Venres, 13 Decembro de 2024

A exposición fotográfica do curso “Namórate de Ti” pode verse no mercado municipal até final de mes

O obxectivo do proxecto, promovido pola Asociación de Desenvolvemento EuRural, foi potenciar a autoestima a través da fotografía

O Mercado Municipal de Tomiño acolle a partir de hoxe e até final de mes, unha exposición fotográfica resultante do curso “Namórate de ti” organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, en Tomiño.

A mostra é o resultado do traballo realizado polas mulleres participantes no proxecto “Namórate de Ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía”, desenvolvido o ano pasado no Centro Goianés, no que mulleres de diversas idades, traballaron intensamente cuestións relacionadas coa autoestima, o autoconcepto, a vida consciente, a cooperación, a desinhibición e o empoderamento, entre outros.

O obxectivo do proxecto, promovido polo Concello de Tomiño e Eu Rural, foi mellorar a calidade de vida das participantes, potenciando as súas calidades e capacidades, e facendo fincapé na materia da autoestima feminina. Valorarse máis, coñecerse mellor, comprenderse e aceptarse. Todo isto é o que aprenderon as usuarias do curso, dirixido principalmente a mulleres que buscaban mellorar a súa autoestima utilizando a fotografía como ferramenta.

Durante varias xornadas, dúas orientadoras ensinaron ás participantes a quererse a apreciarse; aumentar o seu amor propio e xestionar e controlar o estrés, a través da expresión corporal, verbal e escrita; dinámicas de grupo, vídeos e sesións fotográficas, con posta en escena das propias usuarias.

Agora o público poderá ver (no primeiro andar do mercado) unha selección das fotografías realizadas durante as sesións da primeira edición do taller, que contou co financiamento do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, e da Xunta de Galicia.

A exposición chega ao mercado municipal precedida polo éxito obtido no Centro Goianés ao remate do curso.

Asemade, este sábado, 3 de outubro, as autoras das fotos reuniranse no mercado para gravar un documental que está elaborando Eurural, recollendo a experiencia das mulleres e que incluirá tamén a das participantes da edición deste ano, que se está a celebrar en Mos.