15.2 C
Pontevedra
Mércores, 29 de Novembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta de Galicia renova a composición do seu Consello para a...

    A Xunta de Galicia renova a composición do seu Consello para a innovación en materia sanitaria

    O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os nomes dos oito membros electivos que acompañan ao conselleiro de Sanidade, aos xerentes do Sergas e da ACIS e ás directoras da Amtega e GAIN

    O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde coa que culmina o proceso de renovación da composición do Consello para a Innovación en Materia Sanitaria que a Consellería de Sanidade ten impulsado nas últimas semanas.

    Desígnanse deste xeito, oito novos vogais electivos. A proposta do xerente do Sergas incorpóranse ao organismo Alejandro Ávila (pediatra, actual subdirector de hospitalización e urxencias da área sanitaria da Coruña e Cee e coordinador do nodo de innovación de dita área), Blanca Cimadevila (xefa do servizo de integración asistencial da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas), Javier Quiles (físico experto en imaxe médica, actual subdirector de sistemas e tecnoloxías da información da área de Ferrol), Pilar Rodríguez Ledo (médico de familia, actual subdirectora de humanización, calidade e atención á cidadanía da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e coordinadora do nodo de investigación de dita área) e José María Romero Fidalgo (actual director da área de desenvolvemento e innovación sanitaria da Axencia para o Coñecemento en Saúde, ACIS).

    Por outra banda, a proposta do conselleiro de Sanidade, súmanse a este órgano o subdirector xeral Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería, Benigno Rosón; a farmacéutica e xefa de servizo de control e auditorías da Dirección Xeral de Saúde Pública, Marta Piñeiro; e o economista especializado en xestión sanitaria Miguel Ángel Máñez.

    Compromiso coa transformación dixital da sanidade pública galega

    O Consello para a Innovación en Materia Sanitaria foi creado no ano 2013 como órgano de carácter permanente e consultivo no cal participaran persoas de relevancia en materia de innovación en saúde e cuxa finalidade fose a promoción da innovación na Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

    Con este obxectivo, deseñouse un órgano coa presenza de cinco membros natos (as persoas titulares da Consellería de Sanidade, da xerencia do Sergas, da dirección da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica, da dirección da Axencia Galega de Innovación e da entidade adscrita á Consellería de Sanidade con competencias en materia de innovación, que desde 2015 é a Axencia de Coñecemento en Saúde – ACIS) e ata oito membros electivos.

    Na actual lexislatura, a Xunta de Galicia ten expresado o seu firme compromiso de avanzar na transformación dixital da nosa sanidade pública. Así, na súa comparecencia parlamentaria de exposición de liñas de traballo para esta lexislatura, o conselleiro de Sanidade comprometeu importantes avances nas áreas da telemedicina, saúde comunitaria,  compra pública innovadora e investigación clínica. Tamén a integración de ferramentas de intelixencia artificial e big data, impresión 3D ou simulación clínica figuran entre as liñas mestras en materia de innovación sanitaria trazadas pola Xunta de Galicia para esta lexislatura cuxo desenvolvemento será apoiado por este renovado órgano consultivo.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.