Mércores, 11 Decembro de 2024

O Pazo Provincial da Deputación tínguese de verde polo Día Nacional da Artrite, que se conmemora este xoves

A institución únese á campaña “Outubro mes da artrite e espondiloartrite”, que desde 2009 organiza a Coordinadora Nacional da Artrite da man de entidades como a Asociación de enfermos de artrite de Pontevedra (ASEARPO)

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo Provincial desde a tarde deste xoves 1 de outubro ata a mañá do venres 2 ao abeiro do Día Nacional da Artrite. Deste xeito a institución provincial únese á campaña “Outubro mes da artrite e espondiloartrite” que desde 2009 organiza a Coordinadora Nacional da Artrite da man de entidades de todo o Estado como a Asociación de enfermos de artrite de Pontevedra (ASEARPO).

A través desta iniciativa preténdese visibilizar a artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil, espondiliti anquilosante e espondiloartrite, así como ás persoas enfermas, concienciando á sociedade sobre as dificultades coas que se atopan no día a día e dando a coñecer estas patoloxías, descoñecidas pola maior parte da poboación.

En España hai máis de 200.000 persoas con artrite e aparecen máis de 20.000 novos casos cada ano. Na nosa comunidade, en Galicia, aproximadamente preto de 20.000 persoas conviven coa artrite reumatoide. Segundo o estudo “RA Matters” máis do 25% das persoas coa enfermidade en España víronse na obriga de deixar o seu traballo e sete de cada dez persoas séntense incomprendidos na súa contorna máis próxima.