10.8 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaComezan as obras da nova Escola Infantil do concello da Guarda

    Comezan as obras da nova Escola Infantil do concello da Guarda

    O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, amosou a súa satisfacción polo comezo desta obra tan esperada e demandada que permitirá duplicar as prazas de atención a infancia de 0-3 anos na localidade.

    A vindeira semana inícianse as obras da nova Escola Infantil do concello da Guarda, que terá o seu emprazamento nas antigas vivendas de mestres e no comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde. A nova escola contará con 41 prazas distribuídas en tres unidades. O proxecto contempla a conservación de parte da fachada do edificio actual, na planta baixa localizarase a escola infantil cun patio para goce exclusivo dos usuarios. Na zona de acceso ao edificio haberá dúas plantas, a superior estará destinada a usos auxiliares

    O obra adxudicouse a empresa Construcciones Ramírez S.L. por 691.746,99 € dos cales a Xunta de Galicia achega 410.000 € (59.3 %) financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e o concello da Guarda achega os restantes 281.746,99 € (40.7 %). Para que esta actuación fora posible, ademais de anos de xestións e da importante contribución económica, o concello tivo que facerse cargo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

    O prazo para a execución da obra é de 14 meses, o remate da edificación está previsto para o primeiro semestre de 2022. A Xunta farase cargo da contratación e custo do equipamento necesario para poñer en funcionamento a escola, así como da súa xestión a través da rede de escolas infantís Galiña Azul.

    O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quere mostrar a súa satisfacción polo comezo desta obra tan esperada e demandada que permitirá duplicar as prazas de atención a infancia de 0-3 anos na localidade. “A previsión é a de eliminar as listas de agarda e dar servizo a todas as familias que o necesiten. Esta actuación permitirá avanzar na conciliación da vida familiar e laboral e mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, sobre todo da xente máis nova. A súa vez forma parte das políticas de loita contra a crise demográfica que pretenden frear a diminución de poboación na localidade.”

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.