Luns, 21 Xullo de 2025

Baiona mellora a súa eficiencia enerxética no vial do rompeolas co cambio de luminarias por tecnoloxía LED

0

O Concello de Baiona continúa co seu plan para mellorar a iluminación pública da localidade. Nese sentido, procedeuse á substitución de todas as luminarias do vial da estrada a Camposantos, desde a rotonda da saída a autoestrada en Rocamar ata o Rompeolas, por tecnoloxía LED, para así conseguir unha iluminación de maior calidade, unha maior eficiencia enerxética e un aforro de enerxía.

Está a procederse á substitución das 42 luminarias do vial por tecnoloxía LED de alta calidade fabricada en Galicia, cunha resistencia especial á climatoloxía e á salitre mariña. As obras da iluminación están a levarse a cabo nestes días por Formatesa Lali SL, a empresa adxudicataria. As melloras supoñen un investimento de 11.188,00 €.

O estado actual da rede de iluminación pública está totalmente desactualizada, existindo unha gran cantidade de lámpadas de gran consumo. Neste caso en concreto, había 42 luminarias de 250 W. Máis a reactancia que se están substituíndo por unhas de tecnoloxía led cun consumo unitario de 108 W.

Pola súa banda o Concelleiro responsable da iluminación pública, Óscar Martínez Álvarez, destacou que “esta actuación busca unha mellora para os usuarios diarios deste vial e para o Concello, que obterá un menor consumo e unha redución de avarías”.

O concelleira engade que “Ademais do importante aforro que terá o Concello de Baiona na súa factura eléctrica, as luminarias LED teñen unha vida útil de 50.000 horas (fronte ás 2.000 horas dunha lámpada estándar). A súa longa vida útil repercute nun aforro substancial tanto en gastos como en esforzos de mantemento. Esta vantaxe convértea na alternativa máis barata e eficaz para iluminacións públicas ”.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, puxo en valor este gran investimento coa que se logra “reducir as emisións de CO2, a contaminación lumínica, potenciar a iluminación pública nunha das vías de acceso ao núcleo de Baiona por outro máis eficiente e con mellor rendemento, e reducir o consumo da electricidade en ata un setenta por cento, así como o gasto da luz que soporta o Concello mensualmente”. Gómez agradece o traballo levado a cabo polo concelleiro.

A mocidade tomiñesa organiza actividades para o Nadal

0

A técnica municipal de xuventude e a concelleira de Mocidade reuníronse a semana pasada a través de videoconferencia cos representantes de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, para traballar na organización de actividades neste Nadal. Os mozos e mozas fixeran na anterior reunión un conxunto de propostas ás representantes municipais para avaliar a súa viabilidade loxística e orzamentaria.

Desde Voces Novas teñen claro, e máis nunha situación como a actual, que este Nadal ten que ter tamén un carácter solidario, polo que unha das iniciativas aprobadas foi a de facer unha recollida de postais e cartas para os maiores, especialmente os usuarios das residencias e os centros de día, para que se sintan máis acompañados nestas datas tan sinaladas. Espérase que participen na iniciativa todos os centros de ensino do concello.

Entre as propostas que se desenvolverán está tamén a instalación dunha árbore dos desexos no Mercado de Tomiño, onde a xente poderá pendurar as súas aspiracións para o ano 2021. Preténdese que a árbore sirva tamén como un punto de intercambio de agasallos.

Varias das iniciativas feitas polo grupo pasarán a formar parte da programación cultural de Nadal do Concello, como por exemplo a realización dun evento de “autocine” o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00h na rúa Daniel Calzado, onde se proxectará o filme “Solo en Casa”, ou o espectáculo de contacontos que se fará o 28 de decembro ás 11:30h na Praza do Seixo da man de Xoán Curiel e Charo Pita. Outras propostas feitas na reunión anterior como o concurso de videoxogos, o de relatos ou o de sobremesas tamén foron aprobados, pero levaranse a cabo ao longo do próximo ano.

O programa “Porriño Accede” conseguiu 75 prazas de emprego

O programa de formación e inserción “Porriño Accede” obtivo a inserción laboral de 75 persoas, todas elas residentes no municipio, durante este ano 2020. A maioría das inseridas no mercado laboral estaban desempregadas. Todos eles participaron nos cursos de aprendizaxe impartidos por “Porremprego” no Multiusos de Torneiros así como nas posteriores prácticas nas empresas colaboradoras con esta iniciativa do Consello, a través da Concellería de Emprego.

Este mecanismo de colaboración e formación chámase “Porriño Accede” co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos porriñeses.  Ao longo deste ano rexistráronse 165 inscricións nos cursos impartidos.  E organizáronse 104 entrevistas de traballo en empresas.

Segundo o Informe 2020, baixo a protección de “Porriño Accede” impartíronse 15 cursos de formación sobre especialidades como operador de carretillas elevadoras: manipulación de alimentos;  empregados das gasolineiras;  axudantes de almacén ou soldadura “mig mag”, entre outros.

O Departamento de Emprego agradece a colaboración das seguintes empresas colaboradoras: “Maviva”, “Izmar Automotive”;  “Comercial Udra”, “Alonarti Envases”;  “Staroil Porriño”;  “Stef Transportes”;  “Fegoblan”;  “Chousal”;  “Peinador SL”, “Inversiones Febeco”;  “Construcións Vidal Salvaterra”;  “Asentos de Galicia”;  “Obradoiros de montaxe de servizos Recan”;  “Copo Galicia” e “Gestamp Vigo”.

O Rosal tínguese de cor e mensaxe coa intervención artística da ilustradora Tamara Baz

0

A entrada ao Rosal tínguese de cor e mensaxe cunha nova intervención mural realizada pola ilustradora Tamara Baz, unha obra coa que a autora fala a favor da igualdade real e efectiva entre todas as persoas. Este mural é unha das accións da campaña de sensibilización en igualdade do Concello rosaleiro ‘Revolucionando Mentes’, coa que se busca achegar á veciñanza unha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero.

“A información é a arma máis poderosa para cambiar a mentalidade da sociedade xeral, para concienciar á cidadanía sobre a importancia da igualdade real e efectiva e para inculcar un cambio de actitude e resposta ante as diferentes realidades que xiran arredor da muller. Invitamos a todo o mundo a pararse un momento diante deste mural e reflexionar sobre o reto colectivo que temos coa igualdade”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández.

A obra xa pode visitarse no muro exterior do campo municipal de fútbol, un lugar elixido por ser un acceso moi transitado tanto por peóns como por vehículos e cun impacto visual no conxunto do núcleo urbano. O máis sincero agradecemento de parte do Concello á U.D. Ribera pola súa colaboración en todo momento para que esta intervención artística se fixera realidade. O mural contou cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a súa realización e foi inaugurado este mércores coa presenza da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, da alcaldesa do Rosal e da propia autora.

Esta intervención convértese así nunha “oportunidade para sensibilizar e facernos reflexionar, revolucionar mentes cara unha sociedade máis respectuosa e empática”, como salientou a artista. Tamara Baz traballou no seu deseño cunha estética “amable e alegre que invita a acoller o tema con optimismo”, empregando formas orgánicas e siluetas que insinúan pero deixan lugar á imaxinación e cun concepto que xira “arredor dunha mente aberta e viva onde caben as diversas realidades sociais, unha mente que evoluciona cara un futuro mellor”.

Dende o Concello optouse por esta forma de arte urbana para continuar coa campaña de sensibilización porque permite mostrar as obras á unha gran maioría, democratizando o acceso á arte e chegando gran parte da veciñanza de xeito libre e gratuíto. Unha ampla difusión coa que se busca facer chegar ao maior público posible a posta en valor da sororidade entre mulleres ante situacións de discriminación por razón de xénero e a afouteza para denunciar e intentar combater estas situacións. Búscase ademais sensibilizar a toda a cidadanía sobre unha problemática real e fomentar accións en favor da igualdade e corresponsabilidade.

Os concellos de Galicia disporán este ano dun millón de euros para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Os concellos de Galicia disporán este ano de 1.068.965,21 euros para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Esta cantidade resulta de sumar os 904.713,34 euros que librará nestes días o Goberno de España ao conxunto dos municipios e os 128.184,96 euros que os gobernos locais non executaron das achegas do ano 2018 e que se lles permite executar neste exercicio.

As contías por municipio están detalladas na Resolución do 10 de decembro de 2020, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, de transferencias para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2020 (BOE do sábado, 12 de decembro).

Os criterios de repartición foron establecidos polo Real Decreto 1023/2020, de 17 de novembro: criterios de poboación, a incorporación ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGen) do Ministerio do Interior e a existencia de vítimas usuarias do Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas da violencia de xénero (Atenpro) empadronadas no municipio.

Os concellos deberán destinar estos fondos a programas para a erradicación da violencia sobre a muller. O Pacto de Estado contra a violencia de xénero establece como destinos desta cantidade a realización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e a elaboración de materiais para ofrecer información en materia de violencia contra a muller. Tamén se poderá destinar o diñeiro para promover as Unidades de Apoio e reforzar os servizos municipais de atención e información ás vítimas de violencia contra a muller. Por último, realizar actuacións encamiñadas á formación especializada continuada de profesionais do ámbito local en materia de igualdade entre mulleres e homes, son outras das actuacións ás que están orientados estes fondos, do mesmo xeito que ao reforzo dos Corpos de Policía Local adheridos ao Sistema VioGen e o reforzo dos Puntos de Encontro Familiar.

Como novidade, este ano, os fondos poderán ser executados polos municipios ou ben por mancomunidades de municipios ou comarcas.

IMPORTES TOTAIS POR PROVINCIA

 IMPORTE 2020REMANENTE COMPENSABLE 2018IMPORTE FINAL A TRANSFERIR
A CORUÑA412.902,3770.679,79342.231,58
LUGO163.813,9836.375,91127.438,07
OURENSE182.646,4320.400,66162.545,77
PONTEVEDRA309.602,4337.104,51272.497,92
GALICIA 1.068.965,21128.184,96904.713,34

Pacto de Estado en Galicia

A loita contra a violencia de xénero é unha das políticas prioritarias do Goberno de España. Este ano, sumando o libramento de fondos aos concellos aprobado esta semana, o Goberno de España destina a Galicia preto de 9,5 millóns de euros para o desenvolvemento de accións específicas de axuda, mellora de coordinación e tarefas preventivas.

Xunto a elas, e no marco da pandemia da COVID-19, o Goberno aprobou un Plan de Continxencia específico contra a violencia machista e trátaa con accións de seguridade policial, para favorecer o traballo das asociacións e con medidas de carácter económico para as vítimas.

Galicia rexistra un total de 5.653 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.653, deles 907 son da área da Coruña, 462 da de Lugo, 448 da de Ourense, 869 da de Pontevedra, 1.343 da área de Vigo, 1.054 da de Santiago, e 570 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 53 están en UCI, 301 en unidades de hospitalización e 5.299 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 50.555 persoas curadas, rexistrándose 1.323 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.008.260.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Música e teatro nas rúas tudenses polo Nadal

0

As rúas e prazas do centro urbano será o escenario da actividade de animación programada polo Concello dentro da programación “Tui, o Camiño do Nadal” que se vai desenvolver dende este sábado 19 de decembro e até finais de ano. O programa festivo pecharse coa recepción dos Reis Magos o 5 de xaneiro, nun acto cheo de maxia e ilusión do que proximamente se darán a coñecer todos os detalles.  

Catorce agrupacións serán as encargadas dos pasarrúas musicais ou teatrais previstos e plantexadas con todas as medidas de seguridade de prevención da Covid-19 e con espectáculos sempre en movemento.

A Banda de Música Popular de Tui ofrecerá varios concertos nestas semanas reducindo o número de músicos de cada actuación a unha véntena e adaptando o repertorio a estas condicións especiais tanto nos ensaios coma nas actuacións.

As charangas tudenses Cantos Somos e A Tu Ritmo encherán de festa rúas e prazas nestas datas festivas. Nesta programación de Nadal estarán tamén presentes as agrupacións folclóricas das distintas parroquias tudenses que farán soar a nosa música tradicional nos pasarrúas previstos a cargo dos grupos Aloia de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, San Fins de Rebordáns, Seixos Albos de Areas, Arume de Malvas, Xuntanza de Randufe, ou A Insua de Caldelas.

Barafunda presentará os espectáculo de animación con globos “Trasnos” e “Alicornos”. A compañía de novo circo Asacocirco presentará “De Branco” e “Con Frak”, e Troula achegará “Krasnobarak” e “Carteiro Branco Real”.

Amais o día 24 estará  en Tui dentro do “Nadal en Galego” da Deputación o Apalpador. Dende ás 17 h fará un pasarrúas musical xunto a un compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e do seu burro Río Lor para que os nenos e nenas poidan gozar das súas lendas, da súa sabiduría.

A programación pecharase o 5 de xaneiro coa presenza en Tui de Melchor, Gaspar e Baltasar cunha recepción real da que proximamente se darán a coñecer todos os detalles.

Tui, O Camiño de Nadal

PROGRAMACIÓN

Sábado 19

  • Ás 12:30 h Grupo de gaitas Aloia de Pazos de Reis
  • Ás 18:30 h Charanga A Tu Ritmo
  • Ás 19:30 h Banda de Música Popular de Tui Xs

Domingo 20

  • Ás 12:30 h Grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro
  • Ás 18:30 h Charanga Cantos Somos
  • Ás 19:30 h Banda de Música Popular de Tui Xs

Luns 21

  • Ás 17:30 h Barafunda “Trasnos”

Martes 22

  • Ás 17.30  h Asacocirco “De Branco”

Mércores 23

  • Ás 17:30 h Troula “Krasnobarak”

Xoves 24

  • Ás 17:00 horas no Paseo da Corredoira O apalpador
  • Ás 18.30 h Charanga A Tu Ritmo

Sábado 26

  • Ás 12:30h Grupo de gaitas Seixos Albos de Areas
  • Ás 18:30h Banda de Gaitas Arume de Malvas
  • ÁS 19:30h Banda de Gaitas Arume de Malvas

Domingo 27

  • Ás 12:30 h Alumnado da Escola de Gaitas e Percusión A Insua de Caldelas
  • Ás 13.15 h Grupo de Gaitas San Fins de Rebordáns
  • Ás 18:30 h Grupo de gaitas Xuntanza de Randufe
  • Ás 19:30h Grupo de gaitas Xuntanza de Randufe

Luns 28

  • Ás 17:30 h ASACOCIRCO “Con FRAC”
  • Ás 18:30 h Banda de Música Popular Tui Xs

Martes 29

  • Ás 17:30 h Barafunda “Alicornos”
  • Ás 18:30 h Banda de Música Popular Tui Xs

Mércores 30

  • Ás 17:30 h Troula ” Carteiro Branco Real”
  • ÁS 18:30 h Charanga Cantos Somos

Martes 5 de xaneiro

  • Recepción dos Reis Magos

O Concello de Baiona pasa ao nivel máximo de restricións

0

O comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da Covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de onte pola tarde, suavizar as medidas restritivas nos concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade.

Así mesmo, os concellos de Baiona, Bueu, e Ribeira, pasan ao nivel máximo de restricións.

Ademais do antedito, os concellos de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra, pasan ao nivel medio alto de restricións.

Igualmente, o comité clínico acordou que o concello de Santiago pasa a nivel medio e queda pechado perimetralmente.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou implementar unha vixilancia especial nos concellos de Verín, O Barco, A Rúa, Cedeira e San Sadurniño.

Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.

Sinalar, por último, que hoxe mércores, a Consellería de Sanidade informará do plan de Nadal para Galicia.

O AECT Río Miño priorizará as actuacións canceladas pola Covid-19 no seu plan de actividades 2021

A asemblea xeral da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño, AECT Río Miño, celebrou onte martes a súa asemblea xeral na que aprobou o plano de actividades e orzamento para 2021, cun investimento global de 377.700 euros cofinanciado en parte polo Programa Interreg V A.

No 2021, o AECT Río Miño priorizará a execución de actividades non realizadas no pasado exercicio pola crise da Covid-19 que obrigou ao cancelamento ou adiamento de diversas acción relacionadas coa execución dos proxectos Smart  Minho e Visit Río Minho cofinanciados polo programa Interreg V A.

Destacan, como actividades máis relevantes a realizar nos vindeiros meses, avanzar  na implantación do proxecto piloto de mobilizade Bike Sharing Río Minho, xa en marcha, que ten como obxectivo aplicar un sistema de xestión compartido de bicicletas eléctricas entre seis núcleos urbanos de elevada mobilidade e ligados á rede transfronteiriza de sendeiros verdes do Río Miño.

Tamén no ámbito do Smart Minho, a realización de accións de promoción do patrimonio cultural como o II Foro Cultural Culturminho, que contempla a organización de sesións de capacitación, formación e animación de asociacións transfronteirizas co obxectivo de mobilizar os axentes culturais do territorio para a xeración de proxectos transfronteirizos.

Valorarase ademais a posta en marcha de diferentes accións que promovan o desenvolvemento sustentable e a cohesión do territorio a través de diversas actividades de valorización do patrimonio cultural inmaterial, promovido e recoñecido pola UNESCO, neste caso enmarcadas dentro do programa Interreg SUDOE da candidatura Livhes, da cal forma parte o AECT Río Minho.

Outros dos proxectos a valorar será o acompañamento no proceso da candidatura ‘A pesca nas pesqueiras do Río Miño’ que pretende reforzar a conciencia de que o patrimonio asociado a esta tradición é un dos máis ricos representantes da herdanza patrimonial que relaciona a cultural material á cultura inmaterial e natural do Río Miño.

Na asamblea xeral de hoxe –que finalmente se celebrou en formato telemático- estiveron presentes o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector da entidade Uxío Benítez, o director Fernando Nogueira, así como o alcalde do Concello Tui, Enrique Cabaleiro González; o do Concello da Garda, Antonio Lomba Baz; de  As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; de A Cañiza , Luis Gómez Piña; así como as alcaldesas Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra e Tomiño: Eva García de la Torre, Ánxela Fernández Callís, María Dolores Castiñeira Alén, Marta Valcárcel Gómez, e Sandra González Álvarez, respectivamente.

O AECT Río Miño é un instrumento de cooperación con personalidade xurídica propia constituído en febreiro de 2018 pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e pola Deputación Provincial de Pontevedra, con vistas a promover a cooperación territorial transfronteiriza.

Redondela presenta a súa campaña de Nadal ‘Merca en Redondela. Merca na Casa’

0

O Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, acolleu na mañá de onte a presentación da campaña de Nadal do Concello redondelán ‘Merca en Redondela. Merca na casa’ unha iniciativa coa que o Goberno local quere “reafirmar o compromiso co comercio local ante a grave situación que a pandemia está a provocar neste sector produtivo”.

A alcaldesa, Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Comercio, María Castro e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, daban a coñecer unha campaña que busca que a cidadanía, á hora de planificar as súas compras, “teña como primeiro punto de referencia o noso comercio, o máis próximo e o que dinamiza a economía local”, afirmou a rexedora local na presentación.

A campaña, segundo sinalouse na presentación, desenvolverase “tanto online como de xeito presencial” distribuíndose, neste último caso, elementos decorativos como vinilos para os escaparates e adornos corpóreos. Ademais, buscáronse fórmulas para facilitar a compra en Redondela e Chapela mediante descontos no aparcadoiro.

Doutra banda, o soporte audiovisual cobrará unha especial importancia cun vídeo no que se anima á veciñanza a mercar no comercio local e que adquirirá un notable protagonismo nas redes sociais.

Pero, ademais, mercar en Redondela terá premio. Así ‘Merca en Redondela. Merca na casa’ premiará á clientela con agasallos directos como tote bag personalizadas e a oportunidade de entrar no sorteo de cestas de Nadal, todas elas mercadas polo Concello de Redondela entre o comercio local.

Digna Rivas, nas súas palabras, quixo reafirmar o seu compromiso e o do seu Goberno “co comercio que temos ao noso carón, co noso, co que xera riqueza e emprego no municipio e que está a levar a peor parte na crise provocada pola COVID-19”. Nesa liña, a rexedora local fixo un chamamento á veciñanza a que “merque no comercio local, que ten unha calidade excepcional e ofrece un trato personalizado, próximo e amable”. “Non é preciso saír dos nosos limites –apuntou Digna Rivas– para atopar todo o que necesitamos. Este Nadal felicitemos ás festas mercando en Redondela, mercando na casa”, concluíu a rexedora local.

A hostalería rosaleira súmase ao servizo para levar tras o peche obrigatorio a partir das 17h

0

Ante as novas medidas restritivas establecidas polas autoridades sanitarias tras o peche perimetral conxunto do Rosal, Tomiño e A Guarda, parte da hostalería do municipio decidiu manter a súa actividade ofertando comida preparada para levar ben recollendo no establecemento ou servindo a domicilio. Dende o Concello facemos unha relación actualizada dos bares e restaurantes rosaleiros que dispoñen nestes intres de servizo para levar:

  • A Competencia: encargos antes das 17.00 horas.
  • A do Quesy: venres, sábados e domingos de 19.00 a 20.00 horas
  • Quiosco O Chiringo: café e refrescos para levar en horario habitual.
  • Floro: venres, sábados e domingos de 19.00 a 20.00 horas.
  • O Lagar, en Eiras: venres, sábado e domingo tamén con servizo a domicilio. Para recoller no local encargos ata as 20.30 horas e recollida ata as 23.00 horas.
  • O Rolete: sábados, domingos e festivos de 20.00 a 22.30 horas soamente durante o mes de decembro.
  • Restaurante Juan: de 19.00 a 23.00 horas.

Dende o Concello se quere trasladar todo o apoio á hostalería, un dos sectores que tamén está a pasar por un dos seus momentos máis difíciles coa actual realidade sanitaria por mor da pandemia. Moitas grazas a todos e todas polo seu esforzo e pola vitalidade coa que siguen loitando por saír adiante aínda nas circunstancias máis adversas.

O Concello de Nigrán inicia o reparto dos xoguetes recadados e crea un banco municipal para que esté operativo todo o ano

0

O Concello de Nigrán iniciou esta mañá no Pavillón Municipal de Panxón o reparto dos xoguetes recadados na campaña solidaria  ‘Agasallos de Corazón’ que aínda remata este venres 18 de decembro e que xa é a maior na Historia do municipio. Os miles de xoguetes doados  pola veciñanza servirán para agasallar os Reis e Papá Noel de 125 menores do municipio de 0 a 16 anos procedentes de familias en situación de vulnerabilidade e, o restante, pasará a formar parte do primeiro Banco Municipal de Xoguetes para que esté operativo todo o ano.

“É tal a cantidade de xoguetes que recibimos que, ademais de entregar os lotes de agasallos máis completos ata a data, crearemos desde xa mesmo con eles un Banco Municipal de Xoguetes para que as familias dependentes dos Servizos Sociais poidan recurrir a el nos aniversarios dos seus fillos. Consideremos que esta iniciativa ten que ir máis alá do Nadal”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña a implicación dos seu equipo que, durante meses, estivo seleccionando só os que estivesen en perfecto estado e empaquetándoos.

O obxectivo do Concello de Nigrán é que o Nadal non signifique para as familias en risco de exclusión social do municipio un agravamento da súa condición, polo que o goberno local leva adiante máis iniciativas solidarias, como unha recollida de alimentos non perecedoiros nos colexios ou a promoción do Roupeiro Municipal (ben para realizar doazóns ou ben para recoller prendas de cara a realizar agasallos, xa que dispón desde infantil a adulto en todas as tallas, incluído zapatos, e mesmo roupa de cama).

“Lamentablemente, a crise sanitaria conleva unha crise económica que está a minar a economía de moitas familias debido ao peche de negocios ou ERTES, polo que o número de usuarios dos Servizos Sociais está en aumento, así que, máis que nunca, debemos promover a solidariedade entre a veciñanza e non deixar a ninguén atrás”, subliña o rexedor. 

As Meninas, Campioas Galegas de Danza Coreográfica

0

O pasado domingo, 13 de decembro, celebrouse o XIX Trofeo de Baile Deportivo Concello de Narón que comprendía o Campionato Galego de Danza Coreográfica e Campionato Galego de Modalidade Estandard.

Dentro do Club Baila-Mos, que adestra a mosense bailarina campioa internacional Patricia Martínez, inclúese o grupo As Meninas, formado por Sara Requejo, Ainara Rodríguez, Eva Calvar, Elena Gamallo e Noa Pintos.

As Meninas, tras 10 meses sen competir por mor da crise sanitaria da Covid-19, presentáronse ao Campionato Galego en Narón e conseguiron proclamarse Campioas Galegas na Modalidade de Danza Coreográfica na súa categoría Junior Territorial Iniciados, a 8 puntos de diferenza do segundo grupo.

“Loxicamente, o esforzo foi inmenso en todos os aspectos, físico, económico e psicolóxico, tanto por parte delas como por parte dos seus pais. Non é fácil manter motivadas e centradas a unhas deportistas adolescentes en época de pandemia, desde marzo os primeiros 7 meses foron entrenos e clases en liña, e desde outubro presenciais”, explica a súa adestradora, Patricia Martínez. Quen tamén asegura que “contabamos que con que o ano xa se acabara en canto ao que a competición e títulos deportivos se refire e de feito empezamos a preparar a nova coreografía do 2021 e foi cando saíu a noticia que se celebraba o Campionato Galego e eu fun a primeira que dixen hai que ir, sí ou sí; pero creo que elas o necesitaban máis que eu, volver sentir a adrenalina, os nervios, ver máis bailaríns… e a verdade é que non puido ir mellor, acabamos o 2020 ao grande”.

Martínez quixo agradecerlles “en primeiro lugar aos pais das bailarinas, porque son o principal piar, pero honestamente esta vez quero agradecerlles a elas publicamente o ben que traballaron, aguantado, esforzándose e loitado durante todo este tempo”.  Tamén tivo Patricia Martínez palabras de agradecemento para o Concello de Mos e para a alcaldesa Nidia Arévalo, e a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, en especial. As representantes municipais Arévalo e Toucedo destacaron “a enorme valía de Patricia Martínez como profesional da danza e a docencia e aplaudiron o gran traballo das Meninas, especialmente pola dificultade que entraña adestrar en tempos de pandemia”. Animáronas así mesmo “a seguir adiante nesta mesma liña e continuar sendo todo un exemplo de esforzo, superación e valores deportivos para toda a mocidade mosense”. Patricia Martínez concluiu asegurando que “é de agradecer o gran apoio de Mos a nós e ao Baile Deportivo, e ser un dos Concellos de Galicia que máis apoia ao deporte en xeral e á cultura”.

O Concello inicia as obras de mellora da seguridade vial no IES O Barral

Os concelleiros de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, e de Vías e Obras Chus Garrote anunciaron o inicio das obras de mellora da seguridade viaria na N-120 á altura do IES do Barral. As actuacións consisten na creación dun paso de peóns en dita estrada dotado con semáforo de peche mediante pulsador así como a correspondente sinalización informativa e de seguridade viaria. Ademais, construirase unha beirarrúa pola marxe dereita da N-120 en sentido Ponteareas duns 100 metros de lonxitude e renovarase a canalización de recollida de augas pluviais. Tamén se dotará de iluminación á zona de aparcamento do instituto.

As obras supoñen un investimento de 44.000 euros e a previsión é que queden rematadas antes do reinicio do curso escolar tralas vacacións de Nadal.

O paso de peóns con semáforo era unha das principais demandas da comunidade educativa para paliar os graves problemas de seguridade viaria que presenta o actual acceso ao instituto. A actuación completa os traballos de mellora da seguridade e mobilidade realizados hai un ano pola concellaría de Mobilidade e Tráfico que consistiron na ordenación do espazo de aparcamento de dez autobuses, accesos peonís e circulación de vehículos, o acondicionamento da zona de aparcamento do persoal do IES, así como a creación dun percorrido para entrada e saída de vehículos de pais e nais, dotado con máis de 20 prazas de aparcadoiro. Segundo Mera “estas actuacións iniciadas hoxe, xunto ás realizadas no último ano e a presenza diaria da Policía Local, dan solución aos riscos que se producían nas entradas e saídas do alunado do IES”. O concelleiro adiantou que a intención do goberno local é que no futuro o semáforo tamén funcione como mecanismo de calmado do tráfico pechándose automáticamente cando se exceda a velocidade permitida neste tramo da estrada.

Chus Garrote lembrou que “os problemas de mobilidade e seguridade no IES O Barral foron consecuencia da falta de planificación dos gobernos do Partido Popular cando se construíu o instituto sen crear uns accesos axeitados”.

A entrada ao centro urbano pola Avenida de Galicia cortarase ao tráfico durante 12 horas o xoves día 17

A Concellería de Mobilidade e Tráfico informa do corte ao tráfico da entrada ao centro urbano pola Avenida de Galicia o vindeiro xoves a partires das 8 horas da mañá e durante aproximadamente 12 horas. O motivo do corte é a necesidade de realizar unha zanxa transversal en dita avenida para as canalizacións soterradas da rede de calor con biomasa.

Con este corte puntual o acceso ao centro de Ponteareas desde a N-120 deberase realizar pola Avenida de Castelao. Para minimizar o impacto no tráfico haberá presenza da Policía Local nesta avenida. Ademais instalaranse sinalizacións informativas nas diferentes rotondas situadas na N-120.

Para saír do centro cara a N-120 mantéñense os actuais itinerarios por rúa Ferreiros, Castañal e Paseo Matutino. Pola avenida de Galicia poderase transitar até a rúa Carballos e dende aquí continuar por Castañal para saír á N-120. Unha vez máis, o goberno municipal agradece a comprensión veciñal diante dos inconvintes e incomodidades que todas as obras en espazos públicos inevitabelmente sempre xeneran. Ademais, salientan a importancia desta obra que abastecerá de calor con biomasa á Casa do Concello, Escola Infantil, Estación de Autobuses e Edificios do Centro de Día, Centro de Maiores e Centro de Servizos Sociais, o que suporá unha enorme redución das emisións de CO2, mellorando a calidade do aire na vila, así coma un considerábel aforro económico.

O proxecto europeo ESTRAEE para xestión do “lixo electrónico”, exemplo de colaboración transfronteiriza a prol da transición ecolóxica

Haberá moitos outros proxectos europeos de colaboración transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal seguindo a estela da Estratexia Sostible para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE). Esta é unha das conclusións da xornada técnica, celebrada esta mañá en formato telemático, encabezada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o presidente do Consello de Administración LIPOR (ente de xestión supramunicipal dos residuos da rexión do Grande Porto), Aires Henrique do Couto Pereira. Na xuntanza, na que tamén participaron expertos e expertas a ambos lados da Raia, tocáronse tamén asuntos como a economía circular ou o reto da xestión dos puntos limpos a nivel supramunicipal.

Para Silva a xornada foi “moi relevante” posto que deu pé a “reflexionar sobre unha das cuestións máis preocupantes que temos sobre a mesa: como tratamos os residuos dos aparellos eléctricos e electrónicos”. A presidenta provincial destacou que “foi unha idea intelixente poñer en marcha este proxecto, que xa está avanzado en moitas das súas propostas”. Exemplo destas son a adaptación dos puntos limpos, a análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de lixo electrónico, “o que nos vai permitir tomar decisións intelixentes”, ou a implantación de bolsas de recursos de materias primas secundarias, coa creación dunha nova plataforma de software. Carmela Silva aproveitou a ocasión para anunciar que a partir de semana que vén estará dispoñible no sitio web do ente provincial unha ordenanza con prácticas adecuadas para cumprir a directiva europea neste eido.

ESTRAEE é un proxecto transfronteirizo que a presidenta provincial definiu como “apaixonante”. Silva prevé que haberá outros moitos proxectos que o sur de Galicia e o norte de Portugal teñan que formular conxuntamente polo que “este é o momento de sumar sinerxias”. Coa vista posta no futuro, a presidenta provincial quixo deixar claro que “non haberá unha economía potente se non está ligada ao respecto ao medio ambiente” e que “vai ser fundamental o traballo, tanto público coma privado, para tomar decisións neste entorno”. Ademais, Carmela Silva aproveitou a ocasión para lanzar unha mensaxe de esperanza nos tempos que vivimos. “Ao longo da historia da humanidade as situacións de crise foron oportunidades para facer cambios transcendentais, agora imos ter que poñer en marcha proxectos potentes de transformación onde o medio ambiente vai ter que estar presente en todas as decisións”.

Entre os expertos que tomaron palabra no encontro estivo Benjamín Augusto López Rodríguez, técnico de proxectos da Deputación, quen presentou ESTRAEE e a filosofía na que se fundamenta o proxecto. López quixo deixar claro na súa intervención que “debemos de seguir avanzando cara un novo modelo de transición ecolóxica”. No panel de debate final, expertos da empresa municipal portuguesa MaiAmbiente, de LIPOR, da Asociación Nacional de Empresas de Distribución de Electrodomésticos (ADEN) e da FEGAMP validaron os obxectivos do proxecto e concluíron na necesidade de seguir avanzando cara novos modelos de xestión supramunicipal, así como afondar no compromiso cidadán na xestión dos residuos eléctricos e electrónicos.

ESTRAEE céntrase en xestionar os recursos eléctricos e electrónicos de forma sustentable a través dunha estratexia de economía circular, na que todas as accións que se levan a cabo están interrelacionadas entre si. Gracias a este proxecto realizáronse obras de adaptación en nove puntos limpos da provincia de Pontevedra (Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo, Ponteareas, Silleda e Vilagarcía) e outros tantos no norte de Portugal. O proxecto conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, o 75% de fondos da Unión Europea, e pretende dar un salto cualitativo na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos residuos. A Deputación de Pontevedra é a socia líder deste proxecto europeo, financiado co programa Interreg e no que participan outras tres entidades españolas e dúas portuguesas con ampla experiencia na reciclaxe e innovación tecnolóxica.

Tui recibirá 586 mil euros para executar a segunda fase de actuacións no conxunto catedralicio

0

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana financiará a segunda fase de actuacións no conxunto catedralicio de Tui para a súa adaptación a usos museísticos achegando 586.530,74 €, unha cifra que representa o 75 % do custo total das actuacións.

A Comisión Mixta do 1,5% Cultural, presidida polo secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Pedro Saura, e composta por representantes de Mitma e do Ministerio de Cultura e Deporte, elevou hoxe unha proposta ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o financiamento de 5 novas actuacións -entre as que se atopa a obra tudense-, como consecuencia da Convocatoria publicada en xaneiro de 2020.

A resolución provisional permitirá continuar co procedemento até a adopción da resolución definitiva, condicionada á aprobación dos proxectos e ás achegas financeiras comprometidas. A partir desta resolución provisional os participantes dispoñen de 10 días para aceptar a axuda e de 90 para presentar toda a documentación. Cabe destacar que en tanto non se notifique a resolución de concesión definitiva ao futuro beneficiario, non se creou ningún dereito a favor do mesmo.

Programa do 1,5% cultural

O programa do 1,5% Cultural é a principal ferramenta da Administración Xeral do Estado para responder ao mandato constitucional polo que os Poderes Públicos deben garantir a conservación e promover o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran.

Para ese fin a Lei de Patrimonio Histórico estableceu a porcentaxe mínima do 1% a aplicar sobre o orzamento das obras públicas que se executan pola Administración do Estado. Máis aló desa obrigación, o Mitma (antes Ministerio de Fomento) ampliou en 2014 a súa achega a este obxecto do 1% ao 1,5% do orzamento das obras que licita.

O desenvolvemento do Programa 1,5% Cultural propón un modelo de actuación de amplo contido social, en base aos seguintes criterios:

  • Soporte económico fundamental provén da execución da obra pública.
  • Recupérase o Patrimonio Cultural Español, respectando o legado recibido e propiciando o sentimento de pertenza e o orgullo polo propio.
  • Foméntase o uso público favorecendo o achegamento social ao Patrimonio.
  • Xérase emprego e riqueza nos ámbitos en que se sitúan os elementos patrimoniais recuperados.
  • Contribúese ao obxectivo xeral de xerar turismo de calidade.

Esta convocatoria de axudas para a conservación e o enriquecemento do Patrimonio Histórico Español é a cuarta publicada por este procedemento de concorrencia competitiva, que prima os principios de transparencia, publicidade e concorrencia.

A inversión total prevista para Galicia acada os 4,97 millóns de euros

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana achegará 3.072.041,39 euros a proxectos de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico español en Galicia con cargo aos fondos que se xeran para o 1,5% Cultural como consecuencia da contratación da obra pública. O investimento total previsto en Galicia, polas entidades e administracións participantes, incluíndo as achegas do Estado, é de 4.970.679,56 euros.

O CTAG desenvolveu un sistema intelixente para detección de semáforos para a mellora da seguridade viaria

O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, establecido no polígono da Granxa do Porriño, desenvolveu un sistema intelixente de axuda á condución que recibe información en tempo real dos semáforos para a mellora de seguridade viaria.

Os responsables do CTAG, encabezados polo director xeral, Luis Moreno explicaron o sistema que aínda está en fase de proba á alcaldesa de Porriño, Eva García, e aos concelleiros de Tráfico, Sergio Casal e Novas Tecnoloxías, David Alonso. Foi durante unha viaxe de demostración en varios vehículos equipados con esta tecnoloxía.

 A proba tivo lugar na avenida Domingo Bueno e na avenida Antonio Palacios.  Nas dúas rúas hai un total de sete semáforos equipados con dispositivos “V2X” que envían o sinal a través de ITS, G5 ou a teléfonos móbiles.  Informan sobre a fase na que se atopa o semáforo (verde, ámbar ou vermello) e sobre o tempo restante para que o semáforo cambie de fase.

Ao remate da viaxe a alcaldesa Eva García manifestou “o orgullo que sentimos no Porriño pola contribución que centros de investigación como o CTAG realizan para a mellora da seguridade, que supón un pulo para o desenvolvemento tecnolóxico”. “Como falaba con Luis Moreno, teño a satisfacción de ser a alcaldesa dunha cidade laboratorio”. O director xeral do CTAG engadiu que “nos imos perder o tempo investigando o xenoma da miñoca, senón que temos como norte desenvolver tecnoloxía útil”.

Aumenta lixeiramente o número de casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.598, deles 929 son da área da Coruña, 470 da de Lugo, 436 da de Ourense, 867 da de Pontevedra, 1.329 da área de Vigo, 1.005 da de Santiago, e 562 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 56 están en UCI, 319 en unidades de hospitalización e 5.223 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 50.190 persoas curadas, rexistrándose 1.319 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 999.234.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Xunta licita os servizos de mellora e mantemento dos treitos interurbanos dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar os servizos de conservación mellora e mantemento dos treitos interurbanos dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, para os dous vindeiros anos.

Para darlle continuidade ao programa que se viña desenvolvendo neste ámbito, a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación deste servizo por un importe de máis de 5,6 millóns de euros. Isto supón, con respecto o contrato vixente, un incremento dun 69,4%.

As empresas poderán presentar ata o vindeiro día 26 de xaneiro as súas ofertas. O contrato licitado hoxe recolle a posibilidade de ser prorrogado outros 3 anos máis, elevándose neste caso o investimento a máis de 14 millóns de euros.

Mediante este contrato garántese a continuidade das actuacións de conservación da rede fluvial xestionada por Augas de Galicia. A conca Galicia-Costa está composta por 15.000 quilómetros de ríos. Augas de Galicia ocúpase da súa conservación e mantemento en todos os treitos interurbanos, mentres que aproximadamente 270 quilómetros se corresponden con treitos urbanos, de responsabilidade municipal.

Estes traballos comprenden a execución das tarefas periódicas de conservación da rede fluvial das bacías de Galicia Costa, nos ámbitos das tres zonas hidrográficas de competencia autonómica: Galicia-Norte, Galicia-Centro e Galicia-Sur, e nas mesmas inclúense as correspondentes augas costeiras e de transición.

Máis en concreto, a zona hidrográfica de Galicia-Norte abarca as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao mar Cantábrico, e as das do océano Atlántico ata a bacía do río Grande, esta incluída. A zona Galicia-Centro, que comprende as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao océano Atlántico, entre a Zona Hidrográfica de Galicia-Norte e ata a bacía do río Ulla, tamén incluída. E a zona de Galicia-Sur, que abarca as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao océano Atlántico, entre a Zona Hidrográfica de Galicia-Centro e ata a desembocadura do río Miño.

Os traballos obxecto de contratación consistirán, principalmente, na execución das intervencións establecidas previamente no programa anual de actuacións de conservación fluvial deseñado desde Augas de Galicia. En dito contrato, tamén se teñen en conta as actuacións non programadas, que de xeito ocasional deberán ser tamén obxecto deste servizo.

Deste xeito, as tarefas incluirán tanto as actuacións de carácter preventivo como correctivo, que teñen como obxecto principal facilitar o libre discorrer das augas, así como a acadar as condicións naturais dos ecosistemas acuáticos que favorezan os aspectos medioambientais no contorno fluvial, sendo respectuoso en todo momento co contorno.

En xeral, estas actuacións recuperarán o funcionamento natural do leito do río, rehabilitando a sección hidráulica en puntos sensibles, recuperando os procesos hidrolóxicos, aumentando a heteroxeneidade e o seu grado de naturalidade.

Tarefas a desenvolver

Entre as tarefas obxecto deste contrato inclúense, en primeiro lugar, as intervencións de conservación fluvial, que abarcan os labores de acondicionamento ambiental do tramo do leito do río afectado ou con incidencias. Aquí actúase na retirada de sedimentos, eliminación de obstáculos do leito do río e das zonas de servidume, atrancos de madeira, cortas e podas de árbores e demais actuacións precisas.

Como segundo cometido, o contrato inclúe as intervencións singulares, como son: as actuacións de restauración, nas que se atopan as de recuperación de estrutura e funcionamento natural dos leitos; e as de rehabilitación para a recuperación dun estado similar ao natural. Neste apartado inclúense, ademais, a mellora ambiental no entorno dos ríos, así como a adecuación dos tramos fluviais que puideran resultar necesarios dentro do eido do obxecto do servizo.

O terceiro ámbito de traballo, correspóndese coa recompilación de datos, redacción de informes e comunicacións entre os diferentes actores participantes.

A empresa adxudicataria, de ser preciso, deberá asistir tamén a Augas de Galicia na identificación e análise das posibles incidencias que se poidan dar no Dominio Público Hidráulico, así como na proposta de solucións a adoptar, asistindo tamén na execución destas actuacións ata o seu remate e seguimento posterior.

Con este tipo de actuacións a Xunta actúa na prevención do deterioro e na conservación, mantemento e mellora do estado das masas de auga que configuran a conca de Galicia-Costa.

A programación do Nadal 2020 trae esta semana á Guarda música, maxia e moito máis

0

Continúa a programación de actividades do Nadal 2020 na Guarda e, seguindo coas actuacións musicais, o xoves día 17 de decembro ás 17:00h na Praza do Reló, será a quenda do concerto do Coro Infantil do Conservatorio de Música Elemental de A Guarda (en caso de choiva quedaría anulado). Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 18 50 (en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 21:00h) ou no enderezo electrónico [email protected].

O venres 18 de decembro ás 17:00h as rúas da Guarda encheranse dun divertido e diferente pasarrúas musical con “O Belén de Pulpiño” do Pulpiño Viascón, pensado para todos os públicos. Esta proposta que percorrerá as rúas da vila para amenizar o paseo vespertino (se a choiva o permite) non precisa inscrición previa.

Marcos Aboal Vázquez, coñecido artísticamente como Pulpiño Viascón, adapta o seu divertido repertorio ás Festas do Nadal, da man de múltiples intstrumentos: divertidas  repicochas galegas ou o clásico “noite de paz” cun serrucho musical serán o preludio para un final de show apoteósico. En caso de choiva quedaría, o show quedaría aprazado a mellor data.

De cara ao fin de semana temos doble sesión para o sábdado 19, ás 12:00h nova entrega de “Cantos de Nadal”, un evento musical no que participan pandereteiras da vila, que amenizarán a Praza de Avelino Vicente con cantigas tradicionais e de nadal.

E pola tarde, ás 17:30h no Centro Cultural será o escenario do Espectáculo de maxia “O Cinematomago”. Emoción, recordos, risas e moita ilusión nos agardan neste novo espectáculo do Mago Paco.  O “Cinematomago” é unha personaxe que converte as imaxes en movemento en maxia, repasando os diferentes clásicos do cine de todos os tempos a través da maxia e convertendo esas típicas escenas nun espectáculo máxico ao vivo, coa colaboración imprescindible do seu público. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 18 50 (en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 21:00h) ou no enderezo electrónico [email protected].

PROPOSTAS PARA A VINDEIRA SEMANA

Xa na vindeira semana, coa chegada das vacacións de Nadal para os mais cativos incorporaranse novas propostas, como “Os carteiros de Nadal”,  que recollerán as cartas dos nenos o martes 22, mércores 23 e xoves 24 decembro “Os carteiros do Nadal” estarán polas diferentes rúas da vila para que os nenos e nenas entreguen as súas cartas (22 e 23 en horario: 17:00h a 20:00h horas e 24 en horario: 10:30h a 13:30h).

O derradeiro evento do ano terá lugar o sábado 26 de decembro co Espectáculo infantil “Zona en obras” de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público. O evento terá lugar no Centro Cultural ás 17:30 horas. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 18 50 (en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 21:00h) ou no enderezo electrónico [email protected].

E no mes de xaneiro, o sábado día 2 de xaneiro o Centro Cultural acolle ás 17:30h a obra de Teatro Infantil “O Crebanoces” de Larraitz Urruzola. Unha representación teatral infantil e familiar, duns 60 minutos de duración, inspirada no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para ser interpretada tanto con formación musical como sen ela.

Os “carteiros do nadal” regresaránn o sábado 2, luns 4 e martes 5 xaneiro ás rúas da Guarda (2 e 4 en horario: 17:00h a 20:00h e o 5 en horario: 10:30h a 13:30h).

O Martes 5 xaneiro terá lugar a Visita dos Reis Magos, que farán un percorrido polas diferentes rúas da vila, onde as luces que se repartirán entre os nenos os guiarán dende os balcóns e ventás das vivendas da vila. As luces, de fabricación local, serán repartidas ao longo desta semana polos diferentes centros educativos da vila, para que os reis magos saiban onde teñen que deixar os agasallos, polo que teñen que deixalas colocadas nas fachadas das casas.

Máis actividades na Programación do Nadal 2020 na Guarda

•         MERCADO DE NADAL

Na Praza de Avelino Vicente do 4 de decembro de 2020 ao 5 de xaneiro de 2021 coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal, en horario de 10:00h a 13:30 e de 16:00h a 19:00h

•         AS XANELAS DO NADAL, concurso de decoración.

Votacións do 14 ó 21 de decembro no facebook de @culturaguarda

•         VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS 

Os días 3 e 4 de Xaneiro os Reis Magos contactarán con todos aqueles nenos e nenas que o desexen, para participar nestas videochamadas é preciso que se inscriban nesta actividade dende o 15 de decembro acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao 986 61 1850 en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h. Unha vez inscritos se lles proporcionará un código de acceso para ingresar na web: http://www.barafundaanimacion.com/videochamadas-nadal/  unha vez alí poderán concretar as súas citas cos reis magos.

PROGRAMACIÓN AXENDA DE NADAL

DECEMBRO

XOVES 17 DECEMBRO

Concerto do Coro Infantil conservatorio

Na Praza do Reló ás 17:00 horas (inscrición previa)

VENRES 18 DECEMBRO

“O Belén de Pulpiño” do Pulpiño Viascón

Polas rúas da vila a partir das 17:00 horas

SÁBADO 19 DECEMBRO

Cantos de Nadal

Na praza de Avelino Vicente as 12:00 horas

Espectáculo de maxia “O Cinematomago”

Centro Cultural ás 17:30 horas. (inscrición previa)

MARTES 22, MÉRCORES 23 e XOVES 24 DECEMBRO

“Os carteiros do Nadal”

22 e 23 en horario: 17:00 a 20:00 horas

24 en horario: 10:30 a 13:30 horas

SÁBADO 26 DE DECEMBRO

Espectáculo infantil “Zona en obras” de Brais das Hortas

No Centro Cultural ás 17:30 horas. (inscrición previa)

XANEIRO

SÁBADO 2 DE XANEIRO

Teatro Infantil “O Crebanoces” de Larraitz Urruzola.

No Centro Cultural ás 17:30. (inscrición previa)

SÁBADO 2, LUNS 4 e MARTES 5 XANEIRO

“Os carteiros do Nadal”

2 e 4 en horario: 17:00 a 20:00 horas

5 en horario: 10:30 a 13:30 horas

MARTES 5 XANEIRO

Visita dos Reis Magos.

Os reis magos visitaran durante o día as diferentes rúas da vila.

Paramos, en Tui, convértese nun exemplo de modernidade residencial no rural coas obras financiadas pola Deputación

0

O núcleo rural da Torre, na parroquia tudense de Paramos, que en maio de 2018 sufriu os devastadores efectos da explosión dun almacén pirotécnico clandestino, deu un cambio radical coas obras do Plan de Mellora da Seguridade Viaria en Vías Municipais (DepoRemse), cun investimento de 370.000 euros. O que antes era un espazo rural desestruturado e carente de servizos reconvértese agora, despois das obras financiadas pola Deputación, nunha contorna dotada de modernos servizos e dotacións urbanísticas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou o barrio acompañada do alcalde, Enrique Cabaleiro, así como o deputado Gregorio Agís e membros da Corporación local para comprobar os resultados dunha “actuación que era imprescindible”. Na visita participaron tamén representantes da empresa construtora Sodein Soluciones Inteligentes e algúns veciños e veciñas, que tiveron ocasión de comprobar o resultado dunhas obras que supoñen unha completa transformación e reurbanización da Torre, pois inclúen a renovación completa e soterramento de tódolos servizos e a creación dunha plataforma única de convivencia, sen barreiras arquitectónicas e con prioridade peonil.

[su_image_carousel source=”media: 27166,27169,27168,27167″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Silva fixo unha lembranza explícita ao sufrimento causado por aquel tráxico suceso rememorando “ás persoas que tanto sufriron naquel día e, moi especialmente, ás dúas persoas falecidas, ás que nunca esqueceremos”. A presidenta expresou a súa satisfacción polos resultados da obra “que engade valor a este núcleo rural” e polo feito de que, “finalmente, puidéramos dar resposta ás necesidades urbanísticas deste barrio”. Un traballo que quixo agradecer aos técnicos provinciais e municipais, así como á empresa construtora. “Todo iso permite que hoxe aquí haxa servizos de calidade e do século XXI”.

O alcalde, Enrique Cabaleiro subliñou que este 14 de febreiro é un día de gratitude cara á Deputación, pero tamén ao persoal técnico “que dedicou moitas horas” e á empresa e ao o seu encargado. Un recoñecemento que estendeu “a todas as persoas que fixeron posible que dous anos despois da explosión, o barrio volva recobrar vida e estea agora nunhas condicións magníficas, converténdose nun pobo atractivo para vivir”. Cabaleiro aproveitou a ocasión para destacar o valor da cooperación e a lealdade institucional “porque cando as Administracións colaboran o resultado, como vemos, é magnífico”. O primeiro edil tampouco quixo esquecer ao anterior equipo de goberno municipal “ao que lle tocou vivir momentos realmente difíciles”.

Máis de 9.000 metros cadrados transformados

A obra da Torre ten como singularidade que supón a replanificación completa de todo un núcleo rural, dotándoo de servizos de última xeración, completamente soterrados, e dando así un importante salto cualitativo na mellora da calidade de vida dos seus habitantes. A obra abrangue máis de 9.000 metros cadrados de superficie transformada e ordena definitivamente un núcleo que creceu no pasado á marxe da planificación pública. Ademais vai moito máis alá da simple lreparación dos danos causados pola deflagración de 2018 porque renova completamente, baixo superficie, a totalidade dos servizos, proporcionando unhas prestacións equivalentes aos dun espazo urbano. Deste xeito renováronse as canalizacións de alumeado público, saneamento, abastecemento de auga e recollida de pluviais, a rede de subministro eléctrico e de telefonía, incorporando tamén as de datos para proporcionar acceso á Internet.

O tratamento da superficie, cun destacado resultado estético, resolveuse cun moderno proxecto de calmado de tráfico sobre plataforma única, dando prioridade aos peóns, así como ás circulacións de persoas con mobilidade reducida nunha contorna cun alto índice de avellentamento, e ás/aos ciclistas. Diante da eliminación de todo tipo de barreira arquitectónica, a velocidade de circulación queda limitada a 30 Km/h, con sinalización vertical e horizontal, así como coa instalación de varios elementos redutores na calzada. Diante do estreito de moitos dos viais de A Torre (a maioría deles de só 3 metros) creáronse ampliacións de ata 6 metros onde había terreos dispoñibles.

Nigrán mantén a súa colaboración coas comunidades de augas veciñais renovando os colectores de “A Revolta-Piñeiros” en Camos

0

O Concello de Nigrán aposta por preservar as traídas de augas veciñais privadas investindo naquelas que desexan manter de cara ao futuro este servizo básico para as parroquias de Camos e Chandebrito, onde non chega ao 100% o abastecemento municipal. Así, considerando que as novas regulacións sanitarias ou fin de concesións obrigan á maioría das comunidades existentes a emprender obras nas súas instalacións e tramitar documentación, o Concello rematou xa a súa colaboración coa traídas de A Rotea e concluirá esta semana coa de Piñeiros (Camos) para continuar en O Castro e Lapela (Chandebrito), todas manifestaron nas súas respectivas asembleas o seu interese en manter o subministro de cara ao futuro e de recibir para elo a axuda do Concello.

En concreto, na comunidade de Piñeiros (que dá servizo a 40 fogares nesta zona onde non chega o abastecemento municipal) o Concello iniciou hoxe a renovación de 900 metros de tubaxe que xa superaran a súa vida útil coa conseguinte problemática que acarrexaba. A continuación, o Concello seguirá coa de O Castro de Chandebrito, onde se renovou o peche perimetral do depósito e se instalará un clorador, mosquiteiras e sinalización axeitada. Finalmente será a de Pracíns, onde se está a valorar cos comuneiros as necesidades.

“As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a continuidade e seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias”, explica o alcalde, Juan González, quen hai meses mantivo un encontro con representantes das 7 comunidades de augas existentes na localidade (3 delas en Chandebrito e 4 en Camos) para precisamente ofrecer esta colaboración. “Iniciamos os traballos de regularización naquelas que demandaron a nosa axuda, pero mantemos esta porta aberta para todas as demais no momento en que se decidan. As comunidades coas que o Concello colabora manteñen a súa independencia total e absoluta e seguen a ser os titulares dos seus recursos, é unha decisión dos comuneiros regularizarse coa nosa axuda ou sen ela”, insiste o rexedor.

Deste xeito, co fin de adaptarse á normativa sanitaria, o Concello investirá preto de 55.000 € en diferentes obras en Lapela, Rotea e Piñeiros. Segundo o informe das necesidades das tres traídas solicitantes, nalgúns casos será preciso renovar os colectores, noutros instalar cloradores, mosquiteiras, sinalización… e mesmo traballo administrativo como realizar memorias de legalización.

“Todas as traídas comunais son de tempos xa remotos onde non había ningún tipo de regulación, algunhas foron adaptándose aos requirimentos e outras quedaron practicamente igual, pero hai que recoñecer que, grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación no rural e mellorar as súas condicións de vida; consideramos que agora é o momento de que o Concello colabore con elas ao tempo que continuamos ampliando o abastecemento público”, considera o alcalde, quen incide en que paralelamente o Concello cubríu nestes anos o 100% da parroquia de Parada e boa parte de Camos, onde proseguirá cos barrios de O Carballal, A Cruz, e a veciña Tarela.

As comunidades de augas son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí ancestralmente se formaron estas comunidades de veciños privadas. Estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de 300.000 veciños. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión.

A Escola de Ciclismo Avanza do Porriño pecha a Copa de España de ciclocross cunha prata e un bronce

A Comunitat Valencia puxo o peche final a Copa de España de ciclocross, que neste ano so puido contar con tres probas ao non saír adiante as opción programadas por Madrid e Valladolid por mor da pandemia da COVID-19. Como ven sendo habitual xa algo habitual , a escola de ciclismo Avanza ven participando nas competicións non só a nivel autonómico se non tamén de carácter nacional e a copa de España de ciclocross non podía ser menos.

Desde O Porriño partiron para a Comunitat Valenciá unha pequena representación de riders da escola onde a categoría con mais representantes foi a categoría Cadete con André Martínez e Martín Setelo, Uxía Soto, Ároa Otero e Marta Estévez. A categoría Júnior estaba representada por Laura Mira e Hugo Martínez, mentres que David Fernández participaba na Sub 23 e Luis Fernández Oliveira facía o propio na Elite.

Na xornada do sábado a Copa de España desprazábase o concello de Xativa onde os riders da escola André Martínez e Uxía Soto afianzaban a súa posición de prata no ranking da Copa ao rematar ambos en segunda posición. Na xornada do domingo, os e as deportistas afrontaron un circuíto de grandes rectas, totalmente chairo o que implicou rodar a altas velocidades como se dunha carreira de ciclismo de estrada tratásese.

[su_image_carousel source=”media: 27164,27163,27165″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Nunha xornada de infarto o rider de categoría Cadete masculino conseguía manterse no grupo de cabeza conseguindo entrar entre os quince primeiros e acadando os puntos  suficientes para poñer o broche final a Copa de España na posición de bronce. Na categoría cadete Feminino Uxía Soto e a corredora tamén galega do Caimanes de Betanzos , María Filgueiras, mantiñan unha loita de infarto brindando o público unha espectáculo sen igual, que o mantivo en vilo. Ao final, a corredora de Betanzos impoñíase no sprint final a Uxía, que conseguía a prata e remataba como subcampiona da copa de España. Cómpre tamén destacar as actuacións de Ároa Otero (7ª) e Marta Estévez (8ª) no ranking da Copa.

De volta a Galicia, o Avanza xa ten a mente posta na copa de Galicia onde André Martínez, Uxía Soto  e David Fernández tratarán de manter no seu poder o maiot de lideres a falta de dúas probas para poñer fin a Copa de Galicia de ciclocross.

Serán dúas probas que terán lugar a vindeira fin de semana onde, na xornada do sábado e correndo na casa, o Velódromo do Porriño albergara unha vez mais unha proba da copa Galicia de Ciclocross e xa na xornada do domingo será o concello ourensá de Maceda quen porá o broche final a Copa.

O Concello de Nigrán leva desde hoxe e ata o martes 22 o Paxe Real e o Buzón Real a todas as parroquias

0

O Concello de Nigrán arranca a programación de Nadal coa xira do Paxe Real e o Buzón Real polas sete parroquias do municipio desde hoxe en Chandebrito (A.V. O Castro, de 17:00 a 19:00 horas) e ata o martes 22. A diferencia dos demais anos, debido ao protocolo sanitario do Covid-19, o buzón será instalado sen paxe nos colexios que o solicitaron (CEIP Arquitecto Palacios, Humberto Juanes e CEIP A Cruz) e, por vez primeira, percorrerá polas tardes  coa figura do Paxe Real as diferentes entidades veciñais. Así, mañá estará na A.C. A Camoesa, o mércores no Auditorio Municipal, o xoves no Torreiro de Priegue e o venres na A.V. Panxón (A Porqueira), para rematar o luns 21 no Centro Cultural Parada do Miñor e o  martes 22 no Centro Comercial A Ramallosa. O horario será sempre o mesmo, de 17:00 a 19:00 horas. O Concello organiza traslada este ano a programación a cada parroquia co obxectivo de que sexan actos con aforo reducido e poder así cumprir cos protocolos sanitarios chegando a toda a veciñanza (sempre que non chova será en exterior).

“Pese a que será un Nadal diferente, os grandes protagonistas continuarán a ser os nenos, eles teñen dereito, máis que nunca, a vivir con ilusión, esperanza e alegría estas datas, os adultos debémoslle iso despois do gran exercicio de responsabilidade e sacrificio que están amosando”, incide o alcalde, Juan González. 

A infancia centra a programación a través dos artistas locais Rey Midas, o dúo Voltereta e Volvoreta, o grupo Teatro do Ar ou Peter Punk. A maiores, e pensando nun público adulto ou familiar, terán lugar na Praza do Concello ás 19:00 horas os concertos de Backup Souls (30 de decembro), Prosy (23 de decembro) e o grupo de batucada ‘Latexos’ (26 de decembro), todos do municipio.

Igual filosofía de achegar ás sete parroquias os mesmos eventos  para non exceder aforos e evitar concentracións se levará a cabo o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis. Tal e como xa explicaron as Súas Maxestades a través dun vídeo para os nenos e nenas de Nigrán, multiplicarán o seu esforzo grazas, unha vez máis, a colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais.

O Concello lembra que o confinamento de mes e medio é o que prexudica o comercio e hostalaría e non o tráfico

O goberno local saíu ao paso das críticas do PP sobre o tráfico en Ponteareas. “É certo que hai moitas obras e iso é o que realmente parece molestar o Partido Popular”, sinalou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, “pero falar de caos circulatorio e de atascos a diario é unha esaxeración que non se sostén”. Segundo o edil nacionalista, o que hai son “algunhas incomodidades e cambios nalgúns hábitos de circulación, inevitábeis cando se fan obras tan importantes. Converter iso nun drama ou nunha traxedia apocalíptica, coma fai o PP, é propio de quen ten tolerancia cero ás molestias ou interese en facer política demagóxica”, conclúe Mera.

Segundo o concelleiro, os datos obxectivos reflicten unha realidade diferente. Actualmente, sinala, na vila hai 8 rúas e unha praza total ou parcialmente en obras. En tres circúlase con normalidade, noutras tres está garantido o acceso de residentes e servizos e tan só dúas rúas están cortadas completamente ao tráfico: Benavides e San Roque, rúas moi curtas, sen usos comerciais e con poucos residentes que ademais teñen o acceso garantido. No resto da rede viaria da vila, que representa o 85% do viario, non hai obras e circúlase con normalidade. O 100% dos aparcadoiros públicos continuan abertos e tan só un, o de Santa Ana, non é accesíbel os sábados de mañá polo mercado municipal. Ademais nos vindeiros días abriranse dous novos aparcadoiros que suman unhas 100 prazas máis.

O concelleiro de Mobilidade engade que “está facéndose a xestión do tráfico que é posíbel, adaptando día a día a circulación ás obras, dándolles continuamente información pública xeral e específica aos residentes, comerciantes e servizos de emerxencias de cada cambio e organizando alternativas de circulación e accesibilidade”.

O PP asegurou que as persoas das parroquias non fan as compras en Ponteareas prexudicando o comercio e hostalaría e achacan este feito a que é misión imposíbel acceder á vila. Mera amósase sorprendido e lembra que “Ponteareas está confinada por orde da Xunta de Galicia desde o inicio de novembro. Polo tanto, a veciñanza das parroquias só pode mercar en Ponteareas e, ademais, dispón de todos os accesos rodados á vila abertos, agora con menos tráfico e máis prazas de estacionamento ao estarmos pechados ao resto dos concellos”. Mera lémbralle ao PP que “o que prexudica o comercio non son as obras en oito rúas, senón o confinamento ordenado pola Xunta que dura xa mes e medio e que acabou coa clientela de toda a comarca nestas datas de máis consumo. A hostalaría só pode traballar en terraza, ao 50% e até as cinco da tarde por decisión da Xunta; por iso, culpar dos males do comercio e hostalaría ao tráfico e ás obras non é propio dunha oposición seria e útil”. O edil engadiu que “o que tamén prexudica o comercio e negocios de Ponteareas é ter forzas políticas que a diario falan mal de Ponteareas e propagan fóra da localidade unha imaxe negativa e falsa da nosa vila”.

Mera anunciou que “para que a oposición poida ser construtiva, será convocada esta semana a unha reunión de traballo. Aí comprobaremos se teñen algunha idea viábel e posíbel que mellore a nosa xestión do tráfico ou se as críticas son gratuítas e sen fundamento”.

Rematadas as obras de mellora no camiño de Pedreira na parroquia de Cabeira, Arbo

0

O Concello de Arbo vén de dar por rematadas as obras de mellora do camiño no lugar da Pedreira, na parroquia de Cabeiras, traballos que permiten solucionar a grave situación na que se atopaba esta infraestrutura. Cómpre lembrar que o lugar da Pedreira sitúase a carón dunha zona de monte que vén sendo pasto de frecuentes incendios.

Asemade, este problema ten derivado noutros non menos importantes como é o tránsito continuo de maquinaria pesada e de camións que transitan polo lugar para acceder o monte que provocou que, en época de choiva fórmese enxurrada que chega ata as vivendas do lugar.

Tamén na parroquia de Cabeiras, o Concello realizou melloras, con fondos propios, en diversos camiños de acceso a vivendaa, como é o caso de Fontan.

Con estas actuacións, apunta o alcalde de Arbo, Horacio Gil, o Concello pretende mellorar a súa rede municipal de estradas, reparando as estradas e pistas asfaltadas, e pavimentando completamente as pistas que se atopan en terra.

Una das súas prioridades, subliña, “é mellorar a seguridade viaria en todas as súas estradas, executando ensanches e mellora do trazado nos tramos mais perigosos”. O rexedor tamén prosegue afirmando que dada a ampla superficie do concello, e o gran número de estradas existentes, “a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicado, sendo necesarios proxectos de pavimentación que rexeneren completamente a rodadura en ditas estradas e que melloren a seguridade viaria coa optimización do trazado”.

Visita a mostra do Xabarín Club e deixa a túa sinatura para unha canle infantil e xuvenil en galego 24 horas

0

O Salón de Exposicións acolle ata o vindeiro mes de xaneiro a mostra ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’, unha exposición creada polo alumnado do CEIP A Guía de Moaña ao abeiro da campaña da Mesa pola Normalización Lingüística para poñer en marcha unha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha canle con programación dirixida ao público infantil e xuvenil que garante unha canle en galego con contidos atractivos, de éxito actuais e pasados, educativos e de produción galega.

A mostra estará aberta ao público todos os martes de 17.00 a 19.00 horas, así como todos os días nos que haxa programada algunha actividade no Salón de Exposicións, permanecendo dispoñible dende media hora antes de comezar a actividade ata media hora despois de rematar.

Ademais de desfrutar da exposición durante a visita as persoas interesadas tamén poderán deixar a súa sinatura para respaldar a iniciativa e levar a proposición ao parlamento. Tamén se poderá asinar polas mañás achegándose ás dependencias do propio Concello en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Segunda recollida solidaria de contos en Nigrán

0

Esta iniciativa comezou o ano pasado polo Nadal e, debido ao éxito, volverá repetir este ano. A intención é que cada vez se faga máis grande e haxa máis participación.

Este ano, ‘Onde viven os contos’, xunto co Pazo de Cea e Tatarina, convidan as familias a un espectáculo musical para todas as idades, da man de Lohengrin Teatro, co seu espectáculo “A mirada das volvoretas”.

A continuación, despois do Contacontos musicar, poderase gozar dunha chocolatada con rosca para encher de felicidade os estómagos. A cambio só se pide unha cousa, a doazón dun libro infantil novo ou seminuevo. Todos eles serán entregados aos Servizos Sociais do Concello de Nigrán.

En evento terá lugar o día sábado 19 de decembro ás 11.00 h no Pazo de Cea. As inscricións xa están abertas, para participar hai que encher o seguinte cuestionario https://forms.gle/ixXuKsoC69AAM83S7 e esperar a confirmación. O aforo é moi reducido, por iso limitouse a un adulto por neno.

O Concello pon ao dispor da veciñanza un novo servizo municipal “O Porriño Informa” a través dunha aplicación para o móbil

O Concello pon ao dispor da veciñanza un novo servizo municipal denominado “O Porriño Informa”. Trátase dunha app de comunicación bidireccional entre Concello e os cidadáns.

“O Porriñó informa” é unha aplicación para teléfonos móbiles que notifica aos veciños e vecinas sobre bandos, anuncios, noticias e información do Concello de xeito inmediato a través do teléfono móbil. E ademais os veciños poderán reportar incidencias, consultas e propostas ao Concello.

A partir de hoxe o Concello inclúe nas súas redes sociais información sobre este novo servizo así como o xeito de descargarse a aplicación no móbil. Asimesmo están a colocarse en edificios e depedencias municipais, carteis co anuncio do servizo e as instruccións e o código QR para descargar a “app”.

A través deste servizo, calquera veciño ou veciña poderá reportar incidencias, formular consultas e propoñer novas ideas ao seu concello. Todo desde o teléfono móbil, dunha forma sinxela e intuitiva.

David Alonso, concelleiro de Novas Tecnoloxías valorou que esta nova aplicación “permite a proximidade tanto para o Concello como para os veciños que nos poden avisar inmediatamente de avisos sobre avarías, baches, actos vandálicos e moitas outras anomalías que constitúen unha información moi valiosa para os servizos municipais e aforra aos cidadáns o proceso de rexistro destes incidentes ante o Concello”.

SmartPeme pon en marcha esta semana outros cinco obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre novas vías coas que promocionar produtos no entorno online, a mellora da sostibilidade e o IoT, unha das principais tecnoloxías de vangarda.

En concreto, este martes 15 impartirase o obradoiro “Infoprodutos de vídeo: o webinar”, a cargo de Lara Taboada, titulada en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico. Pola tarde terá lugar a intervención de Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, quen falará de “Vender os teus produtos en Facebook e Instagram”.

O mércores 16 será a quenda de “Cómo mellorar a sostibilidade do teu establecemento turístico”, neste caso o obradoiro será impartido por Mariana Rosa, graduada en Turismo pola Universidade de Vigo. Por último, o xoves 17 Adrián Fernánez, licenciado en Comunicación Audiovisual, falará sobre “Promocionar o teu negocio con Google My Business”; e, pola tarde, Manuel Freire, experto universitario en Robótica explicará “Qué é o IoT e qué promete”.

A Concellería de Vías e Obras inviste máis de 60.000€ na mellora de viais en Fozara e Santiago de Oliveira

A Concellería de Vías, Obras e Alumeado, que dirixe Chus Garrote, executa unhas importantes obras de mellora de camiños municipais que dan servizo á veciñanza de Outeiro de Castro, en Fozara, e de Santiago de Oliveira.

Esta nova actuación da Concellería de Vías e Obras conecta dous barrios de Fozara, Outeiro de Castro e A Lomba, que ata agora debían arrodear máis de tres kms para conectar distintas zonas do propio barrio. A empresa realizaron traballos de limpeza, apertura de cunetas, excavación en desmonte, muros, recheos e canalizacións de 1.526 metros para o seu  posterior asfaltado, transformando un camiño estreito de terra nun vial de anchura suficiente para que accedan todo tipo de servizos.

Tamén, en Santiago de Oliveira actuouse nun total de 1.655 metros limpando as marxes, abrindo cunetas e  cubrindo cunha nova capa de rodadura de asfalto compactado mellorando así o firme que xa estaba en malas condicións.

A concelleira socialista informa que nestas dúas actuacións se invisten un total de 61.359,67€ de fondos propios a través do Plan Concellos. Estas obras, ao igual que moitas xa realizadas, dan reposta á demanda da veciñanza, “e son mostra de que cada veciño e veciña conta, dende esta concellaría prímase a demanda colectiva pero tamén a individual e esas obras de microcamiños que precisan aglomerado son custosas e cando se poden facer coa nosa brigada de asfaltado dáselle máis rápida solución e cando non é posible a execución ralentízase porque debemos agrupalas. Somos conscientes de que cos nosos medios non podemos dar resposta inmediata a todas e algunhas deben agardar máis ca outras pero tentamos paulatinamente facer realidade todas as demandas”.

A Deputación incrementa ata os 565.000 euros as axudas básicas de emerxencia de 2021 para concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno as bases reguladoras das Axudas Básicas de Emerxencia do 2021 para os 52 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que terán un orzamento de 565.000 euros, o que supón un incremento de 100.000 euros con respecto a este ano.

A través desta liña de axudas, a institución provincial pon a disposición dos servizos sociais comunitarios dos concellos recursos públicos de xeito áxil e eficaz para que poidan atender as demandas de urxente e puntual necesidade das e dos cidadáns que se atopan en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo, amais de dar resposta a situacións de grave emerxencia. Dos citados 565.000 euros, un total de 365.000 euros son para axudas de gastos correntes e 200.000 euros para investimentos, e establécese unha contía máxima para cada concello que vai desde os 7.800 aos 17.800 euros, en función da súa poboación e da porcentaxe de desemprego con respecto á mesma.

Estas axudas permiten ás persoas en situación de vulnerabilidade poder afrontar pagamentos de diferentes tipos, entre os que se inclúen gastos de alimentación, vivenda ou necesidades básicas. Para o vindeiro ano, como novidade, incluirase na tipoloxía destas achegas as destinadas á adquisición de roupa e calzado, así como á compra de produtos de protección contra a Covid, coma máscaras e xel hidroalcólico.

O resto dos pagamentos que se poden financiar a través destas axudas son os servizos de carácter complementario por parte de persoas con algunha diversidade funcional ou dependencia que non poidan facerlle fronte ao gasto por si mesmas; o pago de custes de alimentación; de uso da vivenda; de recibos; pagamento de produtos de hixiene e limpeza; de produtos farmacéuticos; adquisición de electrodomésticos básicos; pago de gastos de desprazamentos; de lentes e audífonos; de tratamentos de odontoloxía; pago de produtos de apoio para persoas con diversidade funcional e de apoio á infancia.

O pasado ano estas axudas da Deputación deron cobertura a 1.65o unidades de convivencia na provincia, das que 1.150 tiñan menores ao seu cargo e 896 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego. Ademais, 300 das beneficiarias eran familias monoparentais, 392 eran usuarias do Servizo de Educación e Apoio Familiar, e 73 usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Así mesmo, 67 persoas eran vítimas de violencia de xénero, 333 tiñan diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido, e 278 eran persoas maiores. Doutra banda, outras 159 eran persoas con alcoholismo e ou drogodependencia; 13 eran persoas transeúntes ou sen fogar; 29 foron persoas solicitantes de asilo ou refuxiados e 59 eran emigrantes retornados.

Aumentan en 39 o número de casos activos por coronavirus en Galicia, situándose en 5.560

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.560, deles 955 son da área da Coruña, 486 da de Lugo, 452 da de Ourense, 848 da de Pontevedra, 1.304 da área de Vigo, 952 da de Santiago, e 563 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 310 en unidades de hospitalización e 5.195 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 49.960 persoas curadas, rexistrándose 1.312 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 991.202.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Deputación inviste máis de medio millón de euros na reposición de firme na EP-2204 Sabarís-Belesar, en Baiona

0

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar o proxecto para acometer a reposición do firme nos 6,3 quilómetros da EP-2204 Sabarís-Belesar, no termo municipal de Baiona, no que a institución provincial investirá un orzamento de 541.310 euros. Estes traballos enmárcanse no modelo de mobilidade que desenvolve a Deputación, co obxectivo de garantir a accesibilidade e a seguridade viaria no conxunto da rede de estradas provinciais.

Máis polo miúdo, o proxecto ten por obxecto realizar reposicións do firme na totalidade da estrada, así como a execución de redutores de velocidade de vehículos para o acougado do tráfico. Así mesmo, contempla tamén a modificación da sinalización vertical existente, así como a renovación da sinalización horizontal.

No que atinxe ao aglomerado do viario, realizaranse saneos nun tramo de 1.500 metros da estrada e renovarase a capa de rodadura nun área de 34.500 metros cadrados. Desta superficie, en 13.500 metros executarase previamente un tratamento superficial e nos outros 21.000 acometerase o fresado.

Mesa de traballo sobre as novas normativas forestais que se poñerán en marcha en Galicia

Selga, a empresa de silvicultura ligada á Asociación Forestal de Galicia, dirixe unha mesa de traballo sobre as novas normativas forestais que se aveciñan na comunidade. O evento, aberto a comunidades de montes, propietarios forestais e persoas interesadas, busca tanto asesorar ó sector forestal como coñecer os puntos de vista das persoas participantes. A mesa de traballo enmárcase no proxecto Gefrecon, orientado á prevención de incendios forestais, que está promovendo o Instituto Tecnológico de Galicia.

A participación na mesa de traballo é aberta. A xornada desenvolverase online, tendo en conta as actuais restriccións pola Covid, e farase o venres 18 de decembro a partir das 16:30 horas. Poderase acceder ó evento a través desta ligazón: https://global.gotomeeting.com/join/579886293

Programa

  • Presentación do proxecto Gefrecon, Fernando Echevarría.
  • Contratos de xestión pública, Daniel Rodríguez.
  • Plan Forestal de Galicia, Francisco Dans.
  • Agrupacións forestais de xestión conxunta, Daniel Rodríguez.
  • Revisión da Lei de Prevención e Extinción de Incendios Forestais, Xosé Covelo.

Tui recibirá máis de 350.000 euros para a construción dunha glorieta no enlace da N-550 coa A-55

0

O Concello de Tui recibirá da Deputación de Pontevedra unha achega por importe de 357.858 euros para acometer a construción dunha glorieta no ramal de enlace da estrada N-550 coa A-55 en Guillarei. Esta obra pretende mellorar a seguridade viaria nas conexións do tráfico co citado ramal da autovía e co núcleo de Sobredo desde a estrada nacional, así como garantir a seguridade das e dos peóns.

Hai que ter en conta que esta intersección ten unha grande afluencia de tráfico ao tratarse dun punto onde concorre principalmente circulación en sentido norte-sur e cara onde se desvían, tanto tráfico lixeiro como pesado para incorporarse á autovía. A maiores, o estado do firme é inadecuado en diferentes zonas.

Deste xeito, procederase á mellora da capa de rodadura en toda a superficie coa renovación do firme e coa nova glorieta, así como coas conexións coas vías adxacentes. Amais, ampliaranse e melloraranse as beirarrúas existentes, e acometerase a renovación e proxección da sinalización horizontal e vertical da intersección. Tamén se proxectan novas luminarias para mellorar a seguridade.

A achega que recibirá o concello tudense, forma parte do millón de euros que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou ao abeiro do Plan Concellos 2020 e que, amais de tui, beneficiarán aos municipios da Estrada, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, e A Lama. Estas axudas permitiranlles a estes concellos abordar diversos investimentos relacionados coa mellora dos servizos, infraestruturas e equipamentos municipais.

A Estrada recibirá unha axuda de 68.247€, para o financiamento da construción de dous aparcadoiros na Baiuca, a carón da nova Escola Infantil e o Centro de Saúde. Un deles executarase entre a Escola Infantil e a avenida de Pontevedra e contará cun total de 24 prazas, cunha superficie de 960 metros cadrados. Este estacionamento gardará unha estética en consonancia co do novo Centro de Saúde e realizarase en pavimento de formigón, unha xardineira central con árbores de sombra e recollida de pluviais. O segundo aparcadoiro habilitarase entre a avenida da Torre e o viario de servizos de nova apertura, con pavimento de zahorra, cunha superficie de 3.130 metros cadrados e capacidade para 140 vehículos.

No caso do Grove, percibirá unha achega de 179.263 euros, correspondente á aportación municipal ao convenio de colaboración para a execución do proxecto do Auditorio e a Escola de Música, destinado a traballos para a seguridade estrutural da cuberta transitable, que inclúe a redimensión dos petos baixo os criterios de deseño para barreiras de protección. Axustarase tamén o método de plantación, así como acondicionamento de iluminación e mobiliario e a estabilización de noiros para a execución da obra.

Pola súa banda, A Illa de Arousa conta cunha achega de 98.463,60 euros coa que poderá financiar a reposición da senda do Bao, así como o acondicionamento da franxa de terra entre o carril bici e o aparcadoiro. O paseo rehabilitarase coa retirada da pasarela de madeira, cuxo estado actual non ofrece a seguridade suficiente para o seu uso e a súa substitución con aporte de xabre e bordos de madeira. O proxecto contempla tamén o establecemento de baixadas á praia e a nivelación do terreo para igualar as rasantes do paseo.

No que atinxe ao Concello de Lalín, recibirá 160.000 euros que destinará á rede de saneamento nos núcleos de Belelle e Celemín. Máis polo miúdo, o obxecto do proxecto é dotar ao núcleo de Belelle dunha rede conectada á existente en Celemín, obra que beneficiará a un total de 22 vivendas, así como o a mellora da rede de augas pluviais en Celemín. Esta atópase actualmente en mal estado, o que provoca un exceso de auga en épocas de chuvias polas rúas deste núcleo

Doutra banda, A Lama conta cunha axuda de 180.000 euros con destino ao financiamento do acondicionamento e ampliación do edificio do Concello. Estas obras permitirán ampliar o inmoble, coa previsión da dotación de novos postos de traballo, así como a redistribución dos actuais espazos, dotándoo de novas salas de espera para que a veciñanza non teña que agardar no vestíbulo principal para ser atendida. Así mesmo, o proxecto contempla o acondicionamento do edificio, especialmente para o cumprimento da normativa de accesibilidade, coa dotación de aseos adaptados e un ascensor, que facilite á veciñanza o acceso á primeira planta do inmoble. Os traballos completaranse coa mellora da eficiencia enerxética, coa instalación dunha nova iluminación led e a mellora da envolvente exterior do edificio.

O PSOE de Tomiño pide que a a aprobación do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible non quede “só sobre o papel”

0

A Corporación Municipal de Tomiño aprobou por unanimidade, no último pleno ordinario do mes de novembro, o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES). A concelleira do PSdeG-PSOE Mirta Misa insistiu en que as propostas “non queden tan só sobre o papel” porque considera imprescindible “informar e asesorar á veciñanza na tramitación das axudas para a adaptación das vivendas, implantar puntos de recarga para vehículos eléctricos, transporte público axeitado, etc”.

As concelleiras socialistas denuncian –porque este documento o evidencia–, que a día de hoxe “o Concello de Tomiño non conta con Plans de Emerxencias contra inundacións, nin contra períodos de seca, nin contra incendios forestais” polo que esixen a súa redacción e aprobación de “maneira urxente”.

Por outra banda, as socialistas reuníronse nestes días con parte do tecido comercial do municipio perxudicado pola peonalización da Avenida Ordoñez, arteria principal da vila de Goián. Estes comerciantes amósanse “radicalmente en contra desta obra” ao considerar que os perxudica enormemente e poñen enriba da mesa “alternativas viables e sensatas”.

“Pedimos que se escoite e se atenda as veciñas e veciños, pois este Goberno presume de que ‘o Concello escoita’, e consideramos que non se pode dar as costas a esta grave problemática que podería ser a estocada final para Goián”, afirma a portavoz socialista, Violeta de Santiago, quen lembra que no citado PACES “fálase de reduccións de velocidades que é xustamente o que este Goberno presentou e prometeu para esta Avenida na precampaña electoral no Centro Goianés”.

Nigrán inicia hoxe coa xira do Paxe e Buzón Reeal unha programación de Nadal 100 % local que se achegará a todas as parroquias

0

O Concello de Nigrán arranca o luns 14 coa xira do Paxe e Buzón Real unha programación de Nadal realizada na súa totalidade por artistas do municipio e que, en boa medida, se achegará a cada parroquia cos mesmos espectáculos para manter aforos reducidos acordes á realidade sanitaria. O deseño da oferta cultural de Nadal realizouse tras establecer o goberno local unha bolsa de contratación específica dirixida a este sector e conta coa colaboración das entidades veciñais como respectivas sedes para poder ser itinerante.

“É unha programación 100 % feita por artistas de Nigrán, centrada sobre todo nos cativos e, como non pode ser doutro xeito, adaptada ás circunstancias sanitaria coas máximas garantías de seguridade”, incide o alcalde, Juan González, quen insiste en que “máis que nunca, se trata de ofrecer algo de alegría nunhas datas con moito contido emocional e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector cultural e de ocio do municipio”.

Así, a Asociación de Veciños de Chandebrito será o primeiro lugar onde os nenos poderán deixar o luns 14 as súas cartas de 17:00 a 19:00 horas (o mesmo percorrerá cada parroquia, desprazándose ata o día 22). Artistas como Rey Midas, o dúo Voltereta e Volvoreta e o grupo Teatro do Ar ofrecerán tamén o mesmo espectáculo en cada unha delas (sempre que non chova será no exterior).

A maiores, e tamén apuntados na bolsa de contratación municipal, terán lugar na Praza do Concello ás 19:00 horas os concertos de Backup Souls (30 de decembro), Prosy (23 de decembro) e o grupo de batucada ‘Latexo’ (26 de decembro), así como a actuación de Peter Punk na Praza Rosalía de Castro (4 de xaneiro ás 17:00 horas).

Igual filosofía de achegar ás sete parroquias os mesmos eventos para non exceder aforos e evitar concentracións se levará a cabo o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis. Tal e como xa explicaron as Súas Maxestades a través dun vídeo para os nenos e nenas de Nigrán, multiplicarán o seu esforzo grazas, unha vez máis, a colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais.