O Concello de Nigrán reservará unha partida orzamentaria de 7.000 € destinada a dixitalizar todo o material audiovisual xerado durante o funcionamento da antiga TV Local de Nigrán entre 1994 e 1998. O Arquivo Municipal mantén almacenadas desde entón preto de 600 cintas VHS con máis de 1.500 horas de grabación cun alto risco de que resulten irrecuperables ante o seu progresivo deterioro.
O obxectivo do goberno local é dixitalizar o 100 % para, posteriormente, seleccionar a programación propia emitida durante eses 4 anos, clasificala e etiquetala de xeito que resulte de fácil consulta para calquera usuario da futura Biblioteca Municipal e para investigadores. Neste novo edificio se reservará un espazo con dous equipos informáticos destinados a visionar estes materiais audiovisuais e os que vaian xurdindo. Igualmente, se recuperarán as cámaras orixinais para mantelas expostas neste novo edificio.
“É un material con moitísimo valor histórico para Nigrán que debemos recuperar xa porque se está deteriorando ano a ano. Deste xeito garantimos a súa pervivencia para sempre e aproveitamos de verdade o traballo realizado durante aqueles anos”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que, precisamente na pequena escolma ao azar realizada para ver se era posible técnicamente a dixitalización apareceu un concerto dun novísimo Ivan Ferreiro ou unha entrevista a unha persoa maior de Nigrán xa falecida como parte do programa ‘Os nosos vellos’.
“Temos un material propio que, coa perspectiva que outorgan 25 anos despois, é dun gran valor histórico porque reflexa o noso pasado máis inmediato”, sinala o rexedor en referencia a apartados como o informativo local, tertulias, entrevistas aos alcaldes do momento ou a veciños, concertos de grupos da comarca… “Todos os actores sociais daquel momento son protagonistas, hai incluso momentos de gran tensión entre contertulios que aínda se recordan hoxe en día”, incide.
Historia da TV Local
O xérmolo da Televisión Local de Nigrán foi unha escola-taller de audiovisuais situado no actual edificio municipal do Centro Antena, fundado precisamente cos obxectivos de fomentar o desenvolvemento local a través de accións relacionadas coas novas tecnoloxías, a formación, o emprego, a dinamización empresarial e comercial, etc. Deste obradoiro xurdíu inicialmente a radio de Nigrán no 1992 e no 1994 arrancou a televisión durante 6 meses cos propios alumnos-traballadores como protagonistas. Esta retomou a emisión no 1995 baixo a dirección de sucesivos profesionais e convertíuse nun servizo mancomunado desde 1996 a 1998, cando finalmente pechou. A Televisión Local de Nigrán estivo operativa nun intre de eclosión das mesmas en toda a area de Vigo, sobrevivindo finalmente unhas poucas ante o alto custe do seu mantemento.