Venres, 23 Maio de 2025

A Deputación destina 220.000 euros a concellos e entidades culturais para desenvolver actividades e programas de fomento da lingua galega

A Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Lingua, vén de facer públicas as bases de subvencións dirixidas aos concellos e ás entidades culturais sen fins de lucro para as actividades de dinamización da lingua galega do ano 2021. Estas axudas, que segundo confirma a deputada María Ortega ascenden a 220.000 euros, incorporan varias novidades con respecto a anteriores edicións: priorizarán as actividades organizadas por concellos que dispoñan de Servizo de Normalización Lingüística e permitirán financiar non só unha, senón varias actividades sempre que estean dentro dun programa xeral de potenciación da lingua.

Segundo destaca María Ortega, estes cambios pretenden “poñer en valor aos concellos cunha maior sensibilidade a prol da lingua galega permitindo consolidar a súa programación, máis sempre cuns criterios claros e dentro da concorrencia competitiva”. Repartiranse 120.000 euros entre as entidades solicitantes e 100.000 euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes.

As actividades subvencionables deberán estar encamiñadas á dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores que teñan repercusión social. Búscase que as actividades que organicen os concellos no seu termo municipal estean dirixidas a promover, fomentar e difundir o emprego da lingua galega, é dicir, a “fomentar o uso e o prestixio do galego no conxunto da sociedade” e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.

Entre outras, subvencionaranse as seguintes accións: o fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos), traballos de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia), fomento do emprego do galego no comercio e na industria (xornadas, campañas e publicacións ), recoñecementos e distincións ( Día das Letras Galegas ou calquera outra actividade ou programa de actividades cuxo obxectivo sexa fomentar o uso do idioma galego entre a poboación, nomeadamente entre a infancia e a mocidade), e fomento do emprego do idioma galego (para a captación de neofalantes e dinamización e normalización).

A axuda para a realización de actividades de dinamización da lingua tanto para os concellos como para as entidades non poderá superar o 75 % do orzamento presentado para a súa realización.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o vindeiro 15 da abril despois das publicación das bases e os extractos das convocatorias no Boletín da Provincia logo de ser aprobados en Xunta de Goberno do pasado 26 de febreiro.

A corporación de Tomiño aproba por unanimidade unha declaración consensuada sobre o 8M

0

O Pleno do Concello de Tomiño, reunido o luns en sesión ordinaria, aprobou por unanimidade unha declaración institucional do 8M, logo de que esta fora consensuada entre os tres grupos políticos que conforman a corporación municipal. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González (BNG), agradeceu a actitude da oposición, que aínda que levaba as súas propias declaracións, decidiu apoiar a do grupo de goberno, logo de debatela e consensuala entre todos os concelleiros e concelleiras.

“Na convicción de que nesta situación de crise é preciso o traballo de todas e todos, e asumindo a responsabilidade que nos corresponde como representantes da cidadanía, todos os grupos políticos do Concello de Tomiño deixan constancia do seu compromiso común coa igualdade plena, efectiva e real entre mulleres e homes”, reza a declaración aprobada onte.

A alcaldesa salientou o feito de que durante a pandemia se fixo evidente a desigualdade existente entre homes e mulleres, estando as últimas na primeira liña da crise sanitaria e realizando traballos relacionados cos coidados que non contan co recoñecemento que merecen.

A tal efecto, a corporación municipal acordou en primeiro lugar, expresar e recoñecer o traballo, tanto remunerado coma non, das mulleres na crise da Covid-19; impulsar e reforzar o marco normativo municipal para que se introduza de xeito tranversal a perspectiva de xénero en todas as accións levadas a cabo dende o Concello; continuar coa loita contra a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, e ampliar o Plan de Sensibilización Municipal de concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais.

Polo mesmo, acordouse demandar das administracións competentes, o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e o impulso da creación dun corpo específico que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias co fin de testar a existencia ou non de discriminacións por razón de xénero.

Asemade, instarase á Xunta de Galicia a fomentar, en colaboración coas entidades locais, medidas e programas de conciliación nos que se incorpore a perspectiva de xénero, e impulsar a aprobación de novas medidas que alenten a corresponsabilidade, a través de plans específicos, así como o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero.

Impulsar políticas dirixidas a pechar as moitas brechas que quedan aínda pendentes (laboral, salarial, social) ou crear un Plan de sensibilización e concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais, foron outras dúas medidas que se trasladarán á Xunta de Galicia para a súa implementación.

A Gala do Turismo da Deputación regresa a Vigo cos chefs con estrela Michelin da provincia como novos embaixadores de Rías Baixas

A Gala Provincial do Turismo da Deputación de Pontevedra volve ao Auditorio Mar de Vigo tralo parón de 2020 pola pandemia. E farao cunha cerimonia que, segundo adiantou onte a presidenta da institución, Carmela Silva, “será dinámica, con música, espectáculo, moitas sorpresas e respectando todos os protocolos fronte á Covid-19”. A presentación na sede viguesa da Deputación contou con convidados especiais conectados por vía telemática, os chefs Pepe Solla (Casa Solla, en Poio), Rafa Centeno (Maruja Limón, Vigo), Alberto González Prelcic (Silabario, Vigo) e Iñaki Bretal (O Eirado da Leña, Pontevedra), todos con estrela na Guía Michelin. “Eles e os demais chefs dos sete restaurantes con estrela da provincia serán os nosos Embaixadores Rías Baixas 2021”, desvelou Carmela Silva. Aos presentes súmanse Javier Olleros (de Culler de Pau, O Grove, restaurante que acadou dúas estrelas e que codirixe Amaranta Rodríguez), Pepe Vieira (do establecemento que leva o seu nome en Poio), Inés Abril (de Maruja Limón xunto a Centeno) e Yayo Daporta (do restaurante co seu nome, en Cambados).

O evento celebrarase o día 24 de marzo e alí a Deputación fará entrega dos diplomas do selo de calidade do SICTED aos e ás representantes de 136 empresas privadas e entidades públicas do sector turístico da provincia. “Queremos mostrar todo o noso apoio ao sector do turismo, o comercio e a hostalería, que ten sufrido un enorme impacto económico, e cremos que este é o momento para homenaxealos e prepararnos para saír desta situación con máis forza”, explicou Carmela Silva. Na provincia hai 303 empresas no SICTED, das que recibirán os diplomas aquelas 136 que acaban de obter o selo ou ás que lles toca renovalo. “Somos líderes nacionais neste distintivo de calidade, que acredita a excelencia do noso sector”, resaltou a presidenta.

O acto terá unha presentadora moi especial. “A gala estará conducida por Celia Freijeiro, viguesa e unha das nosas grandes actrices de cine, televisión e teatro”, anunciou Silva. A intérprete de “Vida Perfecta”, serie premiada no Festival de Series de Cannes, xa protagonizara o vídeo oficial de “Sigue o teu instinto”, a campaña turística da Deputación en 2020. A campaña deste ano, “Momentos Rías Baixas”, será o fío condutor da Gala. “Será unha viaxe pola provincia, os bosques e rías, castelos, gastronomía, cultura, festas e Camiño de Santiago, e xirará en torno a momentos: un atardecer, un paseo pola natureza, unha visitas ás Cíes, ou unha experiencia gastronómica nun dos nosos restaurantes con Estrela Michelin”, subliñou a presidenta.

Durante o vento proxectarase o vídeo de “Sigue o teu instinto” adaptado para os festivais internacionais aos que se presentará, e un vídeo de “Momentos Rías Baixas” protagonizado por persoas do sector. Ademais anunciaranse os gañadores e gañadoras do primeiro concurso “Momentos Rías Baixas”, que está aberto en redes sociais e que recibiu xa máis de mil imaxes. “Será un gran espectáculo, moi dixital e tecnolóxico, cunha gran pantalla curva tralo escenario que chamará moito a atención e photocall con imaxes do comercio, hostalería, artesanía… para facerlles unha homenaxe a todas as persoas que contribúen a facer provincia e teñen sufrido moi especialmente as consecuencias da crise pola pandemia”, engadiu a presidenta.

“O buque insignia da nosa gastronomía”

Carmela Silva felicitou aos e ás chefs e aos seus equipos polo gran éxito colleitado este ano. “Estámosvos moi agradecidos por decir que si á proposta de que sexades embaixadores. Os chefs Michelin son un orgullo, o buque insignia da nosa gastronomía. Son os cracks da nosa cociña, e sitúannos na vangarda internacional. E detrás dos seus pratos hai un respecto e coidado ao produto que extraen do mar, da terra e os viñedos miles de produtores e produtoras: mariscadoras, mariscadores, gandeiros e gandeiras, agricultoras e agricultores… As persoas que fan que a nosa enogastronomía goce de prestixio en todo o mundo”, salientou Carmela Silva.

Pontevedra Provincia era xa unha potencia a nivel nacional en Estrelas Michelin, con 5 restaurantes galardoados, e en 2021 alcanzaronse tres fitos máis: sumáronse Eirado da Leña e Silabario (que xa a tiña na súa etapa anterior en Tui); por primeira vez un restaurante da provincia acada as dúas estrelas, Culler de Pau; e tanto Culler de Pau como Pepe Vieira entraron na lista de 21 restaurantes de España que recibiron a Estrela Verde, a nova distinción da Guía Michelín que recoñece o traballo a prol da sostibilidade no campo gastronómico.

Os chefs: “Sentímonos honrados”

Os chefs tomaron a palabra para agradecer á Deputación o nomeamento e salientar que o éxito da gastronomía das Rías Baixas é colectivo, desde os produtores e produtoras ata as cociñeiras e cociñeiros. “O recoñecemento da nosa cociña é un traballo de todas as persoas que están detrás de nós. Sentímonos honrados, asumimos o reto de ser embaixadores e agradecemos que desde a Deputación organicedes actividades como esta gala, responsables e con todas as medidas”, destacou Pepe Solla.

Rafa Centeno redundou en que “a xente que traballa con nós forma parte tamén dos embaixadores e todos xuntos imos ser capaces de situar aínda máis alto o destino Rías Baixas”. Alberto González salientou na mesma liña que “esta crise puxo de manifesto a necesidade de estar xuntos e o sector precisa do pulo da Administración: o camiño é a cooperación”. Pola súa parte, Iñaki Bretal anotou que “é o momento de axudarnos entre todos a dar xuntos o mellor de nós e facer un destino aínda máis sostible e de calidade”.

Os chefs recibirán durante a gala como recoñecemento unha peza de artesanía creada por Ana Tenorio, premio Artesanía de Galicia 2018, e inspirada na camelia das Rías Baixas.

Protocolos fronte a Covid-19 e “streaming”

Carmela Silva fixo fincapé en que na Gala aplicaranse todos os protocolos fronte á COVID-19. “Cumpriremos exhaustivamente todas as medidas de seguridade, tanto de limitación de aforo como de distancia entre as butacas no hall do Auditorio Mar de Vigo. As fotos de familia dos distintos grupos faranse por quendas reducidas, e a asistencia tanto dos e das premiadas como dos alcaldes, alcaldesas e demais autoridades, será con invitación e confirmación expresa para garantir que se cumpre o aforo”, destacou. O evento poderá seguirse en streaming na páxina web da Deputación de Pontevedra e a través das redes sociais.

Ata o 12 de marzo estará aberta a inscrición para o concurso ‘Mos pola Igualdade’ na rede social TikTok

0

Aínda é posible a inscrición de obras no certame de TikTok ‘Mos pola igualdade’, que, ata o 12 de marzo, ten aberto o formulario de inscrición para rexistrar participacións. A chegada de marzo, ‘mes da igualdade’, fai que os preparativos para a celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, arrinquen para avogar por un mundo máis xusto e sen desigualdades de xénero.

O certame enmárcase dentro da iniciativa nacional ‘Rodando pola igualdade’, á que se sumaron máis de 50 municipios ou rexións de toda a xeografía española para loitar xuntos pola igualdade de xénero. Deste xeito, o certame conta cun primeiro premio a nivel local dotado con 200 euros e un segundo premio dotado con 100 euros, pero ademais, a obra que consiga o primeiro premio, competirá co resto de obras gañadoras dos seus respectivos certames locais para dilucidar cales son os mellores traballos a nivel nacional, que recibirán tres galardoes: un primeiro premio dotado con 1.000 euros e 500 euros en formación en liña ou presencial na escola audiovisual EFTI de Madrid, un segundo premio dotado con 500 euros e un terceiro premio dotado con 250 euros.

Deste xeito preténdese fomentar a creación e a creatividade local e a unión cidadá, á vez que se é parte dun gran proxecto global no que se xuntan forzas para que todas e todos loitemos en favor da igualdade de xénero. Para participar no certame non é necesario dispoñer de equipos profesionais, bastará cun móbil… e unha boa historia que contar! Inscribirse é tan sinxelo como subir un vídeo á plataforma Tik Tok co hashtag #mosporlaigualdad e #rodandoporlaigualdad e encher un formulario de inscrición (onde tamén se poden consultar as bases) na web www.mos.es

A temática do certame é todo o que concerne á loita pola igualdade de xénero (igualdade no deporte, en oportunidades laborais, en tarefas domésticas, denuncia de relacións tóxicas, oposición ao machismo, empoderamento, detección de micromachismos, loita contra a violencia de xénero…). A duración máxima dos vídeos será de 60 segundos, e pódense utilizar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social TikTok. Para poder ser parte do certame será necesario que a persoa participante estude, traballe, sexa natural ou residente no municipio de Mos.

O obxecto da convocatoria é o estímulo da capacidade creativa da cidadanía da localidade á vez que se potencia a reflexión e a concienciación pola igualdade de xénero; e elixiuse a plataforma Tik Tok pola súa alta penetración nos estratos máis novos da sociedade e pola facilidade de creación audiovisual que proporciona.

O Sergas lanza unha enquisa para participar no I Plan de Igualdade

No día luns 8 de marzo, e coincidindo co Día Internacional da Muller, o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha unha enquisa para coñecer a opinión do seu persoal respecto á igualdade de xénero na organización. A enquisa está consensuada na Comisión de Igualdade entre a Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, co fin de afondar no diagnóstico cualitativo en materia de igualdade entre mulleres e homes.

Esta consulta, que estará dispoñible ata o día 31 de maio, permitirá coñecer as percepcións dos profesionais sobre aspectos relacionados coa conciliación e corresponsabilidade, co acceso á formación, coa promoción profesional ou con condutas discriminatorias, entre outras cuestións. Incluirá tamén opcións para poder recoller as opinións sobre medidas concretas sobre a igualdade de xénero. Tanto o anonimato como a confidencialidade das respostas está garantida.

A participación do persoal nesta enquisa é moi importante xa que os resultados que se acaden incidirán no deseño das medidas incluídas nas liñas estratéxicas que se recollen no I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde que se está a elaborar. Entre os obxectivos principais do Plan está a optimización das políticas de persoal a través da integración  da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como principio básico e transversal nas políticas de persoal a organización e, particularmente, na súa xestión.                                                                   

Esta iniciativa amosa novamente o compromiso do Sergas a prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nunha organización integrada maioritariamente por mulleres, que representan o 78% do persoal. É especialmente significativa  ademais, nun momento no que a crise xerada pola pandemia da covid-19 leva situando aos sectores relacionados cos coidados ás persoas no centro da mesma e ás mulleres na primeira liña de resposta á esta enfermidade.

O Concello de Tui está a realizar labores de mantemento e conservación no Paseo Fluvial

0

O Concello de Tui está a executar estes días labores de mantemento e conservación no Paseo Fluvial e nas súas proximidades.

Por unha banda estanse a revisar, reparar e conservar os elementos dos dous parques infantís situados no Paseo, un nas proximidades das escaleiras de subida á praza da Estrela, e outro no Penedo. Tamén se realizan labores de reparación e conservación nos biosaudables.

Por outra parte leváronse a cabo tarefas de limpeza dos bancos e mesas de pedra situadas no Paseo Fluvial. Tamén se aplicou tratamento para a conservación da madeira dos bancos, para aumentar a súa durabilidade, e se repararon ou substituíron as pezas en mal estado.

Amais as fontes existentes ao longo do paseo van ser substituídas dado o mal estado de conservación, sendo reemprazadas por outras dobres adaptadas para o consumo humano, pero que tamén prestan a función de bebedeiro para cans. Deste xeito dáse resposta á demanda de moitos donos de mascotas que adoitan pasear por este lugar.

Tamén se ten actuado no lavadoiro situado na Baixada ao Embarcadoiro onde se levou a cabo a limpeza de muros e do propio lavadoiro, poda de plantas e revisión do sistema de desaugue, para evitar desbordamentos. Deste xeito ponse en valor este conxunto patrimonial.

Estas actuación complementaranse con tarefas de xardineiría, introducindo plantas de temporada que aporten cor e vistosidade ao entorno.  

Dende a Concellería de Parques e Xardíns explican que este é o comezo dun traballo intensivo que se vai estender ao longo dos próximos meses co obxectivo de que todos os parques infantís, tanto no centro urbano coma nas parroquias, estean nas mellores condicións para o seu disfrute por toda a familia.  Ao tempo solicitan a colaboración cidadá cun uso responsable destes espazos.

Redondela celebrou esta mañá as ‘Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero»

0

Durante toda a mañá de hoxe celebráronse, en Redondela, as I Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero», unha iniciativa desenvolvida en formato online e que nace co obxectivo de ser un foro de debate aberto sobre todos aqueles temas que permitan poñer en valor o papel da muller na sociedade e a súa loita por acadar unha igualdade real como único camiño para conseguir unha sociedade máis xusta.

A iniciativa desenvolvida pola Concellería de Igualdade que xestiona a alcaldesa Digna Rivas e a Asociación AMA, nace, tal e como se sinalou, cunha clara vocación de continuidade poñendo todos os anos, sobre a mesa, todos aqueles temas que poidan contribuír a medrar, fortalecer e consolidar o concepto de igualdade.

Trala a apertura das xornadas a cargo da alcaldesa de Redondela Digna Rivas e a doutora Igualdade Marina Iglesias Bernardez, Maria Rivas Couceiro e María Romero Morillo presentaban o movemento ‘Arte de Vivir’ para, posteriormente, dar paso ás mesas redondas ‘Desde o parto e crianza; Construír Igualdade, redes e novas realidades’ e ‘O saber maternal como legado e transmisión cultural’.

Xa pola tarde, cara as 17:30 horas, procederase á inauguración do mural que, na fachada do multiúsos da Xunqueira, realizaron as participantes no obradoiro de Terapia Ocupacional promovido pola Asociación AMA, baixo a supervisión de María Romero Morillo, e no que as participantes veñen traballando dende o pasado día 5 de marzo. A acción remataba cunha acción poética a cargo da poetisa Carolina Sertal

“Queremos poñer o foco de atención sobre o papel da muller na sociedade e a importancia que ten a igualdade para acadar unha sociedade máis xusta e, polo tanto, máis decente”, salientou Digna Rivas ao remate dunhas xornadas que levan o nome de Gemma Pereira Otero, unha redondelá “posiblemente descoñecida para a maioría da veciñanza, pero que foi unha das primeiras mulleres pioneiras en estudar unha carreira de ciencias e a primeira muller que rexentou unha farmacia en Redondela, un campo ata o momento restrinxido aos homes”, matizou a alcaldesa de Redondela.

“Con ese nome queremos non só dar a coñecer a súa figura, senón perpetuar o seu legado cunhas xornadas que poñan sobre o tapete de debate todos os temas que afectan directamente á muller, visibilizalos e contribuír a construír un camiño igualitario”, concluíu Digna Rivas.

As novas bicis transfronteirizas do Miño terán estacións de intercambio á beira do río e nos cascos urbanos das eurocidades

As beiras do río Miño e os cascos urbanos das Eurocidades de Tui-Valença, Tomiño-Cerveira e Salvaterra-Monçao serán os lugares onde se instalarán as estacións de intercambio das novas bicicletas transfronteirizas do servizo de préstamo que está a poñer en marcha o AECT Río Miño. Así o decidiron o persoal técnico dos concellos e do agrupamento europeo, nos vindeiros días van definir as localizacións concretas.

Dende o AECT e as Eurocidades están a dar todos os pasos para que de cara ao bo tempo (e coa apertura da fronteira mediante) o proxecto de ‘bike sharing’ estea en marcha e a disposición tanto da veciñanza da zona como para o turismo. Segundo destacou o vicedirector do AECT Uxío Benítez, búscase que esta iniciativa sexa funcional, permitindo que se poida circular nas bicicletas a “unha e outra beira do río ben por motivos de ocio ou de necesidade” fomentando a mobilidade sustentable e tamén o turismo no territorio miñoto.

Nestes momentos estase a ultimar o sistema tecnolóxico das tarxetas das persoas usuarias e  a APP que regulará o uso, así como realizando os trámites administrativos necesarios para a aprobación do regulamento de uso e o contrato dos seguros e mantemento. O horizonte, segundo confirmou Benítez, é que antes do verán o servizo estea en marcha e que todas as persoas que vivan ou visiten as Eurocidades teñan a disposición este sistema de mobilidade natural de maneira gratuíta.

Este proxecto trátase dunha iniciativa piloto pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor. De feito, enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.

Nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro.  Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida e intercambio non disporán de ancoraxes físicas. A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto.

Este xoves chega a Tui Baobab Teatro con “O lobo e a lúa” e o venres a proxección da película “A illa das mentiras”

0

Con dobre proposta, teatro familiar e cine, continúa esta semana a programación cultural no Teatro Municipal de Tui.

Este xoves, 11 de marzo, ás 18:30 h  Baobab Teatro presenta “O lobo e a lúa”, unha obra dirixida a público familiar de Óscar Ferreira e Andrea Bayer e interpretada por Xosé Manuel Esperante e Cora Sayers.

Trátase dunha peza teatral tenra, divertida e intrigante onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Un espectáculo que transcorre nos seus 50 minutos de duración sempre de noite, á luz da lúa. É unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor. O lobo quere falar coa lúa pero non o consegue porque está moi lonxe. Berra para facerse escoitar, pero cos seus grito non deixa durmir a ninguén no Prado Azul. Recibiu o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en 2014.

As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 4€ e 3€ até o xoves ás 17.30 h.

A illa das mentiras, de Paula Cons

Ao día seguinte, o venres 12 de marzo, ás 19:30 h proxectarase no Teatro Municipal o filme “A illa das mentiras” dirixido por Paula Cons e protagonizado por Nerea Barros, Aitor Luna, Darío Grandinetti e Victoria Teijeiro. A película está recomendada para público adulto.

O argumento avanza arredor de tres mulleres convertidas en heroínas hai 100 anos ao botarse ao mar para salvar aos supervivintes do Santa Isabel,  que navegaba rumbo a Bos Aires con 260 persoas a bordo. Tras o afundimento do barco lograron salvar a 48 persoas. Pero esa noite houbo “terribles casualidades” na illa coma descobre un xornalista arxentino que acudiu á illa a cubrir a noticia do naufraxio. A película ten unha duración de 93 minutos. As entradas están á venda en tui.gal até o venres ás 18.30 h aos prezos de 6€ e 5€.

Cómpre lembrar que o aforo do teatro está limitado a 148 butacas, un 25% do aforo total da sala.

A Xunta de Galicia renova a composición do seu Consello para a innovación en materia sanitaria

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde coa que culmina o proceso de renovación da composición do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria que a Consellería de Sanidade ten impulsado nas últimas semanas.

Desígnanse deste xeito, oito novos vogais electivos. A proposta do xerente do Sergas incorpóranse ao organismo Alejandro Ávila (pediatra, actual subdirector de hospitalización e urxencias da área sanitaria da Coruña e Cee e coordinador do nodo de innovación de dita área), Blanca Cimadevila (xefa do servizo de integración asistencial da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas), Javier Quiles (físico experto en imaxe médica, actual subdirector de sistemas e tecnoloxías da información da área de Ferrol), Pilar Rodríguez Ledo (médico de familia, actual subdirectora de humanización, calidade e atención á cidadanía da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e coordinadora do nodo de investigación de dita área) e José María Romero Fidalgo (actual director da área de desenvolvemento e innovación sanitaria da Axencia para o Coñecemento en Saúde, ACIS).

Por outra banda, a proposta do conselleiro de Sanidade, súmanse a este órgano o subdirector xeral Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería, Benigno Rosón; a farmacéutica e xefa de servizo de control e auditorías da Dirección Xeral de Saúde Pública, Marta Piñeiro; e o economista especializado en xestión sanitaria Miguel Ángel Máñez.

Compromiso coa transformación dixital da sanidade pública galega

O Consello para a Innovación en Materia Sanitaria foi creado no ano 2013 como órgano de carácter permanente e consultivo no cal participaran persoas de relevancia en materia de innovación en saúde e cuxa finalidade fose a promoción da innovación na Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

Con este obxectivo, deseñouse un órgano coa presenza de cinco membros natos (as persoas titulares da Consellería de Sanidade, da xerencia do Sergas, da dirección da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica, da dirección da Axencia Galega de Innovación e da entidade adscrita á Consellería de Sanidade con competencias en materia de innovación, que desde 2015 é a Axencia de Coñecemento en Saúde – ACIS) e ata oito membros electivos.

Na actual lexislatura, a Xunta de Galicia ten expresado o seu firme compromiso de avanzar na transformación dixital da nosa sanidade pública. Así, na súa comparecencia parlamentaria de exposición de liñas de traballo para esta lexislatura, o conselleiro de Sanidade comprometeu importantes avances nas áreas da telemedicina, saúde comunitaria,  compra pública innovadora e investigación clínica. Tamén a integración de ferramentas de intelixencia artificial e big data, impresión 3D ou simulación clínica figuran entre as liñas mestras en materia de innovación sanitaria trazadas pola Xunta de Galicia para esta lexislatura cuxo desenvolvemento será apoiado por este renovado órgano consultivo.

Boas sensacións para a escola de ciclismo Avanza na primeira proba de XCO do ano 2021

Os riders da escola de ciclismo Avanza do Porriño trasladáronse a pasada fin de semana ata a localidade madrileña de Villa del Prado para participar na SUPER CUP UVES-X-SAUCE VILLA DEL PRADO como previo, e o inicio do OPEN DE ESPAÑA XCOFIDIS que dará comezo a vindeira fin de semana no parque forestal Cerro de las Contiendas, en Vallladolid.

Ata catorce corredores da escola de ciclismo Avanza do Porriño acudiron ata a localidade madrileña como preparativo de cara a primeira proba do OPEN ESPAÑA, obtendo moi boas sensacións nesta modalidade que, no ano 2020, víanse obrigados a suspender as probascomo medida preventiva culpa da pandemia da COVID, nas categorías Cadete e Junior.

Despois dun ano sen probas de XCO para a maioría dos catorce corredores achegados ata a comunidade de Madrid, conseguiron poñer o nome do Porriño en cinco podios que foron o finalmente acadados polo integrantes da escola.

O primeiro podio chegaba da man de Andrés Martínez  na categoría Cadete masculino que conseguía cruzar primeiro liña de meta nunha espectacular xornada onde arrancaba a carreira desde a ultima fila, sen sair da categoría cadete pero esta vez as féminas Uxía Soto conseguía impoñerse e subir o mais alto do podio acompañado no terceiro posto pola súa compañeira de equipo  Aroa Otero que tras sufrir unha espectacular caída soubo aguantar a posición loitando ata o último momento pola segunda praza, unha Aroa Otero que unha semana antes conseguía impoñerse con autoridade  na localidade  leonesa de Bembibre onde disputou COPA BEMBIBRE DE BTT, e sen esquecer a Marte Estévez que conseguía cruzar a liña de meta en cuarta posición.

Os dous seguintes podios chegarían da man da categoría Junior , onde na categoría féminas Laura Mira conseguía entra na posición de prata e na categoría Junior masculino Gabriel Conde conseguía o segundo bronce para a escola de ciclismo Avanza.

[su_image_carousel source=”media: 32024,32025,32026,32023″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia recibirán hoxe outras 58.000 máscaras nun novo reparto obxectivo da Deputación

A Deputación de Pontevedra realiza hoxe unha nova entrega de máscaras cirúrxicas de protección aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Son outras 58.000 unidades que, sumadas ás anteriores entregas, eleva a un total de 324.500 o balanzo do material repartido pola institución provincial dende o comezo da pandemia. A iniciativa encádrase no acordo de colaboración institucional coa Subdelegación do Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para facer chegar o material de protección esencial aos colectivos máis vulnerables coas achegas periódicas que fai o Goberno de España.

Con esta son xa cinco as reparticións de máscaras efectuadas pola Deputación. En concreto, a institución provincial achegou unha primeira remesa de  57.000 máscaras en maio, unha segunda de 97.500 en setembro, unha terceira de 58.000 en novembro e outras 54.000 na última achega de decembro, todas elas gracias a este plan de cooperación institucional entre o Goberno de España e a Administración local.

A carta remitida dende a Deputación ás alcaldesas e alcaldes explica que as máscaras están destinadas á súa distribución entre os colectivos máis vulnerables de cada municipio, xunto ao persoal de limpeza e residuos sólidos, traballadores/as sociais e policías locais. Ademais clarexa os criterios de reparto, que consisten en asignar 600 unidades aos concellos de menos de 3.000 habitantes, 900 aos que teñen ata 5.000 habitantes, 1.200 aos que contan con ata 10.000 habitantes, 1.500 aos de menos de 15.000 habitantes e, finalmente, 1.750 unidades aos concellos de ata 20.000. Este último envío forma parte do “paquete” de 13 millóns de máscaras cirúrxicas que o Goberno de España pon este mes  a disposición das Entidades Locais, no marco do acordo coa FEMP, así como coas ONG e entidades sociais que loitan en primeira fila contra a pandemia.

Traballos de recuperación forestal nas Neves

0

O distrito forestal XVII e o Concello das Neves veñen de impulsar este proxecto que se está a desenvolver cun orzamento total de 391.960,13 euros xestionados pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e que permitirán acutuar en 135,69 hectáreas distribuídas nos montes das CMVMC de Taboexa, San Xosé de Ribarteme, Cerdeira, Rubiós e Tortoreos.

Os traballos que se realizarán inclúen:

Retirada de tocóns de eucalipto para plantación de frondosas ou coníferas segundo os casos. Arranque con retroescavadora hidráulica con apoio de tractor de cadeas. A operación abrangue a estabilización e nivelado do solo para a apertura mecanizada dos buratos de plantación.

Plantación de bidueiros, freixos, castiñeiros, sobreiras e carballos con densidades de 625 pés/ha a marco real de 4×4 metros e plantacións de piñeiro do país con densidades de 1.430 pés/ha a marco de 3,5×2 metros sobre o terreo preparado previamente. 

Clareo sistemático no rexenerado natural de piñeiro do país. Abriranse rúas nun 75% da superficie de xeito mecanizado, clareando manualmente con motorozadora a fileira dun 25% da superficie. Os restos quedarán totalmente triturados para a súa incorporación ao solo, e cumprindo as necesidades para o impedimento da propagación do Bursaphelenchus segundo a prescrición da normativa en vigor no momento da realización dos traballos.

Actualmente estase actuando simultaneamente en Cerdeira, San Xosé e Rubiós; e a execución dos traballos está a ser supervisada polo Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González.

O Concello de Nigrán destinará medio millón de euros do remanente a paliar os efectos socioeconómicos da Covid no municipio

0

O goberno de Nigrán proporá no vindeiro pleno ordinario do 29 de marzo destinar medio millón de euros do seu remanente de Tesourería a paliar os efectos socioeconómicos da Covid-19 no municipio. Deste xeito, se no 2020 consignou 100.000 € deste apartado á adquisición de alimentos e 20.000 para EPIS, nesta ocasión serán 220.000 € para axudas aos establecementos hostaleiros mediante os dous plans de axudas municipais (o primeiro en fase de resolución e o segundo que se pretende levar ao pleno de marzo tamén), 150.000 € para engrosar a mercadoría do Banco de Alimentos Municipal e 60.000 € para a compra de EPIS. Estes cartos, froito do aforro dous últimos anos e de pechar o exercicio 2020 tamén en positivo, súmanse aos xa consignados no orzamento de 40.000 € para emerxencia social.

“En xullo destinamos 100.000 € do remanente a gastos de emerxencia social despois de que o goberno central permitise en marzo de 2020 que os concellos empregásemos o noso superávit, pasado un ano do inicio da pandemia os efectos socioeconómicos son devastadores, polo que nesta ocasión destinaremos 430.000 € a este fin específico”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, quen xustifica a decisión “ante o aumento dos usuarios do Banco de Alimentos e a situación precaria de moitos hostaleiros. Con estas achegas o Concello garante cubrir as necesidades das persoas que o precisan de aquí a fin de ano. “Afortunadamente somos un Concello con aforros e sen ningún tipo de débeda, o que nos permite afrontar esta crise con recursos máis que suficientes, este é o momento idóneo para empregar o Remanente”, sinala.

“Este notable incremento de persoas vulnerables obrigou a revolucionar e darlle un xiro ao Banco de Alimentos Municipal ofrecendo compras completas e non só produtos non perecedoiros. Multiplicamos as compras e, afortunadamente, multiplicouse tamén a solidariedade ante a situación de necesidade de moitas familias que quedaron sen emprego ou sen poder continuar o seu negocio”, finaliza González.

Investimento en obras

Igualmente, o goberno local proporá consignar neste primeiro plan 1’4 millóns de euros do remanente a diversas obras que xa contan cas autorizacións pertinentes, agardando incorporar outras máis que están pendentes de informes sectoriais, como Otero Pedrayo, Camiño Vello ou rúa Mariñeiro. Así, entre  os investimentos xa previstos figuran  373.878 € para construír unha cociña no CEIP Humberto Juanes que poida subministrar menús a todos os colexios públicos de Nigrán; 400.000 € para xerar o parque forestal de Camos e Chandebrito, primeiro da comarca; 259.000 € para rehabilitar integralmente o muíño de Porto do Molle;  250.000 para levar o abastecemento público a Camos e Nigrán (barrios de A Tarela, A Cruz e O Carballal); 200.000 para o saneamento en Rego do Forno (Patos) e Raña (Priegue); 49.000 € para mellorar a cafetería do espazo público Dunas de Gaifar; e, finalmente, 25.000 € para instalar placas fotovoltaicas no Pavillón Municipal e a Casa Consistorial.

“Trátase de consignar cartos do Remanente a proxectos que están xa realizados e pendentes únicamente de adxudicación, polo que obras como a cociña municipal do CEIP Humberto Juanes poderían comezar este verán para estar operativa desde o vindeiro curso”, resume o alcalde, quen destaca proxectos como “o primeiro parque forestal da comarca, que tras case dous anos pendentes dun informe da AXI xa está ao fin listo para iniciar o expediente de contratación. Todo isto é posible porque somos un Concello saneado económicamente, con posibilidade de investir os seus aforros na mellora da calidade de vida dos seus veciños sen deixar a ninguén atrás, iso é  ‘Un Nigrán para todos”. 

Pago facturas

Finalmente, o goberno local levará tamén a este pleno a incorporación ao Remanente do pago de 130.000 € en diferentes traballos realizados no ano 2020 e cuxas facturas foron presentadas no 2021.

Galicia sitúase por debaixo dos 3.500 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.422, deles 1.211 son da área da Coruña, 282 da de Lugo, 219 da de Ourense, 442 da de Pontevedra, 610 da área de Vigo, 379 da de Santiago e 279 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 77 están en UCI, 292 en unidades de hospitalización e 3.053 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 108.192 persoas curadas, rexistrándose 2.278 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.726.452.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 278.772.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Policía Autonómica tramitou na fin de semana 231 denuncias nos controis de medidas ante a Covid-19 en Galicia

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo a pasada fin de semana un total de 121 dispositivos en 50 concellos galegos nos que foron tramitadas 231 denuncias. Os controis realizáronse no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, e saldáronse con 556 persoas identificadas.

Entre o 5 e o 7 de marzo, os axentes realizaron na provincia de Pontevedra, nos 28 dispositivos realizados en Barro, Catoira, Covelo, A Illa de Arousa, Meaño, Mondariz, Poio, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Vigo e Vilaboa rexistráronse 48 denuncias e identificouse a 192 persoas.

Na provincia de Lugo tramitáronse 28 denuncias e identificáronse 123 persoas en 20 dispositivos levados a cabo nos concellos de Castroverde, O Corgo, Cospeito, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, A Pastoriza, Pol e Xermade.

En canto aos controis levados a cabo pola Policía Autonómica na provincia de Ourense, realizáronse 34 dispositivos que deron como resultado un total de 84 identificacións e 34 denuncias en Allariz, O Carballiño, Cartelle, Castrelo do Miño, Cortegada, A Merca, Nogueira de Ramuín, Ourense, Ribadavia, Toén e Vilamarín.

E na provincia da Coruña 39, dispositivos nos concellos de Ames, Arteixo, Arzúa, A Baña, Boiro, Boqueixón, Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, O Pino, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Santiago de Compostela, Teo e Touro, cun total de 121 denuncias e 157 identificacións.

Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.

Redondela instala catro colectores de tapóns que xestionarán as asociacións Lenda e Andaina como axuda ao financiamento das súas actividades

0

Redondela conta xa con catro colectores específicos para a recollida de tapóns de plástico, contedores claramente diferenciados de calquera outro pola súa forma de corazón e que serán xestionados polas asociacións Lenda e Andaina de cara a conseguir fondos que contribúan ao mantemento das súas actividades.

O Concello de Redondela, a través das concellerías de Servizos Sociais e Medio Ambiente, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e Roberto Villar, respectivamente, puxo en contacto a ámbalas dúas asociacións coa empresa galega ‘Redivivus’ especializada neste tipo de actividades.

A posta en marcha destes catro primeiros colectores de tapóns, dos que dous quedarán instalados en Redondela e outros dous en Chapela, permitirá que as asociacións Lenda, –dedicada a atender ás necesidades, formación e inserción de persoas maiores con discapacidade– e Andaina, –que fan a mesma labor pero con nenos e nenas–, “poidan obter uns ingresos adicionais e que as persoas da asociación desenvolvan unha actividade máis ao encargarse da xestión dos contedores e da recollida dos tapóns”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Os tapóns depositados nestes colectores, serán periódicamente recollidos por ámbalas dúas asociacións para, posteriormente, ser entregados á empresa Redivivus quen se encargará do seu tratamento e reciclaxe e entregando os fondos obtidos a Lenda e Andaina.

A alcaldesa Digna Rivas quixo trasladar ás dúas asociacións o agradecemento de toda a cidadanía de Redondela “polo seu traballo incansable e solidario a prol das persoas que máis o precisan, labor para a que sempre poderán contar coa colaboración deste Goberno”, concluíu.

Luis López visita ao Atlético Guardés e cualifica ao club de “orgullo para Galicia e exemplo de superación e loita pola igualdade”

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta tarde, no Pavillón da Sangriña, ao Balonmán Atlético Guardés e calificou a este clube feminino de “orgullo de toda Galicia e exemplo constante de superación e loita pola igualdade”. O representante autonómico mantivo un encontro coa directiva, encabezada por Jesús López, o adestrador José Ignacio Prades, e as xogadoras, que veñen de regresar do seu encontro contra o Málaga para poñer fin á primeira fase da Liga Guerreras de División de Honra, e entregoulles uns obsequios da Secretaría Xeral da Igualdade en recoñecemento á súa gran tempada, ao seu esforzo constante e a ser un dos mellores e máis representativos clubes de Galicia.

O delegado territorial insistiu en que o traballo realizado polo Atlético Guardés dende a súa fundación en 1967 e, xa coa actual denominación en 1971, “debe ter a máxima difusión e visibilización para ser un exemplo para a sociedade e avanzar máis rápido cara a consecución da igualdade de xénero, xa que leva máis de medio século facendo as cousas ben e rompendo todos os teitos de cristal e as barreiras que sofre o deporte feminino”.

Así, lembrou que todo este traballo “tivo unha especial recompensa na última década”, na que o equipo, do que tamén destacou o labor que fai coa canteira, acadou o ascenso á División de Honra (2012), conseguiu praza para a EHF Champions (2013), gañou o Campionato de Liga (2017) e vén de clasificarse o pasado mes de febreiro, por vez primeira, para unhas semifinais dunha competición continental.

Luis López animou ao equipo tras a derrota sufrida esta fin de semana en Málaga para pechar a primeira fase da Liga Guerreras, “que non empaña para nada a magnífica tempada do clube”, e incluso destacou que o Guardés finalizou na segunda praza do seu grupo, só por detrás do potente Bera Bera, “polo que ten todas as opcións abertas na loita polo título que comezará o vindeiro 22 de marzo”.

O delegado territorial rematou o seu encontro cos representantes e as xogadoras do Guardés desexándolles “a máxima sorte” na fase polo campionato da División de Honra e, especialmente, nas semifinais da EHF European Cup que disputarán contra o Málaga a dobre volta os días 28 de marzo e 3 de abril. “A toda Galicia faríalle moita ilusión que se clasificaran para a final europea en maio e eu serei o primeiro que as estarei alentando e animando para que acaden este fito histórico”, concluiu.

O clube guardés está patrocinado pola Xunta de Galicia e recibiu, ao abeiro de distintas liñas, incluíndo axudas e equipamentos, 75.863€ o pasado ano e está previsto que, no presente exercicio, se destinen 24.000€ á mellora do videomarcador e se executen outras melloras no pavillón da Sangriña.

Farrapos morados lembran no Rosal o mundo de posibilidades que se abre ao vivir en igualdade

0

Poñer fin á brecha de xénero non só implicaría avances significativos para a sociedade, máis xusta, máis feliz e con maior benestar para todas as persoas, senón que tamén xeraría un importante crecemento económico, cun aumento da produtividade dos traballadores e traballadoras e maior poder de tracción de talentos. Todo vantaxes para unha realidade pola que rosaleiros e rosaleiras loitan tamén dende as aulas.

As rúas do Rosal enchénse dende hoxe mesmo e ata finais de mes dos ‘Farrapos morados’ creados polo alumnado de secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier, unhas lonas que buscan reflectir e facer chegar á veciñanza todas aquelas cousas positivas que se poden facer e ter cando se vive en igualdade, “sen sufrir violencia de xénero nin ningún outro tipo de represión, cando se vive realmente en liberdade”, sinala a concelleira de Igualdade e Muller, Sara Vicente.

[su_image_carousel source=”media: 31966,31972,31968,31970,31969,31971″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Cada unha das lonas recolle unha mensaxe optimista con palabras positivas por unha das caras e, na outra, mensaxes escritas polo alumnado de diferentes cursos coas ideas que queren transmitirlles á veciñanza. Nesta iniciativa tamén participaron os nenos e nenas do CRA María Zambrano, que decoraron algunhas lonas que quedaron expostas nas propias escolas unitarias.

Esta iniciativa forma parte da programación centrada na igualdade organizada polo Concello do Rosal para todo o mes de marzo e que busca a implicación da veciñanza participando en accións como a colocación das pegatinas do ‘Revolucionando Mentes 8M’ en fiestras e escaparates, a mostra ‘Iguais somos +’ ou a exposición ‘O traballo non ten xénero’ e o teito de cristal que a acompaña para simular as dificultades ás que teñen que enfrontarse as mulleres ao longo da súa vida laboral, social, familiar… polo mero feito de ser muller.

Tui reclama a igualdade real e efectiva cun manifesto lido por seis mulleres de distintos ámbitos

0

Seis mulleres puxeron hoxe voz á reivindicación dunha igualdade real e efectiva en todos os ámbitos coa lectura do manifesto deste 8 de marzo, no acto institucional organizado polo Concello de Tui. O antigo edificio dos xulgados, na praza da Inmaculada acolleu esta conmemoración nun evento que foi transmitido en directo a través de YouTube, a web municipal e as redes sociais.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, abriu o acto deste 8 de marzo de 2021 expondo que “as mulleres continuamos reivindicando os nosos dereitos, o noso lugar, gritando en voz alta contra a violencia, a explotación e as desigualdades que estamos sufrindo”. Reivindicou “o valor da nosa contribución ao patrimonio común en creación e coñecemento, en coidados e apoios, en arte, na ciencia, na economía, na filosofía, … E por suposto, reivindicamos a nosa categoría como mulleres, como suxeito político e diana da opresión”. Un acto no que se recordou a memoria e a historia de todas as mulleres, e no que se visibilizou un ano máis que “a loita das mulleres está viva”.

A continuación proxectouse o audiovisual ‘Únete á R-Evolución nos coidados’ que rende homenaxe ás mulleres que estiveron en primeira liña durante a pandemia.

Os versos do poema ‘Pensamentos de realidade’ da pedagoga Teresa Domínguez xunto ás pezas musicais interpretadas por Dafne Piñeiro e Lourdes Quintela, alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui, intercaláronse na lectura do manifesto a cargo de seis mulleres de diferentes ámbitos.

Chelo Domínguez, directiva dunha empresa de automoción, recoñeceu que “aínda que no mundo occidental as mulleres gañamos moito terreo, aínda existen desequilibrios estruturais de carácter social, educativo e laboral que ameazan con que o soño dunha igualdade efectiva entre mulleres e homes non fose máis que unha simple ilusión. Para evitalo necesítanse medidas intelixentes e atrevidas”. E apuntou cómpre “equilibrar a grella de saída rompendo os roles de xénero no acceso ao mercado laboral. E iso só pode traballarse mediante políticas que entendan que a influencia da contorna educativa, social e familiar nos primeiros anos de vida son absolutamente claves”. Expuxo que á celebración do 8 de marzo chegamos tras “unha loita moitas veces xorda, pero constante, das nosas e nais e avoas”. Engadía que “hoxe nos corresponde concienciarnos con que hai que seguir loitando para que na fotografía do futuro as nosas fillas e netas non lles custe saír ben encadradas, enfocadas, e en primeira fila; brillando ao lado, e non detrás, dos nosos fillos e netos”.

Marisa Giráldez, deportista, mestra e presidenta do Club de Badminton Tui reivindicou a igualdade das mulleres “en todos os ámbitos da súa vida e especialmente no deporte, unha das áreas onde a discriminación da muller polo feito de ser muller é unha realidade aínda vixente”. Concluía indicando que “as mulleres somos corredoras de fondo: seguiremos e seguiremos, tamén despois desta crise, como sempre o fixemos, até chegar á máis xusta das metas: a igualdade real, plena e efectiva”.

Laura Méndez, coma ela mesma explicaba “continuadora dunha historia laboral de catro xeracións de mulleres emprendedoras e loitadoras no sector hostaleiro” expuxo que “grazas ás mulleres da miña familia aprendín que esta situación complicada do sector pasará, e, o renacemento chegará cheo de emocións, sentimentos e retos marabillosos e nunca esquecendo o importante de ter sempre unha mirada de xénero que me leva a reivindicar os valores dun liderado feminino como cimentos sólidos que crean unha nova realidade no contexto Covid, con oportunidades dun futuro firme e seguro”. Concluíu indicando que “tal como fixemos avanzar este sector no pasado, podemos hoxe, mañá e sempre alcanzando, desta forma, un futuro igualitario”.

Rocío Gómez, presidenta da Asociación de Amas de Casa de Tui, explicou coma este colectivo naceu en 1992 “ co firme propósito de tecer redes entre mulleres para achegalas ao espazo público, ao coñecemento e ao tempo libre e para dar voz ao que nunca se conta: A nosa historia”. Explicou coma a pandemia oculto o papel das mulleres “ invisibles no público pero imprescindibles no universo dos afectos, do coidado, da sustentabilidade e da supervivencia familiar. Mulleres que sosteñen o mundo coas súas mans”. E reclamou “o noso espazo persoal e profesional, o noso tempo para o lecer e o autocoidado, a repartición equitativa dos coidados familiares e as tarefas domésticas e a visibilidade das nosas contribucións á sociedade que foron e aínda hoxe seguen sendo silenciadas. Hoxe, as mulleres dicimos: estamos aquí e continuaremos este camiño para construír fogares entre iguais e onde o espazo público, as rúas e as prazas sexan tamén os nosos lugares”.

Laura Villaverde, actriz e creadora escénica, amosou o seu “compromiso e interese en crear personaxes femininos que leven soas o peso dramático de toda a obra escénica, e contribuír a romper cos aínda existentes e restrinxidos roles femininos”. Engadía que “como creadoras e creadores temos que fomentar a posibilidade de que unha muller poida interpretar a un personaxe con identidade ó servizo da historia e non ó servizo dun protagonista masculino, onde se poida extraer un discurso de igualdade como forma de exercer poder; realizando unha representación da realidade feminina que inflúa e condicione a formación dun referente feminino no imaxinario colectivo. Temos que visualizar e crear referentes” Concluía sinalando que “reivindicar a igualdade da muller tanto no mundo laboral, sexual, como no persoal segue a ser un asunto vixente”.

Nuria Garabal, mestra e directora non Ceip Plurilingüe Nº1 de Tui, indicou que “dende a educación todos ou días facemos por conseguir un futuro igualitario para todas e todos. Os docentes somos modelos e inspiramos aos nosos nenos e nenas a crear un mundo sen discriminación de xénero”. E sinalaba que “só educando en igualdade avanzaremos como sociedade”. Expuña que “a coeducación, a incorporación das mulleres como referentes nos libros, o trato igualitario na aula, no recreo, nas titorías…, son tarefas que nos corresponden como mestras e mestres”. Rematou animando “a todas as mulleres e nenas para que crean nas súas posibilidades e alcancen as súas metas, sabendo que as capacidades das persoas son ilimitadas”.

O Sergas inicia un novo curso de formación para a vacinación contra a COVID-19 destinado ao persoal de enfermaría de atención primaria

O Servizo Galego de Saúde inicia mañá un novo curso de formación para a vacinación contra a covid-19, destinado o persoal de Enfermería dos servizos de Atención primaria do Sergas. O obxectivo do curso é que o conxunto de profesionais de Enfermaría de primaria coñezan as características das vacinas, a súa loxística e as especificidades na súa administración.

Así, e de acordo co previsible incremento do número de vacinas que recibirá Galicia nas vindeiras datas, as persoas que completen esta actividade formativa poderán reforzar ao equipo de 200 enfermeiras que, desde o pasado 27 de decembro, desenvolven tarefas específicas de vacinación contra a covid-19.

Durante os días 9, 10 e 11 de marzo, os preto de 2.700 profesionais desta categoría sanitaria poderán acceder ao este ciclo de autoformación, que estará dispoñible na aula virtual da Axencia de Coñecemento da Saúde (ACIS). Neste senso, cómpre sinalar que os enfermeiros e enfermeiras do sistema público galego disporán de dúas horas, dentro do seu horario laboral, para acceder a plataforma. Ademais, unha vez superado o curso, ACIS remitirá ao Expediente-e (FIDES) un certificado de superación daqueles profesionais que finalicen con éxito a formación.

O conselleiro de Sanidade enviou está mañá unha mensaxe de recoñecemento para persoal sanitario e non sanitario do Servizo Galego de Saúde pola “súa entrega sin límites”, e amosouse convencido de que “grazas a súa experiencia, a súa valía profesional e a súa implicación” o “camiño será máis doado e culminarase con éxito este proceso”.

Tomiño conmemora o 8M cunha xornada reivindicativa

0

Co gallo da conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Tomiño levou a cabo unha serie de iniciativas coas que visibilizar e reivindicar a importancia de loitar pola consecución da igualdade real entre homes e mulleres. A programación deu comezo o sábado, coa interpretación no Auditorio de Goián da obra teatral Feminíssimas, unha comedia negra e violeta coa amizade e perspectiva de xénero como eixo central, á cal acudiron máis de 60 persoas.

Hoxe fíxose a presentación dun novo mural no Campo de Fútbol do Alivio realizado pola pintora e artista guardesa Gemma Marqués en base a un retrato feito pola recoñecida fotógrafa tomiñesa Pilar Reñones. A artista xa participou en varios dos murais feministas realizados polo Concello de Tomiño durante os últimos anos situados nos campos de fútbol do Alivio e do Regatiño ou en rúas como a do Camiño do Latas, no núcleo do Seixo.

A protagonista do mural é Marga González, histórica e veterana xogadora do Tomiño FC Feminino desde a súa fundación, permanecendo en activo ata os 50 anos e sendo parte da súa directiva na actualidade. Marga estivo vinculada ao deporte durante toda a súa vida e particularmente ao fútbol, o cal practica desde que era unha cativa. Estivo unha etapa tamén no Celta Feminino antes de marchar a traballar para Madrid, onde permaneceu 14 anos antes de volver definitivamente a Tomiño para ligarse á fundación do Tomiño FC Feminino. “A verdade é que iniciativas coma estas fante sentir motivada en con ganas de loitar sobre todo polas rapazas que veñen aí, para que teñan referentes e para transmitirlles os valores da igualdade a través do deporte”, comenta Marga.

[su_image_carousel source=”media: 31961,31959,31958,31957,31956″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Foron tamén partícipes da xornada moitas mulleres de Tomiño, que quixeron amosar a través dun reivindicativo vídeo difundido nas redes sociais as mil razóns polas que celebrar os avances acadados ata agora en materia de igualdade, pero tamén os motivos polos que é preciso continuar loitando para facela efectiva e real, un feito que aínda dista de ser conseguido.

Tamén se levaron a cabo iniciativas en Tomiño por parte de entidades educativas como o CRA Mestre Manuel Garcés, cuxo alumnado creou un xardín de zapatos das súas nais, tías, avoas e demais mulleres que os cativos e cativas consideran referentes na súa vida. O proxecto, titulado “Sementes de Esperanza”, está inspirado na figura de Wangari Maathai, a primeira africana gañadora do Premio Nobel pola súa contribución ao desenvolvemento sostible, a democracia e a paz, e destacada loitadora e activista polos dereitos da muller e da mellora medioambiental, motivo polo cal recibiu o apelativo de “Muller árbore”. Tal e coma se le na pancarta pendurada polo CRA na praza do Seixo, “as nenas e nenos do CRA, ao igual que Wangari, queremos plantar sementes de esperanza por unha igualdade real nos zapatos das mulleres máis importantes nas nosas vidas”.

Luz Darriba intervén con 3.000 máscaras as fachadas da Deputación en Vigo para reivindicar neste 8M a corresponsabilidade nos coidados

A Deputación vestiu neste 8M as fachadas da súa sede en Vigo cunha vangardista intervención de 3.000 máscaras escritas con mensaxes enviadas por mulleres da cultura e da cidadanía en xeral, na acción da creadora Luz Darriba que, co título ‘Coidarmos’, reivindica a urxente necesidade da corresponsabilidade nos coidados. Deste xeito, a artista elixiu como elemento simbólico da súa intervención as máscaras –que este ano son o primeiro eixo de protección– para reclamar que os coidados, tradicionalmente prestados de xeito solidario, invisible e non remunerado polas mulleres, sexan compartidos. A acción levada a cabo na sede viguesa do Casco Vello e que presidiu a presidenta provincial Carmela Silva, completouse coa exposición de máscaras intervidas que, baixo o título ‘Coidarmos é un acto político’, ofrecen na sala Rosalía de Castro un total de 19 mulleres da cultura.

O acto do 8M desenvolveuse ante as fachadas do edificio, onde a intervención artística de Darriba rodeou a pancarta da Deputación que este ano reivindica a axenda feminista como centro de acción, e onde soaron con forza as reflexións que moitas mulleres teñen feito sobre a igualdade, recollidas no audio «Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos», coordinado por Ticiana Ghiglione. Amais, a institución repartiu máscaras de ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ e camelias brancas en homenaxe ás pioneiras do sufraxismo.

A presidenta provincial, Carmela Silva, declarou que “estamos fartas de tanta discriminación pero fortes, moi fortes. Somos unha forza imparable e cada día sentímonos máis empoderadas, máis seguras, non imos estar caladas, imos falar alto e claro, defendendo que a igualdade é a única acción política que merece a pena e sen dar un paso atrás para reclamar xustiza. Somos a metade do mundo, recordou, e a metade do mundo ten dereito á metade de todo. Mentres nós, as mulleres, non teñamos todos os dereitos que nos corresponden as sociedades non serán democráticas”. Carmela Silva tamén lembrou que “nesta crise sanitaria as mulleres estiveron en primeira liña”, e lamentou a ausencia feminina nas “palestras, debates, conferencias ou estudos realizados sobre o acontecido durante a pandemia, onde eran eles os protagonistas”. Amais, a presidenta subliñou que as crises “teñen nome de muller”, como dicía Simone de Beauvoir. “Pasou no 2008 e tamén nesta pandemia que, novamente, deixa claro que as máis prexudicadas fomos nós, as mulleres: estabamos todas e todos na casa e, sen embargo, o 75% dos coidados recalou en nós”.

A presidenta provincial insistiu en que “precisamente polo conscientes que somos da importancia dos coidados, este ano non estamos nas rúas aínda que hai mulleres que si o están a facer e defendémolas porque é un dereito”. Ao respecto, lamentou que fronte á presenza de centos de homes concentrados onte tras un partido de fútbol ninguén “botase as mans á cabeza e, sen embargo, en canto nós amosamos o desexo de manifestarnos para defender os nosos dereitos, rapidamente nos tacharon de irresponsables. Estamos fartas de que nos criminalicen”. “Dámoslle tanto medo ao patriarcado que por iso nos quere parar. Xuntas somos tan poderosas que poden intentar deternos por todos os medios que non van conseguir que deamos un paso atrás”.

A creadora da instalación artística, Luz Darriba, participou na lectura do manifesto que elaborou para este 8M, que logo continuaron deputadas e artistas, no que se incidiu na situación que están a vivir as mulleres. “A pobreza, a miseria, as discriminacións todas teñen nomes de muller”, pero a pesar diso “as mulleres movemos o mundo”. “As mulleres coidamos –dixo-, criamos, protexemos o futuro cos nosos propios corpos. As mulleres somos máis da metade do xénero humano e temos que lograr que todas berremos cunha soa e potente vos contra un sistema inxusto, autoritario, feminicida. Nesta crise sanitaria mundial, rematou, quedou en evidencia que estivemos na vangarda, na primeira liña, loitando, coma só nós sabemos facelo, contra a pandemia e contra a inxustiza, a violencia e a misoxinia. Libres e vivas querémonos, libres e valoradas necesitámonos”. O manifesto foi dedicado “ás sanitarias, o 66% de mulleres que estiveron e están poñendo o corpo á enfermidade, ás que viviron e viven confinadas cos seus verdugos, ás que perderon os seus traballos, ás violadas a cada segundo no planeta, ás coidadoras sen recoñecemento nin pago, ás tratadas para a prostitución, ás impelidas a vender os seus ventres para paliar necesidades básicas, ás obrigadas a parir, as refuxiadas, as migrantas, as xitanas, as indias, ás que se senten mulleres; a todas. Redobraremos o esforzo para encontrármonos, comprendérmonos e amármonos. Porque o futuro será feminista ou non haberá futuro”.

Exposición

O acto finalizou na sala Rosalía de Castro da sede viguesa, coa apertura da exposición de máscaras intervidas “Coidarmos é un acto político”, na que participaron as artistas Mónica Alonso, Pilar Alonso, María Álvarez, Sabela Arias Castro, Ana Costas, María Xosé Domínguez, María X. Fernández, Basilisa Fiestras, Elena Gómez, Rebeca Lar, Ruth Lodeiro, Maribel  Longueira, Mercedes Molares Cabana, Mónica Mura, Enma Pedreira, Alexandra Rodríguez Rey, Tareixa Taboada e Begoña Tojo.

Redondela reafirma o 8M o seu compromiso irrenunciable “coas mulleres, a defensa dos seus dereitos e as políticas de igualdade”

0

“Son aínda moitos os obxectivos por alcanzar, os obstáculos a superar e os desafíos que temos por diante e por iso, hoxe 8 de marzo, reivindicamos a necesidade de unir forzas e apelamos á gran alianza de todas as mulleres progresistas e do movemento feminista deste país”, afirmou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, no acto institucional do 8M celebrado esta mañá na Praza do Concello de Redondela.

Digna Rivas, nas súas palabras, tivo unha especial lembranzas para as mulleres que “foron especialmente afectadas nesta crise sanitaria e económica provocada pola COVID”. “Son máis mulleres que homes as que perderon o seu emprego, as autónomas que miraron frustradas as súas empresas e proxectos, as que sufriron os ERTES. Son moitas –engadiu a alcaldesa de Redondela– as que fixeron malabares coas clases dos seus fillos e fillas, a atención dos seus pais, nais, avós ou avoas, o traballo profesional, as tarefas do fogar”

Esta situación lembrou Rivas na súa intervención “a sufriron moitas mulleres a conta da súa propia carreira profesional e mesmo do seu benestar e, por suposto, supuxo unha tortura engadida á todas as mulleres vítimas da violencia machista”.

[su_image_carousel source=”media: 31949,31942,31946,31945,31944,31939,31941,31943,31940,31948″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A rexedora redonelá lembrou que neste 2021 conmemóranse os 90 anos da conquista do voto das mulleres neste país un feito, subliñou, “que debemos agradecer á valentía e o lanzo de Clara Campoamor. Unha efeméride asolagada no lodo dos corenta anos de ditadura franquista pero que supuxo un cambio sen volta atrás. Co voto feminino completamos a nosa democracia. Coa democracia, as mulleres foron desde o primeiro momento conscientes de que tiñan ante elas unha extraordinaria oportunidade e que era froito do que traballaran outras antes. Clara veu da man de Pardo Bazán, de Concepción Arenal, de tantas outras mulleres que a precederon e de quen recolle a súa testemuña. Delas, herdamos un feminismo que ten que ver cos dereitos humanos, coa democracia, coa cidadanía, coa racionalidade do proxecto humanista ilustrado ao que pertencemos e do que nacen todas as democracias contemporáneas”.

Tralas palabras da alcaldesa, procedeuse á lectura do manifesto institucional do Concello de Redondela (pode descargarse nesta ligazón) que correu a cargo da presidenta da asociación de mariscadoras, Esmeralda Otero e da traballadora do SAF (Servizo de Axuda ao Fogar), Lucía Piñeiro Silva que, tal e como sinalou Digna Rivas “visibilizan a todas as mulleres que, durante a pandemia, traballaron nos servizos esenciais, poñendo en risco a súa propia saúde que nada lle faltara á veciñanza neses momentos complicadísimos”

O manifesto institucional “un compromiso irrenunciable deste Goberno con todas as medidas que permitan acadar unha igualdade real e efectiva como única forma de conseguir unha sociedade xusta”, conclúe Digna Rivas.

O Concello das Neves remata a primeira fase da reparación da estrada de Casal da Vila ao Marquiño, entre San Xosé de Ribarteme e Cerdeira

0

A Concellería de Vías e Obras das Neves, que dirixe o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, vén de rematar a primeira fase da reparación da estrada de Casal da Vila ao Marquiño, na parroquia de San Xosé de Ribarteme.

Trátase dunha mellora longamente agardada polas veciñas e veciños e que vén de realizarse cun proxecto e financiamento de hai 2 anos, debido a problemas no proceso de adxudicación da obra. “A vía xa sufriu un empeoramento que non estaba previsto inicialmente, polo que se proxecta xa unha seguinte actuación para deixala en condicións óptimas”, subliña Marcelino Couto.

Preto de 4 quilómetros

A actuación realizouse ao longo de 3,6 quilómetros, nunha vía que dá servizo ás parroquias de San Xosé de Ribarteme e Cerdeira, “mellora tamén o acceso As Neves e o desprazamento cara a autovía A-52 pola zona do Pousadouro”, engade Couto, quen reitera a importancia desta actuación e a súa complexidade, “que requeriu para pola en marcha semanas intensas de traballo de cara a facer realidade unha obra que é esencial para esta zona do noso concello” . O orzamento total foi de 55.568,67 euros, financiados na súa totalidade con fondos propios do Concello.

O alcalde e o Tenente de Alcalde, acompañados por técnicos, estiveron no lugar para avaliar e valorar as actuacións da seguinte fase de reparación. “A nosa intención é comezar o máis axiña posible as obras para que a estrada quede en situación para garantir a circulación nas mellores condicións de seguridade”.

O Concello de Salvaterra de Miño participará con fondos propios no segundo Plan de rescate da Xunta de Galicia

O Concello de Salvaterra de Miño, tras a reunión mantida entre a Xunta e os Alcaldes e Alcaldesas de Galicia, acorda a participación no 2º Plan de rescate a hostaleiros e autónomos, co fin de poder axudar dundun xeitoha forma áxil, eficaz e eficiente ao sector da hostalaría e autónomos.

Segundo a Alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, desta maneira os concellos podemos sumarnos con  recursos propios aos fondos que vai repartir a Xunta. Temos a posibilidade de axudar neste segundo Plan de rescate, evitando que os nosos hostaleiros e autónomos teñan que andar de administración en administración, presentando papeles por un lado e por outro; cremos que o máis áxil é que todo se faga a través dunha ventanilla única, acurtando prazos e facendo menos papeleo, o que necesitan os nosos veciños e veciñas son  solucións, non que os mareemos. Aademais deste xeito garantimos que as axudas se abonen rápido, no momento que realmente o precisan, cousa que non poderíamos facer se as tiveramos que xestionar nos directamente, xa que os concellos non temos esa capacidade administrativa.

O Concello fixo unha nova entrega de trampas contra a velutina

A Concellería de Medio Ambiente, a través do seu responsable, Sergio Casal, entregou a José Porto, en representación dos apicultores do Porriño, materiais para a loita contra o avance da vespa velutina.

O concelleiro entregou 120 litros de líquido atractivo e 30 trampas para protexer as colmeas da abella autóctona e a produción do mel galego.

Sergio Casal explicou que con esta nova achega xa hai máis de 300 trampas instaladas e distribuídas entre os produtores de todo o municipio para combater a praga da vespa velutina.

Esta campaña contra a Vespa Velutina baseada na captura con trampas das raíñas fundadoras e nun seguimento constante do número delas atrapadas. Ata principios de agosto é o período de máxima actividade destas vespas. As medidas que se están a desenvolver consisten básicamente en capturar ás raíñas fundadoras, que son as que crean os niños, e anualmente saen de cada niño entre 100 e 500 raíñas fundadoras.

A Xunta porá en marcha este mes unha antena en Londres para asesorar ás empresas galegas ante os retos do Brexit

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe durante a súa participación nun seminario sobre o Brexit organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEP) en Vigo que este mes de marzo a Xunta abrirá unha antena en Londres para atender as demandas de información do tecido produtivo galego e que este poida manter o seu posicionamento no Reino Unido, que é o cuarto destino das exportacións galegas.

Xunto con este apoio sobre o terreo, a Oficina Brexit posta en marcha a través do Igape tamén contempla apoios como o Cheque Brexit, para cubrir servizos de consultoría, que se pode solicitar ata o 17 de maio cun orzamento dun millón de euros. Ademais, activouse unha plataforma de autodiagnóstico que permite ás empresas coñecer de forma personalizada o impacto do Brexit no seu día a día para poder anticiparse e adoptar as medidas oportunas. Ata o momento, 130 empresas galegas xa empregaron esta ferramenta, entre as que se identifica un nivel de exposición medio, o 43% da provincia de Pontevedra.

Esta plataforma complementa o servizo de atención permanente Brexit Igape Responde, que ofrece unha atención personalizada ás compañías galegas. A estas medidas de acompañamento súmanse accións de información e formación que se están desenvolvendo desde o Igape, como boletíns informativos e webinarios específicos.

Conde apuntou que no ano 2020 Galicia seguiu mantendo a súa posición de liderado desde o punto de vista das exportacións, lembrando que foi a segunda comunidade autónoma con mellor saldo exportador, remarcando que cómpre seguir traballando nesa dirección. Neste sentido, apuntou que o peche dun acordo para a saída do Reino Unido da Unión Europea é unha boa noticia porque “vai permitir que non teñamos que facer fronte a importantes aranceis, e que polo tanto os sectores máis importantes desde o punto de vista das exportacións, tanto o téxtil como a automoción, poidan manter esa posición de liderado xunto co sector agroalimentario nas vendas ao Reino Unido”.

O vicepresidente económico destacou que “temos un reto aínda pendente que é o sector pesqueiro”, e que “imos seguir mantendo esa demanda para que se poidan garantir as cotas que temos nestes momentos e que haxa unha estabilidade no posicionamento da frota pesqueira”.

Conde salientou que Pontevedra é a principal provincia desde o punto de vista da exportación, con 11.000 millóns exportados en 2020, subliñando que a colaboración coa CEP é fundamental para que o tecido produtivo poida continuar mantendo esa posición.

Planta de baterías

Con respecto ao anuncio dunha planta de baterías eléctricas para Cataluña, o vicepresidente económico remarcou que “o Goberno sorprendeu ao conxunto da automoción en España cunha decisión inédita: comprometer un proxecto antes da propia convocatoria de axudas”, sinalando que “está poñendo en evidencia o propio mandato da Comisión Europea”, que vincula o reparto dos fondos europeos ao diálogo e a cogobernanza, ao tempo que se garante a igualdade de oportunidades.

Lembrou que non se coñecen cales son os criterios que o propio Goberno vai establecer para a definición dos proxectos estratéxicos, e, ao mesmo tempo, “está comprometendo un proxecto de automoción en Cataluña cando temos dez comunidades autónomas que teñen fabricantes e que polo tanto poden estar en condicións de desenvolver un proxecto destas características”, lembrando que Galicia, onde PSA está desenvolvendo o coche autónomo e o coche eléctrico, ten unha candidatura moi solvente para poder optar a un proxecto destas características. Á vista do sucedido, o vicepresidente económico sinalou que “o que precisamos é que o Goberno nos traslade cales son os criterios e as axudas que está disposto a comprometer” apuntando que desde a Xunta se ofrece “a máxima colaboración, incluso participando nese modelo de consorcio público-privado que está anunciando”, e que “a partir de aí Galicia poida competir en igualdade de condicións con respecto a outros territorios”.

Preto de 200 veciñas de Gondomar protagonizan o vídeo conmemorativo do 8M

0

Baixo ou lema “Xuntas somos máis fortes” o Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Igualdade, conmemora a celebración do 8M cun vídeo editado para a ocasión, no que máis de 200 veciñas e traballadoras do municipio prestan a súa imaxe para reivindicar a consecución da igualdade real entre homes e mulleres na nosa sociedade.

A súa imaxe acompáñase da lectura de frases de loitadoras históricas por estes dereitos, lidas por traballadoras do departamento de Igualdade, e o son do aria “Sempre libera” da ópera A Traviata.

Un vídeo que se compartirá nas redes sociais do concello e que se suma á lectura dun manifesto institucional que tivo lugar ás 12 do mediodía e a localización do punto de igualdade na Praza da Paradela.

Vídeo conmemorativo: https://fb.watch/45GenaUkXH/

Xa está aberto o prazo para presentar solicitudes ás subvencións municipais para as comunidades de augas de consumo do Porriño

O Concello do Porriño informa de que xa está aberto o prazo para presentar as solicitudes para beneficiarse das subvencións municipais ás comunidades de auga potable, que este ano 2021 teñen un importe total de 95.000 €.

A convocatoria publicouse o pasado martes 2 no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), entrou en vigor a partir do día seguinte e polo tanto, por un período de dous meses.

A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.

Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 8.000 euros por asociación.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros nas achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

A provincia de Pontevedra alcanza os 22 concellos emprendedores tras a adhesión de Mondariz

0

Un total de 22 municipios da provincia de Pontevedra xa son Concellos Emprendedores tras a adhesión de Mondariz. Con esta distinción súmase ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrece máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

Galicia conta actualmente con 140 Concellos Emprendedores: 22 na provincia de Pontevedra, 36 na Coruña, 18 en Lugo e 64 en Ourense. Todos eles recollen o espírito da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada o pasado mes de febreiro no Parlamento galego e contribúen, así, a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais. Trátase de trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico. E, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a nova lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.

A Xunta está a dar prioridade aos Concellos Emprendedores en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade e o emprendemento baseado na innovación e no talento. Para iso, o Goberno galego establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico. Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.

Galicia rexistra un total de 3.514 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.514, deles 1.247 son da área da Coruña, 304 da de Lugo, 225 da de Ourense, 457 da de Pontevedra, 606 da área de Vigo, 387 da de Santiago e 288 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 79 están en UCI, 319 en unidades de hospitalización e 3.116 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 107.951 persoas curadas, rexistrándose 2.275 falecementos.

Os últimos falecementos rexistrados nos centros hospitalarios galegos foron un varón de 79 anos que estaba ingresado no HULA; catro varóns de 78, 92, 78 e 67 anos que estaban ingresados no CHUAC e dous varóns de 83 e 77 anos, que estaban ingresado no CHUS.

O número de PCR realizadas é de 1.721.301.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 270.413. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Mos tramita a posta en valor das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos que se atopan na Igrexa de Santa Eulalia

0

Un gran patrimonio cultural e histórico da parroquia e do Concello de Mos, que caera no esquecemento, volve a estar de actualidade coa intención de administración local e comunidade parroquial de poñelo en valor. Os corpos dos primeiros Marqueses de Mos atópanse enterrados na Igrexa de Santa Eulalia e ante tal xoia do arte sacro o cura párroco, David López, solicitou un proxecto de restauración, que inclúe tamén o presbiterio e que xa se atopa rematado, e para o que a alcaldesa, Nidia Arévalo, atópase buscando financiación na Xunta de Galicia. Ata o lugar desprazáronse ambos, xunto co tenente alcalde, Camilo Augusto, esta mañá para visitar os devanditos sepulcros que aínda conteñen os restos, vestimenta incluída, dos primeiros Marqueses de Mos.

No sepulcro da dereita atópase o que fora nomeado primeiro Marqués de Mos polo rei Carlos II de España, o 6 de novembro de 1686: Don Gabriel Sarmiento de Sotomayor, o cal faleceu en 1706, en Gundián, de Petan e foi enterrado alí e os seus restos trasladáronse á Igrexa de Santa Baia en 1720. No frontal da tumba pódese observar no centro unha decoración polícroma, do que podía ser o escudo do marquesado, con cores vermellas, verdes, brancos e azuis. No perpiaño da esquerda atópase unha cartela na que aínda se pode ler con dificultade: “Aquí esta don Gabriel Sarmiento de Quiros Marqués de Mos e gentil home da cámara da súa maxestade que goza de deus faleceu en xullo no ano de 1706”. Con el atópase a súa esposa, María Bernarda de Alsacia Arember, a primeira marquesa de Mos, que faleceu en 1729. Con todo dela non se mostra inscrición. Quizá á beira dereito do escudo fixésese referencia, pero a policromía nesa zona perdeuse. Pódense ver restos de cor avermellada no interior do arcosolio, moi similares aos que hai no arco de entrada ao presbiterio. No sepulcro ao lado esquerdo consérvase maior policromía: o escudo móstrase máis completo e temos as dúas cartelas a ambos os dous lados. En 1719 dáse sepulcro a D. Juan Correa Sotomayor, arcediano da Catedral de Santiago e en 1739, ao fillo do Marqués, Antonio Bernardo.

Todos os materiais e técnicas empregados axustaranse aos criterios de estabilidade, reversibilidad e identificabilidad. Os traballos estarán supervisados por un Inspector Técnico de Patrimonio da Xunta de Galicia, o cal realizará varias visitas para corroborar que cada paso da intervención sexa o correcto na obra.

Para comezar será necesario o acondicionamento da zona de traballo, continuarase coa limpeza superficial da contorna do presbiterio, impregnación da superficie total da obra cun tratamento biocida, realizarase a eliminación mecánica de repintes e encalados, e unha vez recuperado o que quedaba de policromía orixinal, realizarase unha limpeza con brochas e pinceis.

Entón comezarase coa fixación da película pictórica. A continuación procederase á consolidación dos estratos de morteiro. Aínda que a película pictórica é moi fina, se fose necesario selaríanse bordos e encherían oquedades, coa aplicación dunha argamasa de recheo. Unha vez fortalecida a cohesión da película pictórica e dos enlucidos, realizarase a limpeza mecánica da superficie. Realizarase entón a recolocación das pedras do sepulcro da dereita, coa axuda dun canteiro, e trataranse as pezas de ferro do arco triunfal. Despois procederase ao resanado de xuntas. Realizarase o rejuntado con morteiro tradicional de cal apagado e area, engadindo pigmentos que permitan unha cor adecuada.

Para o recheo e nivelado das lagoas que cheguen ata o soporte, aplicaranse morteiros de recheo. A reintegración pictórica realizarase seguindo un criterio diferenciador (Rigattino), e utilizando acuarelas. Ademais limitarase a zonas puntuais, e onde se poida realizar unha lectura correcta. Como protección final aplicarase unha man lixeira sobre toda a superficie pictórica.

Os labores que se realizarán no presbiterio, irán destinados á recuperación e conservación dos restos das pinturas murais, que quedan, tanto no arco triunfal, a bóveda de canón e os paramentos laterais onde se sitúan dous sepulcros, así como a devolverlle na medida do posible, o valor decorativo que estas posúen no conxunto do templo. Nos paramentos norte e sur, conserva os contrafortes que serven de apoio aos arcos interiores, así como dúas xanelas con dobre derrame no lado norte e tres no lado sur, xa que a terceira dela lado norte desaparecería pola inclusión da capela e a sancristía.

Os obxectivos da intervención son a conservación, restauración e documentación da pintura mural na bóveda, arco triunfal e sepulcros para a súa transmisión ao futuro. Trátase de sanear e devolver a estabilidade aos materiais que constitúen a obra, tanto no que se refire ao soporte como á película pictórica orixinal.

Arrancan as obras de mellora da accesibilidade na contorna do Estadio Municipal da Guarda

0

A pasada semana iniciáronse os traballos de mellora da accesibilidade na contorna do Estadio Municipal da Sangriña da Guarda.

No frontal do Estadio Municipal da Sangriña se procedeu á retirada da beirarrúa existente que se atopaba xa moi deteriorada e se está a realizar unha nova de formigón en color ocre.

Ata alí desprazouse o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español; para supervisar o avance das obras xunto cos técnicos da empresa adxudicataria.

O prazo de execución destas obras é de aproximadamente un mes e estes traballo contan cunha subvención total de 48.361,55 € con cargo ao Plan Concellos 2020 – Liña 1 da Deputación de Pontevedra.

Dentro desta actuación tamén se executou a mellora da accesibilidade da baixada á Praia de Fedorento, obras finalizadas recentemente. O Concello da Guarda continúa deste xeito co seu compromiso de mellora da accesibilidade en diferentes puntos do municipio.

Extinguido na súa totalidade o incendio que afectou a un local de hostalaría en Redondela

0

Pasados uns minutos das 21:00 horas da pasada noite os Bombeiros de Baixo Miño daban por finalizado o seu traballo.

Segundo indicaron, tratouse dunha edificación de dúas plantas e un baixo que alberga un local de hostalaría, na rúa Santa Mariña, en Redondela.

Afortunadamente, no momento de producirse o lume, na vivenda non se atopaba ninguén, polo que non houbo que lamentar danos persoais. Así mesmo, aínda que as chamas se centraban nas dúas plantas do edificio, as persoas que nese intre se atopaban no interior do bar, situado no baixo, por precaución e co fin de garantir a súa seguridade e facilitar o traballo dos equipos de extinción foron desaloxadas do local.

Con todo, os Bombeiros tras rematar as tarefas de extinción confirmaron que as dúas plantas do inmoble arderan na súa totalidade.

Ademais dos Bombeiros de Baixo Miño, os de Vigo, os axentes da Policía Nacional, Local e os efectivos de Protección Civil da localidade formaron parte dos recursos activados polo 112 Galicia, tras recibir a chamada de varios alertantes que pedían axuda, ao fío das 16:30 horas deste domingo.

O CN Ponteareas medallista no Campionato de natación de España infantil de inverno

Esta fin de semana, do 5 ao 7 de marzo, Málaga acolleu o Campionato de natación de España infantil de inverno, ao que se presentaban un total de 72 equipos femininos e 83 masculinos.

O CN Ponteareas participou no mesmo con 3 nadadoras que obtiveran a marca mínima clasificatoria para 10 probas individuais en total: Sofía Carballo, Iria Lemos e Rosette Otero.

Como todas as probas desta tempada, a competición estaba regulada polo protocolo de prevención fronte ao contaxio da Covid-19, a porta pechada , celebrando as sesións masculinas na primeira metade e as femininas na segunda de cada sesión co fin de limitar o aforo de deportistas dentro da instalación.

A sesión do venres saldouse coa medalla de bronce de Sofía Carballo no 200 metros braza, marcando a Mellor Marca Galega de 15 anos (2:34.60). Rosette Otero, pola súa banda obtivo unha 34ª posición no 800 metros libres.

O sábado chegou a medalla de Ouro: Iria Lemos proclamábase Campioa de España en 100 metros libres, marcando tamén a Mellor Marca Galega de 15 anos (58.55). Para acabar de redondear a súa actuación, pouco despois a propia Iria Lemos conseguía a medalla de Bronce nos 100 metros bolboreta, co mérito engadido de subirse ao podio saíndo desde a penúltima serie, é dicir, que mellorou o tempo de moitas nadadoras que acreditaran mellor marca de inscrición que ela.

Pola tarde Sofía Carballo volvía subir ao terceiro caixón do podio colgándose a medalla de bronce no 100 metros braza e marcando outra Mellor Marca Galega de 15 anos (1:12.97).

Na última sesión do campionato, houbo de novo unha gran actuación de Iria Lemos, gañando a medalla de bronce no 200 metros libres, unha 16ª posición de Sofía Carballo no 200 metros estilos e unha 37a posición de Rosette Otero no 200 metros bolboreta.

Como colofón final, rompendo calquera prognóstico por contar con tan só 3 competidoras, o equipo de CN Ponteareas alzábase co trofeo ao terceiro equipo feminino da clasificación final, clasificación que deixou como equipo gañador ao Club Deportivo Gredos San Diego.

Pola súa banda, o CN Banyoles proclamouse campión da categoría masculina.
A dirección técnica e directiva do club envía o seu parabén tanto ao técnico, Andrés Carrera, como ás 3 nadadoras por estes magníficos resultados que esperan sirvan de revulsivo para todos os nadadores e nadadoras do club que teñen por diante diversas probas importantes nesta segunda metade da tempada.

[su_image_carousel source=”media: 31884,31883,31882,31881″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Baiona solicita a Gestagua a revisión do afundimento do firme da rúa Percibilleira

0

O Concello de Baiona solicitou á empresa concesionaria do servizo da auga, Gestagua, a revisión do afundimento do firme na rúa Percibilleira, en Baiona.

As actuacións realizaranse esta semana , entre mañá martes día 9 e o mércores 10, e requirirán a interrupción do tráfico durante a duración dos traballos.

Para facilitar a circulación na zona, os vehículos que circulen pola rúa Percibilleira, terán que desviarse de forma obrigatoria polo Camiño As Fontiñas que será habilitado de dobre sentido de circulación para facilitar o tránsito dos vehículos. Os utilitarios poderán acceder ao barrio da Percibilleira entrando e saíndo por este vial ao que se accede desde a rúa Uruguai na zona dos Tendales. Aqueles que queiran acceder á zona alta do barrio tamén o poden facer desde a Rúa Virxe da Roca (EP 2202).

O Concello solicita desculpas polas molestias que poidan ocasionar estas actuacións, que resultan necesarias para a revisión do pavimento da rúa de acceso ao barrio da Percibilleira.

Un incendio deixa danos materiais nun local de hostalaría en Redondela

0

Un incendio declarado nun establecemento hostaleiro no concello pontevedrés de Redondela provocou danos materiais no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, aínda que os equipos de extinción seguiron traballando no punto, o incendio controlouse rápidamente. Debido ás altas temperaturas alcanzadas, fíxose necesario actuar con precaución ata a completa extinción dos focos máis intensos.

Todo comezou ao fío das 16:30 horas de onte, cando varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para informar que escoitaron unha explosión no cadro de luces do local –situado á altura do número 1 da Rúa Santa Mariña- seguida dunha intensa fumareda.

A partir de aí, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros do Porriño e de Vigo. Ademais, por precaución, informouse tamén aos servizos sanitarios de urxencia.

Unha vez no lugar do incendio, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento trataron de sufocar o lume e seguen no lugar arrefriando as zonas máis afectadas.

Cómpre sinalar que os axentes da Policía Local, da Policía Nacional e os membros de Protección Civil da localidade tamén foron informados.

Nigrán conmemora o 8M coa reestrea o luns, no Centro Comercial A Ramallosa, da exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán-1970’

0

O Concello de Nigrán conmemora o 8-M, Día Internacional da Muller, coa reestrea este luns ás 12:00 horas no Centro Comercial Ramallosa S.XXI da mostra fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’, unha exposición propia froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano centos de imaxes antigas e que o Centro de Información á Muller (CIM) quere recuperar ao estar no 2020 só unha semana aberta ao público por cuestións sanitarias. Nesta ocasión trasládase cunha nova montaxe ao Centro Comercial Ramallosa co dobre obxectivo de facilitar a súa visita grazas á súa amplitude horaria e , ao mesmo tempo, contribuír a dinamizar este núcleo comercial de Nigrán.

A mostra é unha escolma de 150 fotografías nas que os asistentes poderán ver a mulleres de Nigrán labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices… En definitiva, mulleres comúns e valerosas ás que a ONU adica cada 8 de marzo e ás que o consistorio homenaxea.

Cristina Villar Costas e amigas regresando do muíño da Ramallosa, entre 1950 e 1955

María Villar: “Lanzamos unha petición á veciñanza no 2019 para aportar imaxes e recibimos centos de tesouros que temos dixitalizados; esta é unha selección de 150 na que atendemos a criterios de antigüidade, calidade da imaxe recibida, valor documental da mesma…”,

“Esta mostra reivindica ás mulleres silenciadas, secularmente ignoradas pese a ser artífices do desenvolvemento económico, social e cultural do municipio e, en esencia, de toda a Humanidade”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que, co obxectivo de fixar esta memoria e que permaneza, o Concello editou o seu correspondente catálogo, que tamén se pode consultar online desde a web municipal.

[su_image_carousel source=”media: 12619,12614,12617,12616″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Lanzamos unha petición á veciñanza no 2019 para aportar imaxes e recibimos centos de tesouros que temos dixitalizados; esta é unha selección de 150 na que atendemos a criterios de antigüidade, calidade da imaxe recibida, valor documental da mesma…”, explica María Villar, responsable da organización da mesma xunto con Olalla Fernández no deseño gráfico e o Centro Ocupacional Juan María no enmarcado e novo montaxe.

“Son imaxes espectaculares, que sorprenden e emocionan á maioría dos asistentes porque significan unha viaxe a nosa historia máis recente e invisible da man de mulleres fundamentais nas vidas de todos nos e, por suposto, do municipio”, resume a concelleira de Igualdade, Patricia Diego.

Tomiño prepara o terreo para a construción da Biblioteca Municipal

0

O Goberno municipal de Tomiño levará ao pleno municipal que se celebrará este luns un expediente de modificación de crédito por valor de 75.000 euros, que serán financiados co remanente líquido de tesourería para gastos xerais. A finalidade desta modificación é a de financiar a demolición do edificio no que se atopan as dependencias do Xulgado de Paz, cuxo proxecto xa está redactado, como paso previo á edificación da futura biblioteca municipal. Na partida tamén están contemplados os custes da mudanza e o acondicionamento do novo local no que se vaia a aloxar.

O obxectivo desta intervención, que se espera levar a cabo nos próximos meses, é o de preparar o terreo de cara á resolución dos fondos europeos que terá lugar tamén nos vindeiros meses, e dos cales o goberno municipal aspira a conseguir captar unha partida que axude a financiar parcialmente a construción da biblioteca. que se levará a cabo no presente ano. Do mesmo xeito espérase conseguir tamén a reposición da partida orzamentaria provinte do Estado conseguida no ano 2011 por un valor de 500.000 euros e que se terminou anulando, motivo polo cal o Ministerio foi condenado a indemnizar ao Concello con máis de 40.000 euros polos custes da tramitación administrativa.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio poñendo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Non queríamos que fose só un depósito de libros, como o eran antes as bibliotecas, senón convertela tamén nun centro de dinamización cultural, nunha área de recreación e que tivese múltiples funcionalidades. E este proxecto non sae dunha simple ocorrencia, senón que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e cunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a ducias de colectivos e asociacións”, sinala.

O edificio, que irá situado en pleno núcleo urbano do Seixo a carón do Mercado Municipal, contará con catro andares ademais dun soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias. Na planta baixa estará o acceso principal ao edificio, e nela estarán os espazos máis ruidosos e dinámicos (área infantil, mediateca, espazo multiusos, etc.). O primeiro andar irá destinado á zona de consulta e estudo da biblioteca, ademais dunha zona de terraza-xardín exterior para a realización de actividades ao aire libre. No segundo andar instalaranse as dependencias da Concellería de Cultura e da Aula CEMIT, na que se poderán facer tamén actividades de formación, e por último na planta de baixocuberta haberá espazos de usos múltiples como a organización de conferencias e obradoiros, contando tamén cunha zona de terraza.