25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui recibirá máis de 350.000 euros para a construción dunha glorieta no...

    Tui recibirá máis de 350.000 euros para a construción dunha glorieta no enlace da N-550 coa A-55

    As novas achegas da Deputación, de preto dun millón de euros, beneficiarán a Lalín, A Estrada, A Lama, O Grove, A Illa de Arousa e Tui e irán destinadas a melloras nas infraestruturas e equipamentos municipais

    O Concello de Tui recibirá da Deputación de Pontevedra unha achega por importe de 357.858 euros para acometer a construción dunha glorieta no ramal de enlace da estrada N-550 coa A-55 en Guillarei. Esta obra pretende mellorar a seguridade viaria nas conexións do tráfico co citado ramal da autovía e co núcleo de Sobredo desde a estrada nacional, así como garantir a seguridade das e dos peóns.

    Hai que ter en conta que esta intersección ten unha grande afluencia de tráfico ao tratarse dun punto onde concorre principalmente circulación en sentido norte-sur e cara onde se desvían, tanto tráfico lixeiro como pesado para incorporarse á autovía. A maiores, o estado do firme é inadecuado en diferentes zonas.

    Deste xeito, procederase á mellora da capa de rodadura en toda a superficie coa renovación do firme e coa nova glorieta, así como coas conexións coas vías adxacentes. Amais, ampliaranse e melloraranse as beirarrúas existentes, e acometerase a renovación e proxección da sinalización horizontal e vertical da intersección. Tamén se proxectan novas luminarias para mellorar a seguridade.

    A achega que recibirá o concello tudense, forma parte do millón de euros que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou ao abeiro do Plan Concellos 2020 e que, amais de tui, beneficiarán aos municipios da Estrada, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, e A Lama. Estas axudas permitiranlles a estes concellos abordar diversos investimentos relacionados coa mellora dos servizos, infraestruturas e equipamentos municipais.

    A Estrada recibirá unha axuda de 68.247€, para o financiamento da construción de dous aparcadoiros na Baiuca, a carón da nova Escola Infantil e o Centro de Saúde. Un deles executarase entre a Escola Infantil e a avenida de Pontevedra e contará cun total de 24 prazas, cunha superficie de 960 metros cadrados. Este estacionamento gardará unha estética en consonancia co do novo Centro de Saúde e realizarase en pavimento de formigón, unha xardineira central con árbores de sombra e recollida de pluviais. O segundo aparcadoiro habilitarase entre a avenida da Torre e o viario de servizos de nova apertura, con pavimento de zahorra, cunha superficie de 3.130 metros cadrados e capacidade para 140 vehículos.

    No caso do Grove, percibirá unha achega de 179.263 euros, correspondente á aportación municipal ao convenio de colaboración para a execución do proxecto do Auditorio e a Escola de Música, destinado a traballos para a seguridade estrutural da cuberta transitable, que inclúe a redimensión dos petos baixo os criterios de deseño para barreiras de protección. Axustarase tamén o método de plantación, así como acondicionamento de iluminación e mobiliario e a estabilización de noiros para a execución da obra.

    Pola súa banda, A Illa de Arousa conta cunha achega de 98.463,60 euros coa que poderá financiar a reposición da senda do Bao, así como o acondicionamento da franxa de terra entre o carril bici e o aparcadoiro. O paseo rehabilitarase coa retirada da pasarela de madeira, cuxo estado actual non ofrece a seguridade suficiente para o seu uso e a súa substitución con aporte de xabre e bordos de madeira. O proxecto contempla tamén o establecemento de baixadas á praia e a nivelación do terreo para igualar as rasantes do paseo.

    No que atinxe ao Concello de Lalín, recibirá 160.000 euros que destinará á rede de saneamento nos núcleos de Belelle e Celemín. Máis polo miúdo, o obxecto do proxecto é dotar ao núcleo de Belelle dunha rede conectada á existente en Celemín, obra que beneficiará a un total de 22 vivendas, así como o a mellora da rede de augas pluviais en Celemín. Esta atópase actualmente en mal estado, o que provoca un exceso de auga en épocas de chuvias polas rúas deste núcleo

    Doutra banda, A Lama conta cunha axuda de 180.000 euros con destino ao financiamento do acondicionamento e ampliación do edificio do Concello. Estas obras permitirán ampliar o inmoble, coa previsión da dotación de novos postos de traballo, así como a redistribución dos actuais espazos, dotándoo de novas salas de espera para que a veciñanza non teña que agardar no vestíbulo principal para ser atendida. Así mesmo, o proxecto contempla o acondicionamento do edificio, especialmente para o cumprimento da normativa de accesibilidade, coa dotación de aseos adaptados e un ascensor, que facilite á veciñanza o acceso á primeira planta do inmoble. Os traballos completaranse coa mellora da eficiencia enerxética, coa instalación dunha nova iluminación led e a mellora da envolvente exterior do edificio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.