioteca Municipal de Tui.

Co título ‘Memorias dun pobo, Santiago de Malvas e as súas xentes (1159-2020)’ Raimundo Martínez ‘Rai’ realiza unha achega persoal á evolución e á historia da súa parroquia, abranguendo dende os tempos medievais –coas primeiras noticias deste territorio– ata a época contemporánea, sen esquecer aspectos de interese relacionados coa cultura popular que as xentes de Malvas souberon conservar.

Raimundo Martínez ‘Rai’ é coñecido pola súa dedicación ao mundo da escultura, con numerosas obras en espazos públicos. No libro que se presentará este xoves podemos atopar unha escolma da súa traxectoria como escultor. Trátase dunha obra que permite achegarnos á vida centenaria desta parroquia tudense a través das vivencias e achegas de Raimundo Martínez ‘Rai’.

O acto de presentación deste xoves contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.

Carmela Silva enxalza “a grande revolución que vive o audiovisual galego” na entrega dos ‘IV Premios María Luz Morales’

O audiovisual galego vive “unha grande revolución, con proxectos cheos de talento, que están a recibir recoñecemento nacional e internacional, con moito nivel e películas que están xirando por todo o planeta feitas no noso idioma, protagonizadas por persoas de aquí, con guionistas, directoras/es e produtoras/es galegas/os” enxalzou Carmela Silva na entrega dos IV Premios María Luz Morales, impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas. O acto, contou coa presenza da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez, cos representantes das deputacións da Coruña, Lugo e Ourense, e foi conducido polo actor e humorista David Amor e amenizado coa montaxe e a música de María Villanueva.

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra, con redución de aforo e protocolos debido á Covid, aplaudiu ás dúas mulleres e dous homes que este ano conseguiron os galardóns aos mellores traballos do audiovisual en Galicia. Na modalidade de videoensaio sobre o audiovisual galego o galardón foi para Alba Gallego por ‘O vídeo esquecido’, unha reflexión sobre o vídeo caseiro gravado en Galicia dende os 90 ata hoxe. No que respecta ao videoensaio sobre audiovisual internacional o distintivo foi para Ester García por ‘Le temps (ne) detrouit (pas) tout’, unha proposta de ordenación da historia do cinema comparando e dividindo grupos de cineastas cuxa interpretación do paso do tempo é antagónica. Pola súa banda, o premio ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego recaeu en Iván Villarmea (recollido por María Julia Concepción Álvarez) por ‘Leña aos ollos! A paisaxe forestal no Novo Cinema Galego’, centrado nas árbores e forestas como protagonistas recorrentes no Novo Cinema Galego. Finalmente, e na modalidade de ensaio escrito sobre audiovisual internacional, o premio foi para José Manuel López por ‘Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen’, que detalla a historia dun home perdido, extravagante, que fuxe da dor en Nova York, a cidade do exceso. As persoas premiadas recibiron 1.200 € e trofeo conmemorativo amais de que os ensaios gañadores serán publicados na web da Academia Galega.

[su_image_carousel source=”media: 22087,22083,22084,22085,22086,22082″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na súa intervención, a presidenta da Deputación puxo en valor a investigación científica sobre o audiovisual, e o obxectivos destes premios “para visibilizar a figura da galega Mari Luz Morales e sacala da escuridade e do silencio”. Silva recordou que “falamos dunha pioneira do xornalismo cultural no século XX e a primeira muller en dirixir un xornal de tirada nacional en España. Unha muller feminista, republicana, galeguista, que sufriu a represión franquista, autora dunha extensa obra literaria e que é toda unha referencia que debemos dar a coñecer e poñer en valor”. Neste contexto, a presidenta remarcou “o papel que están a xogar as mulleres nesa revolución do audiovisual en Galicia con tantos traballos presentados” e no feito que que o xurado foi “integramente feminino”, formado por profesoras universitarias, doutoras e xornalistas da talla de María Teresa Vilariño, María Soliña Barreiro e Belén Regueira.

A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez, explicou que o principal propósito destes premios é “o de fomentar a investigación do audiovisual cunha perspectiva tanto galega como universal, favorecendo a aparición de novos paradigmas, análises creativas e puntos de vista innovadores dende os que achegarse ao noso patrimonio. Unha iniciativa, dixo, que responde a un dos obxectivos principais da Academia que non é outro que o de promover a investigación científica no ámbito audiovisual galego”. Miguez engadiu que “non hai mellor símbolo para falar da nosa historia audiovisual que a figura de María Luz Morales, referente a nivel estatal no xornalismo e no ensaio, pioneira na crítica cinematográfica e figura destacada na defensa dos dereitos da muller. Por iso, rematou, é un orgullo que nesta edición, na que seguiu aumentando o número de traballos presentados, os realizados por mulleres fose superior ao de todas as convocatorias anteriores”.

Durante o acto, a artista María Villanueva rendeu homenaxe coa súa música e montaxe ao traballo e á memoria de Mari Luz Morales, producción realizada expresamente para este evento e inspirada no final da película Cinema Paradiso. Villanueva fixo fincapé no empoderamento e na reflexión, no desexo feminino, nas mulleres libres e loitadoras e na liberdade de amar con temas como ‘En la plaza de mi pueblo’, ‘Se dice’ e obras tradicionais galegas como a ‘Xota de San Xusto’, ‘Muiñeira de Mondariz’ e ‘Meder’.

O Rosal reinventa as súas actividades anuais para adaptalas á nova realidade

0

O Rosal continúa a traballar para que a veciñanza teña unha ampla oferta de actividades deportivas e de lecer ao alcance da man. Neste sentido, ante a limitación que supón a crise sanitaria para realizar actividades en instalacións municipais, o Concello colaborará con diferentes asociacións que se farán cargo das actividades anuais de pilates, restauración, pintura e ioga.

“Grazas á comunicación fluída co tecido asociativo puidemos buscar un novo encaixe para estas actividades en lugar de cancelalas. É esa colaboración coas asociacións as que fan posible nestes momentos manter as actividades, ao tempo que se axuda a dinamizar estas entidades”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Actividades

A Agrupación Musical do Rosal encargarase de xestionar as actividades de pilates e ioga, que se impartirán no local da Fundación O Rosal (Praza do Calvario, a carón de Correos). As persoas interesadas en participar poden informarse sen compromiso ou inscribirse achegándose ao Auditorio Municipal ou chamando aos teléfonos 986 62 63 11 ou 609 866 792. As clases comezarán en outubro e haberá varios horarios dispoñibles.

Pola súa banda, na Sociedade Recreativa e Cultural de San Miguel de Tabagón impartiránse das clases de manualidades e restauración. As clases serán martes, mércores e xoves de 19.00 a 21.00 horas e terán un custo de 15 euros ao mes. Para inscribirse é necesario chamar ao teléfono 685 67 09 79. Tamén nesta asociación serán as clases de pintura os xoves e venres. As persoas interesadas poden facer a súa inscrición no 620 87 64 81.

Concello de Redondela e Asociación de Empresarios presentan unha campaña de dinamización lingüística na hostalaría

0

O Concello de Redondela, por iniciativa do seu Servizo de Normalización Lingüística, e a Asociación de Empresarios/as de Redondela presentaron hoxe unha campaña de dinamización lingüística nun acto no que participaron a alcaldesa e responsable do departamento de Normalización Lingüistica, Digna Rivas, e Cruz Bastos e Gustavo Rivas, das seccións de Turismo e Hostalaería da Asociación de Empresarios, respectivamente.

A campaña está dirixida ao sector da hostalaría co propósito de fomentar a incorporación da lingua galega neste sector e dinamizar o galego entre os clientes, tanto locais coma entre os turistas. Por este motivo, repartiranse nos establecementos de restauración uns manteis de papel, dun só uso.

Cómpre salientar que nestes tempos de pandemia da COVID-19, este material supón tamén unha axuda ao sector hostaleiro, xa que os manteis dun só uso forman parte dos protocolos básicos de moitos establecementos. A distribución destes manteis, segundo se sinalou na presentación, comezará esta mesma semana.

Haberá dous modelos. Un terá as imaxes dos utensilios utilizados á hora de xantar cos seus respectivos nomes en galego. O outro modelo, terá os nomes de peixes que, ultimamente, son castelanizados como gallo por rapante ou sardinilla por xouba.

Os manteis, realizados polas empresas locais Maber de Chapela e Galpel de Cabeiro, terán unha tiraxe de 50.000 exemplares. Tanto o concello coma a Asociación de Empresarios encargaranse do seu reparto a todos os establecementos que o soliciten.

‘Noites na Rúa’, a aposta do Concello de Salceda e ACISA pola dinamización do comercio local e hostalería

A Casa da Cultura ‘Castelao’ de Salceda de Caselas acolleu, na mañá de hoxe, a presentación de ‘Noites na Rúa’, unha iniciativa que a Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (ACISA), desenvolve en estreita colaboración co Concello de Salceda a través da Concellería de Comercio que xestiona Verónica Tourón. Trátase dunha actividade que se desenvolverá no primeiro fin de semana de cada mes e que está encamiñada a dinamizar o comercio local e hostalería a través de actividades culturais e descontos nos establecementos participantes e nos locais hostaleiros.

No encontro coa prensa, a alcaldesa Loli Castiñeira e a concelleira de Comercio e tenenta de alcalde, Verónica Tourón estaban acompañadas pola presidenta e a secretaria de ACISA, Elisa Rodríguez e Alicia Cidanes respectivamente.

A alcaldesa de Salceda foi clara ao subliñar que a convocatoria de prensa respondía “a unha clara intención de poñer en valor esta iniciativa, impulsala e dala a coñecer”. Afirmou a rexedora local que agora “é o momento de devolverlle ao comercio de proximidade e a nosa hostalería, todos os sacrificios que fixeron durante o confinamento e durante esta etapa que, a día de hoxe, segue a ser complexa”. “Estiveron aí cando facía falta –enfatizou Castiñeira– e agora é o momento de devolverles o que fixeron por nós”.

Loli Castiñeira quixo salientar “o traballo que se realiza dende á área de Verónica (comercio), que lle dedica un montón de horas a todo o que teña que ver coa dinamización do noso comercio”. Noites na Rúa, engadiu a alcaldesa de Salceda, “é un nome cheo de esperanza porque as noites na rúa tradúcense en dinamismo dos nosos pobos e, nesta actividade, conxúganse cousas moi importantes que temos que poñer en valor nesta pandemia: a cultura, o comercio e a hostalería”.

Rematou a rexedora local asegurando que Noites na Rúa “será un exemplo á hora de desenvolver os protocolos de seguridade sanitaria”.

Verónica Tourón amosou a súa confianza no éxito do programa. “Que vintecinco establecementos participen nunha actividade totalmente nova e que se vai a dar a coñecer aínda agora, é xa todo un éxito e da boa conta do interese do noso comercio e hostalería por esta iniciativa”.

Non quixo esquecer a seguridade nestes tempos complicados canso afirmou que “ter xente na rúa supón dispoñer dunhas medidas de seguridade importantes” polo que, engadiu, “todo o programa está feito con moito ‘sentidiño’. Traemos e atraemos xente, dinamizamos ao comercio e hostalería local pero o facemos dentro dunhas estritas medidas de seguridade”.

A concelleira rematou lembrando que o comercio de Salceda “resistiu ben a crise polo que, actividades como esta seguirán a fomentar o consumo no nodo pobo”.

19 comercios e 6 locais hostaleiros

Serán un total de 25 os establecementos que participen nesta primeira edición de ‘Noites na Rúa’ –19 comercios de distintos sectores e 9 locais de hostalería–. Nos dous días de actividade, o comercio local manterá abertas as súas portas ata as 22 horas ofrecendo descontos do 25 %, mentres que hostalería ofrecerá “pincho máis consumición” dende 2 €.

A programación nesta primeira fin de semana contará con actividades de animación infantil polas rúas na tarde do venres 2 de outubro e co concerto de ‘El Patio’ o sábado 3 ás 21:00 horas na Praza do Concello. Ademais haberá reparto de flocos de millo gratuítos a tódalas crianzas que queiran achegarse.

O obxectivo, por tanto de Noites na Rúa é claro e preciso; comercio, hostelería e Concello queren ir da man nun momento complexo para o pequeno comercio, fomentando o consumo no pobo e atraendo ao mesmo tempo a posible clientela que poida achegarse dende outros Concellos.

Esta iniciativa únese a outras accións de apoio ao sector comercial dende o inicio da pandemia, como foi a bonificación de diferentes taxas durante os meses do confinamento ou a recente instrucción aprobada en Xunta de Goberno que lles permite aos locais de ocio nocturno contar cun permiso provisional de bar para que poidan exercer esta actividade mentres dure o peche do ocio nocturno, que no caso de Salceda afecta a seis establecementos.

A pintura de Ángel Barros expoñerase en Redondela

0

A Concellería de Cultura anuncia a vindeira exposición de pintor redondelán Ángel Barros. Baixo o título de “Arte coma pensamento crítico”, o artista presentará unha pintura de compromiso social a partir da escolla e reinterpretación de obras referentes na historia universal: Goya, Rafael, Delacroix, Zurbarán ou Gericault.

A calidade da obra, o interese histórico e o valor artístico quedarán recollidos nun catálogo impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística. Será de distribución gratuíta para conseguir, en palabras do concelleiro Daniel Boullosa, “introducir nas casas de Redondela un anaco da historia viva da nosa vila, coma é Ángel Barros, e outro anaco que corresponde con exemplos do mellor da pintura de todos os tempos. É unha fortuna contar cun veciño coma el tanto no senso artístico coma humano”.

A inauguración está programada para o venres 2 de outubro, ás 20h da tarde.

Fotografía: ©Cal3

A exposición ocupará as dúas salas do Multiúsos da Xunqueira. Unha está dedicada á pintura e a outra a restauración, outra faceta ao cal dedicou toda a súa vida e oficio Ángel Barros.. A exposición poderá visitarse até o 15 de novembro. Ademais, dende a Concellaría de Cultura anuncia visitas guiadas polo propio Ángel Barros que precisarán de inscrición previa.

A Covid-19 afecta directamente á empregabilidade de persoas con discapacidade: descende nun 56% a contratación

A situación que estamos vivindo actualmente por mor do COVID-19 estalle afectando directamente á empregabilidade de persoas con discapacidade. Segundo datos que manexa o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL), dende a declaración do estado de alarma no mes de marzo ata a primeira quincena do mes de setembro, rexístrase un descenso na contratación dun 56% con respecto ao período do ano anterior.

As persoas maiores de 55 anos son as máis afectadas na perda de emprego coa aparición do COVID-19, acadando unha baixada dun 71% nas contratacións. Se esta franxa de idade atopa máis dificultades de acceso ao mercado laboral, esta situación vese actualmente agravada e co risco de caer na inactividade, polo tanto, na exclusión social.

“As persoas que tradicionalmente atopan máis problemas de acceso ao mercado laboral están resultando ser as máis afectadas nesta situación na que nos atopamos, sendo estas as persoas con discapacidade, maiores de 55 anos, mulleres e outros grupos sociais en risco de exclusión”, destaca Anxo Queiruga, presidente de COGAMI.

Con respecto aos outros grupos de idade, os que comprenden entre os 18 e 30 anos reflicten unha baixada dun 41%, mentres que na franxa de 31 a 54 anos rexístrase un descenso dun 54% no número de contratos.

Para evitar que exista máis desemprego no grupo social das persoas con discapacidade e agravar a situación de vulnerabilidade, dende COGAMI faise un chamamento ás empresas e administracións públicas para que “non baixen a garda á hora de ofrecer oportunidades laborais a persoas que sempre experimentaron en primeira persoa os efectos negativos das crises”, expresa Anxo Queiruga.

A provincia de Pontevedra é a que rexistra un maior descenso na contratación a persoas con discapacidade, contabilizando unha baixada do 63% con respecto ao mesmo período do ano anterior, seguida da provincia de Ourense, cun 60% menos, a de A Coruña que rexistra un descenso do 51% e a de Lugo rexistra un 46% menos de contratos a persoas con discapacidade.

Dende COGAMI búscase a colaboración das empresas galegas para que se comprometan a contribuír coa inclusión laboral das persoas máis vulnerables e evitar que aumenten a exclusión social e a pobreza. Existe preocupación de que se produza un retroceso nos logros acadados nos últimos anos polas persoas con discapacidade, sendo o emprego a alternativa máis efectiva para evitalo.

A delegada territorial da Xunta en Vigo aborda coa alcaldesa de Salvaterra os proxectos pendentes de execución neste concello

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, iniciou hoxe en Salvaterra os contactos cos alcaldes da área metropolitana á que representa. Cómpre lembrar que nunha das súas primeiras accións, nada máis tomar posesión como responsable territorial, solicitou un encontro cos representantes locais para tratar os distintos asuntos que afectan aos seus concellos.

Xunto á alcaldesa, Marta Valcárcel, abordaron o estado no que se atopan as obras da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves, un proxecto estratéxico para o sur de Galicia, tal e como coincidiron en sinalar, con máis de 350.000 metros cadrados de superficie dispoñible e unha inversión por parte das entidades promotoras (Xunta, Autoridade Portuaria e Zona Franca) superior aos 231 millóns de euros. Do total, 97 millóns investíronse en obras xa finalizadas e 20,6 están en execución nas obras da ETAP, da EDAR e na urbanización da zona LEE da primeira fase.

A ampliación dos talleres do IES de Salvaterra, obra na que a Xunta está a investir unha cantidade superior aos 580.000 euros; a nova biblioteca municipal situada na antiga Casa Consistorial cun custe de 342.000 euros, dos que o Goberno galego achega o 70% e o 30% restante o Concello; as obras de ampliación da escola infantil a Galiña Azul de Salvaterra de Miño por un importe de algo máis de 200.000 euros (ampliará o número de prazas a 82 e seis unidades); ou a rehabilitación de la Casa do Pobo cunha inversión de 300.000 euros que albergará a futura Casa da Música, foron outros dos asuntos que repasaron.

Asemade, a alcaldesa recordou que existe un acordo entre a Administración autonómica e local para a construción da depuradora do río Mendo, en Oleiros, e o saneamento desta parroquia, cun orzamento que ascende a 2,3 millóns de euros.  

IX limpeza simultánea de praias

ADEGA convoca un ano mais a Limpeza Simultánea de Praias, unha xornada de voluntariado ambiental que ten como propósito concienciar á sociedade na loita contra a contaminación mariña. Esta IX edición terá lugar o vindeiro sábado, 17 de outubro en ducias de areais galegos.

Están chamados a participar na limpeza de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos, e entidades de todo tipo, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares. Desta volta, xa teñen confirmada a súa participación 16 centros de ensino de toda a xeografía galega, mais o prazo para apuntarse a esta actividade non remata ata o vindeiro 10 de outubro.

O obxectivo das limpezas de praias é o de eliminar parte dos residuos que están nas praias como símbolo de chamada de atención sobre esta a situación de contaminación que sofren as nosas praias e areais. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedente en parte da industria do mar (pesca, extraccións…), pero tamén dos nosos fogares.

Na edición do ano pasado da Limpeza Simultánea de Praias retiráronse do litoral galego preto de 900 kg de residuos, principalmente microplsticos, cabichas e pauciños de limpar as orellas, e participaron mais de 800 persoas.

Dada a necesidade actual de extremar as medidas de precaución pola Covid-19, na vindeira Limpeza Simultánea de Praias, os grupos de voluntarios e voluntarias non poderán exceder das 10 persoas e terán que seguir as debidas normas de seguridade sanitaria (uso de máscara e distancia interpersoal).

ADEGA ofrece asesoramento ás entidades participantes e proporciónalles o material divulgativo e os protocolos de limpeza.

Os interesados, poden participar enviando un correo a [email protected], ou chamando ao teléfono 981570099.

O Concello de Nigrán aproba por unanimidade do pleno o plan estratéxico de subvencións 2020-2023

0

O Concello de Nigrán aprobou no pleno ordinario deste mes o plan estratéxico de subvencións 2020-2023 co voto a favor de toda a corporación, o que significa que quedarán xa consignadas nos respectivos orzamentos. Tal e como se anunciara, mantéñense iguais as habituais axudas a actividades deportivas, culturais, participación veciñal, servicios sociais, educación (material escolar) ou empregabilidade (becas para o primeiro emprego ou oficina de turismo) e engádense importantes novidades como axudas ás comunidades de augas (10.000 €) ou subvencións directas a varias entidades (CEE Juan María, Menela e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui).

“Trátase de fomentar desde o Concello a realización de actividades de utilidade pública ou interese social a través dun plan que mellora a eficacia na asignación de recursos públicos; a experiencia do anterior plan levounos a manter as mesmas axudas incorporando agora aspectos novos e, por vez primeira, liñas directas”, resumíu Juan González, alcalde de Nigrán.

Premios Nigrán

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou por unanimidade que a IX Edición dos Premios Nigrán se adique a recoñecer públicamente as iniciativas solidarias contra o Covid-19 no municipio para retomar xa no 2021 o formato habitual coas propostas que xa presentaran en xaneiro a A. V. Camoesa, A.V. Monteferro, Partido Socialista, Racing Vilariño, Fútbol Sala Panxón-Nigrán e OVALMI. Así, o goberno local propuxo celebrar a gala neste mes de outubro e, se é posible, ao aire libre por seguridade sanitaria. As categorías premiadas quedan, polo tanto, así: SOCIAL (Persoal Axuda Domicilio e Traballadores Residencias de maiores de Nigrán), SANITARIO (Persoal Sanitario de Nigrán), EMPRESARIAL (Pequeno comercio – Caixeiras de Supermercados), COMPROMISO (Persoal de Cespa e Aqualia, Policía Local, Garda Civil e Protección Civil), EDUCATIVO (Plataforma Solidaria Didáctica Val Miñor-Voluntarias Colexios), SOLIDARIEDADE (Empresas e persoas doadoras de alimentos e EPIS, incluíndo persoas que elaboraron máscaras artesanais), PREMIO ESPECIAL (Infancia e maiores de Nigrán).

Modificación de crédito

Pola súa banda, o goberno de Nigrán aprobou diversas modificacións de crédito, unha delas correspondente a 61.000 € en total para a instalación de aire acondicionado no Centro Antena (35.000 €) e desinfección extra (26.000 €) por mor do Covid-19 que ten que facer o Concello de Nigrán nos centros educativos. “Son dúas cuestións precisamente competencia da Xunta de Galicia pero que por responsabilidade asumimos desde o Concello, non contabamos con que nin sequera sufragasen o custe de limpeza extra dos colexios e vémonos na obriga de aumentar esa partida ante o escaqueo do goberno autonómico. Pola súa banda, a Xunta obriga a que instalemos aire acondicionado no Centro Antena se queremos seguir ofrecendo formación, así que temos que adquirir a maquinaria sen ningunha colaboración pola súa banda”, explica o alcalde. Finalmente, tamén se aprobou por unanimidade un aumento de 4.727 € para ampliar o custe da construción da cociña do CEIP Humberto Juanes (se suman aos 373.000 euros xa consignados orzamentariamente para esta instalación, actualizándose a cifra a 377.000 €); e 38.759 € para abonar facturas pendentes de 2019 de empresas que as presentaron no 2020. Finalmente, o Concello aprobou coa abstención do PP destinar 168.240 € a implementar partidas orzamentarias nas que de aquí a fin de ano se prevé a necesidade destes cartos (a maioría correspondentes a servizos urbáns) co fin de evitar recoñecementos de crédito.

Competencias da Xunta

O goberno local aprobou dúas emendas a sendas mocións do PP nas que, inicialmente, o grupo popular lle requiría ao Concello que sufragase os gastos de máscaras das diferentes comunidades educativas e, por outro, que asumise a convocatoria de premios á innovación de empresas. Así, o goberno propuxo que ambas cuestións fosen ao cargo da Xunta ao seren da súa competencia, aprobando a primeira coa abstención do PP e a segunda co seu voto en contra. “Están a presentar mocións en contra dos intereses da veciñanza de Nigrán só para defender ao goberno da Xunta, que é a quen lle teñen que requirir que asuma as súas competencias; está claro que non  lles importa prexudicar as arcas municipais ao pretender que sigamos asumindo custes que non nos corresponden”, defendeu o rexedor. Pola súa banda, Marina Vidal, edil de Educación e mestra, sinalou o “abandono” da Xunta das súas responsabilidades: “No Concello estamos desde o minuto 1 da pandemia traballando coas direccións dos centros, apoiando en todo, entregando fotocopias, máscaras transparentes para os mestres de Audición e Linguaxe, asumindo a desinfección extra, mesmo aportamos o Pavillón Municipal para que o IES Val Miñor poida facer Educación Física mentres a Xunta non lles facilita o transporte ao mesmo”, incidíu Vidal, quen recordou ao voceiro do PP que a semana pasada o propio PP votou en contra no Parlamento de fornecer de máscaras ás comunidades educativas.

Celebración do pleno ordinario de setembro en Salvaterra

No día de onte tivo lugar a celebración da sesión ordinaria do Pleno Municipal do mes de setembro, onde se trataron temas como os festivos locais, á aprobación do protocolo de colaboración coa AECT Río Miño ou unha moción de apoio aos autónomos.

Un ano máis correspóndelle ao Pleno da Corporación establecer os Festivos Locais para o ano 2021 e como á habitual neste Concello os días establecidos son o luns do Cristo e o día de San Lorenzo, o 14 de xuño e o 10 de agosto.

Por outro lado aprobouse o protocolo de colaboración coa AECT Río Minho, un proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza suave na Eurocidade Monçao – Salvaterra, no marco do proxecto Smart_Miño, cofinanciado polo programa Interreg VA que pretende dotar de bicicletas eléctricas, neste caso 7 e 7 a nosa eurocidade, e na que participarán tamén as eurocidades de Valença- Tui e Vilanova de Cerveira-Tomiño.

Por último o Grupo de goberno presentou unha moción onde se solicita ao Estado a adopción de diferentes medidas, xa que a competencia para este tipo de bonificacións e do goberno Central, onde se solicita unha serie de medidas para apoiar aos autónomos:

  • Aprobación dunha bonificación excepcional e proporcional (con carácter mensual) no pago do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) relacionados co exercicio de actividades económicas durante o tempo que estean ou estiveran suspendidas, non autorizadas ou afectadas gravemente.  A mesma debería ter carácter retroactivo.
  • Aprobación dunha bonificación excepcional e proporcional (con carácter mensual) no Imposto sobre vehículos de tracción mecánica  (IVTM) para aqueles vehículos non turismos de carácter industrial, mercantil e comercial e de transporte de pasaxeiros, ante a imposibilidade de desenvolver a súa actividade por orde das autoridades administrativas ou sanitarias. A mesma debería ter carácter retroactivo.
  • Aprobación dunha bonificación excepcional e proporcional (con carácter mensual) no pago do Imposto sobre bens inmobles (IBI) relacionados con inmobles onde se desenvolva o exercicio de actividades económicas durante o tempo que estean ou estiveran  suspendidas, non autorizadas ou afectadas gravemente.  A mesma debería ter carácter retroactivo.

Mos aproba en pleno unha moción de apoio aos autónomos

0

O corporación municipal de Mos aprobou hoxe en Pleno unha moción conxunta que recolle unha serie de medidas para apoiar aos autónomos, aos que consideran un pilar fundamental para a economía do municipio.

É xeralizada a preocupación que existe no ámbito administrativo local sobre a falta de instrumentos legais dos que dispoñen as entidades locais para, dende un punto de vista fiscal, poder paliar os efectos económicos para a poboación en xeral e para os profesionais e traballadores autónomos.

Entenden desde Mos que o actual contexto da COVID-19, cos rebrotes que se están a producir e as medidas de peche, suspensión e redución de actividades,  esixe ter en conta as dificultades polas que atravesan as  empresas, profesionais e autónomos que por circunstancias alleas a aqueles se ben obrigados a limitar o mesmo paralizar a súas actividades. Pois ben, en dito contexto, resulta preciso, para evitar o peche definitivo de moitas destas actividades, contribuír ao seu mantemento ou supervivencia reducindo a presión fiscal.

Por este motivo presentou unha moción que foi aprobada unánimemente cos seguintes puntos:

1º.- Aprobación dunha bonificación excepcional e proporcional (con carácter mensual) no pago do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) relacionados co exercicio de actividades económicas durante o tempo que estean ou estivesen suspendidas, non autorizadas ou afectadas gravemente.  Esta debería ter carácter retroactivo.

2º.- Aprobación dunha bonificación excepcional e proporcional (con carácter mensual) no Imposto sobre vehículos de tracción mecánica  (IVTM) para aqueles vehículos non turismos de carácter industrial, mercantil e comercial e de transporte de pasaxeiros, ante a imposibilidade de desenvolver a súa actividade por orde das autoridades administrativas ou sanitarias. Esta debería ter carácter retroactivo.

3º.- Aprobación dunha bonificación excepcional e proporcional (con carácter mensual) no pago do Imposto sobre bens inmobles (IBI) relacionados con inmobles onde se desenvolva o exercicio de actividades económicas durante o tempo que estean ou estivesen  suspendidas, non autorizadas ou afectadas gravemente.  Esta debería ter carácter retroactivo.

Dende o Concello de Mos, xa se puxeron en marcha fai meses, diferentes medidas fiscais e tributarias para axudar a este colectivo; como por exemplo: adaptar o Calendario fiscal ampliando o prazo de cobranza para o IVTM, a derrogación  de ordenanzas tales como as tasas das terrazas en vía publica, esención tasas por expedición de documentos administrativos, etc.

O Concello de Nigrán retira media tonelada de lixo no río Muíños na XIII limpeza simultánea organizada con ADEGA

0

O Concello de Nigrán sumouse por sexto ano consecutivo este domingo ao “Proxecto Móllate polos Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrou no último tramo do río Muíños, onde se retiraron preto de 500 kg de lixo na ‘XIII Limpeza Simultánea’ en 49 municipios de toda Galicia. Nesta ocasión participaron preto de 50 persoas, o grupos de voluntarios máis numeroso ata a data, e entre todos reuniron unha vintena de sacos con todo tipo de material, fundamentalmente plásticos, pero tamén neumáticos, toalliñas hixiénicas, material de obra…

O Concello de Nigrán participa nesta xornada de concienciación ambiental dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Desde entón, grazas o labor de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e o río Muíños máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

“É un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, suliña o alcalde, Juan González.

O departamento de Urbanismo centraliza a atención ao público no teléfono 607 35 58 41

0

O Concello de Tui lembra que o teléfono de atención do departamento de Urbanismo é o 607 35 58 41. As persoas que precisen realizar calquera trámite ou consulta neste departamento pode dirixirse directamente a este teléfono de luns a venres de 9 a 14 h. Dentro das medidas establecidas para a atención á cidadanía na actual situación de pandemia o acceso ao mesmo realízase pola entrada á casa do concello situada na rúa Bispo Castañón, que dispón de videoporteiro para o control de acceso.

Lembran amais dende Urbanismo que os técnicos continúan a realizar as consultas presenciais todos os venres, previa cita no 607 35 58 41.

Por outra parte cabe recordar que os distintos departamentos da casa do concello están a realizar a atención ao público con cita previa. Na web municipal pódese consultar a listaxe  dos número de teléfono directos de cada área.  

O Rosal investirá preto de 30.000 euros na desinfección dos centros públicos

0

O Concello do Rosal asumirá o custo das tarefas de desinfección dos centros educativos do municipio por responsabilidade co ensino público e coa saúde de todas e todos. Non obstante, a administración local é unicamente responsable da limpeza dos centros escolares pero non da súa desinfección. “Para nós é unha prioridade velar pola seguridade dos rosaleiros e rosaleiras, sobre todo na actual situación sanitaria, aínda que sexa unha cuestión que vai máis alá das tarefas de mantemento e que para o Concello supoña un sobrecusto importante”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello investirá case 30.000 euros nos traballos de desinfección dos centros aos que fará fronte incrementando a xornada do persoal municipal dedicado ás tarefas de limpeza. Non obstante, O Rosal reclamará á Xunta que se faga cargo do financiamento destas medidas extraordinarias provocadas pola situación excepcional da pandemia.

Dende o Concello quere agradecerse o gran labor que están a facer o equipo de limpadoras e a súa colaboración e implicación nestes momentos tan complicados. O seu traballo é fundamental para tomar medidas que axuden a ter un ano escolar máis normalizado e seguro.

Remata o programa ‘Bosques terapéuticos’ da Deputación no que participaron 450 persoas

Cunha participación de 450 persoas, cubrindo a totalidade das trinta actividades propostas, rematou este pasado domingo o exitoso programa “Bosques terapéuticos” da Deputación de Pontevedra que percorreu entre o 18 de xullo e o 27 de setembro os parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Pontearas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e a Costa de Oia e a Serra da Groba (Oia). A iniciativa, lanzada pola institución provincial por primeira vez este ano no marco da súa liña de impulso do turismo sostible, foi cualificada polas persoas participantes como unha “auténtica lección de amor á natureza” e unha “experiencia moi positiva”, que agardan que teña continuidade nos vindeiros anos.

[su_image_carousel source=”media: 21994,21995,21996,21997″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O programa, que se presentou con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente e rematou no Día Mundial do Turismo, ofertou ás 450 persoas participantes a posibilidade de establecer unha conexión íntima co medio natural, gozar dos “baños de bosques” e coñecer elementos patrimoniais da paisaxe da provincia pontevedresa como xacementos arqueolóxicos, construcións tradicionais ou áreas recreativas. En total organizáronse trinta rutas aos parques forestais de Freaza, A Picaraña, Cabo Udra, Camposancos e de Oia nas que un máximo de 15 persoas por actividade (debido ás restricións marcadas por mor da covid-19) puideron desfrutar a través dos sentidos dos bosques, percibindo diferentes texturas ou cheiros da natureza e facendo fincapé na importancia da conservación e respecto á contorna.

Esta nova forma de relacionarse coa natureza, impulsada pola Deputación da man do artista Sergio Portela e do enxeñeiro forestal Alfredo Agra, ten unha forte presenza en países orientais como Xapón ou no norte de Europa. No caso concreto dos “Bosques Terapéuticos” elixíronse parques que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación de Pontevedra nos últimos anos.

Javier Losada apunta a unha combinación de “medidas sociais e de seguridade” ante o fenómeno da ocupación ilegal de vivendas

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apuntou onte á unha combinación de medidas de carácter social e de seguridade cidadá para evitar o fenómeno da ocupación ilegal de vivendas na Comunidade. Presidiu unha reunión operativa con mandos do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil de Galicia, encabezados polo Xefe Superior de Policía, José Luis Balseiro, e o xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil, Luís Francisco Rodríguez.

Javier Losada mostrou a súa solidariedade cos afectados pola ocupación ilegal de vivendas, aos que vai dirixida a instrución ditada polo Ministerio do Interior “con protocolos estandarizados que permiten axilizar a intervención policial e garantir os dereitos da cidadanía”. “Trátase de casos que xeran unha gran alarma social e que requiren unha resposta policial á altural”, indicou.
O delegado do Goberno expuxo os datos estatísticos dos CC e FF de Seguridade do Estado sobre a ocupación ilegal de vivendas en Galicia. Así, esta tipoloxía delituosa supuxo só o 0,16 % do total de infraccións penais coñecidas en Galicia en 2019 (129 fronte a un total de 80.288 infraccións). Pouco máis dun centenar destas infraccións correspondíanse a ocupación ilegal para vivir. Neste punto, A Coruña foi a provincia que rexistrou maior número de ocupacións ilegais (54), seguida de Pontevedra (40) e a moita distancia Ourense e Lugo (7 ocupacións ilegais cada unha de ambas as provincias). Este tipo de ocupacións producíronse nas cidades. “En definitiva, os datos non mostran unha situación alarmante, mesmo a anos luz da que se dá noutros puntos de España”, apuntou.

A pesar dos números, Javier Losada indicou que as Forzas de Seguridade si detectan un lixeiro incremento das ocupacións, posiblemente favorecido polo contexto social e económico do momento. En todo caso, lanzou unha mensaxe de tranquilidade á poboación xa que os números seguen estando afastados do que percibe a cidadanía sobre este fenómeno. Javier Losada indicou que as Subdelegacións do Goberno están a celebrar reunións para trasladar estas mensaxes e recoller as opinións dos afectados e dos organismos implicados, de forma que a actuación e resposta #ante o fenómeno sexan homoxéneas en toda Galicia.

A resposta, explicou o delegado do Goberno, contempla actuacións de tipo social e de tipo policial. En ambas, insistiu na necesidade de que as administracións autonómica e local implíquense na dotación de alternativas de habitabilidade. “O Executivo puxo en marcha neste ano unha importante batería de medidas para minimizar o impacto da crise da Covid-19 no dereito á vivenda”. “Só en investimentos directos o Goberno destinou a Galicia 44 millóns de euros no capítulo de vivenda durante a pandemia, ao que hai que sumar as medidas específicas do escudo social aprobado polo Executivo: axudas directas ao aluguer, moratorias do pago de hipotecas e dos desafiuzamentos e axudas para vivendas a colectivos vulnerables, entre outras”, engadiu.

A reunión serviu para analizar a aplicación en Galicia do ‘Protocolo de Actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na ocupación ilegal de inmobles’, que se inclúe na Instrución 6/2020 da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior.

Este protocolo homoxeneiza e mellora a resposta policial e garante que os atestados recollan todos os elementos que deben ser achegados ás autoridades xudiciais para acreditar a comisión do delito e a participación dos seus presuntos autores, entre outros obxectivos.

A instrución establece diferentes actuacións en función de se o inmoble ocupado constitúe a morada do seu titular, sexa primeira ou segunda vivenda. Nestes casos, as forzas de seguridade poderán proceder, sen necesidade de solicitar medidas xudiciais, ao desaloxo inmediato e identificación dos ocupantes, así como á súa detención se procede. No caso de que o inmoble non sexa morada aplicaríase o aplicable ao delito de usurpación.

Ademais, tamén dita medidas para protexer ás vítimas e favorecer a resolución xudicial do conflito, a restauración ao seu lexítimo dono do inmoble achandado ou usurpado e a reparación dos danos causados.

Así mesmo, o protocolo reforza as accións encamiñadas a evitar a aparición ou consolidación de grupos criminais dedicados á usurpación de vivendas con diferentes fins, entre os que figura o alugalas ou vendelas a terceiros de maneira fraudulenta. Neste punto, o delegado do Goberno apuntou que en Galicia non hai constancia da existencia de ningún tipo de mafia destas características.

Por último, Javier Losada lembrou que desde este mes a aplicación para móbiles ALERTCOPS inclúe unha funcionalidade específica para que afectados, propietarios, veciños ou calquera outro usuario que detecte un caso de ocupación ilegal de inmobles poidan poñer de forma inmediata os feitos en coñecemento de Policía Nacional e Garda Civil.

O programa ‘Vive o rio Minho’ pechou esta fin de semana a súa andaina con actividades na Guarda e Caminha

O programa de actividades ecoturísticas da Deputación ‘Vive o Rio Minho’ tiveron seu colofón esta fin de semana cun conxunto de propostas a realizar ao longo dos concellos da Guarda e Caminha. Unha vez máis, a proposta –destinada a atraer público para dar a coñecer o territorio transfronteirizo do Miño– resultou todo un éxito de acollida, xa que as prazas esgotáronse en apenas minutos.

Nesta ocasión a actividade tivo dous días de duración e localizouse na desembocadura do río Miño combinando rutas de sendeirismo, observación ornitolóxica, visitas guiadas e unha visita dramatizada no castro de Santa Trega.

O primeiro día –sábado– as persoas participantes subiron ata o alto de Santa Trega para gozar dunha visita dramatizada ao Castro e despois comer no alto namentres se aprecian as vistas da desembocadura do Miño. Pola tarde o grupo viaxou en ferry ata Caminha onde fixeron unha visita guiada para rematar a xornada cunha actividade de observación astronómica dende a zona do Puntal, na desembocadura do Miño.

Ao día seguinte, máis tranquilo que o anterior, realizouse unha actividade de observación de aves pola mañá (cunha pequena ruta duns 6 quilómetros aproximadamente de dificultade baixa) e un pequeno paseo e visita ás cetáreas e ao núcleo histórico da Guarda, tamén de 6 quilómetros e de dificultade baixa.

Hai que lembrar que ‘Vive o Rio Minho’ é un programa desenvolvido dentro do proxecto ‘Visit Rio Minho’ financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’’, que pretende ofertar unha alternativa ao turismo masificado para coñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro –seguindo protocolos sanitarios pola COVID-19– buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna.

O domingo, a proposta consistiu en facer caiac polo Miño e sendeirismo. Fíxose unha ruta camiñando entre a desembocadura do río Tamuxe e o porto de Goián para despois realizar o tramo inverso en caiac polo río. No caso do sábado 26 o eixo central foi o cicloturismo pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira xunto a un pequeno percorrido cunha visita guiada polas vilas históricas de Tui e Valença.

Todas as persoas participantes no programa ‘Vive o Rio Minho’, ademais de participar gratuitamente nos roteiros ecoturísticos, recibiron un paquete de material promocional co que publicitar a marca ‘Rio Miño’. En xeral a satisfacción foi máxima tanto na organización como nas persoas asistentes, polo que queda aberta a organización dunha próxima edición aínda que non se dispoña de fondos europeos.

Un incendio nun taller de motos obriga a desaloxar un edificio en Nigrán

0

Un incendio nun taller de motos obriga a desaloxar por precaución un edificio situado na Avenida de Val Miñor, en Nigrán.

Deste xeito, os veciños puxéronse a salvo mentres duraron os traballos para a extinción do lume, que chegou a afectar a dúas persoas que estaban no interior do taller.

De feito, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para asistir a dúas persoas que, segundo apuntaron os axentes da Policía Local, inhalaron moito fume. Finalmente, os equipos médicos somentes trasladaron a unha persoa con síntomas de intoxicación por mor do fume e unha pequena queimadura que presentaba nunha man.

Para facer fronte ao incendio, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros do Baixo Miño, que, xunto cos membros do GES de Val Miñor, rápido sufocaron o incendio. De momento, os equipos seguen traballando no punto para ventilar debido á intensa fumareda acumulada no interior do taller.

Cómpre sinalar que a alerta sobre o incendio activouse no 112 Galicia pasadas as seis da tarde de onte mediante a chamada dunha persoa particular. Ademais dos sanitarios e dos bombeiros, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos axentes da Policía Local de Nigrán que, por precaución, procederon ao desaloxo do edificio para garantir a seguridade no tempo que duraron os traballos de extinción. En canto os bombeiros rematen a avaliación dos danos, os veciños poderán volver ás súas vivendas.

De momento, os efectivos de extinción confirmaron que ardeu unha zona do taller con dúas ou tres motos, pero que todo o local viuse afectado polo fume.

A Concellería de Ensino de Ponteareas publica a listaxe definitiva de concesión de axudas de libros e material escolar 2020

A Concellaría de Ensino do Concello de Ponteareas que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández Davila, vén de poñer en coñecemento de todas as persoas interesadas, que xa están publicadas na páxina web do Concello as listaxes definitivas da concesión das axudas para libros e material escolar para o curso 2020/21 destinadas ao alumnado matriculado en educación infantil (4º, 5º e 6ª), FP básica, ciclos formativos e bacharelato.

O prazo de admisión de solicitudes finalizou o 18 de agosto estando destinadas a familias con ingresos limitados. Un total de 20.000 € para as familias empadroadas no Concello de Ponteareas que teñen menores ao seu cargo, matriculados para o presente curso escolar nalgún centro de ensino de Ponteareas en Educación Infantil, FP Básica, CF e Bacharelato, ou noutra localidade no caso de CF, para axudas de libros de texto e material escolar e que non dispoñen de ningunha outra axuda de organismo público.

Por sexto ano consecutivo a concelleira de Ensino colabora coas familias aportando un apoio máis ao acceso dun ensino de calidade e que acurta as diferencias sociais e garante a igualdade de oportunidades, sobre todo neste ano tan complicado por mor da crise sanitaria do COVID19.

Nesta edición, as bases regulan a posibilidade de que as familias reciban o adianto da contía da axuda a fin de poder mercar todo o material a comezo do curso e non ter que esperar á resolución definitiva e posterior transferencia por parte do Concello. “Resólvese deste xeito a carencia de recursos para algunha das familias máis afectadas pola crise deste ano” comenta a concelleira de Ensino.

Con estas axudas cúbrense as necesidades de material educativo de 176 alumnas/os que son o total das solicitudes que cumprían os criterios establecidos nas bases.

Colocados en Tui dous contedores para a recollida solidaria de tapóns na praza de Abastos e no Punto Limpo

0

O Concello de Tui colabora coa Asociación TaporelMun, coa colocación de dous contedores para a recollida de tapóns de plásticos no exterior da Praza de Abastos, e no exterior do Punto Limpo. Deste xeito o Concello aposta non só pola reciclaxe destes produtos, senón que se suma a unha causa solidaria, xa que os cartos recadados con estes tapóns teñen un fin social.

En concreto a segunda campaña que está arestora en marcha busca axudar a un neno de 3 anos que padece unha enfermidade rara denominada Metabolopatía por déficit de CPS-1.

Actividades para todos os públicos no peche das Festas de Setembro de Ponteareas

A Concellaría de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F.ernández Davila, vén de organizar diversas actividades coas que o Concello ponteareán pechará as Festas de Setembro o martes, 29 de setembro, día de San Miguel Arcanxo, patrón de Ponteareas e festividade local no municipio.

Organizadas seguindo as máis estrictas normas de seguridade sanitaria e sempre contando coa colaboración dunha cidadanía responsable, mañá martes festivo local ás 18:30 horas arrancará dende o parque da Feira Vella o espectáculo itinerante ‘Laia aprendiz de maga’ rumbo á praza de Ponteareas Cidade para o goce de nenos, nenas e maiores. Ás 20:30 horas actuará a banda de música Xuvenil de Xinzo tamén no parque da Feira Vella e ámbalas dúas actividades con entrada de balde.

Por último, ás 21 horas terá lugar o concerto de Guadi Galego tamén na Feira Vella, actuación que foi adiada por mor das condicións meteorolóxicas adversas do sábado, pechando cunha das más premiadas e afamadas artistas galegas as nosas festas de setembro.