A Asociación de Palilleiras de Mos, unha das asociacións culturais referente do municipio mosense e integrante ademais da mesa de traballo “Mos con La Vuelta” traballa activamente nun proxecto que formará parte do atrezo na etapa número 15 de La Vuelta a España 2020, que sairá desde Mos en dirección á Pobra de Sanabria o xoves 5 de novembro ás 10 h.
Según as propias palilleiras o obxectivo deste traballo artesanal en encaixe de bolillos é o reto de elaborar unha artesanía en gran formato e fomentar e impulsar o patrimonio cultural cun sentimento de orgullo e pertenza polo noso, e amosar esta técnica que se leva a cabo en moitos puntos de Galicia.
Tal e como hoxe informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, será un gran deseño que xunto co entorno do Pazo enriquecerá ao espazo elixido para a saída. É un orgullo contar con esta asociación, formada por mulleres de cada unha das dez parroquias de Mos, que durante todo o ano organizan diversas actividades ao redor de diferentes técnicas e labores.
Actualmente traballan tamén no “I Encontro de Labores no Camiño 2021”, que inclúe varias actividades concretas como son: a tradicional “Xuntanza de Palilleiras e Labores de Mos”, unha Exposición co título “Camiño do Encaixe”, os obradoiros “Os camiños do Encaixe” e un bus turístico. Este proxecto levarase a cabo maioritariamente nas parroquias de Tameiga-Costoias, e Santa Eulalia de Mos, tramo do Camiño Portugués.
O proxecto executarase ao longo do ano que ven, con motivo do Xacobeo 2021 que transcorre polo Camiño Portugués (Pazo dos Marqueses de Mos) situado no Concello de Mos para promocionar a imaxe cultural, turística, natural e humana das áreas rurais do Camiño de Santiago. Irá dirixido ao público en xeral, entre o que potenciar a importancia do patrimonio cultural galego en xeral e mosense en particular, aos peregrinos ou turistas que visiten ou realicen o Camiño Portugués e á veciñanza do Concello de Mos e concellos limítrofes.
Deste xeito, traballando da man Concello e Palilleiras; Mos continúa apostando polo seu tecido asociativo e pola súa principal baza turística e cultural: o Camiño de Santiago.