Martes, 29 Xullo de 2025

O Concello de Tui volve contar co servizo de Orientación Laboral

0

O Concello de Tui volve contar co servizo de Orientación Laboral. A concellería de Formación e Emprego puxo de novo en marcha este servizo de orientación laboral para o emprego dirixido a persoas empadroadas no municipio e que se atopen en proceso de procura de emprego ou se expoñan a posta en marcha de proxectos emprendedores ou de autoemprego.

O servizo, que xa está en funcionamento, está situado nas instalacións do Centro Municipal de Formación en Guillarei. Ofrece información, asesoramento e recursos para a procura de emprego e/ou formación así como os recursos de apoio necesarios para aquelas persoas que opten polo emprendemento.

A través deste servizo de atención personalizada, a cargo de persoal técnico especializado, as persoas poderán mellorar a súa empregabilidade mediante o deseño de itinerarios personalizados de inserción. Ademais recibirán formación e axuda técnica para a elaboración do curriculum e para a preparación de entrevistas, recursos e ferramentas para a procura activa de emprego, oferta formativa ou asesoramento sobre o mercado laboral e mobilidade laboral transfronteiriza.

Coa finalidade de reducir a fenda dixital o servizo incorpora o acceso a unha aula tecnolóxica para facilitar a procura de emprego a través das novas tecnoloxías.

Como novidade o servizo de orientación laboral pon en marcha unha bolsa de emprego municipal á que se poderán incorporarán aquelas persoas que se atopen en procura activa de emprego. Tamén poderán acceder á bolsa as empresas da contorna con necesidade de cubrir vacantes.

As persoas e empresas interesadas, poderán solicitar o servizo de orientación e intermediación laboral mediante cita previa no número 986 60 32 28 ou a través no correo orientació[email protected].

A Concelleira de Emprego, Ana Mª Núñez, amosa a súa satisfacción pola posta novamente en marcha do servizo de orientación, nun momento de especial necesidade e incerteza do mercado laboral para as persoas en procura de emprego. Destaca que isto supón unha aposta decidida deste goberno polo emprego.

Gondomar humanizará varias vías do seu concello grazas aos investimentos da Deputación

0

Gondomar verá renovada a imaxe da interconexión das rúas San Bieito e Emigrante coas estradas de Peitieiros e Chain-Morgadáns a través dun proxecto aprobado pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Estas melloras contan cun orzamento de case 271.800 euros e levaranse a cabo grazas a un convenio de colaboración entre o ente provincial e o concello de Gondomar. A través deste acordo a Deputación de Pontevedra aportará o 70% do orzamento, máis de 190.000 euros, e o concello de Gondomar fará o propio co 30% restante, máis de 81.500 euros.

As actuacións levaranse a cabo para darlle prioridade e unha maior seguridade á veciñanza e viandantes nas rúas San Benito e Emigrante e nos tramos iniciais dos viarios de dirección ás parroquias de Peiteiros, Chain e Morgadáns, que unen estas parroquias co centro urbano de Gondomar. Deste xeito, co modelo de mobilidade amable e segura da Deputación, ampliaranse as beirarrúas –tratando de manter o ancho de 2,5 metros con variantes puntuais- e servizos como o alumeado público e mellorarase a parada de autobuses no inicio do viario en dirección ás parroquias de Chaín e Morgadáns. Esta humanización tamén contempla a construción de novos pasos de peóns ou peoas elevados, adecuados á normativa actual, á vez que se conserva o paso de vehículos.

Nigrán programa un autocine en Praia América para o 8M e a reedición da exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’ na Ramallosa

0

O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información a Muller (CIM), conmemora este ano o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cun autocine o sábado 6 de marzo en Praia América e a re-edición da exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’. A programación a pechará unha performance de ‘Mulleres en Acción Violencia Zero’ o 22 de marzo no IES Proval.

Os veciños empadroados poderán experimentar por vez primeira en carne propia e de xeito gratuito a típica estampa das películas americanas baseadas nos anos 50-60 na que os protagonistas disfrutan do cine desde o seu propio coche, neste caso desde o aparcadoiro das antigas escolas de surf en Praia América. O Concello elixe para a proxección a premiadísima “La bicicleta verde”, primeira película realizada por unha muller en Arabia Saudí. O desexo dunha nena por conseguir unha bicicleta é unha metáfora da desigualdade de oportunidades entre entre mulleres e homes existente na sociedade saudí e en moitos lugares do mundo. As persoas interesadas deben reservar a súa praza en www.autocine.gal entre este sábado 27 de febreiro ás 12:00 e o 4 de marzo ás 18:00, realizándose as reservas por rigorosa orde de inscrición e tendo prioridade os empadroados no municipio. A actividade está financiada polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero

“Trátase dunha iniciativa cultural segura desde o punto de vista sanitario, cunha longametraxe de gran calidade pero nun formato novidoso que sabemos que conta con gran demanda de persoas desexosas de probar”, explica o alcalde, Juan González.

Igualmente, o Concello de Nigrán rescata para este ano a exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’ desde o propio día 8 e ata o 31 de marzo no Centro Comercial A Ramallosa SXXI. Esta mostra propia, elaborada con motivo do 8-M do ano pasado, é froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano centos de imaxes antigas. Nunha escolma de 150 fotos os asistentes poden ver e recoñecer a mulleres de Nigrán labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices… En definitiva, mulleres comúns e valerosas ás que a ONU adica cada 8 de marzo e ás que o consistorio rende homenaxe. “A mostra tivo moitísimo éxito pero só puido permanecer aberta unha semana no Auditorio Municipal porque chegou o confinamento; moitos veciños quedaron con ganas  e por iso consideramos unha prioridade re-editala”, sinala o alcalde, Juan González, quen defende a súa nova ubicación no Centro Comercial A Ramallosa S.XXI como un incentivo máis para acudir a este lugar e a súa contorna, con moito pequeno comercio e, por outra banda, destaca a vantaxe da súa gran amplitude de horarios.

A programación finaliza o día 22 de marzo ás 17:15 horas no IES Proval coa performance da VI edición do Programa Mulleres en Acción Violencia Zero da Deputación de Pontevedra, na que cada ano participa Nigrán.

“A mostra tivo moitísimo éxito pero só puido permanecer aberta unha semana, cando pasen estas circunstancias a recuperaremos pero mentras cremos que o catálogo é unha fonte de lecer moi interesante nestes intres”, sinala o alcalde, Juan González

A Xunta moderniza o campo de fútbol das Tornas, en Oia, cunha achega de 40.000 euros para a creación dun novo edificio de vestiarios

0

A Xunta vén de financiar unha nova fase de mellora e modernización do Campo de Fútbol das Tornas, no Concello de Oia, consistente na construción dun novo edificio para vestiarios que dispuxo dunha achega autonómica de 40.000€ ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, achegáronse o venres ata esta instalación deportiva para supervisar esta actuación, que permitirá duplicar a actual superficie destinada a vestiarios e que dá continuidade ás melloras acometidas neste campo, hai xa cinco anos, con financiamento autonómico.

O proxecto, cuxas obras rematáronse recentemente, consistiron na creación dunha nova unidade construtiva, no espazo existente xunto ao gradarío, cunha superficie de case 80 m2 con dous vestiarios para equipos con preto de 30 metros e outro individual para os árbitros.

Deste xeito, o campo disporá de instalacións suficientes para os seus usuarios, xa que ata a data dispoñía dun inmoble con dous vestiarios grupais, dous para colexiados e outro con formato de aseo para persoas con discapacidade, pero facíanse escasos polo constante emprego do estadio, que habitualmente é utilizado polo Clube de Fútbol Oiense, equipos de veteráns, os cativos da escola de fútbol e, ocasionalmente, por parte de afeccionados, torneos amigables e acampamentos de verán.

“Cremos que é unha mellora máis que necesaria e que se enmarca no compromiso que temos dende a Xunta de Galicia co Concello de Oia, que leva tres anos consecutivos recibindo diferentes axudas da orde de infraestruturas de uso público cun investimento global de máis de 100.000€ que permitiu mellorar, ademais deste campo de fútbol, diferentes viais do municipio en zonas como Mavía, Oia, Viladesuso, Mougás ou Santa María”, detallou Luis López.

O programa de radio ‘As mulleres contan / Percorrendo camiño’, prólogo dun 8M de Redondela que terá actos ao longo do todo o ano

0

A Concellería de Igualdade, dentro dos actos previos ao 8M, iniciará o luns en Radio Redondela o programa ‘As mulleres contan / percorrendo camiño’, unha iniciativa que todos os luns dará voz a mulleres de Redondela co obxectivo de visibilizar, non so o seu traballo, senón tamén as súas inquedanzas na súa vida ou actividade laboral.

Son, explica a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Digna Rivas, “mulleres do noso concello que fan unha enorme contribución á sociedade e que loitan día a día por acadar unha igualdade real, en todos os eidos, entre homes e mulleres”.

Serán palabras que transmitirán emocións, vivencias e experiencias “que permitirán que todos e todas reflexionemos sobre o traballo que fan todas e cada unha delas e a súa importante contribución a crear unha sociedade máis igualitaria e máis xusta”.

A serie de programas o abrirá este luns o apartado Ciencia, coa enxeñeira aeroespacial, Xunqueira Ezara para seguir, nos vindeiros luns con Sanidade no que participarán unha medica e unha técnica de laboratorio e Mar, con representantes de Amarturmar empresa de turismo mariñeiro e de mariscadoras redondelás. A partir de ahí, deporte, cultura, comercio, empresa e outras actividades nas que participan mulleres de Redondela pasarán por este programa e visibilización o papel da muller nas diferentes actividades.

‘As mulleres contan / Percorrendo camiño’ será a primeira das actividades que se desenvolvan dentro dun programa de actos conmemorativos do 8M “que non quedarán cinguidos a un só día, senón que algunhas das actividades previstas desenvolveranse ao longo de todo o ano”.

A reivindicación da igualdade, engadiu Digna Rivas, “non pode quedar restrinxida a actos puntuais durante un día ao ano, senón que ten que ser, e debe ser, unha acción continuada ao longo do tempo”. “E preciso que a veciñanza interiorice que sen igualdade non hai futuro”, conclúe a alcaldesa de Redondela.

Comezan as obras da nova Escola Infantil do concello da Guarda

0

A vindeira semana inícianse as obras da nova Escola Infantil do concello da Guarda, que terá o seu emprazamento nas antigas vivendas de mestres e no comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde. A nova escola contará con 41 prazas distribuídas en tres unidades. O proxecto contempla a conservación de parte da fachada do edificio actual, na planta baixa localizarase a escola infantil cun patio para goce exclusivo dos usuarios. Na zona de acceso ao edificio haberá dúas plantas, a superior estará destinada a usos auxiliares

O obra adxudicouse a empresa Construcciones Ramírez S.L. por 691.746,99 € dos cales a Xunta de Galicia achega 410.000 € (59.3 %) financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e o concello da Guarda achega os restantes 281.746,99 € (40.7 %). Para que esta actuación fora posible, ademais de anos de xestións e da importante contribución económica, o concello tivo que facerse cargo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

O prazo para a execución da obra é de 14 meses, o remate da edificación está previsto para o primeiro semestre de 2022. A Xunta farase cargo da contratación e custo do equipamento necesario para poñer en funcionamento a escola, así como da súa xestión a través da rede de escolas infantís Galiña Azul.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quere mostrar a súa satisfacción polo comezo desta obra tan esperada e demandada que permitirá duplicar as prazas de atención a infancia de 0-3 anos na localidade. “A previsión é a de eliminar as listas de agarda e dar servizo a todas as familias que o necesiten. Esta actuación permitirá avanzar na conciliación da vida familiar e laboral e mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, sobre todo da xente máis nova. A súa vez forma parte das políticas de loita contra a crise demográfica que pretenden frear a diminución de poboación na localidade.”

Redondela inicia a tramitación para recuperar a antiga ‘casa dos mestres’ e transformala nun espazo de uso cultural

0

O Concello de Redondela vén de iniciar o proceso que, unha vez rematado, permitirá a rehabilitación e posterior transformación das antigas ‘vivendas dos mestres’ nun museo etnográfico e espazo cultural e, ao mesmo tempo, darase uso a un edificio que durante décadas permaneceu no máis absoluto abandono e que poderá pasar a formar parte do inventario municipal.

Para a cesión da edificación ao Concello, o primeiro trámite solicitado por Patrimonio do Estado era unha aprobación plenaria en tal sentido ao ser o período solicitado de 25 anos e ser, polo tanto, unha competencia plenaria e non da Alcaldía.

Dito acordo plenario será agora remitido a Patrimonio acompañado dunha memoria explicativa dos fins aos que se vai dedicar o inmoble, amais doutra documentación técnica. Unha vez que Patrimonio do Estado dea o visto e prace á cesión, o seguinte será o cambio do uso do solar para pasalo da súa actual catalogación de dotacional docente a dotacional sociocultural, o que terá que ser novamente acordado polo Pleno da Corporación Municipal ao levar aparellado un cambio nas Normas Subsidiarias.

Compre salientar que ese é o único uso posible que se pode dar o inmoble ao quedar descartado o seu uso para vivenda social. De feito, explica o Goberno local, “por unha banda o edificio é de titularidade de Patrimonio do Estado e este non permite a súa cesión a terceiros por parte do Concello”. Doutra banda, engade o Concello de Redondela “ao estar enclavado o inmoble en dominio marítimo terrestre, non permite o seu uso residencial”.

Unha vez culminado o proceso, Redondela poderá comezar a recuperación da ‘vivenda dos mestres’ para dar resposta a unha “reivindicación histórica dos colectivos culturais para a creación dun museo etnográfico que recolla a cultura popular de Redondela e evitar que se perda no tempo e, ao mesmo tempo, contar cun espazo que dea cabida ao importante número de artistas do municipio que precisan dun espazo no que expoñer as súas obras”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.

A alcaldesa de Redondela lembra tamén que existen artistas redondeláns, cun gran legado, “que teñen a intención de doar parte da súa creación ao Concello, polo que é preciso contar cun espazo apropiado tanto para a súa exposición coma conservación”.

A primeira actuación a realizar será a rehabilitación integral do edificio para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedaría instalado un espazo de museo, con salas de exposición –tanto permanentes coma temporais–, sala de interpretación e espazo para un taller que permita a realización de actividades creativas.

Coa remodelación deste espazo céntrico e, ata o de agora, absolutamente esquecido “non só se atende as demandas realizadas dende hai anos polos colectivos culturais do municipio, senón que se pon en valor un inmoble que, de feito, xa é de por si de interese etnográfico porque forma da historia de Redondela”, subliña a rexedora redondelá.

A Deputación aproba as bases para distribuír medio millón de euros entre clubs náuticos da provincia

Coa finalidade de fomentar o deporte como hábitos saudable e de seguir apoiando aos clubs deportivos da provincia, a Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases para distribuír medio millón de euros entre clubs náuticos da provincia. En concreto, as achegas, por concorrencia competitiva, diríxense a clubs que participen en probas federadas nas modalidades de remo, vela e piragüismo. Con estas axudas e en menos de dous meses de ano o goberno provincial xa aprobou subvencións para clubs deportivos por valor de preto de 2 millóns de euros.

As subvencións para clubs náuticos da provincia que veñen de ser aprobadas distribúense en 280.000 € para clubs de piragüismo, 145.000 € para clubs de remo e 75.000 € para os de vela que participan en ligas e competicións oficiais de ámbito provincial, autonómico ou nacional convocadas por federacións deportivas. Con estas axudas da Deputación, poderanse cubrir gastos federativos como licenzas, mutualidades ou arbitraxes; gastos materiais como vestimenta ou equipamento; gastos para competicións que inclúen desde desprazamentos ata aloxamento ou manutención; gastos derivados da contratación de persoal para o funcionamento do club; gastos sanitarios, formativos ou de organización de eventos; gastos correntes ou tamén os de alugueiro. Os clubs interesados nesta liña de subvencións poderán presentar as súas solicitudes durante quince días trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. O pasado ano beneficiáronse destas axudas 51 clubs de 18 concellos da provincia dos cales 27 eran de piragüismo, 16 de remo e 8 de vela.

No que levamos de 2021 a Deputación de Pontevedra xa deu luz verde a preto de 2 millóns de € dirixidos a clubs deportivos da provincia, cos 850.000 € que contemplan as bases dirixidas a equipos femininos e masculinos que participan en competicións federadas de ámbito nacional, os 600.000 € para deporte federado de ámbito inferior a nacional e clubs de rexional preferente e os 500.000 € que veñen de aprobarse nesta última Xunta de Goberno para os clubs de deporte náutico.

Nigrán dixitalizará todo o material audivisual da antiga TV local para preservalo e poder consultalo na nova biblioteca

0

O Concello de Nigrán reservará unha partida orzamentaria de 7.000 € destinada a dixitalizar todo o material audiovisual xerado durante o funcionamento da antiga TV Local de Nigrán entre 1994 e 1998. O Arquivo Municipal mantén almacenadas desde entón preto de 600 cintas VHS con máis de 1.500 horas de grabación cun alto risco de que resulten irrecuperables ante o seu progresivo deterioro.

O obxectivo do goberno local é dixitalizar o 100 % para, posteriormente, seleccionar a programación propia emitida durante eses 4 anos, clasificala e etiquetala de xeito que resulte de fácil consulta para calquera usuario da futura Biblioteca Municipal e para investigadores. Neste novo edificio se reservará un espazo con dous equipos informáticos destinados a visionar estes materiais audiovisuais e os que vaian xurdindo. Igualmente, se recuperarán as cámaras orixinais para mantelas expostas neste novo edificio.

“É un material con moitísimo valor histórico para Nigrán que debemos recuperar xa porque se está deteriorando ano a ano. Deste xeito garantimos a súa pervivencia para sempre e aproveitamos de verdade o traballo realizado durante aqueles anos”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que, precisamente na pequena escolma ao azar realizada para ver se era posible técnicamente a dixitalización apareceu un concerto dun novísimo Ivan Ferreiro ou unha entrevista a unha persoa maior de Nigrán xa falecida como parte do programa ‘Os nosos vellos’.

“Temos un material propio que, coa perspectiva que outorgan 25 anos despois, é dun gran valor histórico porque reflexa o noso pasado máis inmediato”, sinala o rexedor en referencia a apartados como o informativo local, tertulias, entrevistas aos alcaldes do momento ou a veciños, concertos de grupos da comarca… “Todos os actores sociais daquel momento son protagonistas, hai incluso momentos de gran tensión entre contertulios que aínda se recordan hoxe en día”, incide.

Historia da TV Local

O xérmolo da Televisión Local de Nigrán foi unha escola-taller de audiovisuais situado no actual edificio municipal do Centro Antena, fundado precisamente cos obxectivos de fomentar o desenvolvemento local a través de accións relacionadas coas novas tecnoloxías, a formación, o emprego, a dinamización empresarial e comercial, etc. Deste obradoiro xurdíu inicialmente a radio de Nigrán no 1992 e no 1994 arrancou a televisión durante 6 meses cos propios alumnos-traballadores como protagonistas. Esta retomou a emisión no 1995 baixo a dirección de sucesivos profesionais e convertíuse nun servizo mancomunado desde 1996 a 1998, cando finalmente pechou. A Televisión Local de Nigrán estivo operativa nun intre de eclosión das mesmas en toda a area de Vigo, sobrevivindo finalmente unhas poucas ante o alto custe do seu mantemento.

Baiona remata o acondicionamento do Camiño dos Eidos, en Baíña, cun investimento de máis de 93.000 euros

0

O Concello de Baiona finalizou as obras do proxecto de acondicionamento do Camiño dos Eidos, na parroquia de Baíña, por importe de 93,170,93 euros, que se financiaron con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación principal foi a rehabilitación do firme existente ao mesmo tempo que se melloraron diferentes tramos de drenaxe.

Ao mesmo tempo tamén levouse a cabo o cajeo e pavimentación nos diferentes sobreanchos non pavimentados coa finalidade de ampliar lixeiramente a sección transversal existente, ampliando a calzada da zona.

Os traballos incluíron a mellora da zona de esparexemento situada nunha marxe da vía, na que se procedeu á protección das marxes do regacho próximo e á mellora nas condicións estéticas da devandita área. A zona de recreo foi dotada de elementos biosaudables, pavimentada en lastra de pedra, con xardineiras a nivel da rasante, delimitada con varandas, e instaláronse bancos, papeleiras e unha fonte para o esparexemento e goce de todos os seus veciños e veciñas.

O Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, lembrou que se trataba dunha actuación moi necesaria, xa que “é unha das calzadas máis transitadas da parroquia de Baíña, pois dá acceso a unhas numerosas vivendas do Barrio de Eidos, unha vía moi utilizada polo veciños e veciñas da zona”.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinalaba que este tipo de actuacións “son prioritarios para o equipo de Goberno e iremos mellorando e dotando de proxectos como este ás diferentes parroquias”. É precisamente para acadar este obxectivo o motivo polo que “decidiuse investir no rural a maioría do montante do capítulo de investimentos recollidos no Orzamento aprobado inicialmente no mes de decembro”.

Nese sentido Gómez subliña que “do total de 928.789,58 euros destinados a investimentos, ao redor de 600.000 euros –gran parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra–, irá destinada á mellora das nosas parroquias”. O rexedor baionés insistiu que “facer importantes investimentos no rural é unha da grandes apostas deste equipo de Goberno por iso contémplase para elas un plan de mellora de camiños municipais, melloras na iluminación con cambios de luminarias por tecnoloxía led, proxectos de saneamento, pavimentación de vías públicas ou rehabilitación do patrimonio”.

O Concello de Salvaterra de Miño pon en marcha o proxecto dun punto limpo básico de tratamento ecolóxico de residuos para autocaravanas

O Concello de Salvaterra ven de adxudicar as obras para a creación dun  “PUNTO LIMPO BÁSICO DE TRATAMENTO ECOLÓXICO DE RESIDUOS PARA AUTOCARAVANAS, no seu afán de continuar fomentando Salvaterra de Miño como lugar turístico e traballar a prol do crecemento e desenrolo da economía local.

Hai que dicir que o auxe do turismo de autocaravana cobrou unha magnitude moi importante nos últimos anos. Estímase que o parque total de estos vehículos na Unión Europea alcanza 1.500.000, chegando cada ano a España ao redor de 450.000 autocaravanas superando de este xeito a visita de 900.000 turistas. Cómpre ter en conta que o turismo itinerante en autocaravana está presente ao longo de todo ano.

Para captar este tipo de turismo é importante ter unha pequena infraestructura que permita que estes vehículos poidan vaciar os seus depósitos de augas grises e negras, para enchelos novamente. Por tanto, dispor deste tipo de áreas constitúe un factor determinante na planificación das rutas escollidas para as visitas gastronómicas, cultural, compras… en definitiva,  supón un aumento considerable de turistas que incrementará notablemente a economía local.

A zona de implantación do “PUNTO LIMPO DE SERVIZOS PARA AUTOCARAVANAS” será nunha parcela de 4.750 m2 situada no extremo occidental do Parque de “A Canuda”, da que se ocupará 900m2. A parcela delimita ao norte coa vía do ferrocarril, ao este co Parque de “A CANUDA”, ao sur co Paseo Fluvial do Río Miño, quedando no punto oeste un vial que comunica o Paseo con núcleo de Lodeiro.

Os servizos cos que se debe dotar a área, o alcantarillado de augas fecales, auga potable e acometida eléctrica para o alumeado público, están dispoñibles a escasos metros da zona de actuación.

Coa posta en funcionamento deste servicio o Concello de Salvaterra de Miño busca potenciar o desenvolvemento económico, social e cultural así como de una manera clara apostar por seguir potenciando o turismo no municipio que ofrece unha oferta turística ampla e variada, dende o ámbito cultural e histórico ao medioambiental, co Parque Público A Canuda, cos máis de 30km de sendas verdes polos seus ríos, o Recinto Amurallado, o Museo da Ciencia do Viño ou o Espazo Termal Lúdico de Teans, son un exemplo calro do potencial turístico co que conta o Concello.

As obras comezarán no mes de Marzo e terán un prazo de execución de dous meses.

O Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Tui retomaron a ensinanza presencial

0

Desde o pasado luns, 22 de febreiro, o Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Tui retomaron a súa actividade lectiva presencial en todas as especialidades e materias salvo nas clases onde participan instrumentos de vento.

Dende o centro explican que nas últimas instrucións da Xunta, dábase a posibilidade de comezar as clases deste xeito presencial ou optar por seguir coas clases de forma telemática, opción que seguiron numerosos centros similares de toda a comunidade autónoma.

Indican que debido á natureza destas ensinanzas onde a interacción profesor-alumno é básica para manter a motivación, o equipo directivo do centro apoiado por todo o claustro de profesores, considerou fundamental retomar as clases de modo presencial canto antes e poder seguir ofrecendo un ensino musical de calidade.

Inspectores de Sanidade visitan máis de 4.100 establecementos dentro da campaña para o cumprimento das medidas sanitarias da COVID-19

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, vén de reforzar as visitas a diferentes establecementos como centros comerciais, prazas de abastos, supermercados e hipermercados, bares e restaurantes, ou instalacións deportivas, co fin de comprobar que se están a cumprir as medidas sanitarias covid.

Nas tres primeiras semanas de febreiro, foron visitados un total de 4.107 establecementos, entre eles 2.313 de alimentación (hipermercados, supermercados e ultramarinos), 250 centros comerciais e prazas de abastos, 584 instalacións deportivas, ou 765 establecementos de hostalería.

O persoal inspector de saúde pública –máis de 200 efectivos–, vén de comprobar que o 31 % dos establecementos estaban pechados polas restricións aplicables no seu concello, no 38 % dos establecementos cúmprense as medidas sanitarias covid que lle aplican ao tipo de establecemento e, por último, no 31 % dos establecementos atopáronse deficiencias ou incumprimentos, establecéndose prazos para a súa emenda.

Concretamente, nos establecementos máis visitados (hipermercados, supermercados ou ultramarinos), o 6 % atopábase pechado, o 53 % cumpría con todas as medidas sanitarias covid, nun 37 % atopouse algunha deficiencia e, nun 4 %, atopáronse incumprimentos de máis importancia.

O obxectivo da campaña é asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias implantadas para facer fronte á crise sanitaria orixinada pola covid, en especial o control da capacidade dos locais, distancias, uso de máscaras, etc., actuacións que se encadran dentro do paquete de medidas para tentar diminuír a incidencia do virus na nosa comunidade.

Nas próximas semanas esta campaña centrarase en instalacións que permaneceron pechadas nas últimas semanas, como establecementos deportivos (piscinas e ximnasios), ou na hostalería, co fin de comprobar o funcionamento do Plan de hostalería segura, posto en marcha pola Xunta de Galicia, e que implica tamén ás administracións locais.

A campaña de reforzo estará activa ata o mes de abril, aínda que, en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma.

O CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas dase a coñecer a través dunha detallada visita virtual

A pandemia da COVID-19 co estado de alarma sanitaria que leva aparellado, fai que todos os sectores teñan, non só que adaptarse á nova situación, senón reinventarse para seguir mantendo a actividade. A Educación, actividade absolutamente imprescindible, non é unha exepción. Ante a imposibilidade de facer a tradicional xornada de portas abertas, a dirección do CEIP Fermín Bouza Brey optou por permitir que nais e pais a poidan facer a través dunha detallada visita virtual.

Logo de detallar todos e cada un dos servizos que ofrece o centro, Paula e Eloy acompáñannos por todas as dependencias para que as familias poidan coñecer, perfectamente, o lugar onde poden estudar os seus fillos e fillas.

Para máis información, interesadas e interesados poden acceder á páxina web do centro: https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipbouzabrey/ onde poderán coñecer todos os datos de interese do colexio.

[su_image_carousel source=”media: 31272,31273,31274,31275,31276″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As escolas de Música e Teatro reanudan a súa actividade de forma presencial con grupos reducidos e todas as medidas de seguridade

0

As escolas municipais de Música e Teatro de Tomiño retoman a súa actividade de forma presencial tras as novas restricións marcadas polas autoridades sanitarias. Como xa viñan facendo antes de ter que interromper as clases, ambas as dúas escolas volverán ás aulas con grupos reducidos e adoptando todas as medidas de prevención necesarias para garantir a saúde de alumnado e profesorado.

Por un lado, a Escola de Música da Agrupación Musical de Goián reanudará a súa actividade co regreso ás aulas do alumnado de iniciación, xardín musical, música e movemento, violonchelo, percusión e do grupo de adultos. Porén, os e as estudantes de instrumentos de vento continuarán coa formación online polo momento.

Farano en grupos reducidos e con todas as medidas de prevención xa implantadas dende o  inicio do curso para que estudar e desfrutar da música de xeito seguro puidese seguir sendo posible. Ademais dunha zona de desinfección na entrada das instalacións, cunha alfombra desinfectante e un dispensador de xel hidroalcohólico con pedal, instaláronse mamparas de separación entre docentes e alumnado e reorganizáronse as aulas para garantir unha maior distancia entre os e as estudantes.

Pola súa banda, a Escola Municipal de Teatro de Tomiño tamén retomará a súa actividade con grupos reducidos e con todas as medidas de prevención que xa se viñan empregando para garantir a seguridade do alumnado. Xa dende o inicio de curso, ademais de ampliarse o número de grupos, reorganizáronse os horarios para poder levar a cabo as tarefas de desinfección e ventilación entre cada unha das clases.

O Teatro Municipal de Tui retoma a programación con seis espectáculos no mes de marzo

0

A próxima semana volve a programación ao Teatro Municipal de Tui con seis espectáculos que terán lugar entre o 4 e os 24 de marzo. O Concello de Tui retoma así a súa actividade cultural nunha aposta pola cultura segura cun estrito protocolo anticovid, e un aforo limitado ao 25 %. A presentación tivo lugar onte a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, xunto a Elisa Alfaya e Ian Hamilton de 2 Mind Combined, e Laura Villaverde de Artesa Cía.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a presentación desta oferta cultural na xornada na que despois de catro meses de peche perimetral se permite de novo a mobilidade. Unha vez superada esa situación, dicía, “presentamos a programación do teatro de marzo que ven plasmar a implicación que este concello ten coa cultura”. Agradecía o traballo e o esforzo realizado dende o departamento de Cultura para en momentos complicados “sacar adiante a programación cultural e poder plasmala con todas as dificultades e con todas as limitacións que temos que superar”. E destacaba que se está a facer un traballo importante para que “a cultura non perda os pasos nin o tren que nunca debeu ter perdido, e que pola situación que estamos vivindo pasa por momentos moi difíciles”.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicitou esta aposta pola cultura nunha proposta que estaba xa prevista para a inicio deste mes de febreiro pero que tivo que adiarse debido ás medidas restritivas en vigor. Neste tempo barallaron distintas alternativas para poder manter así os espectáculos programados nos que a capacidade do teatro estará limitada ao 25% do aforo, é dicir 148 butacas. Destacou coma novidade que a venda de entradas realizarse exclusivamente en liña. Remataba a súa intervención convidando á cidadanía de Tui e doutros concellos, agora que se permite de novo a mobilidade, a asistir ao Teatro.

Maxia, teatro e cinema centran esta programación de inverno no Teatro Municipal.

A primeira cita será o xoves, 4 de marzo, ás 18.30 h, con Elisa Alfaya e Ian Hamilton de 2 Mind Combined que achegarán un espectáculo de maxia e ilusionismo para todos os públicos. Hoxe mesmo na presentación fixeron un truco de maxia con cartas nas figuran os lugares nos que teñen actuado ao longo dos 15 anos da súa carreira. A elixida foi precisamente na que figuraba o Teatro Municipal de Tui.

Ao día seguinte, venres 5 de marzo ás 19.30 h, La Quintana representan O Premio unha comedia interpretada por Victoria Teijeiro Álvarez, Raquel Espada e Xurxo Cortázar na que o público será quen decida o final entre os tres posibles.

O xoves, 11 de marzo, ás 18.30 h o público familiar a partir dos 2 anos, é o destinario da obra de monicreques O lobo e a lúa que achega Baobab Teatro.

O cinema estará presente o venres, 12 de marzo, as 19.30 h coa proxección de A illa das mentiras de Paula Cons, e o xoves, 18 de marzo, ás 18.30 h con A Galiña Turuleca.

A programación pecharase coa estrea de “Illas Desertas” de Artesa Cía, en dobre función, o martes 23 e o mércores 24 de marzo, ás 19.30h. Neste caso o aforo estará limitado a 50 persoas cada día. Laura Villaverde, que xunto a Roi Fernández, se encarga da dirección, dramaturxia e posta en escena, desta innovadora obra que é “unha travesía cara nada”. Destacaba a colaboración de Fura del Baus e Sebastián Álvaro, nunha peza na que a tecnoloxía estará moi presente. Previa a estrea a compañía terá sete días de residencia no teatro tudense.

A entradas para cada espectáculo poranse á venda o luns da semana da función e poderán mercarse so en liña en tui.gal até o propio día do evento unha hora antes do comezo. O aforo estará limitado a 148 butacas, agás para “Illas desertas” que será de 50 persoas.

O Porriño remata a construción dun novo observatorio de aves nas Gándaras de Budiño

O Concello do Porriño deu por rematados os traballos de construción do novo observatorio de aves das Gándaras de Budiño. É o primeiro observatorio en altura establecido neste entorno natural e substitúe a un dos tres preexistentes, segundo explicou a Concellería de Infraestruturas.

A estrutura está realizada en madeira de piñeiro tratada en autoclave para a súa integración co entorno das Gándaras de Budiño. A actuación que contou cun orzamento de 24.107 €, foi financiada con fondos achegados pola Rede Natura, segundo informou o departamento que dirixe o nacionalista Pedro Pereira.

O primeiro confinamento e peche de fronteiras provocou unha perda de facturación de 92 millóns de euros nos 26 concellos transfronteirizos

O primeiro confinamento como medida de contención da Covid-19, e o conseguinte peche de fronteiras entre o Alto Miño e Galicia, entre 17 de marzo e 30 de xuño de 2020, provocou unha perda de facturación superior a 92 millóns de euros nos 26 concellos do territorio transfronteirizo do Miño. Esta é a principal conclusión do estudo solicitado polo AECT Río Miño ao doutorado en Economía da Universidade de Vigo, Xavier Covas, e que, mesmo aínda sen datos oficiais, adianta que ou prexuízo económico do actual peche podería ser aínda maior.

O presente estudo do impacto socioeconómico non Alto Miño/Galicia foi presentado, onte aos alcaldes dúas 26 municipios que constitúen a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño que, hai xa un mes, teñen insistido na reivindicación pola apertura de todos os puntos de paso fronteirizos nesta rexión, nunha primeira fase, para flexibilizar a circulación de traballadores transfronteirizos e de transportes de mercadoría.

O traballo agora coñecido vén corroborar a urxencia destas peticións, considerando unha decisión tan inxusta para os traballadores e traballadoras e para a economía do territorio miñoto coma inútil para o control da pandemia.

O documento presenta varios datos relativos ao enorme e indiscutible impacto na dinámica socioeconómica desta rexión transfronteiriza, con o comercio e a hostalaría ao ser os sectores máis afectados, con un prexuízo de facturación de 92 millóns de euros –equivalente a 23 millóns de euros de Valor Engadido Bruto–, segundo datos oficiais facilitados polos gobernos centrais. Tamén se detectaron valores importantes de impacto non transporte e non sector inmobiliario.

O estudo liderado polo profesor Xabier Covas subliña que, alén dá diminuta facturación debido á pandemia, todos estes sectores sufriron o “efecto fronteira”, aumentando as perdas en 12 % non comercio e en 19 % na hostalaría e restauración, o que incrementa a quebra dos negocios pola simple razón de que os consumidores de ámbalas dúas marxes non poideron cruzar a fronteira, xa que o acceso só estaba permitido a traballadores e traballadoras.

Alcaldes e alcaldesas transfronteirizos levan meses solicitando medidas que rematen cunha situación que orixina enormes trastornos aos traballadores e traballadoras e perdas ás empresas, hostalería e comercio de ámbalas dúas beiras do Miño

Outra dás temáticas colocadas enriba da mesa foi ou número de horas de traballo perdidas debido á espera na Ponte Internacional de Valença-Tui. Tomando un tempo medio de espera de 15 minutos na ida e outros 15 na volta –valor considerado moi conservador debido ás longas filas detectadas–, e sabendo que no primeiro peche pasaron polo control 356.000 persoas, a economía desta rexión transfronteiriza perdeu 180 mil horas efectivas. A estas, aínda se tiña que engadir o tempo que os traballadores tamén perderon nos quilómetros de máis por non existiren pasaxes autorizadas en todas as pontes.

Aínda de acordo con os cálculos de Xabier Covas, ou peche de fronteiras afectou a preto de 25 mil persoas en toda a eurorrexión Norte de Portugal-Galica e 10 mil nos distritos de Pontevedra-Viana do Castelo, especialmente nos casos de persoas que viven e traballan en ambos vos lados da fronteira, ou que viven nun lado e traballan na outra marxe, ou porque as empresas operan en todo ou territorio e obrigan ao movemento.

No que atinxe á repercusión do peche de fronteiras decretado no inicio de 2021, o profesor universitario xa adiantou que ou impacto será moito máis negativo para a economía transfronteiriza pois, se non primeiro confinamento a actividade económica estaba practicamente parada, actualmente hai un maior índice de actividade. Desta forma, Xabier Covas reiterou que ou actual peche das pontes “ é redundante e inútil” porque as persoas que pasan a fronteira son as que se encontran autorizadas, deixando un exemplo para reflexión: “E se pechasen a Ponte 25 de Abril, non habería movemento de persoas autorizadas?”

AECT Río Miño reivindica compensacións económicas para os traballadores e empresas
e os alcaldes dos 26 municipios do territorio miñoto incluídos no AECT Río Miño solicitarán aos gobernos de Portugal e de España as debidas e merecidas compensacións económicas para os traballadores e traballadoras transfronteirizos e as persoas afectadas pola decisión do peche de fronteiras.

O AECT Río Miño presentará as súas contribucións para o programa operativo POCTEP 2021-2027, en fase de consulta pública e que, aínda que ten como prioridade inxectar fondos europeos nas fronteiras, a súa distribución tamén contempla zonas non fronteirizas. A reivindicación é a de que se garanta que os fondos destínanse ás zonas da raia e creense medidas específicas para a zona do Miño.

Non obstante, será creado un rexistro de persoas afectadas polo peche de fronteiras, xestionado polo AECT e por todos vos concellos implicados, coa intención de proceder á xustificación para as posíbeis indemnizacións; os municipios fronteirizos tamén insistirán na urxencia de crear a tarxeta do traballador transfronteirizo, como xeito de proporcionar unha maior axilización nos puntos de control, evitando as comprobacións de varios documentos.

A Deputación mostra o seu “músculo financeiro” co peche do orzamento 2020 que proba o seu liderado en xestión e solvencia

O Pleno da Deputación de Pontevedra pechou hoxe formalmente o exercicio orzamentario de 2020, o ano da pandemia, dando o visto bo á liquidación dunhas Contas que certifican a calidade na xestión económica dunha das Administracións máis solventes do Estado. O 2020 pechouse con superávit e o fito de non ter levantado un só reparo de Intervención. Os informes ratifican tamén o cumprimento, a pesar do complicado contexto socioeconómico, dos principios de estabilidade orzamentaria e regra de gasto, así como a práctica eliminación da débeda. E todo elo reforzando, aínda máis, a privilexiada posición como a Administración provincial de toda España que máis fondos transfire aos concellos, chegando ata a cifra récord do 35,35%, un balanzo cualificado como “histórico” polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font.

A Intervención da Deputación tamén deixa claro nos seus informes que a estabilidade orzamentaria alcanzouse con folgura, ao rexistrarse un superávit de máis de 13 millóns de euros. A maiores, a Deputación cumpriu sobradamente co principio da regra de gasto, a pesar de estar suspendido polo Ministerio de Hacienda a causa da pandemia, e volveu acreditar a súa axilidade para atender as facturas dos provedores cun período medio de pago de tan só 12,8 días. Carlos Font subliñou que a Deputación foi quen de pagar practicamente o 100% das obrigas recoñecidas ao longo do ano. Ao peche deste Orzamento tan só constan tres facturas, por importe de pouco máis de 3.000 euros, e que foron presentadas despois do 31 de decembro. A maiores tan só figuran as validacións dos desprazamentos e horas extra do persoal que non foran autorizadas con carácter previo. “Somos a Administración de toda España con menor número de facturas abonadas a través do mecanismo do recoñecemento extraxudicial de crédito, que antes de que nós chegaramos ao Goberno aquí era a norma habitual, pois no ano 2014 chegouse a pagar un 15,5% do total por esta fórmula, por non mencionar que nos atopamos facturas sen validar no caixón por valor de 3,6 millóns de euros”.

O vicepresidente, César Mosquera, afirmou que a situación económica “é francamente boa, se miren os números por onde se miren”. Un balanzo que, remarcou, cobra aínda máis valor polo feito de que se alcanzou ao tempo que se rebaixaba a débeda e se cumpría con tódalas obrigas.  “O rigor na xestión económica aumentou moitísimo e, aínda que a perfección non exista, seguimos avanzando para que a mellora siga e siga”.

“A un paso da débeda cero”

O interventor tamén destaca que en todo 2020, a Deputación só pagou 100.000 euros coa fórmula dos anticipos de caixa fixa, ou pagos a xustificar. E todos eles foron librados con informe favorable, o que volve demostrar o esforzo de planificación e control do gasto corrente.O remanente de Tesourería ao peche do ano ascendeu a 155,5 millóns de euros (algo máis dun 5% sobre o ano anterior). Gran parte dese remanente xa está financiando créditos de gastos por valor de 129 millóns de euros que, xunto coas desviacións positivas (3,9 millóns) e compromisos de ingresos (7 millóns de euros) alcanzan créditos de gastos por un total de 140,6 millóns. A débeda provincial quedou en 1,8 millóns de euros, despois de comezar o ano en 7,6 millóns. “Atopámola en 40,9 millóns de euros cando chegamos ao Goberno no ano 2015 e estamos a piques de eliminala. Recibimos unha Administración hipotecada e agora somos unha Administración modélica que está a un paso da débeda cero. Non é cuestión de maxia, nin de arquitecturas financeiras, tan só de respecto máximo polos recursos públicos”, destacou Font.

O nivel de execución do Orzamento mantense en torno ao 50%, como vén sucedendo dende 2019, ano en que se conseguiu unha suba dun 12% sobre o exercicio anterior, difícil de alcanzar para unha administración cuxo nivel de execución depende en gran medida do ritmo no que os concellos certifican os gastos subvencionados pola Deputación. Estas cifras foron consideradas como “altamente satisfactorias” dado que se refiren ao ano da pandemia, no que se tiveron que aprobar varias prórrogas na execución de obras a cargo dos Concellos, especialmente no Plan DepoRemse de mobilidade segura en viarios municipais. Finalmente, a situación da pandemia impediu a celebración de moitas actividades e programas dos distintos servizos provinciais. Nesta liña, Mosquera alertou do impacto da pandemia na vontade de financiar “proxectos maduros”, listos para ser licitados. Iso repercutiu no grao de execución do Orzamento e incrementou os remanentes. O vicepresidente dixo que, “aínda que non é nada grave, porque os investimentos acaban facéndose, creo que hai que seguir presionando por aí, aínda que sen asfixiar aos concellos”. Ademais, advertiu da posibilidade de que se volva limitar a utilización dos remanentes, “así que mellor que nos anticipemos para que non nos pille o problema”.

As transferencias aos concellos son o eixe característico na xestión do gasto público dende a Deputación de Pontevedra que volve ser a Administración que máis fondos entrega aos concellos. Alcanzouse o 35,34% sobre o Orzamento provincial total, o que supón un novo récord e un crecemento de 2,69 puntos con respecto ao ano anterior.

Seguimos a ser a nova Deputación”

Tras o pleno Carlos Font resumiu que “en definitiva, a Deputación afronta o futuro con garantías, con remanente de tesourería positivo, débeda case cero, e pagos a provedores en menos de 13 días; unha Administración solvente, comprometida, que dobra o nivel de transferencias da media estatal, que aposta pola autonomía local sen tutelas e que está totalmente envorcada en transformala provincia”

Ponteareas recoñecerá ás mulleres que romperon barreiras no mundo do deporte

A Concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, retoma a Homenaxe á Muller que por mor da pandemia hai un ano, non puido celebrarse. A Homenaxe deste ano, adáptase por responsabilidade á situación sanitaria que estamos vivindo, dando a coñecer ás mulleres da nosa vila cunha exposición polo casco urbano. O obxectivo é o recoñecemento da labor realizada polas mulleres de Ponteareas, tanto a nivel persoal, laboral ou social, así como pola súa repercusión no termo municipal, no núcleo urbano ou no rural.

Co motivo do vindeiro 8 de marzo, día no que internacionalmente recordamos a importancia e a aportación das mulleres en tódalas súas facetas, “pretendemos que se visibilice por igual os logros acadados polas mulleres coa finalidade de rematar coas discriminacións, estereotipos de xénero e situacións inxustas derivadas da sociedade patriarcal”, explica a concelleira.

Neste ano 2021, Ponteareas retomaŕa o recoñecemento en concreto á traxectoria deportiva, valorando o esforzo persoal e a superación das dificultades e barreiras, daquelas mulleres de Ponteareas pioneiras en diferentes modalidades totalmente masculinizadas ao longo da historia.

Por este motivo á homenaxe á muller deste ano 2021, que saírá as rúas da nosa vila cunha exposición fotográfica a partir do 1 de marzo, dará a coñecer as mulleres da nosa vila que conseguiron destacar nas disciplinas deportivas do taekwondo, do ciclismo, fútbol, atletismo e balonmán.

A concelleira nacionalista, Verónica Carrera, lembra a importancia de traballar a diario a prol da igualdade deseñando políticas que ofrezan accións de respaldo ás mulleres como as recollidas no plan de igualdade do Concello de Ponteareas, pero que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque a igualdade é cousa de toda unha sociedade. “É preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos con accións específicas para cada sector e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinalou Carrera.

Éxito da xornada ‘As mulleres tamén somos ciencia’ na que participaron máis de 200 alumnos e alumnas dos institutos de Redondela

0

Dende as 10:30 horas de onte venres, Redondela celebrou a xornada ‘As mulleres tamén somos ciencia’, organizada polas Concellerías de Igualdade e Ensino, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e Olga García, respectivamente, unha iniciativa que buscaba animar ás mozas a optar polos estudos científicos e técnicos e que, debido á actual situación de emerxencia sanitaria, desenvolveuse baixo o formato online. A actividade estaba dirixida ao alumnado de 4º da ESO dos catro institutos redondeláns –máis de 200 alumnos e alumnas– que terán que elixir o tipo de bacharelato a cursar no vindeiro ano.

Era a primeira vez que o Concello de Redondela organizaba unha iniciativa deste tipo e o resultado “non puido ser mellor”, aseguro a alcaldesa Digna Rivas. Mozas e mozos seguiron con interese as intervencións da doutora en Química e profesora da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires e da redondelá Xunqueira Ezara, enxeñeira aeroespacial. Logo mantiveron un diálogo aberto coas dúas relatoras que responderon as súas preguntas e animaron ás mozas a optar polos estudos técnicos e científicos “que non son exclusivos dos homes como puideron comprobar hoxe a través do exemplo de dúas mulleres que son referentes nos seus campos de traballo”.

Rematada a actividade, profesorado, alumnos e alumnas amosaron o seu interese en que esta xornada se manteña no tempo e, se as condicións o permiten, facelo de forma presencial, o que permitiría unha maior interacción entre os rapaces e rapazas e as conferenciantes.

“Temos unha mocidade extraordinaria e comprometida” afirmou Digna Rivas unha vez rematada a xornada, “e actividades como a que hoxe desenvolvemos amosan, e así o entenderon non só as rapazas senón tamén os rapaces, que non hai estudos ou carreiras distintas para homes e mulleres, e iso e un paso importante cara a unha igualdade real”.

“Queríamos romper estereotipos e creo que o conseguimos e María Álvarez Lires e Xunqueira Ezara, permitiron que a nosa mocidade tomase contacto directo con mulleres que, hoxe en día, son referencia en diferentes eidos do mundo da ciencia”, apunta Rivas.

A rexedora local expresou a súa intención de “dar continuidade a unhas xornadas que, esperemos, no vindeiro ano se poidan celebrar xa de xeito presencial”.

O Concello de Ponteareas convida a asociacións e colectivos a apoiar a candidatura do Mestre Groba aos ‘Princesa de Asturias das Artes 2021’

O Concello de Ponteareas remitiu, nas últimas semanas, unha comunicación ás entidades e colectivos ponteareáns para acadar un apoio masivo á candidatura para os premios Princesa de Asturias das Artes 2021 do Mestre Rogelio Groba Groba, o maior referente da creación musical galega co catálogo de obras máis amplo e recoñecido de Galicia.

Ademais, a Concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba, puxo ao dispor da veciñanza exemplares para a sinatura de apoio individual por parte de cada veciña ou veciño. “Son moitos os colectivos que xa transmitiron o seu apoio cumprimentando estas cartas que o Concello remitirá a Xunta de Galicia, pero consideramos necesario seguir sumando apoios para lograr este gran fito para Ponteareas e o noso país. Por ese motivo, nestas semanas, a veciñanza pode seguir formalizando o seu apoio individualmente na Biblioteca Pública Municipal”, indicou o edil.

Fernando Groba trasladoulle novamente os parabéns do goberno local á Fundación Groba, “por conseguir que, tras tres anos intentándoo, a Xunta por fin escoitara a súa proposta para que no 2021 o Mestre Groba poida optar a este merecido recoñecemento”

O concelleiro nacionalista lembrou que, dende o Concello, foron varias as iniciativas levadas a cabo nos últimos anos para homenaxear e divulgar a figura e obra de Rogelio Groba Groba, despois de que no ano 2006 fora nomeado Fillo Predilecto de Ponteareas. Neste sentido lembrou que dende o 2016 a vila conta cunha rúa que leva o seu nome e cun festival de gran prestixio que xa acadou a oitava edición, o Festival Groba. Así mesmo, o Concello de Ponteareas colaborou na publicación do libro O neno Groba e Música, e vén de publicar un estudo monográfico sobre as súa vida e obra baixo o título “Rogelio Groba. Os acordes da natureza”, un libro-cd con algunhas das súas músicas editado no marco da colección “Creadores ponteareáns”, que foi distribuído en todas as bibliotecas do municipio por parte do executivo local.

Fernando Groba súmase ás palabras do escritor e xornalista Manrique Fernández, indicando que “dalgunha maneira, podemos comparar o que este autor representa para a música culta galega co que Rosalía significou para a literatura. A única diferenza está en que Rosalía non naceu nin se criou en Ponteareas mais Rogelio Groba Groba, si. Temos o deber moral e debemos apoiar esta candidatura”.

Galicia sitúase por debaixo dos 6.000 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.900, deles 1.890 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 366 da de Ourense, 842 da de Pontevedra, 945 da área de Vigo, 645 da de Santiago e 621 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 114 están en UCI, 419 en unidades de hospitalización e 5.367 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 104.207 persoas curadas, rexistrándose 2.220 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.660.450.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Dispoñibles xa en Youtube e na web municipal de Tomiño todas as conferencias da VI Semana da Educación

0

O Concello apostou por reinventarse para poder continuar coa xa tradicional Semana da Educación de Tomiño, que este ano chegaba á súa sexta edición con catro destacados profesionais cos que afondar en educar con emoción e aprender con paixón. Ante a complicada situación sanitaria, para facilitar a asistencia e abrir as charlas ao maior número posible de persoas, o Concello decidiu realizar unha edición vía streaming que contou cun grande apoio por parte de pais e nais e tamén da comunidade educadora.

Con case 400 persoas inscritas en total, tanto de Tomiño como doutros puntos de Galicia, a VI Semana da Educación converteuse en todo un éxito cunha media de máis de 300 participantes en cada unha das conferencias. Unha semana na que destacados expertos afondaron en diferentes claves para que familias, docentes e outro persoal educador entendan como abordar a educación de xeito emotivo, crítico, igualitario e seguro.

[su_image_carousel source=”media: 31212,31211,31209,31208,31210,31214,31215,31213″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Así, o avogado, investigador e docente Octavio Salazar inaugurou este anos as xornadas falando da importancia dunha educación paritaria que incorpore a perspectiva feminista e da necesidade de desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. A música e docente Almudena González explorou a importancia das emocións musicais no ámbito educativo e a súa relación coa neurociencia, mentres que a xornalista Marta Peirano ofreceu afondou na importancia de combater a desinformación nas redes sociais, analizando as ferramentas que se teñen a man para poder facelo. O psicólogo Alberto Soler pechou o ciclo de conferencias abordando un tema que causa grande interese entre o público: as normas, os límites, os premios e os castigos.

Por outra banda, por primeira vez as charlas contaron con interpretación simultánea en lingua de signos, garantindo así tamén a inclusión das persoas xordas. Os vídeos das conferencias íntegras, coa charla e a quenda de preguntas, xa están dispoñibles na web do Concello e na canle municipal de Youtube.

A Deputación arranca o 8M no pleno provincial co manifesto de Laura Romero e o audiovisual sobre os coidados

A Deputación de Pontevedra arrancou este venres a intensa programación que desenvolverá ao abeiro do 8M, que este ano está centrada en reivindicar a axenda feminista desde todos os ámbitos e en todos os eidos, co obxectivo de devolver o protagonismo aos seus principios para que volvan a estar no centro do discurso público. Así, co eixo de “Reivindicando desde a Política”, o pleno provincial participou do visionado do audiovisual sobre os coidados “Súmate ao Cambio”, que pon o aceno na imprescindible corresponsabilidade “nunha tarefa que a propia pandemia situou no centro de todo”, como recordou a presidenta Carmela Silva.

A presidenta da Deputación puxosobre a mesa “datos abraiantes” sobre os coidados, que son realizados principalmente polas mulleres. Destacou que “as mulleres realizan o 76% do traballo non remunerado no ámbito doméstico e público, que o 89% das persoas coidadoras son mulleres, e que son elas nun 95,2% as que se acollen á redución da xornada laboral para coidar a algún familiar, nenos e nenas, persoas dependentes ou persoas maiores”. Ademais, subliñou, todos estes datos indican que “coa pandemia estas cuestións aínda se teñen feito máis visibles posto que son as mulleres as que incluso renuncian á súa profesión para facer fronte aos coidados”. A presidenta rematou sinalando que “non hai ningunha dúbida” de que toda a corporación está de acordo en que hai que promover a corresponsabilidade. Os coidados teñen que ser de mulleres e de homes, de homes e de mulleres”.

O pleno tamén  escoitou o manifesto da ilustradora e música Laura Romero, unha das deseñadoras das máscaras do programa “Violencia Zero” que hoxe se repartiron no pleno. Romero fixo un repaso das reivindicacións das mulleres, desde a loita contra a violencia machista, á abolición da prostitución, do negocio dos ventres de alugueiro, á esixencia da paridade real, da visibilización das mulleres, ou da igualdade salarial. Como música, lembrou que o 70% das mulleres cobran menos da media dos homes, que os postos de mando seguen en mans masculinas ou que nos festivais non hai paridade nos escenarios.

A artista citou verbas de Xela Arias, a quen este ano se dedica o Día das Letras, cando dixo que “deixarei de ser feminista cando as mulleres discriminadas non o estean”, e recordou que en 58 anos de historia só 5 mulleres foron homenaxeadas o 17 de maio. Do mesmo modo, deixou claro que aínda que este ano a pandemia obriga a buscar fórmulas distintas para reivindicar, atoparemos a forma porque é algo que fixemos as mulleres desde hai séculos: buscar a maneira de alzar a voz e loitar polo que é noso”. Nese sentido, lembrou a mentalidade do “faino ti mesma”, tan propia do punk. “Xa o clamaba Kim Gordon, baixista de Sonic Youth, nesa icónica camiseta verde: o punk o inventaron as mulleres, non Inglaterra”.

A ilustradora tamén rematou o seu manifesto poñendo o foco nos coidados, “traballo maioritariamente e tradicionalmente feminino, e especialmente precario, mais cómpre lembrar que sen coidados non hai vida”. “O feminismo – dixo – ten que ser cooperativo e sororo por definición e precisamos que os homes tamén tomen a iniciativa destes traballos e coidar a quen coida”. “Só así –finalizou- con coidados e educación desde a infancia, acadaremos un mundo máis xusto para todas e para todos”.

O Concello de Nigrán reclama a ABANCA que manteña a sucursal de Panxón operativa

0

Concello de Nigrán, asociación de empresarios Ovalmi e A.V. de Veciños Monteferro-Panxón, rexeitan a decisión de Abanca de pechar a súa única oficina en Panxón a partires do 17 de marzo e demandan á entidade que reconsidere a súa postura, xa que prexudicaría gravemente á veciñanza e empresarios de todo o litoral nigranés.

Esta petición, en nome tamén das dúas asociacións, foi trasladada polo alcalde de Nigrán aos máximos responsables de Abanca esta mesma mañá mediante un escrito oficial. Paralelamente, os veciños están a recoller firmas e convocan a unha concentración o venres ás 11:30 horas diante da porta (horario de apertura desta sucursal).

“Queremos transmitirlle oficialmente a nosa fonda preocupación polo peche da oficina da súa entidade en Panxón. Estamos a falar dunha parroquia na que viven, de xeito habitual, case que 4.000 veciños e que en tempada estival alcanza os 20.000, polo que a existencia dunha oficina de Abanca non é só necesaria, senón imprescindible. O seu peche suporá un grave problema para os moitos visitantes que se achegan a Nigrán/Panxón pero, sobre todo, para o seu empresariado e o sector hostaleiro en particular, inquedanza que nos trasladan tamén desde a Asociación de Empresarios Ovalmi. Igualmente, suporá un inmenso inconveniente para os maiores que perciben aí a súa xubilación, como sinalan desde a Asociación de Veciños Monteferro-Panxón”, sinala o alcalde, Juan González, no seu escrito.

Esta é a segunda vez que Abanca anuncia o peche da súa oficina na rúa Mariñeiro 1, xa o fixeran no pasado mes de xullo rectificando despois ante a petición do Concello e veciños e acordando cos mesmos reducir o horario de atención de 11:30 a 14:30 horas.

“Con este peche todo o litoral de Nigrán queda sen entidades bancarias, reducíndose no caso de Abanca ao centro urbano de Nigrán e A Ramallosa, isto xenera un trastorno no día a día dos veciños que non se xustifica nin por criterios económicos”, considera o rexedor.

Dende onte a piscina municipal do Porriño está aberta ao uso de usuarias e usuarios

Na mañá de onte, coa estrea dunha nova desescalada, o Concello do Porriño anunciou a reapertura da Piscina Municipal, efectiva a partir de onte venres, 26 de febreiro. Segundo a dirección da instalación, o uso da piscina lévase a cabo nos mesmos termos que antes do 27 de xaneiro, é dicir, mediante solicitude de cita tanto para a piscina como para o ximnasio, xa que as quendas de uso son con capacidade restrinxida.

Restáuranse as clases de natación, aquagym, pilates e ximnasia de mantemento, tamén con quendas de catro persoas por monitor.

Todo o persoal da Policía Local do Porriño vacinarase contra a Covid-19

Todo o persoal da Policía Local do Porriño vacinarase contra o Covid.  En total 23 persoas.  A relación xa se enviou ao Servizo Galego de Saúde, a través da FEGAMP que media a xestión e que notificou á Concellería de Seguridade que o persoal policial vacinarase a partir do 5 de marzo.

Doutra banda, a Concellería de Servizos Sociais informa de que xa se vacinaron 10 traballadoras sociosanitarias do Servizo de Axuda no Fogar, así como as 5 traballadoras sanitarias que atenden a Unidade de Asistencia a Drogodependencias.

A Xunta abre o luns o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega

A Xunta abre o vindeiro luns o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 1 de marzo ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Ademais, este ano, por primeira vez, establécese que as solicitudes de inclusión nas listas de contratación temporal da Administración autonómica presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica https://sede.xunta.gal. En todo caso, de forma opcional, permitirase a presentación presencial das solicitudes.

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en institutos politécnicos, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gardacostas ou como veterinarios.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 30. Delas, 17 listas son para traballar como funcionario interino e outras 13 para traballar como contratado laboral. É importante subliñar que o feito de estar inscrito nas listas de emprego temporal da Xunta de Galicia para realizar substitucións temporais é unha forma de acadar méritos á hora de participar nun proceso selectivo e, polo tanto, incrementaas posibilidades de lograr un posto de traballo fixo na Administración.

No caso das listas que permanezan pechadas, as persoas interesadas que superaran algunha proba do último proceso selectivo ou prestaran servizos na Xunta para a lista correspondente a unha categoría, corpo, escala ou especialidade, sempre poden presentar a solicitude de inclusión.

O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde na que figurarán as persoas inscritas dependerá dos méritos que reúnan, de acordo co baremo que figura na convocatoria.

Entre as listas abertas están as de veterinarios, profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, titulado/a superior médico/a, enfermeiro/a, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, auxiliar de enfermería ou xefe/a de cociña.

Actualización de méritos

Ao mesmo tempo, o DOG tamén publica hoxe a actualización provisional de méritos das persoas integrantes das listas de emprego da Administración galega. Os interesados teñen un prazo de dez días hábiles para presentar reclamacións e achegar a documentación xustificativa, no caso de non estar de acordo coa puntuación asignada.

Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas, así como as puntuacións das persoas integrantes das listas consecuencia da actualización de méritos, poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://www.xunta.gal/funcion-publica/, no apartado de ‘Listas de contratación’, que conta ademais cun epígrafe de preguntas frecuentes (FAQ) que responde ás dúbidas máis habituais que se lles presentan ás persoas interesadas en realizar este proceso.

Aprende a escribir textos teatrais da man dunha profesional

A Concellería de Cultura organiza un obradoiro de escrita teatral entre o 10 de marzo e o 16 de xuño. As sesións desenvolveranse os mércores de 18 a 20 horas e combinarán clases presenciais con outras a través de Internet. Para este obradoiro ofértanse 15 prazas e as persoas interesadas poden anotarse no enderezo electrónico [email protected] e recibir máis información no 986 660 765.

Laura Porto, dramaturga natural de Covelo, será a persoa encargada de impartir este curso. Acadou a súa titulación superior en Arte Dramática no ano 2019, na especialidade de Dirección de Escena e Dramaturxia. Desde entón, traballou como axudante de dirección de Marián Bañobre na compañía Olivas Negras durante a montaxe da peza 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva e, como dramaturga e directora da compañía Amorod(i)o, no seu primeiro espectáculo, Reino da extinción, que se estreará este outono. Ademais, unha das súas obras, O senso da floración, será publicada proximamente no volume colectivo Dramaturxia galega actual, que edita Feira do Leste.

“Despois do éxito das primeiras edicións dos obradoiros de teatro e de escrita creativa que se desenvolveron durante os anos 2019 e 2020, con Roi Vidal e María Lado respectivamente, que se centraron, sobre todo, no traballo actoral (na representación e na interpretación) e nos xéneros poético e narrativo, este ano quixemos ofrecer estoutra modalidade: a dramática ou teatral. E coa sorte de facelo, coma sempre, cunha persoa de primeira liña” comenta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Arranca a segunda edición da Escola de Letras da Deputación e Editorial Galaxia

Despois da súa excepcional acollida no 2020, a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia volven coa segunda edición da Escola de Letras para ofrecer unha nova oferta formativa de creación literaria dirixida a todas aquelas persoas que desexen aprender e gozar da palabra con algunhas das voces da escrita máis importantes do panorama galego actual. Deste xeito, a partir do vindeiro luns, 1 de marzo, ás 8 horas, abrirase o prazo de inscrición para os seis cursos que ao longo deste 2021 oferta a Escola, que dirixe Francisco Castro e que  suma este ano ao seu profesorado ás autoras Anna Figueiredo e Elvira Ribeiro, que ofrecerán estas actividades xunto a Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez. Os cursos desenvolveranse entre marzo e decembro nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo –en principio de xeito presencial, aínda que se a situación sanitaria o require desenvolveranse de xeito telemático- en horario de 19.30 a 21.30 horas, e en cada un ofértanse quince prazas.

Máis polo miúdo, comezarán co Obradoiro Literario que impartirá Inma López Silva en Vigo, previsto para os días 15 e 22 de marzo; 12, 19 e 26 de abril e os días 3, 10 e 24 de maio. A autora ofrecerá este mesmo curso en Pontevedra, concretamente os días 17 e 24 de marzo; 14, 21 e 28 de abril e 5, 12 e 18 de maio. En xuño (días 2 e 9), Antonio García Teijeiro ofrecerá en Pontevedra o seu Obradoiro de Poesía, mentres que en setembro será Anna Figueiredo quen tome o relevo para impartir o curso “Escribir unha novela”, que terá lugar  en Vigo os días 15, 22 e 29 de setembro; 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro.

Os dous últimos cursos desenvolveranse en Pontevedra. Así, Diego Giráldez  ofrecerá o seu Obradoiro Literario os días 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro, mentres que Elvira Ribeiro impartirá un Obradoiro de Poesía os días 2 e 9 de decembro. Todas estas actividades, ao igual que na edición anterior, serán de balde e o alumnado recibirá todo o material na propia Escola.

As persoas interesadas en participar deberán ter máis de 16 anos e enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected], indicando o nome completo da alumna/o; o seu correo electrónico e número de teléfono. No asunto e no corpo do correo débese sinalar o obradoiro no que se desexa participar e o nome do ou da docente, por orde de preferencia e só será posible anotarse en dous cursos por persoa. Non é preciso que o alumnado teña coñecementos previos e a inscrición formalizarase por estrita orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo de cada curso. Terán preferencia as persoas que non participaron en ningún obradoiro dos celebrados ata agora. Hai que lembrar que na súa primeira edición, as prazas para os cursos da Escola esgotáronse en hora e media e a lista de agarda para matricularse nalgún dos cursos mesmo superou as 200 persoas.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha xunto á Editorial Galaxia a Escola de Letras no 2020, converténdose no primeiro proxecto deste tipo en Galicia e un dos poucos existentes no Estado. A premisa coa que naceu esta iniciativa é a de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega,  a través dun variado abano de obradoiros , de novela, relato ou poesía, para todas as idades. Amais destes cursos, a Escola de Letras tamén ofertou, e continuará a facelo nesta segunda edición, varias materclass abertas a toda a cidadanía, nas se convida a diversas autoras e autores a realizar unha clase práctica.

Novos pasos cara a transformación radical da estrada entre Tabagón, As Eiras e Goián

0

Continúase a dar pasos cara a transformación radical da estrada entre Tabagón, As Eiras e Goián. A Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ao proxecto para a execución da primeira fase de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303, que comunicará os dous núcleos da ribeira do Rosal co de Goián apostando por un modelo no que se recuperen os espazos para as persoas e se fomente unha mobilidade sostible, potenciando alternativas ao vehículo privado, dándolle prioridade aos peóns e contribuíndo ademais á redución da pegada de carbono.

“Estamos a dar grandes pasos na transformación do Rosal non só en termos de mellora viaria, senón de mobilidade e comunicación entre os núcleos rurais. Apostamos por un novo concepto no que a posta en valor das persoas e do ámbito rural é fundamental”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Para a rexedora trátase dunha evolución natural, xa que “a estrada naceu como a única vía de comunicación entre o Baixo Miño e Tui para o tráfico rodado, pero hoxe en día temos outras vías de acceso que nos permitirán transformar este vieiro pensando nunha nova realidade de mobilidade”.

O proxecto desenvolverase en varias etapas para cubrir un tramo todal de 4,5 quilómetros entre O Rosal e Tomiño. Nesta primeira fase, remodelarase un tramo de 1,7 quilómetros que conta cun intenso tráfico rodado e tamén cunha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinos e peregrinas que conectan co Camiño Portugués pola Costa como de persoas que acoden ata Tomiño. Crearase un carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación de dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. Tamén se renovará a rede de drenaxe, farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública e disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.

Nas obras desta primeira fase investiranse máis de 650.000 euros, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra e o outro 20% polo Concello do Rosal.

A Deputación conmemora o Día Mundial das Enfermidades Raras tinguindo de verde o Pazo Provincial

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo Provincial desde a tarde deste venres e ata o vindeiro luns, ao abeiro da conmemoración do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se celebra este próximo domingo 28 de febreiro. Deste xeito, a institución únese á demanda da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) para visibilizar e difundir as enfermidades minoritarias, apelar sobre a importancia do fomento da investigación neste ámbito, e concienciar á sociedade sobre estas doenzas que en Galicia afectan a unhas 200.000 persoas.

O Día Mundial das Enfermidades Raras celébrase o último día de febreiro dende o ano 2008 precisamente por ser febreiro un mes peculiar, que dependendo do ano pode ser bisesto ou non. En canto a cor, escolleuse a verde como representativa das enfermidades raras por simbolizar a esperanza. A celebración desta data responde á necesidade de crear conciencia e axudar a todas as persoas que padecen enfermidades raras e ás súas familias, impulsando o seu estudo e investigación científica para atopar as causas que as determinan e mellorar a calidade de vida das e dos que as padecen.

As enfermidades raras afectan a unha pequena parte da poboación e teñen, en xeral, un compoñente xenético. Deste xeito, en Europa considérase enfermidade rara aquela que afecta a unha de cada 2.000 persoas e están incluídas neste ámbito unhas 6.000 doenzas minoritarias. En España padecen estas enfermidades aproximadamente tres millóns de persoas que afectan ata o 8% da poboación mundial, un total de 350 millóns de persoas afectadas.

Tomiño pon a punto a súa rede de sendas e sendeiros

0

O Concello de Tomiño continúa coa posta a punto das sendas e sendeiros do municipio, zonas que nos últimos meses viron incrementado de forma considerable o seu número de usuarios e usuarias. Así, o Departamento de Obras está arranxando e realizando os labores de mantemento de varias sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a veciñanza poida pasear e facer exercicio nas mellores condicións.

A senda do Río Miño, comprendida entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello do Rosal, é unha das máis empregadas polos tomiñeses e tomiñesas. Para garantir a seguridade de todos os usuarios e usuarias, o Concello está limpando esta senda e a que vai dende San Roque ata o río cunha máquina hidrolimpadora para eliminar o verdello ou calquera resto que faga que estas superficies sexan escorregadizas, sobre todo nas zonas máis sombrías, evitando así riscos de caídas.

Ademais tamén se están arranxando desperfectos e realizando os traballos de mantemento habituais, como cubrir fochancas ou limpar e restituír o xabre, facendo que a senda quede moito máis transitable.

O concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, salientou que nunha época con tantas restricións son moitos os veciños e veciñas deciden empregar as sendas e camiños de espazos naturais como alternativa de lecer tanto para pasear como para facer exercicio. Por ese motivo, e tendo en conta ademais o mal tempo dos últimos meses, era “primordial concentrar esforzos no acondicionamento e mellora das zonas de paseo e esparexemento no municipio”.

Escolares do Porriño resultan gañadores do concurso do cartel da campaña da Xunta do 8 de marzo

A  Xunta resolveu a convocatoria do concurso de deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e no que participou alumnado de Educación Infantil, Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de Bacharelato e Formación Profesional cun total de 123 propostas de centros educativos de Galicia.

O xurado reunido este xoves -integrado por representantes da Xunta, da CRTVG, do Colexio Profesional de Xornalistas e das axencias de publicidade; e presidido pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella- trasladou unha  “valoración moi positiva” da participación, a pesares das circunstancias derivadas da pandemia que, como indicaron, “fai que os centros de ensino estean moi saturados e a súa docencia as veces sexa complicada”.

Co fallo, os membros do xurado resaltaron ademais a importancia da actual convocatoria “tanto pola calidade dos carteis, como polo traballo realizado polo profesorado que os titorizou, como polo número de centros que participaron”.  

Con esta iniciativa cumpriuse coa finalidade de animar a realizar unha reflexión desde as aulas acerca dos estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

Gañadores 

Cartel ‘Abraza a igualdade’ gañador da terceira categoría, polos alumnos do CPR Santo Tomás do Porriño

Na primeira categoría -dirixida ao alumnado de Infantil e de 1º a 4º de Educación Primaria-, o xurado premiou a proposta dos alumnos de 1º de Primaria do CPI O Progreso de Catoira en Pontevedra, que incluiu o lema Pasiño a pasiño en prol da igualdade. O segundo posto correspondeu aos rapaces e rapazas de 4º de Primaria do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros de Lugo coa súa proposta Vacina en igualdade para facer camiño.

Na segunda categoría -entre os traballos presentados polo alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros galegos- resultou vencedor Séculos de loita para unha sociedade xusta, democrática e igualitaria do grupo de 1º da ESO do IES Carlos Casares de Vigo; mentres o segundo premio recaeu no grupo de 5º de Primaria do CEIP de Casás en Lugo polo cartel co lema Polas de antes, polas de agora, por todas.

Por outra parte, na terceira categoría – aberta ao alumnado de de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP Básica, así como de ciclos de grao medio e superior – os participantes de 4º da ESO do CPR Santo Tomás do Porriño (Pontevedra) foron recoñecidos co primeiro premio pola presentación do cartel Abraza a igualdade seguidos, no segundo lugar, por Feminismo=igualdade, a proposta dunha das aulas de 4º da ESO do IES Plurilingüe de Elviña, da Coruña.

Temática 

Na convocatoria deste ano o xurado destacou a heteroxeneidade das propostas do alumnado galego para o cartel do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Así, na primeira categoría, os traballos estiveron máis focalizados na temática da conciliación e a igualdade das profesións. Na segunda, con maior diversidade de propostas, abordáronse especialmente temáticas como o camiño por percorrer en prol da igualdade e as profesións; e na terceira, abordáronse con máis forza cuestións como a sororidade ou solidariedade entre mulleres e o empoderamento feminino.

Os carteis gañadores serán utilizados pola Xunta de Galicia na conmemoración do próximo Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. O concurso forma parte das actuacións que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O Grupo socialista insta á Xunta a coordinar e mellorar os protocolos de atención a familias nos casos de falecemento por accidente

A deputada socialista Noa Díaz vén de instar á Xunta de Galicia a coordinar e mellorar os protocolos de atención a familias nos casos de falecementos por accidentes. Fíxoo, hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei.

“É preciso que exista, e funcione correctamente, un protocolo de actuación que coordine as accións de todos os profesionais que teñen que intervir no proceso de comunicación da morte ou mesmo de recoñecemento dun corpo logo dun accidente”, destacou a socialista.

Neste contexto, destacou que a familia “debe contar con todos os coidados e apoios emocionais que garantan a súa estabilidade desde o primeiro momento de dó”, xa que, se o falecemento dun familiar “é sempre un momento dramático”, o “é moito máis se esta perda se produce dun xeito inesperado”.

A responsable socialista incidiu na importancia de que o documento recolla aspectos como o xeito de comunicación do falecemento, a atención e o acompañamento á familia ou a determinación dos espazos onde poder agardar por un exame forense, “do que debería garantirse a súa inmediatez sempre que fose posible”.

Finalmente, Díaz lembrou o caso de Esperanza, “a quen lle debemos esta iniciativa”, unha nai compostelá que desafortunadamente viviu un calvario que comezou un 7 de xuño de 2017 cando lle comunicaron por teléfono que o seu fillo Pablo sufrira un accidente de tráfico en Puxín (Ourense) e que só finalizou dez meses máis tarde cando lle deron o resultado da autopsia”.

Concello de Nigrán e ‘Amigos da Terra’ promoven a recollida de plásticos nas praias a cambio de sementes florais atraentes de insectos polinizadores

0

O Concello de Nigrán mantén a súa aposta pola concienciación cidadá mediante unha novidosa campaña que busca que os paseos da veciñanza pola praia resulten saudables tamén desde o punto de vista medioambiental. Baixo o lema ‘Plántalle cara aos plásticos’ Concello e a asociación ecoloxista ‘Amigos da Terra’ invitan a que os conviventes se auto-organicen para recoller lixo nos distintos areais do municipio. A acción será recoñecida premiando a cada grupo cun diploma de ‘Familia Concienciadora’, unha guía de aves do ecosistema dunar Praia América-Panxón e un paquete de sementes florais atraentes de insectos polinizadores, claves para a supervivencia do planeta.

Os interesados en participar tan só teñen que descargar unha ficha da web www.nigran.org e cubrila durante a limpeza, facer unha foto de grupo co lixo obtido e enviar os dous documentos a [email protected]. O Concello instalou cadanseu ‘peixe tragaplásticos’ en Praia América e Patos para depositar aí o lixo e facer máis visible a campaña, pero resulta igualmente convinte que os participantes o tiren en contedores separativos.

“Ao non poder facer xornadas grupais de limpeza como as que facíamos antes da pandemia, invitamos a que as familias se auto-organicen elas mesmas cun fin educativo, mediambiental e exemplarizante. O premio beneficia dobremente ao planeta ao protexer insectos como as nosas abellas, ameazadas pola velutina”, explica o alcalde, Juan González, quen entende esta campaña tamén como unha alternativa de ocio seguro que xa practican desde hai anos veciñas como Raquel Melero, unha verdadeira ‘activista’ das recollidas por conta propia. “Nigrán ten moitas opcións, pasear pola praia no inverno é unha delas, ningún peche perimetral o impide e resulta beneficioso desde todos os puntos de vista, se lle engadimos esta proposta sumamos ademais unha contribución á sostibilidade do noso planeta”, resume González.

“Levo anos recollendo lixo voluntariamente, mesmo cos meus fillos, paseo polos areais sempre cunha bolsa na man porque sei que estou a facer algo positivo para o noso medioambiente e porque son consciente de que dou exemplo ante quen doutro xeito non consideraría recoller a súa cabicha ou botella”, indica Raquel Melero, quen incide en que unha soa cabicha contamina ata 50 litros de auga.

Desde Amigos da Terra, o seu voceiro Antón Lois destaca o positivo que resulta para a biodiversidade que se planten sementes florais atraíntes de insectos polinizadores ante o colapso mundial dos mesmos. “Os insectos están diminuíndo en todo o mundo debido a agricultura industrial e ao uso intensivo de pesticidas que ameazan a produción de alimentos. Eles manteñen en funcionamento o sistema ecolóxico do planeta e aseguran a nosa subministración de alimentos: o 75% dos nosos cultivos máis importantes dependen da polinización por insectos”, indica Antón Lois, quen subliña que o 90% da produción dun campo de froiteiras procede dos servizos dos insectos polinizadores. “Si non lles protexemos, perdemos a base da vida”, finaliza. “Neste sentido, pomos tamén un gran de area máis na loita contra a velutina en Nigrán fornecendo as nosas abellas de máis flores das que extraer néctar e, con elo, potenciamos a polinización”, destaca o alcalde.

Alumnado do CIFP A Granxa de Ponteareas participa nunha visita guiada polo patrimonio cultural do río Tea

Acompañados polo historiador do Museo Municipal de Ponteareas, o alumnado de Educación Ambiental do CIFP A Granxa asistíu a unha visita guiada polo Patrimonio Cultural do río Tea. Esta actividade enmárcase nunha das iniciativas de colaboración da Biblioteca Municipal de Ponteareas con todos os centros educativos da nosa vila e que ten como obxectivo dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural de Ponteareas.

A visita guiada, que foi realizada polo tamén responsábel da Biblioteca Pública Municipal, Gonzalo Fernández, empezou na capela da Nosa Señora dos Remedios (1879), seguido pola Fonte da Fama (1876) do Mestre Ignacio Cerviño. Achegándose despois á Ponte dos Remedios (1502), seguindo coa capela de San Roque (1779) e a gran bancada (1774) situada no barrio da Ponte. Xa camiño da Freixa analizouse o momento da chegada de luz eléctrica a Ponteareas, en 1895, as instalacións deportivas e finalmente visitouse a praia da Freixa.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, e o responsable da Biblioteca Pública Municipal explicou que as bibliotecas municipais “non poden ser entes illados senón que deben colaborar con colexios, institucións, asociacións culturais, xuvenís, etc”. Nesa liña, a Biblioteca Municipal de Ponteareas “pon os seus servizos e instalacións a disposición destes organismos, colaborando con eles sempre que así o pidan e o necesiten”.

Continúa a mellora pandémica en Galicia, contabilízanse 6.273 casos activos por coronaviru

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.273, deles 2.019 son da área da Coruña, 631 da de Lugo, 386 da de Ourense, 884 da de Pontevedra, 994 da área de Vigo, 694 da de Santiago e 665 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 117 están en UCI, 447 en unidades de hospitalización e 5.709 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 103.569 persoas curadas, rexistrándose 2.213 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.654.676.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 200.362.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

EU denuncia os atrasos nas axudas á hostalería e pequeno comercio pola “incapacidade” do Goberno do Porriño

EU Son do Porriño denunciou hoxe que por parte do Concello “fágase de menos” a quen está a pasar “auténticos apuros” en referencia aos atrasos nas axudas á hostalaría e comercio, situación da que a formación asemblearia culpa directamente á alcaldesa porriñesa e á concelleira de Facenda.

EU lembra que o pasado 11 de febreiro celebrouse unha xunta de voceiros/as para tratar a convocatoria dunha liña de axudas para hostelería e pequeno comercio. Esta xunta xa ía con retraso, lembra Esquerda Unida, xa que “era para a semana anterior para poder convocar un Pleno extraordinario e axilizar o asunto” e lamentan que “a pesares de ter xa non un senón dous xefes de gabinete, alegan un malentendido polo que se perderon sete días”.

Daquela continua EU, “quedouse en achegar a todos os grupos un borrador das bases da convocatoria para preparar o traballo cara a comisión informativa a celebrar o 22 e poder así levar o asunto ao Pleno do día 24”.

Lamenta EU que, aínda estean a esperar por dito borrador e pola comisión e lembran que quen non pode esperar “é quen vive dunha cafetería ou dun comercio, que non merece isto”. Non espera Esquerda Unida explicacióóns e aseguran que “non son de fiar”.