14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán mantén a súa colaboración coas comunidades de augas veciñais renovando os...

    Nigrán mantén a súa colaboración coas comunidades de augas veciñais renovando os colectores de “A Revolta-Piñeiros” en Camos

    As novas regulacións sanitarias obrigan ás traídas comunais a emprender obras e tramitar documentación, aspecto no que o Concello xa está a colaborar cun investimento inicial de preto de 55.000 €

    O Concello de Nigrán aposta por preservar as traídas de augas veciñais privadas investindo naquelas que desexan manter de cara ao futuro este servizo básico para as parroquias de Camos e Chandebrito, onde non chega ao 100% o abastecemento municipal. Así, considerando que as novas regulacións sanitarias ou fin de concesións obrigan á maioría das comunidades existentes a emprender obras nas súas instalacións e tramitar documentación, o Concello rematou xa a súa colaboración coa traídas de A Rotea e concluirá esta semana coa de Piñeiros (Camos) para continuar en O Castro e Lapela (Chandebrito), todas manifestaron nas súas respectivas asembleas o seu interese en manter o subministro de cara ao futuro e de recibir para elo a axuda do Concello.

    En concreto, na comunidade de Piñeiros (que dá servizo a 40 fogares nesta zona onde non chega o abastecemento municipal) o Concello iniciou hoxe a renovación de 900 metros de tubaxe que xa superaran a súa vida útil coa conseguinte problemática que acarrexaba. A continuación, o Concello seguirá coa de O Castro de Chandebrito, onde se renovou o peche perimetral do depósito e se instalará un clorador, mosquiteiras e sinalización axeitada. Finalmente será a de Pracíns, onde se está a valorar cos comuneiros as necesidades.

    “As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a continuidade e seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias”, explica o alcalde, Juan González, quen hai meses mantivo un encontro con representantes das 7 comunidades de augas existentes na localidade (3 delas en Chandebrito e 4 en Camos) para precisamente ofrecer esta colaboración. “Iniciamos os traballos de regularización naquelas que demandaron a nosa axuda, pero mantemos esta porta aberta para todas as demais no momento en que se decidan. As comunidades coas que o Concello colabora manteñen a súa independencia total e absoluta e seguen a ser os titulares dos seus recursos, é unha decisión dos comuneiros regularizarse coa nosa axuda ou sen ela”, insiste o rexedor.

    Deste xeito, co fin de adaptarse á normativa sanitaria, o Concello investirá preto de 55.000 € en diferentes obras en Lapela, Rotea e Piñeiros. Segundo o informe das necesidades das tres traídas solicitantes, nalgúns casos será preciso renovar os colectores, noutros instalar cloradores, mosquiteiras, sinalización… e mesmo traballo administrativo como realizar memorias de legalización.

    “Todas as traídas comunais son de tempos xa remotos onde non había ningún tipo de regulación, algunhas foron adaptándose aos requirimentos e outras quedaron practicamente igual, pero hai que recoñecer que, grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación no rural e mellorar as súas condicións de vida; consideramos que agora é o momento de que o Concello colabore con elas ao tempo que continuamos ampliando o abastecemento público”, considera o alcalde, quen incide en que paralelamente o Concello cubríu nestes anos o 100% da parroquia de Parada e boa parte de Camos, onde proseguirá cos barrios de O Carballal, A Cruz, e a veciña Tarela.

    As comunidades de augas son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí ancestralmente se formaron estas comunidades de veciños privadas. Estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de 300.000 veciños. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.