Luns, 13 Xaneiro de 2025

Repintado da sinalización horizontal no casco urbano de Redondela

Os traballos que se están a desenvolver irán acompañados dun reforzamento da sinalización vertical que contribuirá á mellora da seguridade viaria

O Concello de Redondela procede, nestes días, ao repintado de toda a sinalización horizontal no casco urbano, traballos que abranguen non só os pasos de peóns –coa conseguinte mellora da seguridade viaria– senón tamén as prazas para estacionamento de persoas con mobilidade reducida e mesmo os vaos de carga e descarga.

Doutra banda, tamén se procederá a delimitar as prazas de estacionamento naqueles lugares, como o Salgueiral, onde non estaban marcadas, o que redundará nun mellor aproveitamento da zona de aparcamento. Os traballos serán complementados co reforzamento da correspondente sinalización vertical.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a importancia duns traballos que “melloran a mobilidade dos peóns garantindo a súa seguridade e, ao mesmo tempo, como no caso da delimitación de prazas de estacionamento ou repintado de vaos de carga e descarga, melloran notablemente a ordenación da circulación rodada”.