Dende as 10:30 horas de onte venres, Redondela celebrou a xornada ‘As mulleres tamén somos ciencia’, organizada polas Concellerías de Igualdade e Ensino, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e Olga García, respectivamente, unha iniciativa que buscaba animar ás mozas a optar polos estudos científicos e técnicos e que, debido á actual situación de emerxencia sanitaria, desenvolveuse baixo o formato online. A actividade estaba dirixida ao alumnado de 4º da ESO dos catro institutos redondeláns –máis de 200 alumnos e alumnas– que terán que elixir o tipo de bacharelato a cursar no vindeiro ano.
Era a primeira vez que o Concello de Redondela organizaba unha iniciativa deste tipo e o resultado “non puido ser mellor”, aseguro a alcaldesa Digna Rivas. Mozas e mozos seguiron con interese as intervencións da doutora en Química e profesora da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires e da redondelá Xunqueira Ezara, enxeñeira aeroespacial. Logo mantiveron un diálogo aberto coas dúas relatoras que responderon as súas preguntas e animaron ás mozas a optar polos estudos técnicos e científicos “que non son exclusivos dos homes como puideron comprobar hoxe a través do exemplo de dúas mulleres que son referentes nos seus campos de traballo”.
Rematada a actividade, profesorado, alumnos e alumnas amosaron o seu interese en que esta xornada se manteña no tempo e, se as condicións o permiten, facelo de forma presencial, o que permitiría unha maior interacción entre os rapaces e rapazas e as conferenciantes.
“Temos unha mocidade extraordinaria e comprometida” afirmou Digna Rivas unha vez rematada a xornada, “e actividades como a que hoxe desenvolvemos amosan, e así o entenderon non só as rapazas senón tamén os rapaces, que non hai estudos ou carreiras distintas para homes e mulleres, e iso e un paso importante cara a unha igualdade real”.
“Queríamos romper estereotipos e creo que o conseguimos e María Álvarez Lires e Xunqueira Ezara, permitiron que a nosa mocidade tomase contacto directo con mulleres que, hoxe en día, son referencia en diferentes eidos do mundo da ciencia”, apunta Rivas.
A rexedora local expresou a súa intención de “dar continuidade a unhas xornadas que, esperemos, no vindeiro ano se poidan celebrar xa de xeito presencial”.