O Concello de Nigrán iniciou esta mañá no Pavillón Municipal de Panxón o reparto dos xoguetes recadados na campaña solidaria ‘Agasallos de Corazón’ que aínda remata este venres 18 de decembro e que xa é a maior na Historia do municipio. Os miles de xoguetes doados pola veciñanza servirán para agasallar os Reis e Papá Noel de 125 menores do municipio de 0 a 16 anos procedentes de familias en situación de vulnerabilidade e, o restante, pasará a formar parte do primeiro Banco Municipal de Xoguetes para que esté operativo todo o ano.
“É tal a cantidade de xoguetes que recibimos que, ademais de entregar os lotes de agasallos máis completos ata a data, crearemos desde xa mesmo con eles un Banco Municipal de Xoguetes para que as familias dependentes dos Servizos Sociais poidan recurrir a el nos aniversarios dos seus fillos. Consideremos que esta iniciativa ten que ir máis alá do Nadal”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña a implicación dos seu equipo que, durante meses, estivo seleccionando só os que estivesen en perfecto estado e empaquetándoos.
O obxectivo do Concello de Nigrán é que o Nadal non signifique para as familias en risco de exclusión social do municipio un agravamento da súa condición, polo que o goberno local leva adiante máis iniciativas solidarias, como unha recollida de alimentos non perecedoiros nos colexios ou a promoción do Roupeiro Municipal (ben para realizar doazóns ou ben para recoller prendas de cara a realizar agasallos, xa que dispón desde infantil a adulto en todas as tallas, incluído zapatos, e mesmo roupa de cama).
![](https://www.comarcasnarede.com/wp-content/uploads/2020/12/Reparto-xoguetes.-Nigrán-2-1024x768.jpg)
“Lamentablemente, a crise sanitaria conleva unha crise económica que está a minar a economía de moitas familias debido ao peche de negocios ou ERTES, polo que o número de usuarios dos Servizos Sociais está en aumento, así que, máis que nunca, debemos promover a solidariedade entre a veciñanza e non deixar a ninguén atrás”, subliña o rexedor.