Redondela conta xa con catro colectores específicos para a recollida de tapóns de plástico, contedores claramente diferenciados de calquera outro pola súa forma de corazón e que serán xestionados polas asociacións Lenda e Andaina de cara a conseguir fondos que contribúan ao mantemento das súas actividades.
O Concello de Redondela, a través das concellerías de Servizos Sociais e Medio Ambiente, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e Roberto Villar, respectivamente, puxo en contacto a ámbalas dúas asociacións coa empresa galega ‘Redivivus’ especializada neste tipo de actividades.
A posta en marcha destes catro primeiros colectores de tapóns, dos que dous quedarán instalados en Redondela e outros dous en Chapela, permitirá que as asociacións Lenda, –dedicada a atender ás necesidades, formación e inserción de persoas maiores con discapacidade– e Andaina, –que fan a mesma labor pero con nenos e nenas–, “poidan obter uns ingresos adicionais e que as persoas da asociación desenvolvan unha actividade máis ao encargarse da xestión dos contedores e da recollida dos tapóns”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
Os tapóns depositados nestes colectores, serán periódicamente recollidos por ámbalas dúas asociacións para, posteriormente, ser entregados á empresa Redivivus quen se encargará do seu tratamento e reciclaxe e entregando os fondos obtidos a Lenda e Andaina.
A alcaldesa Digna Rivas quixo trasladar ás dúas asociacións o agradecemento de toda a cidadanía de Redondela “polo seu traballo incansable e solidario a prol das persoas que máis o precisan, labor para a que sempre poderán contar coa colaboración deste Goberno”, concluíu.