3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva subliña "a capacidade de superación" das persoas inmigrantes que participaron...

    Carmela Silva subliña “a capacidade de superación” das persoas inmigrantes que participaron nos cursos de español da Deputación

    A presidenta destacou na clausura desta actividade formativa en Vigo “a loita pola integración” das e dos participantes, que agora se presentarán á proba DELE A2, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española.

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou hoxe na sede provincial en Vigo “a capacidade de superación” e ”a loita por ter a posibilidade de integración no noso país” das persoas inmigrantes que veñen de finalizar os cursos de español que organiza a institución provincial en Vigo e Pontevedra. Esta é a cuarta edición desta actividade formativa, coa que a Deputación de Pontevedra axuda á poboación non hispanofalante a preparar e superar a proba DELE A2 que realiza o Instituto Cervantes, indispensable para que poida logo solicitar a nacionalidade española.

    Carmela Silva clausurou esta mañá un dous cursos celebrados na cidade olívica que, xunto ao terceiro celebrado en Pontevedra, sumaron este ano un total de 55 persoas, procedentes na súa maioría de Marrocos, Brasil e Senegal, amais doutros países como Ghana, Mauritania, Quenia, Alxeria ou Nixeria. A presidenta da Deputación quixo facer deste xeito un recoñecemento ás persoas participantes nesta formación, impartida por persoal do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, “porque sodes xente que non se detén ante as dificultades”.

    Carmela Silva: “o máis importante son as persoas, os seres humanos teñen que ter todos os dereitos, e vos loitades por ter a posibilidade de integrarvos no noso país”

    “O máis importante son as persoas, os seres humanos teñen que ter todos os dereitos, e vos loitades por ter a posibilidade de integrarvos no noso país” –destacou–. Silva declarou sentirse moi orgullosa do esforzo persoal “porque para acadar aquelo que soñamos que sexa a nosa vida temos que formarnos e temos que ir escalando montañas. Isto, dixo, é un paso nesa escalada para formar parte total, activa e absoluta nesta sociedade. Sei que todo e mais complicado para todos e todas vós, por iso me parece que sodes xente exemplar, xente para poñer como exemplo”.

    A presidenta animou ás persoas do curso a acadar este ano “o 100 % de aprobados, xa que o ano pasado o conseguiron preto do 90 %”. No acto estivo presente a directora da Fundación da Universidade de Vigo, Fina Casal, e unha das profesoras dos cursos, Diana Durán, ás que a presidenta lles agradeceu tamén o seu compromiso. Neste senso, Fina Casal apuntou tamén que nestes cursos “os docentes tentan dalo todo para que todos cheguedes a conseguir ese dereito de continuar a vosa vida aquí”.

    Nesta edición, o inicio dos cursos adiouse debido á pandemia da Covid-19 e as clases retomáronse neste mes de setembro cun estrito protocolo, que incluíu o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade.

    Con esta actividade, a Deputación de Pontevedra tenta facilitar ás persoas de países non hispanofalantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Trátase dunha proba que require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. Con esta iniciativa, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Nas tres edicións anteriores, estas actividades tiveron un total de 180 participantes.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.