7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoEscolares do Porriño resultan gañadores do concurso do cartel da campaña da...

    Escolares do Porriño resultan gañadores do concurso do cartel da campaña da Xunta do 8 de marzo

    A proposta do CPR Santo Tomás do Porriño (Pontevedra) recibiu o primeiro premio na 3º categoría dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP, mentres o IES Plurilingüe de Elviña da Coruña quedou no segundo lugar

    A  Xunta resolveu a convocatoria do concurso de deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e no que participou alumnado de Educación Infantil, Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de Bacharelato e Formación Profesional cun total de 123 propostas de centros educativos de Galicia.

    O xurado reunido este xoves -integrado por representantes da Xunta, da CRTVG, do Colexio Profesional de Xornalistas e das axencias de publicidade; e presidido pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella- trasladou unha  “valoración moi positiva” da participación, a pesares das circunstancias derivadas da pandemia que, como indicaron, “fai que os centros de ensino estean moi saturados e a súa docencia as veces sexa complicada”.

    Co fallo, os membros do xurado resaltaron ademais a importancia da actual convocatoria “tanto pola calidade dos carteis, como polo traballo realizado polo profesorado que os titorizou, como polo número de centros que participaron”.  

    Con esta iniciativa cumpriuse coa finalidade de animar a realizar unha reflexión desde as aulas acerca dos estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

    Gañadores 

    Cartel ‘Abraza a igualdade’ gañador da terceira categoría, polos alumnos do CPR Santo Tomás do Porriño

    Na primeira categoría -dirixida ao alumnado de Infantil e de 1º a 4º de Educación Primaria-, o xurado premiou a proposta dos alumnos de 1º de Primaria do CPI O Progreso de Catoira en Pontevedra, que incluiu o lema Pasiño a pasiño en prol da igualdade. O segundo posto correspondeu aos rapaces e rapazas de 4º de Primaria do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros de Lugo coa súa proposta Vacina en igualdade para facer camiño.

    Na segunda categoría -entre os traballos presentados polo alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros galegos- resultou vencedor Séculos de loita para unha sociedade xusta, democrática e igualitaria do grupo de 1º da ESO do IES Carlos Casares de Vigo; mentres o segundo premio recaeu no grupo de 5º de Primaria do CEIP de Casás en Lugo polo cartel co lema Polas de antes, polas de agora, por todas.

    Por outra parte, na terceira categoría – aberta ao alumnado de de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP Básica, así como de ciclos de grao medio e superior – os participantes de 4º da ESO do CPR Santo Tomás do Porriño (Pontevedra) foron recoñecidos co primeiro premio pola presentación do cartel Abraza a igualdade seguidos, no segundo lugar, por Feminismo=igualdade, a proposta dunha das aulas de 4º da ESO do IES Plurilingüe de Elviña, da Coruña.

    Temática 

    Na convocatoria deste ano o xurado destacou a heteroxeneidade das propostas do alumnado galego para o cartel do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Así, na primeira categoría, os traballos estiveron máis focalizados na temática da conciliación e a igualdade das profesións. Na segunda, con maior diversidade de propostas, abordáronse especialmente temáticas como o camiño por percorrer en prol da igualdade e as profesións; e na terceira, abordáronse con máis forza cuestións como a sororidade ou solidariedade entre mulleres e o empoderamento feminino.

    Os carteis gañadores serán utilizados pola Xunta de Galicia na conmemoración do próximo Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. O concurso forma parte das actuacións que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.