14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva enxalza "a grande revolución que vive o audiovisual galego" na...

    Carmela Silva enxalza “a grande revolución que vive o audiovisual galego” na entrega dos ‘IV Premios María Luz Morales’

    Alba González, Ester García, Iván Villarmea e José Manuel López recibiron os galardóns no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra nun acto conducido por David Amor e coa música de María Villanueva

    O audiovisual galego vive “unha grande revolución, con proxectos cheos de talento, que están a recibir recoñecemento nacional e internacional, con moito nivel e películas que están xirando por todo o planeta feitas no noso idioma, protagonizadas por persoas de aquí, con guionistas, directoras/es e produtoras/es galegas/os” enxalzou Carmela Silva na entrega dos IV Premios María Luz Morales, impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas. O acto, contou coa presenza da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez, cos representantes das deputacións da Coruña, Lugo e Ourense, e foi conducido polo actor e humorista David Amor e amenizado coa montaxe e a música de María Villanueva.

    O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra, con redución de aforo e protocolos debido á Covid, aplaudiu ás dúas mulleres e dous homes que este ano conseguiron os galardóns aos mellores traballos do audiovisual en Galicia. Na modalidade de videoensaio sobre o audiovisual galego o galardón foi para Alba Gallego por ‘O vídeo esquecido’, unha reflexión sobre o vídeo caseiro gravado en Galicia dende os 90 ata hoxe. No que respecta ao videoensaio sobre audiovisual internacional o distintivo foi para Ester García por ‘Le temps (ne) detrouit (pas) tout’, unha proposta de ordenación da historia do cinema comparando e dividindo grupos de cineastas cuxa interpretación do paso do tempo é antagónica. Pola súa banda, o premio ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego recaeu en Iván Villarmea (recollido por María Julia Concepción Álvarez) por ‘Leña aos ollos! A paisaxe forestal no Novo Cinema Galego’, centrado nas árbores e forestas como protagonistas recorrentes no Novo Cinema Galego. Finalmente, e na modalidade de ensaio escrito sobre audiovisual internacional, o premio foi para José Manuel López por ‘Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen’, que detalla a historia dun home perdido, extravagante, que fuxe da dor en Nova York, a cidade do exceso. As persoas premiadas recibiron 1.200 € e trofeo conmemorativo amais de que os ensaios gañadores serán publicados na web da Academia Galega.

    Na súa intervención, a presidenta da Deputación puxo en valor a investigación científica sobre o audiovisual, e o obxectivos destes premios “para visibilizar a figura da galega Mari Luz Morales e sacala da escuridade e do silencio”. Silva recordou que “falamos dunha pioneira do xornalismo cultural no século XX e a primeira muller en dirixir un xornal de tirada nacional en España. Unha muller feminista, republicana, galeguista, que sufriu a represión franquista, autora dunha extensa obra literaria e que é toda unha referencia que debemos dar a coñecer e poñer en valor”. Neste contexto, a presidenta remarcou “o papel que están a xogar as mulleres nesa revolución do audiovisual en Galicia con tantos traballos presentados” e no feito que que o xurado foi “integramente feminino”, formado por profesoras universitarias, doutoras e xornalistas da talla de María Teresa Vilariño, María Soliña Barreiro e Belén Regueira.

    A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez, explicou que o principal propósito destes premios é “o de fomentar a investigación do audiovisual cunha perspectiva tanto galega como universal, favorecendo a aparición de novos paradigmas, análises creativas e puntos de vista innovadores dende os que achegarse ao noso patrimonio. Unha iniciativa, dixo, que responde a un dos obxectivos principais da Academia que non é outro que o de promover a investigación científica no ámbito audiovisual galego”. Miguez engadiu que “non hai mellor símbolo para falar da nosa historia audiovisual que a figura de María Luz Morales, referente a nivel estatal no xornalismo e no ensaio, pioneira na crítica cinematográfica e figura destacada na defensa dos dereitos da muller. Por iso, rematou, é un orgullo que nesta edición, na que seguiu aumentando o número de traballos presentados, os realizados por mulleres fose superior ao de todas as convocatorias anteriores”.

    Durante o acto, a artista María Villanueva rendeu homenaxe coa súa música e montaxe ao traballo e á memoria de Mari Luz Morales, producción realizada expresamente para este evento e inspirada no final da película Cinema Paradiso. Villanueva fixo fincapé no empoderamento e na reflexión, no desexo feminino, nas mulleres libres e loitadoras e na liberdade de amar con temas como ‘En la plaza de mi pueblo’, ‘Se dice’ e obras tradicionais galegas como a ‘Xota de San Xusto’, ‘Muiñeira de Mondariz’ e ‘Meder’.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.