15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaArranca a segunda edición da Escola de Letras da Deputación e Editorial...

    Arranca a segunda edición da Escola de Letras da Deputación e Editorial Galaxia

    O vindeiro luns, 1 de marzo, ábrese o prazo de inscrición para os seis cursos previstos neste 2021 que se desenvolverán entre os meses de marzo e decembro

    Despois da súa excepcional acollida no 2020, a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia volven coa segunda edición da Escola de Letras para ofrecer unha nova oferta formativa de creación literaria dirixida a todas aquelas persoas que desexen aprender e gozar da palabra con algunhas das voces da escrita máis importantes do panorama galego actual. Deste xeito, a partir do vindeiro luns, 1 de marzo, ás 8 horas, abrirase o prazo de inscrición para os seis cursos que ao longo deste 2021 oferta a Escola, que dirixe Francisco Castro e que  suma este ano ao seu profesorado ás autoras Anna Figueiredo e Elvira Ribeiro, que ofrecerán estas actividades xunto a Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez. Os cursos desenvolveranse entre marzo e decembro nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo –en principio de xeito presencial, aínda que se a situación sanitaria o require desenvolveranse de xeito telemático- en horario de 19.30 a 21.30 horas, e en cada un ofértanse quince prazas.

    Máis polo miúdo, comezarán co Obradoiro Literario que impartirá Inma López Silva en Vigo, previsto para os días 15 e 22 de marzo; 12, 19 e 26 de abril e os días 3, 10 e 24 de maio. A autora ofrecerá este mesmo curso en Pontevedra, concretamente os días 17 e 24 de marzo; 14, 21 e 28 de abril e 5, 12 e 18 de maio. En xuño (días 2 e 9), Antonio García Teijeiro ofrecerá en Pontevedra o seu Obradoiro de Poesía, mentres que en setembro será Anna Figueiredo quen tome o relevo para impartir o curso “Escribir unha novela”, que terá lugar  en Vigo os días 15, 22 e 29 de setembro; 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro.

    Os dous últimos cursos desenvolveranse en Pontevedra. Así, Diego Giráldez  ofrecerá o seu Obradoiro Literario os días 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro, mentres que Elvira Ribeiro impartirá un Obradoiro de Poesía os días 2 e 9 de decembro. Todas estas actividades, ao igual que na edición anterior, serán de balde e o alumnado recibirá todo o material na propia Escola.

    As persoas interesadas en participar deberán ter máis de 16 anos e enviar un correo electrónico ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando o nome completo da alumna/o; o seu correo electrónico e número de teléfono. No asunto e no corpo do correo débese sinalar o obradoiro no que se desexa participar e o nome do ou da docente, por orde de preferencia e só será posible anotarse en dous cursos por persoa. Non é preciso que o alumnado teña coñecementos previos e a inscrición formalizarase por estrita orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo de cada curso. Terán preferencia as persoas que non participaron en ningún obradoiro dos celebrados ata agora. Hai que lembrar que na súa primeira edición, as prazas para os cursos da Escola esgotáronse en hora e media e a lista de agarda para matricularse nalgún dos cursos mesmo superou as 200 persoas.

    A Deputación de Pontevedra puxo en marcha xunto á Editorial Galaxia a Escola de Letras no 2020, converténdose no primeiro proxecto deste tipo en Galicia e un dos poucos existentes no Estado. A premisa coa que naceu esta iniciativa é a de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega,  a través dun variado abano de obradoiros , de novela, relato ou poesía, para todas as idades. Amais destes cursos, a Escola de Letras tamén ofertou, e continuará a facelo nesta segunda edición, varias materclass abertas a toda a cidadanía, nas se convida a diversas autoras e autores a realizar unha clase práctica.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.