9.6 C
Pontevedra
Domingo, 3 de Decembro de 2023
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán estrea a primeira 'electroliñeira' de cara rápida de Galicia situada nun...

    Nigrán estrea a primeira ‘electroliñeira’ de cara rápida de Galicia situada nun espazo público

    O Concello de Nigrán ven de estrear esta mañá unha electroliñeira de Iberdrola ao carón do Centro de Negocios do parque empresarial Porto do Molle e contará nos vindeiros días con outra igual en Panxón, o que sitúa novamente ao municipio na vangarda das políticas medioambientais de España. Así, a localidade ostenta o récord de electroliñeiras en Galicia (dispón desde 2018 dunha semi-rápida municipal e gratuíta pegada á Casa do Concello) e é a única da comunidade que, ademais, ten todas situadas en espazos públicos. A vantaxe e singularidade desta nova instalación operativa as 24 horas do día é que é de carga rápida (50 Kw/hora), o que permite completar o 80% da batería do coche en só media hora, sendo o segundo dispositivo da provincia en ofrecer esta alta capacidade de subministro (recentemente abriuse unha nun espazo privado en Vigo).

    “É un orgullo para Nigrán ser o municipio de Galicia con máis electroliñeiras de uso público. Desde 2018 fomos pioneiros ao ofrecer unha municipal e gratuíta ao carón do consistorio con dúas tomas, agora sumamos esta con capacidade para 4 e proximamente teremos outra exactamente igual en Panxón, polo que 10 coches poderán esta a cargar simultáneamente en Nigrán”, explica o alcalde, Juan González, quen xunto ao edil de Mobilidade Diego García estreou esta mañá a electroliñeira cargando unha furgoneta e un turismo eléctricos propiedade do Concello.

    Nigrán é o municipio de Galicia con máis electroliñeiras e unha referencia en todo o país, xa que dispón desde 2018 dunha semi-rápida municipal e gratuíta

    A instalación das mesmas (Porto do Molle e Panxón) correu a cargo da empresa nigranesa ACEUVE e Iberdrola a explota xa cun prezo de mercado de 30 céntimos kw/hora (supón unha media de 10 € por batería cargada ao 80 %, para o que se precisa menos de 30 minutos). Todo o ciclo (posibilidade de reserva do conector, pago, información de prezos e ubicación …) se xestiona de forma sinxela a través da aplicación de Iberdrola para Android e IOS. “Obviamente son prezos moi asequibles que supoñen un desembolso para o consumidor de entre 1,5-2 € por 100 qm, polo que estes vehículos ademais de ser ecolóxicos resultan moi rendibles económicamente”, destacaron na presentación os representantes de Iberdrola e Aceuve.

    “Non só somos unha referencia en termos de incentivar a sostibilidade medioambiental entre a veciñanza, é que isto fará que moitos viaxeiros se despracen ex-profeso a Nigrán para cargar o seu turismo en menos de media hora”, sinala o alcalde, quen incide en que o goberno local aprobou no 2018 unha bonificación do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75 % aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como ‘0 emisións’.

    “Porto do Molle é un parque empresarial tecnolóxico no que, lóxicamente, se demandaba este servizo porque moitas empresas dispoñen deste tipo de vehículos, e Panxón é un punto céntrico que facilita moito a loxística ao usuario”, sinala o rexedor, quen incide en que “se trata de promover entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións, é unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas mediante este tipo de iniciativas”, conclúe.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.